Ven de constituirse a Coordinadora Comarcal da Alternativa na comarca de Vigo. Como coordinadores foron eleitos Carlos Cotobade e Pedro Gómez-Valadés. Entre os obxectivos da recén constituída Coordinadora fican avanzar no proceso de confluencia e optimizar a organización nos diferentes organismos locais e comarcais nos que A Alternativa ten presenza.
A Constituición de 1978 recoñeceu expresamente o feito dos Estatutos de Autonomía de Cataluña, Euskadi e Galiza da II República. Entanto que as demais CCAA puderon non nacer, ficando as provincias en relación directa co poder central do Estado, ou contar con unha composición provincial diferente, os Estatutos republicanos constituiron o fundamento institucional utilizado para o seu recoñecimento como nacionalidades e tamén para o acceso directo das tres nacións á condición de Comunidades Autónomas.Nacidos dos movimentos nacionalistas catalán, vasco e galego que os propiciaron, xunto coas forzas políticas republicanas e da esquerda, os Estatutos republicanos, constituen a explicación última da existencia do Estado das autonomías, da formación de instituicións como os Governos e os Parlamentos autonómicos e das competencias que exercen.Despois dun cuarto de século, condicionado o exercicio do autogoverno pola acción restritiva dos poderes do Estado, non tiña porque surpreender que aparecese unha aspiración máis ou menos xeneralizada de mellora dos Estatutos.Como noutros momentos, esa aspiración comezou nas nacións periféricas, sendo impulsada polos Governos de Cataluña e Euskadi, as forzas políticas da Declaración de Barcelona, entre elas o BNG, e outras forzas políicas nacionalistas de esquerda. Constituiu en especial unha resposta á obstinación do Governo estatal presidido por José María Aznar e do Partido Popular, teimando na recentralización e recastelanización do sistema político e da ideoloxía estatal, cerrando a Constituición coa chave da rancia idea de España como nación única e excluinte.Nese contexto, as forzas políticas nacionalistas non reivindicaron simplesmente unha mellora das competencias. Despois de fundamentaren o Estado das autonomías, consideraron xa necesario contar con Estatutos de nación no horizonte dun Estado plurinacional.
O Estatuto de Euskadi, rexeitado polo Congreso despois de ser apoiado pola maioría do Parlamento vasco e en espera dunha circunstancia favorábel para ser apresentado de novo e non precisamente rebaixado, e o Estatut catalán, que recoñece a vontade de Cataluña como nación, apesar da deceición sofrida polo tratamento recebido nas Cortes, responden a esa dinámica. Outras iniciativas habidas, en Valencia, Andalucia, Illas Baleares, ocorren na mesma conxuntura máis non responden a mesma motivación política nacional, sendo mesmo aproveitadas polas forzas políticas estatais para realizar un novo intento de deixar sen sentido a distinción entre as nacións, recoñecidas como nacionalidades na Constituición, e as rexións autónomas.Neste marco político, para Galiza o sentido da reforma do seu texto estatutario non pode ser outro máis que o de constituilo expresamente como un Estatuto de nación. Nesta conxuntura, de se aprobar en referendo un Estatuto que non for de nación, perdería de facto o carácter diferencial de Estatuto de nacionalidade que ten recoñecido na Constituición.Naturalmente, ser nación política significa a realidade de, ou a aspiración a, contar cos instrumentos institucionais e competencias necesarias para responsabilizarse da propria sociedade, como ocorre noutro plano cando unha nación pretende contar con un Estado proprio. Non se trata simplesmente dun adorno identitario inoperante como se empeñan en argumentar demagóxicamente e ao servizo doutra nación contraditoria os que lle negan a Galiza esa condición histórica, política e institucional.Para o BNG, e cando as forzas políticas estatais pretenden que os períodos de reforma dos Estatutos teñan unha amplitude de décadas, o Estatuto próximo ou ten un carácter de nación ou non pode ser aprobado: ou será de nación ou non será. Se o BNG aceitase un Estatuto que non tiver un carácter de nación con todos os instrumentos institucionais e competenciais precisos -incluidos os financeiros, os lingüísticos, os da administración territorial interna e dos recursos proprios e os referentes ás relacións intenacionais- ficaría mancado, gravemente eivado, na súa acción política por décadas. Se un Estatuto diferente for aprobado polo PP e polo PSOE deberían contar con un mui probábel fracaso no referendo ante a sociedade galega.
Dentro do BNG a procura o Estatuto de nación e sentida como unha necesidade e sofreríase unha grande deceición de non logralo. Mais sabese que para conseguilo o que compre é estabelecer un acordo previo, fundamentado sen ambigüidades nun Estatuto de nación, entre as dúas forzas políticas que governan en Galiza, intentando un compromiso co PP que non deturpe o principal do conseguido. O máis indicado non é facelo mediante un acordo de renuncias simultáneo entre os tres partidos presentes no Parlamento de Galiza.En todo o caso, a xente do BNG non vai aprobar sen máis o que diga o Presidente de Galiza, que neste transcendental asunto actúa unicamente como deputado e secretario xeral do seu partido, de maneira que se el expresa unha postura propria farao nesa condición. O BNG non toma a elaboración do Estatuto como un exercicio de renuncias, senón todo o contrario, nen asume como exemplos a imitar as posicións políticas que inspiraron as reformas dos Estatutos de Valencia e Andalucia e muito menos as submisas referencias españolistas que os ilustran.
