|
|
|
|
| Plataforma de Vítimas de Desaparicións Forzadas contesta á confusión creada polos medios |
|
Ante a confusión creada nalgúns medios de comunicación en relación coa solicitude de información do Xuíz Garzón para identificar ás persoas desaparecidas na Guerra Civil e o Franquismo, a Plataforma de Vítimas de Desaparicións Forzadas (PVDF) integrada polas Asociacións de Memoria Histórica que presentaron o 14 de decembro de 2006 e o 18 de xullo de 2007 denuncia ante a Audiencia Nacional española, desexan aclarar o seguinte:
1.- O obxecto da denuncia é pedir a INTERVENCIÓN XUDICIAL na localización do paradoiro ou destino final de decenas de miles de vítimas de desaparicións forzadas durante a Guerra Civil e a represión franquista. A demanda solicita á Audiencia Nacional que declare a responsabilidade do Estado nesta materia e que esta asuma a investigación e localización das vítimas de desaparicións forzadas ante a inexistencia dun mecanismo administrativo nin xudicial efectivo en España para investigar as desaparicións, de acordo co dereito internacional.
2.- Segundo o dereito internacional, o Estado ten a obrigación de investigar e localizar o paradoiro das persoas desaparecidas. Os familiares de desaparecidos tamén son vítimas de desaparición forzada e de tortura ata que se esclareza a sorte ou o paradero dos desaparecidos. Este deber do Estado non pode delegarse nos particulares nin nos familiares de desaparecidos, como se vén facendo en España. Trátase de garantir o dereito a un recurso efectivo das vítimas para invocar a investigación das desaparicións a cargo do Estado, como é a súa obrigación.
3.- Ante as críticas á denuncia presentada, queremos aclarar que os feitos denunciados polas asociacións eran constitutivos de delito no momento da súa comisión, tanto de acordo co Código penal vigente de 1932, como de conformidad co Dereito internacional humanitario aplicable aos conflitos armados naquel momento e na actualidade (obrigación de buscar ás vítimas de desaparicións forzadas durante un conflito). Trátase de crimes contra a humanidade, polo contexto en que se cometeron (masivos e sistemáticos) que, polo seu carácter internacional, continuado e imprescriptible, deben ser investigados e perseguidos ata esclarecer o paradero e a sorte das vítimas de desaparicións forzadas.
4. Non é conforme ao dereito internacional a invocación de leis de amnistía ou ao principio de prescriptibilidade para non investigar crimes internacionais como a desaparición forzada, tal como teñen sinalado repetidamente organizacións de dereitos humanos como Amnistía Internacional, Human Rights Watch ou a Comisión Internacional de Xuristas.
5.- As normas internacionais de dereitos relativas ás vítimas de graves e masivas violacións de dereitos humanos establecen o dereito á VERDADE, A XUSTIZA e a REPARACIÓN das vítimas. O dereito á reparación inclúe o dereito a interpoñer recursos e a obter unha reparación efectiva ante a xustiza e inclúe os principios básicos de Restitución, Indemnización, Rehabilitación, Garantías de non repetición dos abusos, e a Satisfacción, entre elas medidas para a verificación dos feitos e revelación pública e completa da verdade, a procura de desaparecidos e os cadáveres dos asasinados, axuda para recuperalos, identificalos e inhumalos segundo os desexos da familia; unha declaración oficial ou decisión xudicial que restableza a dignidade, reputación e dereitos da vítima; e unha desculpa pública que inclúa o recoñecemento dos feitos e a aceptación de responsabilidades.
6.- As asociacións denunciantes confían en que a Audiencia Nacional poida analizar o máis axiña posible a información solicitada e decida admitir a trámite a denuncia. En relación coa achega de datos para a denuncia, a PVDF fai un chamamento aos organismos, asociacións e particulares que teñan listados de desaparecidos ou represaliados para que remitan á dirección de e-mail: memoriadesaparecidos@gmail.com aos avogados das asociacións denunciantes unha listaxe sinxela, se é posible en soporte informático, e que conteñan os seguintes datos: nome da vítima, lugar, data e causa da desaparición e calquera outro dato relevante.
7.- A Lei da Memoria Histórica de 2007 ignora a decenas de miles de vítimas de graves crimes de dereito internacional, como vítimas de desaparicións forzadas ou execucións extraxudiciais: nin se nomean, nin se aborda a responsabilidade do Estado, deixando a estas vítimas sen indemnizacións nin vías de acceso á xustiza. A Lei establece a obrigación de elaborar un mapa de fosas en todo o territorio ou a elaboración dun protocolo para a exhumación de cadáveres, ademais de poñer en coñecemento das autoridades xudiciais as fosas atopadas. Con todo, case un ano logo da aprobación da Lei, o goberno non fixo ningún avance sobre estas cuestións e segue obviar a responsabilidade do Estado de investigar estas graves violacións de dereitos humanos e garantir xustiza e reparación ás vítimas. Con este afastamento das normas internacionais na cuestión das fosas comúns, España ofrece un pésimo precedente a outros países que se enfronten a procesos similares.
