A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

X






Sinxela esencia amontoada
entre papeis,
perdida, quizais, na espesura
da soidade.

Estou tentando nomeala,
porlle un apelido, adoptala,
inscribila no meu libro de familia,
pero non se deixa.







Matices de invierno

MAR DE ARTABRIA
Comentarios (3) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 10-02-2013 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
IX - BO NADAL

Monte Faro

Xulio López


Devecerá en ti a anguria
de non sentir a existencia,
de non ver entrar o sol cada mañá
para fundirse no teu seo.
Devecerá en ti a mágoa
de non escoitar o bambeo
das miñas palabras,
de perder o rumbo do po
que levantan os meus pasos.

Devecerá todo en ti, minguará...

Porque medra o teu sorriso
se ves medrar o meu,
se te acariño co pensamento,
se sintes aloumiños e bolboretas
pousar entre as túas dobras...

Isto é o que quero darche,
porque non entende máis
o meu entendemento
que darche sen ida nin volta,
só darche iso, o que son,
para que sexas eu, sendo ti,
ti e eu ao mesmo tempo,
para sermos esencia derramada
que humideza os manteis
da nosa mesa,
para sermos nota e silencio,
clave e pentagrama,
páxina, libro, verba e pluma,
para sermos unha e un
un nunha, só aire e terra,
sol e auga.

Concha L. F.

Aquí en castelán
Comentarios (7) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 23-12-2012 19:20
# Ligazón permanente a este artigo
VIII

Levedad
ñOCO le bOLO


Semella triste ese son.
As notas que nos separan
rezan en La Menor unha pregaria
que se perde na cadencia do metrónomo.
Paso a paso, o péndulo incansábel
marca un longo, lento e monótono.
Ao lonxe, a aguda voz dun violín
chora a túa melodía,
longa e lenta, seguindo o compás
das horas mortas.

Concha L. F.

Aquí en castelán


Comentarios (3) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 03-11-2012 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
VII



Mentres se desliza o tempo
pola pendente da tarde
e as primeiras sombras
pousan a mirada nas rúas,
voan unhas pingas de ledicia,
presas na airexa fría
que se cola pola fiestra.

Chegan a min as badaladas
que me anuncian outra noite,
unha máis,
na que o soño prenderá nas miñas pálpebras.
Imaxes inconexas,
leves bambeos dun berce esquecido,
de lenzos engurrados,
mesturas de versos e saudades,
rostros e mans que se moven
de escenario en escenario,
pedras e palabras,
pontes, estradas, edificios...

Vestida de noite, coa noite ás costas,
nomeando o innomeábel,
nun tumulto de lembranzas,
soño con camiños,
cos que andei, cos que deixei
en cada encrucillado...
E logo, presa en suores,
enredada en silencios,
abro os ollos...
mais a madrugada tarda en vir.
Será que esqueceu as badaladas?
Aínda non é hora.


Concha L. F.


Aquí en castelán
Comentarios (3) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 22-10-2012 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
VI

De la oscuridad a la luz
Gabriel L. P. - MAR DE ARTRABRIA




Deixando afastado o tempo das sombras por un tempo,
no espazo invisíbel no que se move a ledicia
e se mestura cos desvelos,
aquí, onde o chan manca
as plantas dos pés cansados,
lacerados polas espiñas
das silveiras da beira do camiño,
florecen matas de rosas,
xasmíns e flores de lavanda
que perfuman os meus pasos
e traen prendidas no aire mil lembranzas.

O arco da vella vai pousando sobre a pel
luces milagrosas
que van do vermello ao violeta,
e pintan sorrisos en cada xesto.

Deixando afastado o tempo das sombras por un tempo,
tendo as mans para que as túas
se acheguen á inmensidade
que un día escuro
daquel escuro tempo, nunca fuxido,
tentaron construír
sen deixar de regalar un sorriso.



Grazas, Gabi, polo teu xeneroso agasallo.
Comentarios (2) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 15-04-2012 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
V

Monte do Faro
Xulio López

Debuxo outra verdade con aquela,
asasinando as flores murchas das roseiras,
para que decembro traia outras,
xeadas xa no abrocho,
cubertas por un manto de silencio,
ocultas polas néboas que xorden da terra.

Xa non hai luz máis que unhas horas
e quizais poida afrouxar o parafuso
e percorrer a realidade sen medo a tropezar.
Os milagres da vida e da morte
únense para rescatarme da gaiola
e escribo en branco sobre negro...
Non perdo a esperanza...

Haberá luz entre estas sombras insensatas?




Comentarios (2) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 07-03-2012 06:11
# Ligazón permanente a este artigo
IV
LUX
Xulio López



Se te puidese iluminar daquela,
igual o teu corpo indefenso
non tropezaba coa dúbida,
nin a túa sombra esvaecía
noutras sombras...

Se te puidese iluminar daquela,
igual o teu camiño tería sido máis doado
e os teus soños
repousarían agora, quedos,
agardando outros soños.

Non tiña as luces necesarias
para iluminarte.
Deixeinas afogar na chuvia
por non abrir o paraugas...
Agora non chove
e a tea enróscase sobre si,
formando unha espiral infinita.
Agora teño aquela luz,
mais non sei se será tarde.
Comentarios (6) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 16-02-2012 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
III

Se todo isto é ledicia,
por que sinto que algo foxe
entre os meus dedos?
Se todo isto é tenrura,
por que cada aloumiño semella coitelada?


Se todo isto é graza,
por que cada paso é só un bambeo
na frouxa corda do destino?

Se todo isto é verdadeiro,
non atopo o fío ao que agarrarme
e, lonxe de sentir ledicia eterna,
unha mágoa infinita me percorre.

Cal é o camiño?
Coa alma desdobrada e dubidosa
achégome ao encrucillado
e terei, tamén, que decidir...

Mais... todo ten fin.
Neste acontecer da vida
quizais estea o fin mesmo,
agardando que o descubra,
mentres coloco outra lousa
neste muro invisíbel.
Comentarios (5) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 09-01-2012 17:03
# Ligazón permanente a este artigo
II
ñOCO Quérote!






Tería que sondar o insondábel mundo
das miñas fogueiras para descubrir
se hai verdade en tanta ledicia,
en tanta mágoa...
e nas luces que guían os meus pasos.

Unha volta máis ao parafuso
e todo quedará preso,
pechado no labirinto.

Falarán só estes dedos
e voarán as sombras
no papel virxe e branco,
coma o branco sen fin no que flúen as imaxes,
sons e recendos do tempo furtivo,
arrincado sen piedade do seo da realidade.
Comentarios (5) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 17-12-2011 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
I


Xulio López


Suavemente,
desde o anonimato,
desde este silencio que fala a voces,
desde esta gaiola invisíbel,
unha tarde calquera coma calquera tarde,
ao final do sendeiro que conduce á coherencia,
hai unha luz
e as sombras disípanse lenta e suavemente.
As nubes forman figuras imposíbeis,
arroladas pola airexa dos segundos
que, suavemente, pasan
desde o anonimato,
desde este silencio
que fala a voces das voces que acalaron
aquelas voces da gaiola invisíbel...
Coma calquera tarde.

Quizais non entendas nada. Eu tampouco.
Suavemente,
vou sentindo aire e auga nestes dedos,
auga e sal que descenden ata pousar no meu sorriso.

Quizais non entendas nada. Eu tampouco.

Todo é tan grande e tan pequeno...!
Comentarios (4) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 07-12-2011 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.