Logrado o compromiso entre os tres Grupos parlamentares ou, se non se consegue, entre PSOE e BNG, correspóndelle ao Parlamento de Galiza a decisión necesaria.Por último. O BNG ven de celebrar a súa XII Asemblea Nacional e acaba de completar a eleición do Consello Nacional. Será dentro desta instituición interna onde deberá debater sobre a posición a a tomar a respeito dos proxectos estatutarios. Non tomou polo tanto ningunha decisión nen pode facelo de inmediato. O Consello Nacional reunirase este fin de semana, mais non ainda para tratar deste asunto. Para iso debería ser convocado expresamente. Non evidentemente para "desbloquear" o Estatuto como seica se pretende en Monte Pío.
Unha vez rematado, e á espera da resolución do recurso presentado na Asemblea Comarcal da Coruña*, o proceso que nas comarcas completa a composición definitiva do novo Consello Nacional do BNG, de seguido tedes os compañeiros e compañeiras da ALTERNATIVA que forman parte do CN:
Este día apareceu o Presidente dos EEUU George Bus, acompañado no rancho de Texas polos membros do seu Governo Dick Cheney, Condoleezza Rice, Robert Gales e Stephen Hadle, para balbuciar as medidas que pretende tomar sobre a súa guerra en Iraque. Mostrando nas súas caras e nos seus xestos corporais a culpabilidade e a derrota, a expresión da banda era oposta a exibida obscenamente no porta-avións cando Bush anunciaba hai tres anos o fin vitorioso da guerra.Pasaron case catro anos desde a desgrazada invasión do país mesopotámico. Centos de millares de mortos, millóns de persoas exiliadas, unha traxedia que se repite cada día sen fin, son o resultado dunha guerra inícua e cruel empreendida contra o antes aliado dos EEUU Sadam Hussein. O mesmo que anos antes apoiaran na guerra contra Iran na que perderon a vida un millón de persoas.Dous días despois da reunión de Texas, o presidente de Iraque Sadam Husseim foi enforcado. Outro morto no horror sen fin. Un acto cruel. Unha decisión absurda, contraria á razón, que traerá ainda máis mortes e impedirá, quen sabe se definitivamente, a convivencia en Iraque. A execución constitui, sí, o símbolo e o anuncio dunha inevitábel derrota dos EEUU de George Bush e dos seus aliados.
Na Asemblea Comarcal do BNG celebrada onte martes en Vigo, a candidatura da ALTERNATIVA acadou un formidábel éxito.
Nun Consello Comarcal composto de 20 membros acadamos 9. E para unha Executiva Comarcal composta de 9 membros 4 son da nosa candidatura.
Tamén onte escollíanse os tres membros que en función do número de militantes correspóndelle a Vigo, concretamente 3. Dos tres, a nosa candidatura conseguiu 1 membro máis para o Consello Nacional do BNG que se suma aos 6 xa electos.
O resultado final no que acadamos un case un 45% dos votos, nunha Asemblea numerosísima como poucas veces, engade valor aos resultados obtidos. E compre lembrar que a candidatura que tíñamos enfronte era en gran parte (12 de 20) da UPG e que sumaba os apoios dos escindidos da UPG (MpB) do quintanismo e do case testemuñal PNG. Foi unha evidencia o enorme esforzo de mobilización realizado pola UPG que afortunadamente conseguimos neutralizar.
Parabéns as compañeiras e compañeiros polo esforzo e o éxito acadado.
‘A nosa idea básica é valorar a militancia’
Rosario Fernández Velho, Charo, nada en Ordes, desenvolve neste entrevista as propostas da Alternativa, lista que encabeza de cara á inmediata Asemblea Nacional do BNG. As outras candidaturas declinaron realizar declaracións nos medios de comunicación para non tirar o debate das canles organizativas.
Que vai engadir A Alternativa?Talantes e maneiras novas de entender a práctica nacionalista. Un proxecto, que xa está recollido nun documento que lle foi entregado a militancia e posto a disposición de toda a sociedade. Á marxe das propostas concretas, A Alternativa tamén pretende engadir un talante novo de cooperación, de debate, de diálogo e de entendemento. Queremos que se poida discrepar e que se poñan as cousas enriba da mesa mediante a transparencia.
Cal é o cambio que vostede propoñen para o BNG?Como organización, o Bloque necesita encauzar o funcionamento dos organismos no sentido de non desvíar ese funcionamento. Que os organismos se consulten convenientemente e que se respecten as decisións que poidan tomar como tales. O Consello Nacional ten que asumir plenamente todas as súa responsabilidades e funcionar como verdadeiro motor da organización. O portavoz é a voz da organización e nada máis. E a Executiva o mesmo. Ten que actuar, pero tendo en conta as consultas e as decisións tomadas pola organización.
