A NENA DO PARAUGAS


A miña debilidade é a miña fortaleza
Vivo pechada nunha gaiola de pensamentos, por vontade propia e gústame perderme entre as letras e os sons que me acompañan no meu encerro.

O meu perfil
meninhalf@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

III


Es ti, coa túa tristura pechada nos beizos,
nesa cadeira azul
na que descansa a vida recuperada dun soño,
fervendo de silencio e soidade,
agochado trala penumbra,
como querendo evitar a túa mirada...
Recuperas a forza e o medo a perder o sorriso,
medo e forza que saen de ti,
sen que o saibas,
porque a túa forza te mantén
e o teu medo te levanta de cada caída.

Non son anxo nin demo que te guía,
non son nai, santa ou virxe.

Es ti coa túa forza quen constrúe,
quen derruba, quen sorrí,
quen se laia e quen goza.
Es ti quen, co perdón que pides,
concedes o perdón a quen te leva da man cara ao abismo.
Es ti quen se sumerxe no mar da lembranza,
quen xeme e solicita clemencia,
quen se mece no berce infinito do amor,
buscando a paz que levas no espírito.


Comentarios (4) - Categoría: Raiolas - Tempo II - Publicado o 23-04-2014 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
XX - O TE

LUZ
Enrique G. A.


Vertín te na túa taza…
adocei a súa amargura…
Te transparente e ambarino
agarda preto da túa almofada.

Te adobiado con canela
puxen a carón da cama.
Te quente e agarimoso
Abrigaráte nesta xélida mañá.

Te silandeiro, cristalino,
coma o que cada tarde,
a túas hábiles mans preparan.

Este te tirará ás túas brétemas,
pois é o te que che sorrí,
o que che acolle e che calma,
o te que prepararon os meus soños
mentres os teus soños durmían,
soñando cun te de alborada.

Te, tomado a sorbos,
da túa man na miña,
da miña man na túa,
cullerada a cullerada,
das nosas meixelas,
cálido bico,
que nos esperta ao raiar a alba.

Aquí en castelán.
Comentarios (3) - Categoría: Varios - Publicado o 29-03-2014 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
I



Que segredos agochan as rochas?

Elas seguen a falarme
e non as entendo.
Aínda non.

Tremen os seus beizos,
coma os meus, cando te ven,
e rosman mil palabras ao teu paso.

Deixan sons espallados no aire,
sons que non descifro.

Saben de ti e de min,
de nós e do tempo e do espazo
que nos separa e nos une,
e érguense inmóbeis
ante o noso camiñar indeciso,
tentando escapar á realidade.

Aquí en castelán
Comentarios (3) - Categoría: Raiolas - Tempo II - Publicado o 27-03-2013 08:51
# Ligazón permanente a este artigo
X






Sinxela esencia amontoada
entre papeis,
perdida, quizais, na espesura
da soidade.

Estou tentando nomeala,
porlle un apelido, adoptala,
inscribila no meu libro de familia,
pero non se deixa.







Matices de invierno

MAR DE ARTABRIA
Comentarios (3) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 10-02-2013 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
SOÑOS...



E se ela non acorda?

Onte vin un sinal. O seu rostro estaba escuro, a súa lingua calada, as súas mans corrían a ningunha parte. Todo nela era desorde, non obstante, a miña roupa estaba limpa e alisada. Estaba durmida, como se vivise máis alá das miñas propias frustracións, levándoas sobre os seus ombreiros.

Pero agora segue durmida. Dorme coma se xamais tivese durmido na súa vida. A súa pel está serena, pero as súas mans e o seu rostro loitan en silencio, sen máis estridencias ca as dun portazo esquecido. Quizais estea rota a botella da auga, ou as pantuflas rompesen… Pero agora dorme.

E se ela non acorda?

Todo pode fuxir nun segundo, nun so. Ás veces basta unha chamada, unha mensaxe nun papel enrugado. Pero non llo dixen. Ou si. Díxenllo alguna vez, pero nunca me parei a pensar como tiña que dicirllo. Nunca entendín a súa ansia por ter todo en orde e non entendo por que dorme cando todo está desdeixado.

Agora dorme. Deixareina descansar. Quizais sexa este o seu definitivo descanso…

E se non acorda?

Concha L. F.

