A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


O sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña
Recibe a boa vinda ao pequeno sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña.

A Mesa é unha plataforma cidadá independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a plena normalización da lingua galega en todos os ámbitos da socidade.

É na actualidade a principal asociación cultural de Galiza, con máis de 3.500 socias e socios, un 17% das e dos cales están nesta zona.

O meu perfil
amesadacorunha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A Mesa acusa a Carlos Negreira de "actuar ilegalmente" ao deturpar o topónimo da cidade "pola porta de atrás"

Un día antes da chegada á cidade do Correlingua, a exitosa iniciativa escolar en defensa do galego que por vez primeira na súa historia se desenvolverá sen ningún tipo de colaboración institucional por parte do Concello, A Mesa denuncia que o goberno local de Carlos Negreira persiste na súa teima de “eliminar o galego” da vida pública da Coruña e dá “un paso máis” ao recuperar “pola porta de atrás” o uso da denominación ilegal *La Coruña en materiais municipais.

Concretamente, a asociación cidadá en defensa da lingua vén de comprobar como o goberno local recupera a denominación ilegal de Ayuntamiento de La Coruña nos materiais editados para promocionar a Noite Branca, a iniciativa de apoio ao comercio local que se desenvolverá este 4 de maio en colaboración cos establecementos comerciais da zona centro da cidade agrupados na Área Comercial Obelisco. O Concello renunciara a empregar esa fórmula de xeito definitivo en 2006, mudándoa progresivamente ben pola denominación bilingüe co topónimo oficial ben pola denominación galega de Concello da Coruña.

A entidade cidadá recorda que xa se dirixiu por escrito por dúas veces á concelleira responsábel das políticas de promoción económica e comercio local, María Luísa Cid, para se interesar polas razóns polas que o galego fora excluído da campaña de promoción dos mercados municipais Entra y peca e da máis recente iniciativa municipal dos vinilos ornamentais para os baixos comerciais fechados e en aluguer en diferentes zonas da cidade. A Mesa lamenta que a día de hoxe o Concello non dese ningunha resposta a estas solicitudes de información e que a Concellaría de María Luísa Cid sexa “incapaz” de amosar “unha mínima sensibilidade lingüística” á hora de editar os seus materiais informativos.

A entidade presidida por Carlos Callón exíxelle ao alcalde Carlos Negreira que cumpra os acordos “que el mesmo votou sendo deputado do Parlamento de Galiza” e recórdalle que a legalidade “sistematicamente ratificada polos tribunais de xustiza” entre 1994 e 2006 non variou até hoxe, pois “a única denominación oficial da cidade é A Coruña, a súa forma xenuína”.
Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2012 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Este 4 de maio non perdas o Manifesto mareante!
Este venres 4 de maio vaise celebrar na Coruña unha festa moi especial, da man das amigas e amigos da Cova Céltica e do conxunto musical Os Tres Trebóns: o Manifesto Mareante. Trátase de reividicar A Coruña como a gran capital da lingua galega, como de feito sempre o foi ao longo da súa historia.

A festa comezará ás 9 da noite cunha ofrenda floral no monumento a Curros Enríquez dos xardíns do Recheo (no lateral do Teatro Colón), ese noso poeta nacional que, perseguido pola inquisición ideolóxica do seu tempo, achou na Coruña luz e agarimo que o levaron a se converter, indiscutibelmente, no Poeta (con maiúsculas) da cidade. Nesta pequena homenaxe inicial a Curros recuperaremos, ademais, unha tradición perdida nas nosas terras, porén moi viva aínda noutras zonas da Galiza: o canto dos maios.

Logo diso, continuará a singradura reivindicativa diante do pórtico da igrexa de Santo André, onde os gaiteiros Pedro Villarino e Brais Maceiras interpretarán musicalmente a Danza do Gremio de Mareantes da Coruña, unha xoia musical e visual que se cría perdida e cuxa memoria foi recuperada polo historiador Santiago Daviña grazas ás súas investigacións.