Cal é a idea básica que vostedes poden engadir ao funcionamento interno do BNG?Valorar a militancia. Tela en conta. Esa é a nosa primeira idea básica. E logo, de cara á sociedade, facer unha política claramente nacionalista sen ocultamento de ningún tipo, e procurar avanzar nas ideas que o nacionalismo defende. Procurar que cada paso que se dea, no sentido práctico da actuación política diaria, signifique un paso adiante no proceso de construción nacional. A sociedade galega está madura e é capaz de entender a nosa mensaxe, hoxe quizais máis que nunca, e hai que facer que poida avanzar con nós nese sentido.
Estamos inmersos no proceso dunha reforma estatutaria de Galiza. A Alternativa que di a este respecto?Animamos o BNG a continuar na liña de esixir un Estatuto de nación. Un Estatuto con toda a responsabilidade porque nós herdamos un Estatuto que é produto dun traballo feito polo galeguismo histórico e non podemos permitir, baixo ningún concepto, un Estatuto que non sexa de nación con todas as consecuencias que iso implica. Calquera flexibilidade nese sentido pode supor que se perda a oportunidade que temos agora de avanzar. Non hai matices. Ou ten que ser un Estatuto de nación ou haberá que esperar a que o pobo galego decida o momento en que o Estatuto debe reformarse. Se isto non é posíbel pola representación política que se dea no Parlamento, haberá que esgotar as competencias e todos os recursos que o actual Estatuto nos presenta e esperar o mellor momento. O que non podemos é dar pasos en falso.
Non quixo nesta XII Asemblea concorrer á portavocía nacional frontista nin entrar na Executiva do Bloque, pero afirma que nunca se retirou nin o retiraron da primeira liña
·· "Cando me presentei, no 2003, perdín, pero para gañar a batalla final hai que perder moitas veces", advirte
Foi deputado no Parlamento galego e na Cámara Europea. Na Asemblea Nacional que o BNG celebrou no 2003, presentouse para optar a ser o candidato do Bloque á presidencia da Xunta. Non obstante, Anxo Quintana gañou ese posto. Para o conclave frontista da fin de semana pasada, Camilo Nogueira foi un dos impulsores, xunto con Esquerda Nacionalista, da corrente crítica A Alternativa, que xunto co Encontro Irmandiño e o Movemento pola Base lograron o 38% dos apoios da militancia. El concorreu na lista de número 4 e agora volve estar nun Consello Nacional máis renovado que nunca.
¿Cal é a lectura que fai da XII Asemblea Nacional do BNG?
Foi unha Asemblea moi interesante, con moita asistencia e un debate rico. Aínda que o regulamento sempre favorece os organizadores, houbo respecto por todas as posicións. Foi un punto de inflexión na vida do BNG.
O Bloque actúa de xeito moi errado desde o 2001, cando era a segunda forza en Galiza. Non obstante, colleu unha deriva moi negativa e a insatisfacción dos militantes medrou. Isto non se corrixiu no 2003. Eu intenteino, presentándome como candidato á presidencia da Xunta, algo que non foi posible, pero os que mantivemos unha postura non de acordo coa deriva do BNG contribuímos enormemente a que esta XII Asemblea fose diferente.
Fronte a unha certa pasividade resignada e fronte á crenza de que non había nada que facer, as tres listas alternativas déronlle unha vida á Asemblea que moitos non esperaban.
Aínda así, A Alternativa non logrou os resultados esperados, malia que ter o 11% dos votos é un mérito. Consólanos saber que o primeiro impulso para que houbera candidaturas distintas á oficial fomos nós. Nós abrimos o camiño e tivemos un papel decisivo para que comece unha etapa nova.
O BNG sobreviviu...
Agora, no Consello Nacional, todo é posible, fronte a antes, que parecía que todo estaba establecido.
Malia isto, as propostas aprobadas son dos que fracasaron na Asemblea. É un paradoxo. Venceron os que se atreveron a presentar listas, máis, como non tiñan a maioría, o aprobado é dun tempo pasado e quédanos un traballo duro, porque as teses que triunfaron se equivocan. A análise de Galiza, da península, de Europa e do mundo está condicionada polo temor.
Por outra parte, conseguimos que se asegure que o Estatuto ten que ser de nación para que se aprobe polo BNG, algo que non estaba tan claro.
En cambio, non se logrou a cuestión de manter o asemblearismo, pero quedou tocado, porque ten en contra ó 41% da militancia e iso amosa o irresponsable que foi a proposta.
¿Por que A Alternativa non tivo mellores resultados?
Posiblemente, porque o debate se centrou na situación interna do BNG. A nosa proposta centrábase en qué política facía o BNG en todos os ámbitos, algo que quedou en segundo plano. Aínda así, nós tamén defendemos o sistema asembleario fronte ó de delegados. A emenda aprobada nunha das comisións sobre o asemblearismo e que despois tivo o 41% de apoios no plenario basicamente era nosa, estaba encabezada por Amada Traba. Por circunstancias, non aparecemos nós como gañadores desa emenda. Iso explica por que nós en lugar de ter o dobre de apoios quedamos aí.