Comentarios (3) - Categoría: Eu son... - Publicado o 30-01-2013 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
IX - BO NADAL

Monte Faro

Xulio López


Devecerá en ti a anguria
de non sentir a existencia,
de non ver entrar o sol cada mañá
para fundirse no teu seo.
Devecerá en ti a mágoa
de non escoitar o bambeo
das miñas palabras,
de perder o rumbo do po
que levantan os meus pasos.

Devecerá todo en ti, minguará...

Porque medra o teu sorriso
se ves medrar o meu,
se te acariño co pensamento,
se sintes aloumiños e bolboretas
pousar entre as túas dobras...

Isto é o que quero darche,
porque non entende máis
o meu entendemento
que darche sen ida nin volta,
só darche iso, o que son,
para que sexas eu, sendo ti,
ti e eu ao mesmo tempo,
para sermos esencia derramada
que humideza os manteis
da nosa mesa,
para sermos nota e silencio,
clave e pentagrama,
páxina, libro, verba e pluma,
para sermos unha e un
un nunha, só aire e terra,
sol e auga.

Concha L. F.

Aquí en castelán
Comentarios (7) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 23-12-2012 19:20
# Ligazón permanente a este artigo
O DÍA DESPOIS...
Curiosamente, no meu cole, hoxe ninguén falou da folga de onte, nin das manifestacións, nin da repercusión no sector público de ensino, nin de nada relacionado co tema... E iso que no xornal "La Voz de Galicia" (a única que se recibe), na portada, falaba do conto. Pero todo o mundo foi directamente ás páxinas centrais para ver o suplemento "La Voz en la escuela" e comentar o interesantes que eran os contidos. A min non mo pareceron tanto...
Non sei o que pasou noutros coles. Na miña clase onte seica faltaron catro nenos e nenas... A parte dos habituais de sempre, os que van e veñen, coma as ondas do mar...

Será que no ensino público galego todo vai ben? Será que os traballadores e traballadoras do ensino público de Galiza están conformes con todo o nos caeu enriba? Ou será que o medo lle atenaza as gorxas?

Se están conformes, vale. Respecto a súa decisión, pero que nunca máis me volvan falar de inxustizas sociais ou de inxustizas cara ao ensino público galego e aos seus traballadores e traballadoras.

Se non están conformes e teñen medo, gustaríame dicirlles que o medo non é bo conselleiro, que o medo couta a liberdade, que se actuamos con medo, de nada vale queixarse despois...

Porque, digo eu, se tanta solidariedade amosamos de boquiña coa sociedade, por que nos cruzamos de brazos e acodimos ao posto de traballo coma ovellas, por medo a que nos desconten no salario, cando as inxustizas son tales que o único que merecen como resposta é unha rebelión silenciosa pero activa de todos os sectores produtivos, incluídos nós?

Ou é que os traballadores e traballadoras do ensino público somos entes pasivos? Será que si...

Se é así, se a resposta é que no ensino non nos vai tan mal, que somos xente privilexiada porque temos un posto de traballo e non debemos protestar, nin por solidariedade, entón non sei se me dea de baixa, figuradamente falando (cómpreme o salario para comer, pero podo prescindir dun día), deste colectivo e continúe a miña loita en solitario.

Respecto todo, todas as opinións e decisións persoais, pero éncheme de carraxe que, logo de levar máis de dous anos botando pestes contra o que nos levan feito, como traballadoras e traballadores do ensino, despois de ver o que fixeron co ensino público galego, sigamos cos brazos cruzados sen saír ás rúas para manifestar ese desacordo. Non vaia ser que nos toquen o soldo!

Sei que non servirá de nada, pero polo menos, que nos quede a conciencia tranquila por telo intentado, que nunca, ninguén nos poida botar na cara que tivemos unha oportunidade para cambiar o mundo un pouco, pero preferimos quedar acochados detrás dos nosos privilexios de funcionarias e funcionarios públicos.

Ata cando?

Concha L. F.
Comentarios (1) - Categoría: Eu son... - Publicado o 15-11-2012 16:15
# Ligazón permanente a este artigo
14 DE NOVEMBRO DE 2012
"Conversación" entre unha viandante e dous mozos que se dirixían ao punto de saída da manifestación de hoxe en Ourense.

A señora, moi ben arreglada parou e púxose a increpar a dous mozos novos que baixaban ás 11:30 da mañá pola rúa da Concordia, cunhas bandeiras enroscadas debaixo do brazo. Moi educados, paráronse a escoitar o que a muller lles tiña que dicir...