8.- En conclusión, pedimos a intervención da xustiza na localización do paradoiro ou destino final das vítimas de desaparicións forzadas en España durante a Guerra Civil e a represión franquista e manifestamos a nosa resolución a esgotar todos os recursos internos existentes ante a Xustiza española e, en caso de non atopar unha resposta confirme a Dereito, acudir ás instancias internacionais competentes en busca da tutela dos lexítimos dereitos que corresponden a estas vítimas da Guerra Civil e da represión franquista.
A Plataforma de Vítimas de Desaparicións Forzadas está integrada polas seguintes asociacións:
Memòria de Mallorca
Asociación para la Recuperación de la Memoria y la Justicia de Andalucía
Nuestra Memoria (Sierra de Gredos y Toledo)
Comisión pola Memoria Histórica de Ponteareas
Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica de Aragón
Asociación para la Recuperación de Memoria Histórica de Arucas
Asociación para la Recuperación de Memoria Histórica de Valladolid
Associació per la Recuperació de la Memoria Històrica de Catalunya
Fórum per la Memòria del País Valenciá
Confederación General de Trabajadores (CGT)
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| Amnistía Internacional e os desaparecidos da guerra civil |
|
 Trala aprobación o pasado decembro de 2007 da denominada Lei de Memoria
Histórica, Amnistía Internacional lamentou que este texto deixase á marxe a vítimas de graves crimes de dereito internacional, por exemplo as vítimas de desaparicións forzadas, execucións extraxudiciais ou torturas. Decenas de miles de persoas foron vítimas destes graves crimes tanto durante a Guerra Civil como durante o franquismo, con todo estes atópanse ausentes na Lei. Nin se nomean, nin se aborda a responsabilidade do Estado, non sendo as vítimas obxecto de indemnizacións nin vías de acceso á xustiza.
Aínda que a organización considerou que o proxecto finalmente aprobado
melloraba algúns aspectos moi preocupantes respecto ao borrador inicial,
por exemplo ao eliminar mecanismos de impunidade que impedían coñecer a
identidade dos presuntos autores de crimes contra o dereito internacional, AI sinalou que moitas das disposicións da Lei eran ambiguas ou meras declaracións de intencións que dependerían en gran medida do desenvolvemento reglamentario posterior.
Este era o caso do establecido con relación coa cuestión das fosas comúns, a Lei contén a obrigación de elaborar un mapa de fosas en todo o territorio ou a elaboración dun protocolo para a exhumación de cadáveres, ademais de poñer en coñecemento das autoridades xudiciais as fosas atopadas. Con todo, case un ano logo da aprobación da Lei, o goberno non fixo ningún avance sobre estas cuestións. O goberno segue obviar a responsabilidade do Estado de investigar estas graves violacións de dereitos humanos e garantir xustiza e reparación ás vítimas. Con este afastamento das normas internacionais na cuestión das fosas comúns, España ofrece un pésimo precedente a outros países que se enfronten a procesos similares.
Fragmento do comunicado de Aministía Internacional co gallo da celebración do Día dos Desaparecidos.
|
|
|
|
|
| MEMORIA HISTÓRICA CANGAS AGOSTO 2008 |
|
XOVES 21 AGOSTO
20.30 h.- Salón de Plenos do Concello
PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL.- “ A derradeira lección do mestre”
Coloquio co seu autor Xoán Carlos Garrido Couceiro
Presentación.- Nieves Oliveira
Descrición
Este documental non é para facer unha exaltación de persoas que a pesares de merecelo nalgúns casos xa foron tratados noutros traballos de investigación e divulgación. Búscase reflexionar sobre a complexidade de resolver dilemas difíciles en contextos moi duros. De desentrañar tácticas de supervivencia de proxectos e idearios, ademais de persoas. En definitiva, preténdese comprender o funcionamento da represión máis sobre todo da resistencia.
Argumento
Na Estrada coincidiu o 18 de xullo coa presenza como Xuíz de Instrución do Partido Xudicial da Estrada, unha figura intelectual de grande relevancia que estaba integrado no florecente desenvolvemento cultural desta comarca, ligado aos centros de ensino e aos seus mestres.