¿Que intereses pode haber en acabar co asemblearismo? Había un afán de domesticación e control do BNG, que se demostrou en certos discursos que se pronunciaron incluso na parte final da Asemblea, para facer do BNG un partido con tendencias acomodaticias, que nós non compartimos. Cremos que unha formación política pode ter unha posición desde a esquerda democrática e conquistar a hexemonía no país. Ese é o camiño, non converter ó BNG nunha práctica de centro e nun partido bisagra entre o PP e o PSOE. Hai que adaptar e transformar o BNG ós novos tempos, pero non facer unha transformación desvirtuadora.
¿Quen foi o protagonista da Asemblea? Non vou caer nesa trampa. Os protagonistas foron os afiliados que apoiaron as posicións alternativas cun 38%. ¿Ou é que foi protagonista quen deu o mellor discurso? Pois igual o mellor discurso deuno xente que non era cabeza das candidaturas.
No Consello Nacional entraron 19 críticos dos 50 elixidos e na Executiva, 5 de 15. ¿É suficiente esta porcentaxe para cambiar algo na dirección do BNG?
Desde A Alternativa pretendiamos unha Executiva diferente. Nós non estabamos alí para darlle un matiz á Asemblea, senón para ter a Executiva. Non o logramos, pero hai unha presenza agora no Consello e na Executiva moi notable que terá incluso máis peso que o 38%.
Eu dixen desde o principio que o meu afán era impulsar unha renovación do BNG, un reforzamento, pero que non me ía presentar a portavoz nacional. Podía telo feito, pero dixen que non, e a miña intención tampouco era estar na Executiva, por coherencia. Prefiro estar no Consello Nacional, facendo o meu traballo.
Non obstante, vostede é moito máis coñecido que Rosario Fernández...
Non, non poño en cuestión en absoluto o traballo dos meus compañeiros e menos o de Charo, que o fixo moi ben e coa que establecín unha relación moi cordial. Só digo que eu me propuxen impulsar A Alternativa con moitos compañeiros e que non pretendía nin ser portavoz nin entrar na Executiva.
Preferiu non estar na primeira liña... Estou na primeira liña, pero non quixen nunca personalizar isto. Nunca me retirei á segunda liña nin me retirou ninguén. Eu, cando me presentei, perdín, pero para gañar a batalla final, da concepción de Galiza, da sociedade, hai que perder moitas veces, se se quere gañar realmente e non adaptarse ó que existe.
Queda unha gran parte do Consello Nacional por elixir nas asembleas comarcais. ¿Que vai facer a A Alternativa?
Imos procurar presentar candidaturas que agrupen as tres listas de oposición que houbo en A Asemblea. Espero que os demais pensen o mesmo. Cando nos unimos así en Santiago, por exemplo, para defender as emendas, gañamos por moitas diferencia, tendo o apoio nalgúns casos do 90%. Na Asemblea, o comportamento mutuo das tres candidaturas foi admirable e propio de compañeiros, o que augura un traballo conxunto para o futuro. O Encontro Irmandiño tivo unha actitude na confección da candidatura con nós moi comprensiva e correcta e o Movemento pola Base, malia que non quixo entrar na Executiva, foi xeneroso.
¿Quintana e a UPG víronse sorprendidos neste conclave?
Iso saberano eles. Eu non me vin sorprendido. Eu quixera que o resultado final fose máis favorable para nós, pero o BNG demostrou unha gran vitalidade, o que debe de alegrarnos infinitamente, e máis a min, que me sinto especialmente responsable do que pasa no nacionalismo galego, como lle ocorre ás persoas que levamos nisto moitos anos, despois de recoller o facho do nacionalismo galego na baixa post guerra, no tempo da ditadura, e temos unha sensibilidade especial como corrente histórica.
Quintana chamou á unidade no discurso de clausura...
¿Todos estamos no BNG, non?
Logo, hai unión...
O concepto da unidade que ten el non é o meu, pero todos somos compañeiros. Por exemplo, eu estou en desacordo en cómo está plasmado nun documento aprobado quén manifesta as ideas do BNG. Nese documento, centralízase esa función nunha persoa. Toda a xente do BNG temos liberdade de palabra, dentro da lealdade que lle debemos á organización. O concepto de que pode falar só unha persoa, como forma de facer máis efecto publicitario, non é compartido por min, pero manteño a unidade.
¿O BNG repuntará nas eleccións municipais do 2007?
A Asemblea demostrou que o BNG ten enerxía suficiente para remontar. Se iso se vai manifestar xa nestas eleccións non o sei. Todos faremos moito esforzo. As candidaturas teñen que recoller o pluralismo do BNG e espero que non volvamos ás andadas.
AS FRASES "Malia que agora se dá unha situación interna máis positiva, as propostas aprobadas na Asemblea pertencen ós que fracasaron pero tiñan a maioría, pertencen a un tempo pasado"
"O concepto de unidade que ten Anxo Quintana non é o mesmo que teño eu, pero todos somos compañeiros, todos estamos dentro do BNG e eu tamén manteño a idea de unidade"
A militancia do BNG viviu este período interasemblear (Novembro 2003-06) entre a esperanza e o desacougo ao se producir, en termos absolutos e relativos, os peores resultados do BNG nos últimos 13 anos (eleccións Xerais 2004, Europeas de 2004, Referendo da Constitución europea e Galegas de 2005).
Durante este período o papel do Consello Nacional como máximo órgano de dirección do BNG entre Asembleas perdeu o seu carácter director da política nacionalista. Até tal punto ficaron desvirtuadas as súas funcións (convertido nun órgano de asentimento, de ratificación, de "segunda lectura",...) que as ausencias ás xuntas chegou a índices preocupantes nomeadamente após a entrada no Goberno galego habida conta que se tiña convertido en simples escenario de discursos do portavoz nacional para a prensa. En efecto, o CN foi alleo ao Acordo BNG-PSOE sobre uns mínimos para a reforma do Estatuto de Nación ou en materias de relevo político como a postura do BNG perante o Estatut pactado entre Zapatero-Mas contradicindo a vontade maioritaria do Parlamento catalán, non reparando do perigoso precedente que pode representar para o caso galego.
Durante este período procedeuse a certos cambios organizativos que sobardaron os Estatutos: fíxose unha reestruturación da Executiva antiestatutaria, alterando a súa composición (15+Presidencia Nacional) pasou a 15+2; determináronse portavocías adxuntas non previstas ou, após a entrada no goberno, en Setembro de 2005 procedeuse a unha reforma regresiva da Carta Financeira -aprobada meses antes- de tal maneira que fixo diminuir as aportacións á organización das persoas que acababan de asumir responsabilidades no goberno galego, discriminando claramente aos concelleiros.
Asistiuse a unha merma do debate interno: un documento da transcendencia como era o texto articulado da proposta de Estatuto de Nación do BNG non foi debatido pola militancia.
O período preelectoral
No proceso de escolla do novo grupo parlamentar rachouse de vez un grupo de xente experimentada que protagonizara a oposición ao PP sendo substituído case en bloque por un novo grupo de xente e sendo os que recuncaron os que menos tempo levaban na institución. Neste proceso consideramos que se debería ter combinado adecuadamente a renovación necesaria con continuidade e non ter desaproveitado o capital político daquelas persoas tiñan alcanzado grandes cotas de referencia social e de impronta política no nacionalismo galego e que foran en parte responsábeis do medre exponencial experimentado desde 1985 até 2001. Máis ainda, neste proceso a marxinalización de individuos tornouse nunha práctica común, como se a tarefa de gobernar só pertencese a unha determinada facción e non a todo o Bloque. Unha práctica perigosa para unha organización que se construiu respectando as diverxencias e louvando o debate político como unha forza propulsora.
Os resultados electorais
Lonxe dun BNG gañador, moderno e plural, a entrada no goberno pretendeuse eludir unha evidencia: a perda de apoio electoral. Este fenómeno non foi debidamente avaliado, requeréndose ainda unha reflexión máis profunda que considere a situación da sociedade galega e as respostas do BNG ante as novas realidades sociais, e tamén o contexto interno da organización, examinando as causas endóxenas que poideran ter contribuído a este preocupante camiñar electoral do nacionalismo galego para aplicar os elementos correctivos. Confiamos en que esta XII Asemblea Nacional non desaproveite novamente para buscar as solucións para os grandes desafios.
No goberno galego
Na configuración do pacto de goberno, o BNG renunciou a responsabilidades gobernamentais e parlamentares estratéxicas no proceso de construción nacional (língua, medios de comunicación públicos, ordenamento territorial,...).
No procedemento de nomeamento de dos altos cargos na Xunta máis unha vez o CN estivo ausente: salvo o primeiro grupo (conselleiros), aprobados pola Executiva Nacional, os demáis non foron submetidos a aprobación de ningún organismo salvo dar conta do seu nomeamento. Por outro lado o proceso de selección foi pouco contrastado (non se consultou ás bases ou ás Comarcas), dando lugar a que xente de indubidábel valía e probada experiencia ficase fora dos organigramas, o que tería contribuído, a unha maior eficacia na xestión. O discurso gobernamental confunde a modulación coa práctica ocultación dos postulados ideolóxicos caracterizadores do proxecto nacionalista, até tal punto que a cuestión nacional fica cinxida ao debate estatutario, desaparición da reivindicación do dereito de autodeterminación e relaxación no coidado do galego. A organización fica supeditada ao goberno, todo fica subordinado á presenza nos medios de comunicación nun marco no que a práctica política dos "feitos consumados" e unha maneira de facer política nas institucións, “a Galiza de sempre”, toma corpo dunha forma preocupante.
Todos estes elementos levan a unha diminución da práctica militante, de forma que a ilusión e a entrega que ten caracterizado a nosa militancia se viu substituida pola apatía, alimentada por unha organización na que a cada vez o papel do militante foi perdendo protagonismo tanto na toma de decisións na organización e no goberno, ficando esta limitada na militancia máis “voluntariosa e entregada”. Co paso do tempo, as mulleres e homes do BNG somos máis afiliados e menos militantes. Contrariamente ao que se ten expresado en anteriores asembleas (“máis BNG e menos partes”), non é o frontismo o que está actualmente en crise, senón que semella que o elemento que se resinte é outro, tamén identificador da cultura política do BNG, o asemblearismo. Proba disto foi recentente como a postura contundente dos membros d’A Alternativa, -contraria á pretensión dun sector da actual dirección de impor para xa nesta Asemblea Nacional-, impediu que esta XII Asemblea Nacional fose o I Congreso Nacional de delegados do BNG.