O Gremio de Mareantes foi a agrupación máis importante da Coruña medieval. As súas ordenanzas incluían o mandato de que corenta mariñeiros novos bailasen a danza de espadas o día do seu patrón. Esta tradición -xunto cos arquivos do gremio- perdeuse cando o pirata Drake queimou a igrexa e o hospital dos mariñeiros, a igrexa de Santo André. O historiador Santiago Daviña atopou á fin unha copia das Ordenanzas do Antigo Gremio do Mar. Foi en plena Meseta, no Arquivo Xeral da Armada, en Viso del Marqués (Ciudad Real). Un documento que se cría perdido desde o incendio de 1589, e que don Santiago recuperou, pouco antes do seu pasamento.

Xa ás 10 da noite, na Cova Céltica (Rúa do Orzán, 82), será a festa propiamente dita, coas actuacións musicais d'Os Vicentes de Elviña (conxunto residente) e d'Os Tres Trebóns. Este concerto ten tamén como finalidade animar a unha participación multitudinaria na manifestación nacional que o vindeiro día 17 de maio a plataforma cidadá Queremos Galego convoca en Santiago de Compostela.


Vémonos mañá festexando o Manifesto Mareante!
Manifesto Mareante
Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2012 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A Mesa da Coruña interésase en saber se a Concellaría de Emprego usará o galego nos vinilos decorativos para os locais comerciais baleiros e en aluguer
O grupo local da Mesa pola Normalización Lingüística da Coruña vén de solicitar á Concellaría de Emprego, Empresa e Comercio información sobre se ten previsto facer algún uso do galego nos vinilos decorativos que se colocarán en locais comerciais baleiros e aluguer de diferentes rúas e zonas da cidade a proposta das asociacións de comerciantes.

O motivo de tal solicitude é que, tal e como A Mesa comprobar nas diferentes imaxes reproducidas até o momento do que serán os elementos decorativos que fan parte desta iniciativa, nin un só dos lemas ou das mensaxes informativas contidas nos vinilos aparece en galego.

A Mesa da Coruña amósase “moi preocupada” coa constante perda de presenza da lingua galega nos espazos públicos e nas iniciativas municipais desde que Carlos Negreira é alcalde da cidade. Así, no caso concreto da área de concellarías que dirixe María Luísa Cid, a asociación cidadá en defensa do galego advirte que polo de agora “nin unha soa das iniciativas ou propostas desenvolvidas” tivo en conta a lingua propia de Galiza e da súa Administración local.

A entidade cívica pon como exemplos desta “desconsideración” cara ao galego e cara aos dereitos lingüísticos da cidadanía que a lingua propia do país “brille pola súa ausencia” na campaña recentemente desenvolvida para impulsar as compras na rede de mercados municipais ou que se chegue ao “extremo” de “excluír” a denominación oficial de “Concello da Coruña” dos materiais que a Concellaría está a distribuír estes días no comercio e na hostalaría con motivo das festas do Entroido, tal e como se pode constatar nos arquivos descargábeis desde a propia páxina web municipal.


Categoría: Xeral - Publicado o 17-02-2012 14:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Por un Dépor de Primeira en galego. Asina!
Por un Dépor en galegoHai xa algún tempo un grupo de seareiras e seareiros do Dépor idearon unha campaña para ver de lle dar un novo pulo a unha reivindicación histórica que xa no seu día formuláramos A Mesa e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, xunto co apoio dalgunhas peñas: a progresiva galeguización do Real Clube Deportivo ou, cando menos, un aumento substancial a respecto do uso que habitualmente fai do galego, practicamente nulo.

A partir do laboratorio de ideas normalizadoras en rede Galegolab ideouse unha campaña en varios pasos que xa incluíu a edición dunha folla voandeira e os primeiros contactos coas peñas deportivistas para ir sumando apoios a unha iniciativa que desde A Mesa coidamos fundamental. Non por acaso, o Dépor é unha institución fundamental da Coruña e de boa parte de Galiza, coa que se senten identificados moitos millares de persoas: unha boa parte delas galegofalantes. Alén do máis, a relevancia da súa proxección exterior contribuiría, de ser a nosa lingua normal do clube, a reforzar o prestixio do idioma, espallalo e sementar de seguro novos campos en que agromar fértil o galego.

