A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


O sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña
Recibe a boa vinda ao pequeno sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña.

A Mesa é unha plataforma cidadá independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a plena normalización da lingua galega en todos os ámbitos da socidade.

É na actualidade a principal asociación cultural de Galiza, con máis de 3.500 socias e socios, un 17% das e dos cales están nesta zona.

O meu perfil
amesadacorunha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A menos de 24 horas do inicio das Festas de María Pita o Concello non dispón de modelos de programación en galego
Mañá dan oficialmente comezo, como cada mes de agosto, as Festas de María Pita 2012 na cidade da Coruña. Como xa é habitual desde hai moitos anos, cun esquema reseso, deseñado desde arriba, moi pouco ou nada participativo e interactivo coa cidadanía; máis pendente de querer "agradar" momentaneamente o público foráneo que visita A Coruña durante o verán que de crear unha programación de verdade atractiva para a propia veciñanza que paga cos seus impostos os festexos; sen novas ideas e con evidentes incapacidades para atraer, por exemplo, a mocidade ou aqueles sectores da poboación que demandan unha oferta asequíbel que vaia para alén da chamada cultura de consumo rápido ou do simple espectáculo ou que demandan outro tipo de iniciativas de lecer.

Este esquema de programa festivo combínase e compleméntase na Coruña -non é xa de agora -cun deseño ideolóxico españolizador, tendente sempre a primar o de fóra e a minusvalorar, excluír ou, no mellor dos casos, secundarizar e solapar o propio, de xeito que os escasos contidos galegos son sempre a anécdota ou o complemento, nunca o centro nin o primordial. Mesmo é moi habitual, desde sempre, a presentación de grupos e artistas orixinarios da Galiza como "galegos", aínda que compoñan e actúen en castelán ou noutras linguas como o inglés. A ocultación da propia lingua galega, como marca máis evidente e visual do que é e do que quere ser conscientemente galego, tórnase en tarefa prioritaria da administración local.

Ao mesmo tempo, batemos na edición deste ano coa eliminación daquelas iniciativas que ao longo dos últimos tempos foran quen de introducir algo novo no deseño encorsetado das Festas de María Pita: a eliminación, no último momento, do Festival Manicómic@s -ao tempo que se contrata outro espectáculo con duplo do custo -ou a negación de axudas para o mantemento do Festival de Ciencia e Cinema son un síntoma do que ao Partido Popular lle "incomoda" e lle sobra no deseño da súa política de festas ou lecer. Non debemos esquecer, nin considerar menores, as proféticas palabras da concelleira responsábel do ramo, Ana Fernández, nunha das súas primeiras comparecencias públicas: a súa obsesión era conseguir que as festas da nosa cidade -até onde se sabe, unha cidade galega -non parezan "demasiado gallegas". É evidente que non foi un lapso, senón o anuncio do que estaba por vir.

Na edición das Festas de María Pita deste ano o goberno municipal de Carlos Negreira eliminou xa calquera tipo de formalismo ou aparencia a respecto do bilingüismo que lle exixía á Concellaría de Cultura anterior cando o PP era oposición: mañá dan comezo oficialmente as festas coa lectura do pregón e segue sen estar dispoñíbel versión ningunha da programación festiva para todo o mes noutra lingua que non sexa o castelán. A obsesión por excluír o noso idioma chega ao extremo de traducir denominacións tan consolidadas desde hai anos como Feira do Libro, Feira das Marabillas e mesmo Viñetas desde o Atlántico. Pola contra, respéctanse escrupulosamente as denominacións orixinais en inglés.

Animámoste a que envíes un correo á Concellaría de Cultura, responsábel da programación das Festas de María Pita, exixindo que che sexa facilitado o programa das mesmas en galego, a lingua propia de Galiza e da cidade. O correo oficial da Concellaría é cultura@coruna.es. Se estás empadroada/o na Coruña podes dar queixa a través da Caixa de Suxestións e Reclamacións da páxina web municipal, a través da cal a Administración está obrigada a responder: http://ir.gl/98ed60

Suxerímosche un texto breve e claro que pode ser o que segue (ou, por suposto, o que ti desexares facer!):

Señora Concelleira:

Por máis que o tentei, non dou accedido á programación completa das Festas de María Pita 2012 en galego, a que segundo a lexislación vixente é a lingua propia de Galiza e, por tanto, da cidade da Coruña; unha lingua que é oficial a todos os efectos desde hai máis de 30 anos e que é, ademais, a que millares de veciñas e veciños e de visitantes da cidade empregamos normalmente no noso día a día.
Segundo me indican nos lugares aos que acudín, o programa das festas soamente está polo de agora dispoñíbel en castelán, o que considero unha absurda e inxusta discriminación que me converte en cidadá ou cidadán de segunda na miña propia casa.
Solicito da súa concellaría que se respecte o noso dereito a podermos consultar o programa das festas da nosa cidade na nosa lingua. Só así poderemos troulear de verdade, de xeito que este verbo tan de noso sexa algo máis que un simple slogan.

Grazas.


Rogámosche que nos axudes a difundir este correo e a partillar esta iniciativa entre todas as persoas e colectivos ás cales coides que lles pode interesar.
Categoría: Xeral - Publicado o 31-07-2012 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal