A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

QUE HAXA PAZ


Tres sobre cristal

E xa que estamos empezando un novo ano, quizais fose mellor deixarse dunha vez de parafernalias e amosar a face descuberta, non como fan quen pensan estar en posesión da verdade absoluta. Porque quen así pensa, mira o mundo desde o cume da súa arrogancia e cuspe o veleno que leva dentro coa única intención de non morrer con el se morde a súa propia lingua. Claro que, para que esa xente sobreviva, ten que haber ao seu carón quen teña a lingua destrozada e o fígado podre por tragar a pezoña que lle cuspen... Ata que un día estoupe todo e o cinismo, a hipocrisía e o veleno zarrapiquen a quen se dedican a repartilo.
Pero iso é ben difícil que pase, xa que as linguas pezoñentas saben ben que as inofensivas, precisamente pola paz que posúen en si mesmas, nunca lle devolverán o esgarro.
Pois iso. Que haxa paz.

Comentarios (7) - Categoría: Eu son... - Publicado o 02-01-2012 09:20
# Ligazón permanente a este artigo
UN PASO MÁIS...

Xulio López

...CARA A LUZ.

Saúde e sorte.
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 26-12-2011 07:40
# Ligazón permanente a este artigo
MULLER AZUL

Ventana con mujer
ñOCO le bOLO



Cada vez que escoitaba o son da pechadura, o seu corazón encollía ata ser apenas un garavanzo. Deixando o sol ás costas, corría cara ao vestíbulo coas mans cheas de preguntas que xamais se desprendían da súa pel e, nun penúltimo acto de valor, deixaba naquel rostro impasible o sinal oculto dos seus medos.

El era alto, garrido, elegante, intelixente, sabio... Tiña un aire de grandeza que soamente esvaecía cando, ao final do día, caía sen folgos entre as sabas. Mentres non chegaba ese momento, os seus acenos eran os de quen se sabe (ou cre ser) o amo do universo. Non obstante, carecía de cores. No fondo o seu espectro era negro. Negro, coma as longas esperas na galería, de costas ao sol, coa alma posta no tintinar das chaves.
Ela era azul, moi azul, coma o intenso ceo dun mediodía de verán, coma a auga azul do mar que se anaina co arrolo da airexa. Era alta, ben parecida, co corpo feito de algodón e escuma, cuns ollos que traspasaban a vida que había máis alá do cristal da galería. O seu pelo desprendía os arumes dunha xuventude preñada de soños, de palabras, de horas e horas de biblioteca e paseos pola sabedoría da vida. E aínda era nova. E azul.

Unha mañá de primavera, mentres a súa mirada se perdía tralos lenzos daquela porta, pensou no doado que sería asomar á única fiestra aberta da galería e deixar que as súas preguntas esvarasen das súas mans e voasen libres. Si. Sería moi doado.
Ergueuse, camiñou ata a fiestra, ancorouse con forza aos seus soños e deixou que o seu corpo azul voase ceibe.

Nese momento, xusto nese momento e contra todo prognóstico, unha chave escorregouse na pechadura.
Comentarios (3) - Categoría: Eu son... - Publicado o 26-11-2011 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
NOVEMBRO... 25...
Make-up time
Xulio López


Quedei coas ganas de contarlle por que non me gustaba a calor asfixiante do verán, pero foi tan violento o encontro e tantas as palabras ferintes que saían despavoridas da súa boca que, sen saber a razón, quedei sen fala, asentindo...


Como recuperar o tempo perdido?
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 25-11-2011 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
EU GOSTO...
E gostamos da escola pública, porque é nela na que desenvolvemos o noso labor, onde pasamos a maioría das horas, dándolle voltas á cabeza para que as crianzas gosten tamén dela.

Pero vese que non a todo o mundo lle pasa o mesmo. A quen nos goberna, sobre todo, desde hai anos, non importa demasiado a cor que vistan. E tampouco a moitos medios de comunicación, que se limitan a banalizar sobre a problemática da escola pública galega. Isto non é novo...
Comentarios (4) - Categoría: Eu son... - Publicado o 16-10-2011 08:03
# Ligazón permanente a este artigo
ESTRELAS DE OUTONO

Cando subín ao autobús, algo me dicía que aquela ía ser a última vez que levaría no meu cartafol a partitura do "Ave María" de Ketelbey. Ben, pasou tanto tempo que agora mesmo non lembro se esa era unha das partituras, pero supoño que xa non ten importancia.
Lembro que na viaxe de ida había unha tensa calma, quizais porque entre as persoas que facían parte daquel grupo existía unha ficticia camaradería que, apenas unha volvía a cabeza, se convertía nun rosmar incesante sobre "dimes e direiches" daquela ou daquel que leva xoias ou garavata.

Era o inicio da primavera. Tal vez fosen os primeiros días de abril, non o lembro con claridade. Ao rematar o concerto sentámonos a carón dunha longa mesa, disposta en L, e gozamos das sinxelas pero saborosas viandas coas que nos agasallaron. Conversamos, rimos, cantamos cantigas populares...

Ata que apareceu ela, coma un agoiro do outono que aínda estaba lonxe. Acomodou lentamente na mesa que había en fronte de min. Ninguén reparou nela. Era case insignificante, ataviada con roupas farrapentas, luvas sen dedos e un chapeu calado ata as cellas. A moza do restaurante serviulle empanada, chourizo, queixo, pan e salchichón. Colocou diante dela unha copa e unha botella de viño.

