MEMORIA DE UNA GENERACIÓN



amigosdelos50@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 DESTACADOS

A EIRA DAS MEIGAS por José María de la Viña
A Eira das Meigas

Foi unha tarde de primavera. Xa a finais de maio. Ía calor, aínda que ben sei que tiñan que vir días de frío. Pero ese día realmente estaba precioso.
Aproveitei para ir dar unha volta ó Monte Neme, como fixera tantas veces de máis novo.
Como sempre, a corredoira final, a que me leva ó cumio do Neme, está moi estragada. Teño que ter coidado onde meto as rodas do coche, non vaia ser. Pero ó final cheguei.

Sopra o vento. Non é un vento forte, senón máis ben unha brisa mareira. Chama a atención o silencio que o asolaga todo; que abrangue a tremenda paisaxe que se pode ollar desde onde eu estou. ¡Ah!, ¡que marabilla!. Quedei embruxado da fermosura da vista que desde aquí podo ver. Alá abaixo Malpica e mais as Sisargas. O mar infinito; a liña branca do areal de Razo e Baldaio...

Un suave murmurio do aire bate no meu rostro. Aquí non se oen as bucinas dos coches, os agudos lamentos das ambulancias, os cacofónicos berridos das motos... Non. Aquí non. Só esa brisa fresca con arrecendo a mar e mil outras herbas, que foi apañando o vento mentres subía polas abas do monte.

O Sol brilla aínda no serán. Os últimos grilos chaman ás compañeiras ó cortexo; os chíos dos paxaros e os docísimos cantos de algún merlo, tecen un decorado sonoro, de irresistible fermosura. ¡Ah!, que paz, que belas sensacións empapan o meu ser. ¡Cantos pensamentos bulen e ateigan a miña cabeza!, lembranzas da miña nenez.
E así, paseniño, vai esmorecendo o día. O Sol púxose, xa hai un anaco. E veu o silencio. Xa calaron os grilos; e as aves todas, dormen nos seus niños...

Vou coller unha chaqueta; o frío da noite rabuña a miña pel, mentres paseo entre os toxos. Unhas tímidas estrelas tremen no ceo. E unha Lúa cativa aínda deixa ver por onde vou.

Xa non vexo o mar, pero miles de luces acendéronse en terra; como afastados vagalumes amarelos. Son as estradas, e as vilas e lugares, e as súas luces que semellan a continuación do ceo.

Por aquí, por onde camiño, nalgunha parte deste cumio, hai (disque, que eu non o vin) un lugar máxico. Un lugar de pedras grandes tesas e ergueitas, formando un cromlech. É a Eira das Meigas. Cantas veces oín falar dela, mais nunca, nunca fun quen de atopala. ¿Será un encantamento?
Disque, que eu non o vin, alí se reunían as meigas e as bruxas, sobre todo na noite de San Xoán. Bailaban e brincaban toda a noite, convidando ó Demo a facer das súas, naquel aquelarre. Ían e viñan, correndo, voando, botando conxuros, enfeitizando a noite e máis o lugar. Disque, que eu non o vin; nin sei de ninguén que o vira. Mais é doado imaxinalo. E un queda preso de emoción de ?velas? latricar, rir, e maldicir. E botar xuramentos e gargalladas obscenas, como cómpre a unhas meigas. E así toda a noite, mentres ó fondo no ceo escuro sobre Carballo, unas flores de luces estouraban silenciosas, caladas; espallando os seus pétalos de luces, e anunciando as Festas do pobo.

Contra o final da noite, fuxían as meigas nas súas vasoiras máxicas; en tódalas direccións, ¡sabe Deus a onde irán!.

Dúas bágoas no ceo, se cadra tres, cruzan de súpeto a negrura da noite. Pido un desexo, e dous máis...

Albíscase o amencer cara A Coruña. Cos ollos vermellos, canso e con sono, vou cara o coche. A máxica noite rematou. Toca recollerse.


José María de la Viña


Comentario (1) - Categoría: 03 Aportaciones - Publicado o 30-05-2014 11:22
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0