Para esta XII Asemblea Nacional “A Alternativa” apresenta-se ante vós, a militanza, porque cre necesário pór sobre o BNG unha ollada crítica que contribua ao seu afianzamento como proxecto político responsável de levar adiante o proceso de construción nacional.
O nacionalismo galego precisa afortalar-se, reconducir a súa práctica e reafirmar-se como forza hexemónica, capaz de avanzar no benestar social e a recuperación da cultura e língua nacionais polos que historicamente ven traballando e que o noso povo reclama.
A organización é o instrumento que vai permitir ese avance. A organización do BNG ten que preservar-se de cámbios que poidan mermar a sua capacidade de decisión democrática. O debate de ideas, a vontade de integración, o respeito aos órgaos, a consulta prévia e a madurez organizativa teñen que ser marcas identificadoras do noso proxecto. Somos diversos, estamos feitos de matérias distintas, e esa é a nosa grandeza.
Iniciemos un novo percorrido en que a nosa voz plural se escoite, se comunique en mensaxe amável co governo, teña en conta a nova sociedade galega e se proxecte cara o futuro.
O fin da Guerra Fría, a caída do muro de Berlín, o terrorismo internacional xunto co proceso de globalización neoliberal acompáñanos neste albor do século XXI, e ante estes fenómenos a sociedade civil, a mocidade europea, ten reaccionado reclamando solución aos problemas sociais, e coa bandeira do pacifismo creou e deu pulo ao movemento "altermundista". E é neste contexto onde se topa a sociedade galega, a cidadanía galega ten demostrado estar á vangarda destes movementos nas mobilización contra a Guerra do Iraq ou no movemento pola dignidade que foi Nunca Máis, unha sociedade que quere, sufre e goza cos mesmos anhelos que calquera sociedade europea, e o BNG como instrumento a prol desta cidadanía debe saber dar resposta a estes anhelos, debe estar á altura dos tempos, do século XXI.
Ante a perda de confianza nos partidos de corte tradicional o BNG dende o seu nacemento foi pioneiro e vangarda na súa forma de organización facendo dos afiliados militantes que sentiran como propio o proxecto da organización, funcionando xa dende o comezo como unha organización moderna do século XXI. Esto foi o que fixo posible que unha organización sen o respaldo de grupos de poder económicos nin mediáticos chegara a ser a segunda forza política do noso país, a forza da súa militancia.
A última Asemblea Nacional do BNG se decantou por unha renovación, mais pouco a pouco, día a día, foise transformando esa pretendida renovación nun proxecto de muda da propia organización, actuando na propia esencia do BNG. Con vetos e doe ter que dicilo, con sectarismos inxustificables.
Ante esta situación e co gallo da XII Asemblea Nacional xurde, da man de dúas mulleres, Charo Fernández Velho e Amada Traba, o proxecto moderno e participativo dun BNG que pretende dar desposta ás demandas da sociedade galega. Non se trata de mudar uns nomes por outros, trátase dunha transformación nos modos e nas formas. Presevar as formas que fixeron desta organización a segunda forza política do pais, introducir os mecanismos necesarios para que a organización nunca estea supeditada o Goberno e potenciar a democracia participativa a tódolos niveis son os tres pes sobre os que se sustenta o proxecto da Alternativa.
Charo e Amada capitanean o proxecto d'A Alternativa, dúas mulleres comprometidas con Galiza, coa muller, coa lingua, cunha visión que vai máis aló do Goberno da Xunta e coa forza intrínseca de traballar polo que en conciencia cren debe ser o futuro do noso país.
Charo Fernández Velho desborda ilusión e optimismo, leva a súa conciencia nacionalista a todos os ámbitos da súa vida traballando incansablemente a prol da cultura do noso país, especialmente da lingua chegando a ser vicepresidenta da Asociación Galega da Lingua. É unha muller tenaz e traballadora e así como fundou o BNG en Ordes acadando case que ás primeiras tres concelleiros, segue inmersa na sociedade civil escoitando as súas demandas e loitando por todo aquilo que considera xusto, sempre cun espírito aberto e tolerante, é unha auténtica líder democrática.
Xunto con Charo lidera este proxecto Amada Traba, os que temos o pracer de coñecela nunca deixa de sorprendernos a extrema modestia na que gusta de moverse, poñendo sempre diante dela os seus principios antes que calquera interese persoal. Muller de trato agradable e gran sentido do humor, é unha incansable loitadora dos proxectos nos que cre. Salientable dende sempre o seu traballo rigoroso no feminismo, o seu traballo dende o nacionalismo por unha Galiza dona de seu, nunca descoidou as pequenas loitas do brazo de moitas e moitos cidadáns nas mobilizacións de Nunca Mais e contra a Guerra. Gusta da conversa, de falar, e sobre todo e o que é máis importante, de escoitar.