Como xuíz de instrución, Fermín Bouza Brey, tiña a obriga xurídica de perseguir calquera delito do que tivera coñecemento. Como intelectual comprometido tiña a obriga política de intervir a prol da causa que profesaba. Como veciño que gardaba grande amizade coas vítimas, tiña a necesidade moral de facer todo o que estivera na súa man para salvar aos que puidera, e para iso tiña que xogar dentro das regras do novo réxime e buscar apoios para estar en posición de actuar, e tecendo unha complexa estratexia que o levaría a ser acusado nalgún momento por todos os bandos de deslealdade.
Pola contra, os mestres, os seus amigos, tiñan unha marxe de manobra moito menor, estaban baixo sospeita pola súa profesión, e cada un desde a súa situación persoal e o seu compromiso político, respondeu como mellor considerou diante do desafía a súa dignidade e as súas conviccións. Os mestres tiñan unha obriga por enriba de calquera outra que os limitaba para adaptarse ao novo contexto. Tiñan o deber de dar exemplo e de que legar ao futuro un modelo de conduta, unha esperanza no xénero humano, en definitiva, unha lección de dignidade.
Localización
A Estrada, Vigo, Vilagarcía, Cerdedo e Pontevedra.
Observacións
Finalizado e entregado na Axencia Audiovisual Galega.
VENRES 22 AGOSTO
21 h.- Adro Ex-Colexiata
ACTO SIMBÓLICO en defensa da MEMORIA HISTÓRICA
Organiza.- Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto - Cangas
Colaboran.- Concello de Cangas - Concellería de Ensino e Cultura
Consellería de Cultura e Deporte - Xunta de Galicia
|
|
|
|
|
| Voda no Pazo de Meirás |
|
 A VODA QUE ORGANIZA NO PAZO DE MEIRÁS
A CRMH DA CORUÑA, EN COLABORACIÓN
COA COMPARSA OS MARACOS, CELEBRARASE
O VENRES, 8 DE AGSOTO, ÁS 6,30 DA TARDE
Todo está preparado para a celebración na porta principal do pazo de Meirás da anunciada voda. Despois de intensas xestións diante de Lucifer –preguntamos por el no ceo, pero San Pedro dixo que alí non estaba, nin era esperado- conseguimos que o Caudillo Franco disfrute dun permiso penitenciario extraordinario de fin de semana, xa que está condenado a cadea perpetua no inferno. O Generalísimo, vestido coas súas mellores galas, será o padriño e acompañara á noiva -á súa bisneta Leticia Giménez Arnau Martínez Bordiu- na entrada ao pazo de Meirás.
Serán recibidos por un destacamento da Garda Moura e polas autoridades civís e eclesiásticas. Posteriormente, poderemos bailar, disfrutando dunha sesión vermute, e todas as persoas invitadas, así como os medios de comunicación, serán obsequiados con empanada, polbo e tortilla, regado todo con viño do país.
Dun xeito festivo, reivindicaremos a devolución ao pobo do pazo de Meirás, sen provocar altercados, nin interferir no desenvolvemento do bodorrio oficial. Con este acto a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña quere deixar moi claro que a familia Franco non é ben recibida e que, despois de disfrutar durante 70 anos dunha propiedade como o pazo de Meirás, que non é súa, deben devolver ao pobo o que é do pobo. Esperamos que sexa o último acto que realiza a familia do Ditador Franco no pazo de Meirás.
Todos os asistentes serán obsequiados cun folleto informativo sobre a historia do pazo e como se organizou o roubo, que levará por título: O pazo de Meirás e o imposto revolucionario de 1938.
|
|
|
|
|
| Actos da memoria histórica Cangas |
|
Programación AGOSTO 2.008
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA: “ Rostros da Memoria”
Do 31 de xullo ao 28 de agosto de 2.008
Lugar.- Auditorio Municipal de. Cangas
Autor.- Xurxo Lobato
XOVES 31 XULLO
20 h.- Auditorio Municipal
INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN.