Trátase agora de sumar apoios entre a afección deportivista, inicialmente moi receptiva á campaña, e na sociedade en xeral. Por iso vén de se pór en andamento unha campaña específica de recollida virtual de sinaturas a través da plataforma Actuable.es. Eis a ligazón: http://actuable.es/peticiones/por-depor-galego
Apoia e difunde! Entre todas e todos conseguirémolo!
Asina aquí!
Categoría: Xeral - Publicado o 30-01-2012 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Presentación de SERMOS GALIZA na Coruña este 22 de setembro

Este xoves 22 de setembro ás 20 horas a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda convócanos no salón de actos do seu local (Rúa dos Olmos, 16-18, 1º) para a presentación pública do proxecto SERMOS GALIZA, que visa a creación dun proxecto de comunicación integramente galego e en galego. Neste acto tomarán a palabra dos dous integrantes do grupo promotor desta nova iniciativa: Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto.

Este verán tróuxonos un encadeamento de noticias relativas ao encerramento sucesivo dos escasos medios que utilizaban en exclusiva a lingua propia do país ou que lle daban unha presenza non meramente simbólica. Comezamos con A Nosa Terra, logo veu Galicia Hoxe, finalmente Xornal de Galicia, que se uniron á desaparición doutros medios anteriores como Vieiros ou A Peneira, até chegarmos ao ermo case absoluto actual, que nos fai recuar máis de un século. Face a esta lamentábel situación, produciuse un vento de esperanza coa aparición do proxecto 'Sermos Galiza', que convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para a posta en funcionamento dun semario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro da súa atención informativa. Se as persoas amantes da nosa lingua e do noso país conicidimos en que o momento é grave, debemos reaxir e apoiar este proxecto tamén economicamente, por riba das lóxicas dúbidas e reservas, pois é un proxecto vital tanto para a lingua galega como para a nación. E ten de ser igualmente un proxecto común, plural e transformador. Talvez non fiquen moitas máis oportunidades... Son horas, por tanto, de nos unirmos e de nos comprometermos nunha empresa que debe ser de todos e de todas. Logo non valerán as lamentacións nin as escusas. Ninguén o vai facer se entre todos e todas non somos quen de o facermos. De nós depende que sexa posíbel. Porque as persoas que vivimos en galego e como galegas e galegos conscientes tamén queremos ter voz. A voz que nós precisamos. A voz que a Galiza precisa.
Podedes obter máis información sobre Sermos Galiza no seu web: http://sermosgaliza.blogspot.com/
Para máis información da iniciativa, visita o seu web
Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2011 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A Mesa exixe a dimisión ou destitución da concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández
O pasado domingo, a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, afirmaba nunha entrevista concedida a un medio de comunicación que a programación cultural deseñada baixo a xestión da súa antecesora no cargo, a nacionalista María Xosé Bravo, era "demasiado gallega". Sen conformarse con esa galegofóbica apreciación, engadía sen reparo ningún que "os eventos culturais deben estar feitos nunha lingua que a xente entenda". As reaccións frente a tan delirantes declaracións non tardaron en apareceren, así como a solicitude inmediata de rectificación que exixiu A Mesa.

Despois das "pseudoexplicacións" ofrecidas pola concelleira da Cultura da Coruña, A Mesa pola Normalización Lingüística deu unha conferencia de imprensa urxente na cidade.

O presidente da organización, Carlos Callón, replicou que "cos criterios de autoodio de Carlos Negreira e da súa concelleira de Cultura, todas as culturas do mundo estarían condenadas ao harakiri".

A Mesa anima a enviar correos-e reclamando o cesamento ou dimisión da concelleira, aos seguintes enderezos:

alcaldia@coruna.es

cultura@coruna.es
Categoría: Xeral - Publicado o 11-08-2011 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Presentación do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos na Coruña o 3 de agosto
O próximo 3 de agosto (cuarta feira) ás 21 horas Carlos Callón presentará na Feira do Libro da Coruña unha nova publicación sobre lingua: Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, editada por Xerais.

Neste acto de presentación acompañarán ao autor e presidente da Mesa o escritor e activista Xabier P. Docampo; o vicepresidente da Mesa e responsábel da asociación na zona da Coruña Fran Rei; e mais o editor Manuel Bragado, responsábel de Xerais.

Após o exitoso traballo En castellano no hay problema, do cal xa se levan feito perto de medio centenar de presentacións públicas en todo o país e tamén no exterior, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos surxe a xeito de "manual de auto-axuda"; de ferramenta útil con indicacións prácticas sobre como exercermos os nosos dereitos lingüísticos naqueles espazos do ámbito público e privado en que a actual lexislación (teoricamente) os garante.

