MEMORIA DE UNA GENERACIÓN



amigosdelos50@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 DESTACADOS

PASEANDO POLO MEU PENSAMENTO, José Mª de la Viña
Publicado en La Voz de Galicia ? Edición Carballo - Domingo, 7 de Diciembre de 2014

EN PRIMEIRA PERSOA - JOSE MARIA DE LA VIÑA VARELA


PASEANDO POLO MEU PENSAMENTO
«Véñenme á memoria aquelas viaxes á praia de Razo, cando o verán chegaba»
José María de la Viña Varela

¡No hay quien pueda, no hay quien pueda!... ¡ai Pepiño adiós, ai Pepiño adiós?! Quérovos contar algúns dos meus tesouros que gardo na memoria. Historias que van quedando. Historias mil, que todos temos; e que cando acoden ó maxín, mergúllannos nunha certa tenrura. É curioso, pero coido que, a medida que me vou facendo maior, vou perdendo certas sensacións dos meus sentidos. Agora falo do olfacto. Non son quen de lembrar que perfume me botei onte, ou se había algún olor especial no café a onde vou decote. Mais teño moi claros certos aromas de cando era neno. ¿A vós non vos pasa?. Vénme á memoria, á miña pobre e maltratada memoria, aquelas viaxes á praia de Razo, cando o verán, por fin, chegaba.

Iamos en autobús, cargado de xente ata o propio teito; alí onde os rapaces subiamos con auténtico pracer. Eu era un máis dos que procuraba ir arriba (pero poucas me deixaban), porque dentro había suor, calor e cheiro a gasóleo. Mareábame. E ademais dábame sono; mais as fochas da estrada, non che deixaba durmir; e a excitación aínda menos.

Só a viaxe era unha experiencia fascinante; tedes que pensar nun mes caloroso; xullo ou agosto, cun ceo azul rabioso, e, se cadra, con un ou dous algodóns pequenos pegados nel, para que non esquecéramos que isto é Galicia Country. O aire morno dábanos na faciana. E o arrecendo das flores e das árbores do camiño, aínda vén correndo a onda min, naquela estrada chea de po e de curvas; sempre acompañados polo runrum daqueles buses, que semellaban carrilanas: sempre rosmando, e abaneando seguido, como se unha lavadora fora. Si; era unha viaxe fermosa, emocionante, da que esperabamos, con impaciencia, o seu final.

Pero con todo, cando máis agromaban as emocións, era ó chegar por fin, tras unha longa viaxe (comparado co tempo de hoxe, unha eternidade), á praia de Razo. Longa ela, maxestosa; o vento do mar batía nas nosas caras, e o doce olor das algas, do mar, enchía tódolos nosos sentidos. ¡Ah!, ¡que ledicia!.

Disque a auga é unha substancia incolora, inodora e insípida. Pero é mentira. Dígovolo eu: o mar ten unha preciosa cor turquesa; mais pode cambiar a prateado, a verde esmeralda, a azul escuro. Brillando cos reflexos da luz do sol; a escuma branca como neve sobre os outeiros das ondas mariñas. O mar arrecende, co seu propio perfume. Mmmmm, que grato olor. E non se pode envasar; hai que ir a buscalo, á súa beira. E sabe, ¿e a que vai saber?: ¡a mar!. Que non é pouco.

A xente sorrí, e baixan do ómnibus cargado ata o incrible, de fardos e paquetes, para pasar o día, para xantar, para ir ó mar; mentres os cativos bulimos, corremos, berramos e brincamos, como tódolos cachorros do mundo. Poñémonos a xogar coa area; coas nosas mans facemos mil e unha construcións fantásticas. Pescudamos as pozas das rochas, e tódalas súas posibilidades.

Era o tempo das comidas na praia: toda a familia xunta; coas tortillas, os pexegos amarelos, a gasosa de boliche. ¿Dásme a bóla de cristal, papá? Non fillo, hai que devolver o casco.

E axiña sentías a calor do sol, acariñando a túa pel. Mirabas ó lonxe, onde a liña horizontal que ía morrer ás illas Sisargas, e sempre había algún barco grande pousado sobre aquela raia que separaba o ceo do mar. ¿A onde irán?...

¡Mamá!, ¿podo bañar? Non, que aínda no pasaron as dúas horas. Entón íame ás pozas a ver se pescaba algún camarón, ou algún lorcho despistado; e con sorte pillaba algún caranguexo, algunha mincha; no peor dos casos algunha cuncha nacarada... Todos para o caldeiro: era o meu tesouro e o seu suplicio, meus pobres!. Hai que ter coidado coas anémonas, que proen as mans.

Imaxe que ben podería reflictir os buses dos que se fala neste texto.

Éranche tempos de felicidade que todo o mundo lembra con morriña. Eran tempos de familia; todos xuntos, no lecer. ¡Veña!, ¡todo o mundo a comer!. Porque a praia dá fame, ¿sabiades?. Mmmm... o sabor daquela tortilla de patacas, daqueles pexegos, daquelas empanadas e bocadillos de chourizos... De todo iso lémbrome como se fora de hai uns segundos.

O rumor do mar de Razo; as súas ondas cheas de canas; as gaivotas berrando como se quixeran botarnos do seu territorio, ou agardando as migallas que lles iamos deixar. A brisa mareira preñada de infindos arrescendos, uns coñecidos, outros misteriosos. Saboreabamos a Natureza. Xeralmente en sábado ou domingo, que outros días non se pode, nin hai coche.

E así, paseniño, foise o día. Veña, miña rula, que xa haberá máis días; non chores. Volviamos de novo, co autobús ateigado de xente; xente feliz; e cantabamos: Se vas a Marín...., ¡Oliñas veñen!... E así aprendiamos esas cancións da nosa terra, compartindo momentos de felicidade e liberados, aínda que só fora por unhas horas, das preocupacións do día a día.

Xa só queda chegar a casa, recoller todo, lavar a roupa de baño, e quitarse o salitre de enriba. Veña a quitar o chapapote que levas nos pés, que mancha a roupa. ¡E non deixedes todo por aí tirado! E volvémonos a xuntar, cansos pero felices, ó redor da mesa para cear; coa radio posta que dea as noticias ou a música. Xa é de noite. Ímonos deitar, que mañá hai que traballar. Boas noites miña nai; boas noites meu pai.

Paseando polos meus recordos, quíxenvos contar algúns dos meus tesouros que gardo na memoria. Historias que foron. Boas tamén a todos.

José María de la Viña (Carballo, 1945) é profesor de física e química no instituto Alfredo Brañas de Carballo. Polas súas clases pasaron xeracións de carballeses.


Comentario (0) - Categoría: 03 Aportaciones - Publicado o 14-01-2015 15:55
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0