-¡Sois unos impresentables! ¿No tenéis padres? ¿No os da vergüenza? ¡Anduvisteis toda la noche por ahí, tirando contenedores y llenando de basura la calle Santo Domingo!
¡Con personas como vosotros, mal vamos! ¿No os da vergüenza?

Os mozos quedaron estupefactos, coma min...

-Señora, nós non fixemos nada diso...
-¡No lo neguéis! ¿No os da vergüenza?

Un segundo de silencio...

-Señora, a min o único que me dá vergoña é estar no paro e non ter culpa ningunha delo.

A muller seguiu rúa arriba e os mozos rúa abaixo. A muller seguía rumiando ás miñas costas cousas que eu non podía entender. Cando cheguei á rúa de Santo Domingo entendín algo. A rúa estaba intransitable...

Ao paso da manifestación por diante da sede do PP en Ourense puiden ver, por enésima vez, algo que me molesta sobremaneira: a fachada do edificio chea de manchas de pintura... Durante a andaina, tiven que colocar un pano no nariz, pois a alguén se lle ocorreu a graza de abrir un deses botes de fumo vermello...

Nin tanto dun lado, nin tanto do outro... Para todo existe un medio, un equilibrio. E se non somos capaces de atopalo, mal remedio lle vexo a todo este mal que nos están facendo... Unicamente, tirar todo desde abaixo, con calma, sen violencias físicas ou verbais... Sen présa, pero sen pausa.


Concha L. F.
Comentarios (1) - Categoría: Eu son... - Publicado o 14-11-2012 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
10 ANOS DO PRESTIGE

Foto: Xulio López (2002)


Agora vouvos contar un conto. Un conto curto, sobre os mares e as súas marés, os seus animais, costas e barcos.

Había unha vez un país que tiña os mellores peixes e mariscos do mundo. Tiña as mellores corredoiras, os mellores carballos, castiñeiros e bidueiros, os máis altos e fermosos cantís da costa atlántica europea, nos que o mar rompía con toda súa furia. Ese país estaba cheo de persoas que traballaban arreo cada día para sacar do mar os mellores manxares e querían á auga salgada e á terra coma quen quere a unha nai.

Un día, un deses grandes barcos que levan no peito o ouro negro, o petróleo, viu que lle fendera un costado. Había moito mar e as ondas pegaban nos seus costados con moita forza. O capitán do barco pediu axuda, mais ninguén o escoitou. Houbo xente que dicía que aquilo non era nada, que se o deixaban no medio no mar, o barco quedaría alí, quieto.
Pero unha grande onda acabou por partir o barco en dous. Pouco a pouco foise mergullando no mar e todo o petróleo que levaba nas súas tripas rematou espallado por todas partes. Pouco a pouco, unha masa negra e pegachosa foise facendo coas rochas, cos peixes, cos paxaros, coa area, cos barcos de pesca… Unha masa pegachosa e fedorenta…

De máis aló daquelas terras acodiu unha morea de persoas para retirar o petróleo, mentres quen mandaba seguía dicindo que aquilo non era nada, que eran soamente uns fíos de plastilina. Moita xente saíu ás rúas para berrar que nunca máis volvese ocurrir algo así. Pero foi en vano. Ninguén a escoitou.
As xentes daquelas terras foron vendo como as súas vidas se mergullaron con aquel barco e os restos que quedaban levarían tatuado para sempre o cheiro e a negrura daquela negra maré.

Xa pasaron dez anos. As testemuñas daqueles días din que todo foi moi negro, aínda que elas vestían de branco, de amarelo… Da cor que podían. Grazas a todas elas.Grazas.
Comentarios (2) - Categoría: Eu son... - Publicado o 13-11-2012 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
VIII

Levedad
ñOCO le bOLO


Semella triste ese son.
As notas que nos separan
rezan en La Menor unha pregaria
que se perde na cadencia do metrónomo.
Paso a paso, o péndulo incansábel
marca un longo, lento e monótono.
Ao lonxe, a aguda voz dun violín
chora a túa melodía,
longa e lenta, seguindo o compás
das horas mortas.

Concha L. F.

Aquí en castelán


Comentarios (3) - Categoría: Raiolas - Tempo I - Publicado o 03-11-2012 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Concha L. F.