Desde a miña cadeira, entre a copa da auga e a botella de cervexa, entre conversas baleiras e risas sen sentido, fun vendo como se apagaba aquela estrela, grolo a grolo, bocado a bocado. Pouco a pouco foi escurecendo a luz do seu engurrado rostro. A primavera nacente daquela estrela foi tornando outono...
E sentín que aquelo era un final, coma agora.
Que sería daquel chapeu que escondía unha estrela?


Concha L. F.
Comentarios (7) - Categoría: Eu son... - Publicado o 25-09-2011 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
CRIANZAS GRANDES E PEQUENAS
Non podo negar a miña devoción polas crianzas. Todas me parecen bonitas, alegres, famentas de pan e sabedoría...

Hai 32 anos, cando aprobei o selectivo, soñaba coa Historia da Arte e coa exiptoloxía. Sigo tendo esa espiña cravada, pero a casualidade levoume daquela ao maxisterio e abofé que atopei o meu camiño. Ensinar ás crianzas a andar polo mundo é unha das cousas máis gratificantes que se poden facer na vida. Nunca os resultados son os que se agardan, ás veces nin se achegan ás espectativas, pero con que soamente unha crianza entre centos acade o teito como persoa, xa é suficiente recompensa.

Venme isto á cabeza cando leo a LEOEOSSEUS. Ata estiven tentada a colgar aquí unha foto de hai 23 anos, na que o irmán máis vello (con tres anos) suxeita con firmeza e agarimo a o seu irmán máis novo (catro meses). Non o fago porque non me deron permiso e igual me abroncan e con razón. Entre eses dous rapaces, completamente diferentes ata no físico, hai unha química da que é difícil participar.

Iso pasa ás veces tamén nas aulas: sin saber moi ben como nin por que, hai crianzas que se achegan e manteñen unha relación cómplice ao longo dos anos de escolaridade e mesmo máis alá. Pero para iso é necesario que as persoas adultas que as rodeamos sexamos capaces de canalizar as preferencias, deixemos liberdade vixiada de elección e manteñamos sempre unha actitude de control encuberto. Logo o tempo vai facendo o seu traballo e os lazos que se van formando son tan firmes que é difícil desatalos.

En fin, que xa empezo a falar coma unha avoa... Ou coma unha desas mestras que, pasado o tempo, miran cara atrás e ven que algo bo fixeron día a día coas crianzas pequenas e grandes. Toda unha satisfacción.

Nótase moito que está o 1 de setembro ás portas?

Concha L. F.
Comentarios (9) - Categoría: Eu son... - Publicado o 26-08-2011 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
CONTA ATRÁS...

Aínda non empezou, pero logo comezará.

Foron caendo, unha detrás de outra, as follas do calendario, sen deixar máis pegada ca unha pequena cicatriz provocada pola vertixe de días ás carreiras, de voos sobre a memoria, de proxectos de futuro...

Agora esténdese polo chan a sombra do que aínda ha de vir, envolta en branca e impenetrable brétema ancorada á terra, ás paredes da conciencia.... Porque a sombra do día despois está inevitablemente unida con fortes cadeas a aqueloutra que quedou atrás, afogando a luz do agora...

Concha L. F.
(Foto: Xulio López)
Comentarios (5) - Categoría: Eu son... - Publicado o 20-08-2011 07:13
# Ligazón permanente a este artigo
LUMIEIRAS
Acabo de aterrar nesta rede logo dun descanso. Antes, a verdade, non tiña gana nin motivos e estiven en paro técnico. Precisaba algo así.
Pero este mediodía houbo algo que, nesta calor asfixiante que envolve Ourense, me espertou do sopor. A medidodía mirei polo balcón e o sol desprendía unha estraña cor laranxa. O ruído dos avións axordaba e polo patio de luces o ceo víase negro.
Arde Ourense, preto das casas de Vilar de Astrés, no Pereiro de Aguiar e en Castrelo do Miño.
Coma sempre, pero peor, pois a auga escasea.

Escasea todo, ata a esperanza. Galiza non ten nada. Ou ten moito, pero que non se sabe vender. Agás o lume. Iso véndese ben.

Tamén, este verán estiven en Escocia. Alí todo é verde. As rúas das cidades están cheas de turistas e de cámaras que observan os movementos da cidadanía. No Reino Unido quéimanse cidades. Logo estúdanse as imaxes e castígase aos culpables. Pero todo é lume en todas partes.
Aquí quéimanse montes e ninguén vixía nada. Nunca se atopan culpables. Non se fai labor de prevención. Nada.

Creo que vou facer outro paro técnico para seguir durmindo.

Espertádeme cando todo sexa de novo verde e non haxa lumieiras. Teño medo do lume. Del soamente quedan cinsas e iso destroza a memoria.

Concha L. F.
Comentarios (4) - Categoría: Eu son... - Publicado o 12-08-2011 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
INCISO...
Creo que vou facer un inciso no meu tempo e dedicarme a gozar dunha desconexión temporal.

Xa volverei...

Comentarios (8) - Categoría: Eu son... - Publicado o 18-07-2011 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.