MEMORIA DE UNA GENERACIÓN



amigosdelos50@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 DESTACADOS

* A CALLE DA SALÚ POR JOSÉ MARÍA DE LA VIÑA *
Calle da SalúDe cando eramos cativos

A miña calle era a ?calle da Salú?. Maldito se sei por que lle chamaban así (moita non había), como non sexa que por alí pasaban as mulleriñas doentes cara os Baños Novos, o balneario de Cambón, a remediar sabe deus o que.

Polo demais: unha vía máis, como a de calquera pequena vila, mal feita pero para min chea de encanto. Era unha rúa estreita, de casas dunha planta, máximo dúas. Pobres, pero onde os portais estaban sempre abertos, e as bicis ou as motos descansaban diante delas, sen máis.

Como digo, unha rúa corrente, onde o máis coñecido era a Casa Xusto, a mellor casa de comidas do mundo, Ata viñera Franco comer unha vez alí, segundo dicían. E estaba o edificio onde se cobraban as pensións, tamén chamado Instituto Nacional de Previsión (facendo esquina coa rúa Cinceiro), que tiña unha porta cega co único asento de toda a rúa. Para nenos claro. Daquela levábao o Sr. Suárez, o home da misteriosa e encantadora Dna Lulú (non tiñan fillos). A min caíanme moi ben os dous: sempre tan amables, tan educados e de boas maneiras; sempre xuntos.

Na parte de arriba da ?Previsión? había e aínda hai, un piso onde chegou a estar a que fora sé da Falanxe. Por certo, alí vin eu a miña primeira película: un corto sobre vikingos en branco e negro, que me deixou cos meus ollos de cativo como pratos. ?¿E cando volven facer cine??, preguntei. ?Para o mes que vén rapaz?. E eu crino. Pobriño de min. ¿Cine, dis que se chama?. Estiven moito tempo agardando por outra sesión. Xuntábase moita xente alí; non había moito onde escoller, para a xente nova, e había xogos, e libros; e sempre ocorría algo interesante. Con ser humilde a miña calle, habíache cousas moi importantes : ¿quen non recorda ?a de Vitolo?, o mellor taller de bicicletas de todo Carballo. Bueno, estaba Periscal tamén... ¿Canto custaba o aluguer dunha bicicleta por hora ou día?, ¿un patacón?, ¿un real?. Que alguén mo diga. ¡E que boa persoa era Vitolo!. É que máis que unha rúa era un barrio, pois a rúa Victoria e a Cinceiros, tamén formaban parte da denominación de orixe ?Calle da Salú?.

Na rúa Victoria tiñamos a chatarreiría máis importante do meu cativo universo: á de Lerio. Incluso eu teño feito uns patacóns apañando algo de ferro ou cobre por aí. Quen ía a dicir que, co tempo, íase converter nunha empresa tan importante en Carballo, ¿eh Manolo?. E moitos máis sitios ?importantes? como a froitería das Zocas, o taller de rodas de Quico Arán, a carpintería de Penedo contra o Río Pequeno (sei que lle chaman doutra maneira, o Rego da Balsa, pero nós chamabámolo así), e a parte de atrás da casa de Calvo.

E na fronteira leste da Provincia ou mini-estado da ?Calle-de-la-Salú?, estaba o ultramarinos de Doña Amalia. ¡Buá, tíos!, e que case tiñamos de todo, como vedes. E mais tascas, como O Rincón (aínda existe case igual, manda truco) e o de Tarde-piaches, ¿quen sabe por que lle puxeron ese alcume?.

Logo había cousas curiosas que ben seguro que algún de vós aínda recordará: fronte a miña casa, preto da Casa Xusto, pegado á de Dona Olimpia (a nai dos meus amigos Julio e Samuel), había unha moi vella edificación dunha planta, nada máis, onde metían e sacaban gando; cousa da que me decataba pola mañá cedo cando viñan cargar ou descarga-las reses. ¡Unha morea delas, alí amontoadas en sitio tan pequeno!. Pero con todo, agora que xa tedes unha idea da xeografía da miña ?provincia?, o máis importante de todo. Repito O MÁIS IMPORTANTE DE TODO, era o enormemente longo pasamáns das escaleiras do meu piso. ¡Baixar por alí era unha gozada!. Viñan do estranxeiro (quero dicir, da ?calle da Iglesia? ou doutros ?países?) a desfrutar dela. ¡Ai que tempos!