María Xesús López - Delegada Provincial de Cultura e Deporte –
Xurxo Lobato - Autor da Exposición -
Dolores Rodal, Carmen Nores, Gloria Chapela - Protagonistas da Expo -
Camilo Camaño( MH 28 Agosto)
XOVES 21 AGOSTO
20 h.- Salón de Plenos do Concello
PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL.- “ A derradeira lección do mestre”
Coloquio co seu autor Xoán Carlos Garrido Couceiro
Presentación.- Nieves Oliveira
VENRES 22 AGOSTO
21 h.- Adro Ex-Colexiata
ACTO SIMBÓLICO en defensa da MEMORIA HISTÓRICA
XOVES 28 DE AGOSTO “MÁRTIRES DE ANGUIEIRO”
12 h.- Praza do Concello
ACTO INSTITUCIONAL
Alcaldesa e Corporación municipal de Cangas
Palabra e Música pola Memoria
19 h.- Monolito Estrada Cangas - Pontevedra
OFRENDA FLORAL AOS MÁRTIRES DE ANGUIEIRO
Música e palabra pola Memoria
20 h.- Auditorio Municipal
CLAUSURA DA EXPOSICIÓN “ Rostros da Memoria”
Claudio Rodríguez Fer -- Poeta e Profesor universitário -
Xosé Vázquez Pintor – Escritor -
Xurxo Lobato – Autor da Expo
Ánxela Bugallo – Conselleira de Cultura e Deporte
Xunta de Galicia
|
|
|
|
|
| Encontro da Memoria Histórica |
|

Onte, na illa de San Simón celebramos unha homenxe e lembranza a todos os represaliados e de maneira especial a todos aqueles que se viron na obriga de vivir exiliados.
Un dos momento máis emotivos do acto foi cando as fillas do exilio tomaron a palabra para lembrar a dureza da vida lonxe da terra e as ilusión pon poder retornar algún.
Onte as protagonistas foron as mulleres exiliadas Joaquina Dorado, María Teresa Alvajar, Carmen Tagüeña, Silvia Mestre, Mariví Villaverde y Dora Carcaño. Todas elas representaban aos milleros de galegos e galegas que pola súa militancia política ou sindical tiveron que marchar obrigados pola represión.
O acto abriuno Neira Vilas facendo unha viaxe polas súas lembranzas dos exiliados en América, os Castelao, Picallo ou Alonso Ríos. As actividades e iniciativas do exilio para conservar as ideas libertarias da II República.
Foron momentos moi intensos ao ter o privilexio de compartir a illa con homes que regresaban a ela nunhas condicións moi diferentes ás que chegaran na ocasión anterior, como vítimas da máis cruel das represións.
|
|
|
|
|
| Encontro Nacional da Memoria Histórica |
|
A Consellería de Cultura e Deporte organiza o sábado 19 de xullo na Illa de San Simón o Encontro Nacional da Memoria Histórica (Homenaxe ao Exilio Galego).
Neste acto participarán membros da asociación en representación da Asociación de Amigos de Johán Carballeira. |
|
|
|
|
| Gala da Igualdade |
|
O Domingo 16 de Abril o Concello organiza a Gala da Igualdade dentro dos actos do Día da Muller Traballadora. Este ano o fío condutor son as mulleres represaliadas durante a Guerra Civil en Bueu. Os actos contan coa colaboración e partición da Asociación. A Gala celebrarase ás 18.00 no Centro Social do Mar. |
|
|
|
|
| Actos de Decembro |
|

O pasado domindo 30 de Decembro celebrouse no Centro Social do Mar un acto de homenaxe aos represaliados en Decembro do 36. O acto que case encheo o aforo do Salón de actos do centro contou coa intervención de membros da asociación e de Antón Mascato membro activo da Asociación pola recuperación da memoria histórica do Grove. Primeiro tomou a palabra o Presidente da Asociación para agradecer a presenza dos asistentes e resumir brevemente o traballo feito pola asociación no ano 2007. De seguido Pablo País fixo unha síntese do acontecido en decembro de 1936 en Bueu. Depois Xosé Novas anunciou aos presentes, entre os que estaba o rexedor municipal e algúns concelleiros do grupo de goberno, a presentación dunha proposta ao Pleno da Corporación Municipal para o nomeamento de Fillos Predilectos aos membros da Corporación de 1936 que foron represaliados e que chegaron a pagar coas súas vidas a defensa dos valores democráticos. Finalmente Antón Mascato fixo unha presentación breve do documental "Ezkaba. A fuga do Forte de San Cristóbal", onde incidiu no número de veciños de Bueu que estiveron presos no Forte e as condicións da fuga.
A proxección deste documental supoxo a primeira toma de contacto en imaxes co Fuerte de San Cristóbal e as condicións de vida dos presos que alí estiveron. Os testemuños aportados no documental por algúns supervivintes da fuga fixo que moitos acadásemos conciencia do que supuxo a fuga e das precariedades ás que tiveron que enfrontarse os nosos veciños alí presos.
Con este acto a asociación pon remate a un ano cheo de iniciativas e actividades encamiñadas a traer do silenzo a todos os represaliados de Bueu. E recoñecer tamén o sufrimento que tiveron que vivir as súas familias. |
|
|
|
|
|
|
|
|