Agardámoste!
Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2011 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
O Valedor do Pobo insta o Concello da Coruña a garantir que a Compañía de Tranvías use o galego
A denuncia dun socio da Mesa na cidade da Coruña posibilitou que o Valedor do Pobo se dirixa formalmente ao Concello da Coruña para lle "recomendar" que inste a concesionaria do transporte público urbano -a Compañía de Tranvías -a non excluír a lingua galega nas súas sinalizacións, mensaxes de voz, materiais informativos dirixidos ás persoas usuarias ou campañas publicitarias.
A Mesa fixo pública hai uns días en conferencia de imprensa esta histórica resolución, que supón un serio aviso para a política de exclusión sistemática da lingua galega que aínda practican distintas áreas do Concello e a práctica totalidade das emrpesas concesionarias de servizos municipais, non sendo en aspectos testemuñais ou moi específicos, como as notificacións de cobro.
Ademais de a empregar con normalidade o galego, o Valedor do Pobo pídelle ao Concello que inste a Compañía de Tranvías a usar a toponimia "oficialmente recoñecida", tanto no que ten a ver co nome oficial da cidade (o nome da propia compañía segue a ser "de La Coruña") como tamén cos topónimos incluídos no rueiro da cidade e coas denominacións dos barrios da cidade. Hai pouco, o grupo local da Mesa denunciaba que a renovación da sinaléctica informativa das paradas en diferentes zonas da cidade non estaba a servir para corrixir vellas ilegalidades, senón para mantelas, mesmo a pesar de a Concellaría de Mobilidade e Transporte contar cun inventario elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello que sinalaba cales deben ser as denominacións correctas das paradas e lugares en cada unha das liñas que atravesan o territorio municipal.

Vontade de diálogo co novo alcalde e o seu goberno

A Mesa aproveitou a súa comparecencia perante os medios na Coruña para valorar o resultado das eleccións municipais do 22 de maio na cidade na perspectiva do que os mesmos poden significar para a nosa lingua e a nosa cultura.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, sinalou que a asociación "respecta" o resultado electoral, que outorgou a maioría absoluta ao Partido Popular no Concello, mais prometeu "firmeza e compromiso" coa lingua ao tempo que amosou a vontade da organización de dialogar co novo alcalde, Carlos Negreira, e co seu equipo, para chegar a acordos que sexan beneficiosos para a nosa lingua e non supoñan retroceso ningún a respecto do avanzado nos últimos catro anos. Así, A Mesa solicitaralle formalmente unha entrevista a Negreira tan axiña como sexa investido alcalde, o día 11 de xuño.
Carlos Callón recoñeceu que as promesas e discursos electorais do PP a respecto da lingua, tales como a inmediata eliminación do Servizo de Normalización ou da propia Concellaría, ou a volta ao uso do topónimo deturpado da cidade, "son motivo de preocupación". O presidente da Mesa afirmou agardar que Carlos Negreira goberne "como o deputado que en 2004 votou desde o seu escano no Parlamento de Galiza o Plan xeral de normalización da lingua galega" e non "como o candidato que se caracterizou nos últimos tempos polo seu histrionismo cara ao galego".
Categoría: Xeral - Publicado o 03-06-2011 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A A.C. Alexandre Bóveda presenta un proxecto de recuperación da microtoponimia costeira da Península da Torre
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña presentou esta semana un proxecto de recuperación da microtoponimia costeira da Península da Torre. Na iniciativa, que contou coa colaboración da Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, contouse coa participación directa dalgúns dos maiores coñecedores da contorna da Torre: os percebeiros. Un deles, Emilio "Milucho" Mariñas, é quen, acompañado do polifacético escritor e artista Xurxo Souto, vai descubrindo un a un todos os nomes tradicionais dos principais accidentes costeiros que rodean a zona da Torre, descoñecidos para a inmensa maioría da veciñanza coruñesa e ignorados até o momento por todos os poderes públicos.

A Agrupación Alexandre Bóveda retoma con este novo proxecto un traballo de restauración da microtoponimia propia que xa desenvolvera na zona hai máis dunha década, cando antes que ningunha administración tomara a iniciativa de sinalizar camiños, praias, furnas e cantís.