Seguindo rúa abaixo, íase dar ó Río Pequeno, unha das nosas máis importantes posesións. Vamos, como ter o mar, para certos países. O derradeiro edificio, antes do río, á man dereita, era a carpintería de Penedo, xunto coa parte de atrás da casa de D. Luís Calvo. E, á man esquerda, a fábrica de fariña. Por riba dela pasa, agora, a rúa Barcelona, mais aínda quedan nun curruncho, restos ruinosos dos enormes muros da fábrica.

Antes e despois do río, había unha pequena porción de árbores. Pequerrechas, pero que daban ó lugar un aquel de natural. Máis aló do río, pasando por unha pequena ponte sen varanda, nin nada máis que catro lousas no chan, achegabámonos ós Baños Novos; como a uns vinte metros do río. Á man esquerda estendíase un enorme prado (o remate do mesmo é hoxe o Pazo da Cultura): o Campo de Barrán, sempre verde, e nalgúns invernos totalmente asolagado. ¡Barrán!, meu Deus que medo nos daba aquel home (aínda agora arrepío ó lembralo). Non creo que fora seu o campo, pero actuaba como un celoso dono. ¡Cantas veces ten corrido tras nosa, escorrentándonos do lugar, aterrorizándonos!. E non era para menos: era o matachín do pobo. E iso dáballe un aquel de ?ser indescriptiblemente perigoso?. O terror dos nenos: ?¡¡Que vén Barrán, que vén Barrán!!?, e todo-dios saía escopeteado en tódalas direccións, saltando o que fora necesario saltar. Cajonodemo, que medo nos poñía.

Pero bueno, daquela sempre andabamos correndo diante de alguén: dos ?serenos? (acepción antiga coa que se denominaba a actual Policía Local; nome hoxe perdido): ?¡pirulo, pirulo!?, e ala, a correr porque como te collan vanche quenta-lo cu dabondo. Mesmo de Don Venancio, o noso cura párroco: entrabamos na igrexa e subiamos ó seu campanario (¿lembrades que estaba chea de mouchos?). ?¡Don Venancio, Don Venancio!? e, veña, outra carreiriña de obstáculos. Tiña que haber máis destacados atletas hoxe en día con semellante adestramento.

Pero volvamos ó río. Era, aquel, un lugar case máxico. Non podo esquecer a estraña mestura de arrecendos e cheiros que impregnaban o lugar. A fresco, a follas húmidas, a herba, á terra enchoupada de auga. A espadanas e fiúnchos do Regato; a flores segundo a estación; á palla seca no verán. Pero tamén a terra descomposta , a metano, ás augas fecais dos Baños Novos e pouco máis. ¡Mmmm!, ata os cheirumes parecíanme deliciosos aromas. No seu conxunto lembro todo isto como unha agra de olores e fragrancias diversas, adornadas cos chíos dos merlos, dos xílgaros, dos paporroibos, e demais aves do campo. Sona rebuscado, pero tal que así o sentía eu.

Preto de alí, seguindo por unha corredoira íamos dar á fábrica do Xordo, onde un novo arrecendo a serraduras, e madeira de resina, mesturábase co intenso barullo das serras ferindo as táboas dos pinos e eucaliptos. Carballos e nogais poucos, que che eran tempos moi duros. Aquí tedes outra das nosas valiosas propiedades: alí forneciámonos das cascas, imprescindibles para a tempada de facer barcos e lanchiñas, e xogar no río Pequeno con elas. ¡Que marabilla!. Todo un acontecemento. Unha Cutty Sark en minitatura. Todo o mundo esmerábase na fabricación do mellor barco. Habíaos grandes, pequenos; con velas e con mastros, ata con canóns. A min os que máis me gustaban eran os que levaban unha quilla feita de lata. Espectacular ver a todos aqueles pícaros ó redor das cascas, xa convertidas en belas embarcacións, competindo na auga, entre risas e carreiras. E viñan de todas partes ó noso río, no tempo das barcas. Porque, daquela, todo ía por temporadas. A temporada das barcas, a das bólas e ?guás?; a dos trompos, tamén ás veces o ?tirabogas?, ademais dos más correntes, os de decote: ás agachadas ou queda (?¡No te vayas capitán, que por ahí te van, que por ahí te van!...), a bandeira (¡encantábame xogar á bandeira!), policías e ladróns, e tamén ó ?brilé?. Logo de vez en cando dábanos por xogar á billarda e o palán. Non era moi bo eu neste xogo.

Un dos nosos máis interesantes e divertidos pasatempos, non obstante, consistía na construción dunha caseta de táboas, latas, cartóns e outros materiais, que aínda que pequena, viña a ser como o noso Pazo, o Sancta Santorum da ?Calle da Salú?. Dentro tiñamos chistes (tebeos); ás veces refrescos. Alí dentro, xuntos, facendo un só corpo, contabamos ou contaban chistes e historias, a maioría das veces ?verdes?, que espertaban a nosa precoz sexualidade. Iso, cando non había un concurso de ?pallas? público, por parte dos maiores, claro. A natureza en estado salvaxe... Esta caseta, este pazo noso, lembro que a montabamos na parede última da casa de Penedo, mirando xa, cara o balneario. Dispoñía de gardiáns, precisábanse chapas de refrescos a modo de insignias. Tiñamos contrasinais (aínda que non sei para que: todos nos coñeciamos) para poder pasar. Non había mulleres, iso non. As rapazas xogaban a cociñas ou coas monecas, pero non podían vir á caseta. ¡Cada quen no seu sitio!. Eramos moi machistas, como toda a sociedade onde estabamos mergullados.

Outra das tolemias que tiñamos, era o de ir cazar gorrións (ou o que se pillara), ¡e logo cocelo con patacas na nosa rúa!. ¡E comelo!. A esa tan intrépida misión, dedicábanse os máis hábiles co tirabalas, ¡que os había!, aínda que as nosas armas incluían tamén, arcos e frechas feitas con baleas de paraugas, e mesmo tirafundas (as hondas, para entendermos).

Como toda armazón social, tamén na nosa había, loxicamente, un líder e uns vasalos. Non sempre era o máis vello, ou o máis cachondo. Non sempre o que máis o merecía, pero cumpría o seu papel. Eramos unha auténtica tribo. Saiamos da casa como centellas cara a caseta, e reforzabamos, deste xeito, o noso aquel de grupo, de tribo. Vénme á memoria, ó falar disto, momentos amargos (como cando o xefe de aquela, Toñito o das Zocas, o maior de todos nós, vai ti a saber por que, impúxome un castigo no que se pasou unha morea de estacións: colgoume polos brazos con cordeis delgados, da parede de Penedo. Case me corta as monecas. Meu pai, do cabreo, perseguiuno correndo tras del por toda a vila de Carballo. ¡Se o colle...!) e doces (especialmente cando chegado o tempo, alá polo San Xoán, montabamos as cachelas, auténticos distintivos de grupo, e había que vixialas. Logo, prendidas as nosas miradas coa súa feiticeira luz, saltabamos por riba delas; riamos; cantabamos...).
Chegabamos á casa xa de noite. Sempre. Contra as nove ou dez; senón, había movida chunga, como se di agora. Cos pés mollados, a maioría das veces; arrabuñados ou mancados nos xeonllos (entón todos levabamos pantalóns curtos), ou se cadra coa testa aberta dunha pedrada froito das nosas ?interaccións? con outros ?países?.

As pelexas entre ?calles?, entre distritos, era unha constante da nosa vida de infantes. West Side History carballés. Habíache sempre algún quítame-alá-esas-pallas para saltar. E resolviámolo ¡a pedradas!, que doen máis que os insultos, ¡quero eu!. Coido que tódolos rapaces de aquela época primitiva, temos un selo nas nosas cacholas que se chama cicatriz. As nosas feridas de guerra. ¿Quen non?.