Charo e Amada son dúas mulleres galegas de hoxe en día, familia, traballo, esforzo, profesionalidade e rigor. Pero elas son unicamente as dúas mulleres que encabezan a lista d'A Alternativa de militantes concienciados e comprometidos co BNG, que dende a simple militancia e inxeridos na sociedade pretenden colocar ao BNG ao servizo da cidadanía, converténdoo na forza hexemónica deste país, e deste xeito poder ter unha sólida ferramenta para soportar nas mellores condicións posibles os avatares e esforzos da loita pola soberanía de Galiza.
Natalia C. Alonso forma parte da candidatura presentada pola ALTERNATIVA para a XII Asemblea Nacional.
Amada Traba Díaz, naceu en Fisterra no ano 1958, lugar dende onde a súa familia se traslada a Vigo no en 1962, cidade onde reside na actualidade. Licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense no ano 1981. Docente da Universidade de Vigo, na Facultade de Ciencias da Educación en Pontevedra. A súa liña de traballo principal, a través de proxectos e convenios con institucións, é a de políticas públicas de igualdade, nomeadamente no deseño e avaliación de plans de igualdade. Así mesmo, imparte docencia no Master de Xénero da Universidade de Vigo. A súa militancia no nacionalismo remóntase ao ano 1974, data na que sendo estudante de ensino medio formou parte de ERGA. Mentres residía en Madrid, sendo estudante, intégrase na APG e foi fundadora da Asociación Cultural Irmandade Galega, na que desempeñou diferentes cargos. De volta en Galicia incorpórase á militancia no POG, organización coa que participou na formación de Esquerda Galega, na que ocupou cargos tanto no comité local como no Consello Nacional, seguindo o curso que esta organización emprendeu ate a súa integración no BNG. Ten participado desde activamente desde os anos 80 no movemento veciñal e durante a etapa educativa dos seus fillos no ensino primario e secundario pertenceu ás ANPAS en cargos de dirección e aos consellos escolares. Forma parte do Consello nacional do BNG dende a XI asemblea na que se presenta na lista de Non Adscritos.
Dende hai un ano participa todas as semanas no programa Faladoiro da Radio Galega Ten dous fillos e unha filla.
1. “Unha persoa militante, un voto”. As Asembleas Nacionais do BNG deben manter o seu formato característico no que absolutamente todos e cada un dos militantes teñan voz e voto se deciden facer uso da súa voz e do voto e non un Congreso de compromisarios. 2. A candidatura das Mulleres. A loita contra todas as formas de discriminación e preconceito aínda existentes non pode parar. A promoción da equidade de xénero debe ser perseguida de forma constante. É necesario fomentar unha nova cultura de valorización da organización e das loitas feministas como parte da causa emancipatoria que un BNG máis feminino propón para a sociedade galega. 3. A autonomia necesaria O BNG non debe funcionar coma unha correa de transmisión do goberno, perdendo a súa autonomia e capacidade crítica como un organismo vivo. Ter autonomía e independencia en relación ao Goberno é sinal de maturidade política e organizativa e garantia de futuro do proxecto político. 4. Sen medo de ser Nacionalista O nacionalismo galego debe plasmarse nunha práctica reivindicativa claramente soberanista vinculada a unha actitude pedagóxica e formativa na defensa do uso do idioma galego ou a reivindicación do dereito de autodeterminación. O discurso nacionalista do BNG, lonxe de dogmatismo ideolóxicos ou de ocultarse nos apelos aos que “pensan en clave de país”, debe identificarse coa sociedade máis comprometida, dinámica, activa e partícipe socialmente que deberian ser o suporte colectivo da acción política do BNG. 5. Ser da esquerda para todos e todas O BNG, como representante do movemento nacional galego que visa a liberación social, fai parte dunha corrente global de acción e pensamento que se identifica co internacionalismo, o pacifismo, os dereitos humanos, a loita pola xustiza social e contra todo tipo de exclusión, a igualdade da muller, o medio ambiente e sobretodo coa loita pola defensa da pluralidade e da diversidade. O BNG debe continuar a facer parte de instancias como o Foro Social Mundial como parte do movimento altermundista. 6. Democracia participativa Participación aberta e horizontal para recuperar a ilusión e entrega que sempre caracterizou á militancia do BNG. Superar a apatía e desleixo que está a facer que as mulleres e homes do BNG sexamos a cada vez máis afiliados e menos militantes. Creación de antídotos aos poderes burocráticos que se están a estabelecer atrancando a participación. 7. Información e discusión previa á toma de decisións. A información non pode estar restrinxida a grupos de poder ou á militancia "máis voluntariosa" e entregada. É preciso recuperar o protagonismo do papel do militante e das instancias comarcais e locais na toma de decisións na organización e no goberno. 8. Renovación de métodos e persoas Afastar da praxe política as exclusións de persoas ou sectores como se o exercício político correspondese a unha vanguarda exclusiva, o ideoloxismo estéril ou as políticas populistas de romaria do pasado. 9. Afortalar o BNG É necesario que o BNG se fortaleza como organización, que aumente a súa base social e militante. A dirección debe criar mecanismos permanentes de consultas ás Asembleas Comarcais. É preciso investir na formación de militantes e dirixentes, na preparación política dos nosos representantes nos Concellos e criar as condicións para encarar en mellores condicións as municipais de 2007. Fortalecer o Consello Nacional como principal instancia de deliberación da Fronte. O calendairo de reunións do CN debe ser axustado con pauta política e con tempo para se facer o debate. O CN non pode ficar máis de dous meses sen se reunir, pois a Executiva Nacional acaba por asumir de facto o papel de dirección efectiva, ficando o CN relegado a un segundo plano. As Comisións Sectoriais deben ser valorizadas para que poidan funcionar como istrumento da política do BNG nas varias frontes de actuación sectorial. 10. Por unha Fronte Ampla de unidade nacionalista
O que impediu a transformación do BNG nun partido tradicional e chave que permitiu converter ao Bloque na segunda forza do país foi a súa formulación como Fronte Patriótica. Por isto o poder real da organización -tal como se pretende coa supresión da Presidencia do Consello Nacional -non se pode concentrar na Portavocía Nacional como se dun Secretario Xeral se tratase.