O proxecto consta inicialmente dun polidíptico que inclúe un mapa coas diferentes denominacións de cada un dos puntos da costa da Torre e dun traballo audiovisual no que participan Xurxo Souto e o propio Emilio Mariñas. A partir do outono, a agrupación cultural conta con iniciar unha campaña de divulgación entre a veciñanza dos barrios próximos á costa da Torre e en centros de ensino de toda a cidade "para que a memoria dos nomes de noso pasen dunha xeración a outra".

A Rabaleira, O Boi, A Vaca, O Becerro e O Becerriño, a praia de Area de Concha, O Cabalo de Pradeiras, o Herminio, O Gueivouteiro, O Grelle ou Cabo Verde son só algúns dos nomes tirados do esquecemento grazas a esta iniciativa.
Categoría: Xeral - Publicado o 03-06-2011 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Marineda City estará na "Carretera de los Baños de Arteijo", segundo decretou a alcaldía da Coruña
A Mesa pídelle a Javier Losada que "cumpra a súa palabra" sobre a galeguización "progresiva" do rueiro da cidade

A asociación en defensa do galego denuncia que o Concello segue a empregar denominacións viarias ilegais, mesmo en actos e documentos de aprobación recente

A Mesa pola Normalización Lingüística da Coruña vén de entregar unha carta por rexistro ao alcalde Javier Losada instándoo a que “cumpra e faga cumprir” o seu compromiso público, de hai agora un ano, de introducir “progresivamente e con naturalidade”, segundo as súas propias palabras, o galego no rueiro urbano da cidade, onde a entidade cidadá en defensa da lingua galega leva anos a denunciar a persistencia de denominacións que fan alusión a topónimos galegos castelanizados ou a deturpación sistemática dos nomes de varios barrios e lugares tradicionais.

Malia que A Mesa recoñece que hai nomes de rúas concretas, como Rianxo ou Tui, que acabaron por grafarse correctamente de acordo “coa lei e co sentido común”, seguen aínda a persistir denominacións “propias dos mellores tempos do franquismo” como Arteijo*, Finisterre*, Villa de Lage*, Mellid*, Puentedeume*, Orense*, Río Jallas*, Monasterio de Cines* ou Río Anllones*, entre outras.

Cuestionado por esta anomalía democrática hai agora aproximadamente un ano, logo de que a Concelleira de Normalización Lingüística Ermitas Valencia recoñecese publicamente a súa pervivencia, Javier Losada anunciaba que o rueiro da Coruña se modificaría “progresivamente e con naturalidade”, aínda que sen concretar medidas nin prazos temporais para tales modificacións.

A Mesa da Coruña constata e lamenta que, transcorrido un ano de aquel anuncio mediático do alcalde, a situación do rueiro coruñés siga sen variar e que mesmo se “desaproveiten oportunidades” para usar correctamente as denominacións daqueles nomes de lugar presentes no rueiro urbano que teñen como única forma legal a galega; “oportunidades que non terían un custo económico engadido e que servirían para reingresar A Coruña na legalidade lingüística”, considera o colectivo.

Hai unhas semanas o grupo local da Mesa denunciaba que a Concellaría de Mobilidade e Transporte ignoraba a toponimia e microtoponimia propia da cidade na nova sinaléctica das paradas dos autobuses, mesmo ignorando o traballo previo realizado desde o Servizo de normalización lingüística municipal. Nesta ocasión, A Mesa lamenta que o Concello non aproveitase o cambio de numeración da Estrada dos Baños de Arteixo aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado mes de xullo para restaurar, a través desa resolución, o correcto topónimo galego. No canto diso, o Concello da Coruña parece optar por conservar a denominación franquista de “Carretera de los Baños de Arteijo*.

A Mesa, que salienta o feito de nesta vía estaren situadas algunhas das máis importantes empresas asentadas na cidade, entre elas o novo centro comercial Marineda ou IKEA, lamenta “o profundo desinterese” do Concello a respecto dos seus propios compromisos e pídelle a Javier Losada “que non sexa preguiceiro” e que “cumpra coa palabra dada”.
Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2011 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 [2] [3]
© by Abertal