Saíamos a xogar despois de comer, e como vos contei, volviamos á casa pola noite. Iso era o normal. Os nosos pais nin sabían que ocorría con nós. Non é que foran descoidados, non: é que nos soltaban nunha gardería enorme que era o noso barrio ou a vila enteira. Non só saíamos a pelexar, senón ás veces iamos a roubar o ?ouro? (pirita, mineral dourado) do barrio do Chorís. Toda unha aventura pois tiñamos que atravesar zonas inimigas, e, ás veces, saír espendolados por mor dos habitantes do Chorís que nos cacharan. Mais todo isto daba moita adrenalina, ¡e quedaba volver polos camiños salvaxes cara as nosas casas!. O Chorís... un día vos falarei do misterioso Polvorín do Chorís. Iso é unha película de terror.

Nalgunhas ocasións as nosas saídas eran moito máis pacíficas, como a caza de grilos, emocionante onde as haxa; ou como un concurso de trompos, ou de guá, a celebrar no barrio veciño. Particularmente agradable e esperado era o xogo especial que tiña inventado Don Venancio, o noso párroco, á saída da igrexa, logo da misa principal dos domingos, que superaba con moito o carácter de acontecemento relixioso, e máis que nada era un acontecemento social, onde toda a xente de ben se reunía, vestida como para unha voda, e dar un paseo para ver e ser visto. Daquela o noso crego marcaba no chan (á porta mesma da igrexa) un enorme círculo; e no medio e medio poñía un patacón (dez céntimos de peseta, para os novos lectores). Un céntimo de euro é a moeda máis pequena de que dispoñemos hoxe, e iso equivale a 1,66 pta. ¡Case dúas pesetas!, e sen embargo naquel entón constituía toda unha fortuna para os pícaros como nós. O que fora quen de sacar a moeda fóra da circunferencia co trompo, quedaba co patacón. ¡Piñas!, había. Ademais de todo un espectáculo para os maiores, que miraban para nós compracidos. Eu non recordo que fose capaz nunca de facerme con semellante tesouro. ¡Ai meu Deus!, ¡que tempos!.

Outra das saídas pacíficas que lembro con especial cariño, era no verán cando tiña lugar o prendido da Cachela Maior, a da ?calle da Iglesia?, que normalmente facíase a carón da fonte que aínda preside a hoxe chamada Praza de Galicia.
E tamén nesa época, tempo de San Xoán, tempo de moita xente, moitas luces, moitísimo barullo. Tempo de Festas (as patronais); nesa época, digo, tiña lugar un acontecemento tremendamente especial para min (non sei se para os demais): era o tempo de Barriga Verde. ¡¡Deus, que emoción!!. Aquela especie de pallaso, que chamaba á xente a berros para a súa atracción, era quen de falar, cantar e mover uns palitroques, ¡enriba duns rolos!, onde se equilibraba sen caer nunca. Engaiolábame. Quedaba tan apampado co meu ídolo, que nunha ocasión, pasando moito da hora de volver á casa, apareceu meu pai, coa cara descomposta, todo anoxado (en realidade asustado) de atoparme, por fin, no medio de tantísima xente como había nas atraccións das festas. ¡O meu Barriga Verde!. ¡O meu deus!, o meu heroe.

Tempos de onte. A color que me vén á memoria é o gris para o chan, e o verde ou dourado para os campos. Risas e por veces choros. Xogar, xogar. Correr. Logo durmir, e outra vez a empezar. Diante da Igrexa: partido de fútbol, pelota de trapo. E moi de cando en vez, ?alto que vén un coche?, pola calle do Sol.

Así eramos. Así medramos. Como vedes (como recordaredes): momentos de ledicia e de pranto. E cando un é neno, tanto unha cousa como a outra, víveas con moita intensidade.


Comentario (1) - Categoría: 03 Aportaciones - Publicado o 15-07-2010 23:11
Chuza! Meneame
1 Comentario(s):
1 Así eramos. Así medramos. Como vedes (como recordaredes): momentos de ledicia e de pr#blgtk08#anto. E cando un é neno, tanto unha cousa como a outra, víveas con moita intensidade.
Comentario por: muñecas de fieltro (16-11-2012 12:32)
Deixa o teu comentario:
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0