A SOCIEDADE GALEGA E O MUNDO.
O afortalamento do BNG necesita dun novo impulso e dunha lectura renovada do carácter da sociedade galega e do entorno peninsular, europeo e mundial que a condiciona. Apesar de sofrer un estancamento demográfico por causa da dependencia e da marxinación, e constituindo o mundo rural un fundamento precioso da nosa economía e da nosa cultura, á sociedade galega e hoxe maioritariamente urbana e industrial. Está máis preparada para un proxecto de construción nacional que a existente nos anos sesenta do século XX e mesmo que a da transición desde a Ditadura ao sistema democrático. Por outra banda, a terra sofreu mudanzas determinantes, enfrentándose coa dominación ultraliberal e militarista un movemento democrático, ao que pertece tamén o BNG, que procura outro mundo solidario e en paz. O BNG ten que repensar a súa estratexia política en función destas realidades, facendo propostas nacionais e democráticas avanzadas e para toda a sociedade, fuxindo de tentacións acomodaticias ou escapistas desvirtuadoras do proxecto histórico do movemento naciona
Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, é actualmente profesora de Língua e Literatura Galega no Ensino Secundário no IES Maruxa Mallo de Ordes.
Fundadora do BNG en Ordes, foi concelleira neste concello cando o nacionalismo entrou por primeira vez nesta corporación, obtendo catro concelleiros naquela lexislatura.
Dentro do BNG ten formado parte tanto do Consello como da Executiva Comarcal de Santiago.
No ámbito cultural ten desenvolto a sua actividade en diversas entidades e asociacións, tanto de ámbito nacional, como a AGAL (Associaçom Galega da Língua), da que chegou a ser vice-presidenta, como a nível local, con asociacións culturais e en defesa da língua como a ARO. Neste ámbito local formou parte do consello de redacción de revistas e publicacións como “Aro”, ou “O Mes”.
Recentemente ven de publicar un manual para o ensino sobre “Literatura Galega do Século XX” na editorial A Nosa Terra.
Asimesmo participou de forma activa en diversos movimentos cívicos de carácter ecoloxista, ou en defesa do ensino público, como a Plataforma contra a Incineradora, ou en defesa dun segundo centro de ensino público para Ordes. Alén disto, recentemente tamén tomou parte da Plataforma contra a Guerra, ou da Plataforma Nunca Máis, sempre no ámbito local.
É tamén filiada à CIG desde hai muitos anos, formando parte da candidatura que este sindicato está a apresentar nas eleicións da CIG-Ensino.
Está casada e ten dous fillos.
Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, é actualmente profesora de Língua e Literatura Galega no Ensino Secundário no IES Maruxa Mallo de Ordes.
Fundadora do BNG en Ordes, foi concelleira neste concello cando o nacionalismo entrou por primeira vez nesta corporación, obtendo catro concelleiros naquela lexislatura.
Dentro do BNG ten formado parte tanto do Consello como da Executiva Comarcal de Santiago.
No ámbito cultural ten desenvolto a sua actividade en diversas entidades e asociacións, tanto de ámbito nacional, como a AGAL (Associaçom Galega da Língua), da que chegou a ser vice-presidenta, como a nível local, con asociacións culturais e en defesa da língua como a ARO. Neste ámbito local formou parte do consello de redacción de revistas e publicacións como “Aro”, ou “O Mes”.
Recentemente ven de publicar un manual para o ensino sobre “Literatura Galega do Século XX” na editorial A Nosa Terra.
Asimesmo participou de forma activa en diversos movimentos cívicos de carácter ecoloxista, ou en defesa do ensino público, como a Plataforma contra a Incineradora, ou en defesa dun segundo centro de ensino público para Ordes. Alén disto, recentemente tamén tomou parte da Plataforma contra a Guerra, ou da Plataforma Nunca Máis, sempre no ámbito local.
É tamén filiada à CIG desde hai muitos anos, formando parte da candidatura que este sindicato está a apresentar nas eleicións da CIG-Ensino.
Está casada e ten dous fillos.