|
|
|
|
| Emprazámoste a participar nunha Xornada máis das LETRAS GALEGAS 2012 |
|

|
|
|
|
|
| O día despois! |
|
 Como xa vén sendo habitual, a Asociación AIRA DAS MANTAS organizamos unha nova xornada de xogos tradicionais cunha boa tarde en canto ó meteorolóxico se refire así como á participación, xa que foron moitas as persoas (de todas as idades) as que se pasaron pola Praza das Toldas de Maceda na tarde do sábado 12 de novembro para abrir boca pois deseguido tivo lugar o magosto popular.
Foi o primeiro en coller e empregar o aro unha persoa (nin neno nin vello)que quixo -nun breve tempo- lembrar os seus anos mozos cando, estamos seguros, correu e disfrutou polas rúas de Maceda empregando o aro, anos ha!
Logo xa foron achegándose os máis pequenos, preguntando cando empezabamos cos xogos e unha vez se lles dixo que cando eles/elas quixeran, o que tardaron en remexer entre os que tiñamos colocados nas mesas auxiliares!
Éstes/Éstas animaban, en especial, ás súas nais e outras acompañantes que tamén sentiron o vermiño de botarlles unha man coa corda -sobre todo- e facendo algunha que outra proba cos aros (os hoolahops, dinlles nunha linguaxe máis técnica!), pero ollando de reollo e aproveitando os momentos en que consideraban que ninguén as vía.
Tamén se usaron as gomas, aínda que menos e os homes (nenos e maiores) inclinábanse polos aros e mais polos peóns.
Un dos xogos polo que se interesaron bastante -máis os pequenas que os maiores e concretamente as nenas- foi polo xogo das tabas, no que foron instruídas, rápida e moi eficientemente, por compañeiras da nosa Asociación.
Así pois, foi pasando a xornada e cada vez xuntándose máis xente, ata que o arrecendo dos chourizos foi quen de ir atraendo a xente que empezou a considerar mellor elección o feito de meter algo sólido no bandullo que seguir trouleando cos xogos.
A isto xuntouse a chegada -ós poucos- da noitiña e mesmo un fresquiño que nos moveu a darmos por rematada esta IV xornada adicada ós nosos xogos, os xogos de sempre!
DEICA O ANO QUE VÉN!
Por certo, non deixes de ollar as instantáneas que fixemos, ó longo da xornada, e que poñemos á túa disposición na galería de imaxes. Só tés que clicar neste enlace..................................>
|
|
|
|
|
| IV xornada de XOGOS TRADICIONAIS |
|

|
|
|
|
|
| ALCATRUZ. E van catro! |
|

Xa está na rúa o nº 3 da nosa revista ALCATRUZ. Hai exemplares desta repartidos por distintos locais da nosa vila como son A Cervexería e mais A Casa Rosa, pero tamén se pode facer cun exemplar quen queira contactando con algún/algunha compoñente da nosa Asociación.
Abofé que non sen moito esforzo pero si con moita máis ilusión, seguimos adiante co noso proxecto comezado aló polo 2008; daquela cuns medios precarios, pero que puidemos ir mellorando -en canto ó seu acabado se refire- dada a inestimable axuda e colaboración no financiamento da mesma de Paco Nóvoa, director do Grupo Academia Postal, sen o cal podemos asegurar que non dariamos chegado ata o actual número por moito esforzo que puñeramos todos os implicados/das neste bonito proxecto que constitúe a devandita revista.
Así pois, esperamos poñer á disposición de todo aquel/a que tivera interese nalgún dos seus artigos e/ou outros contidos a versión dixital ou electrónica da revista ALCATRUZ en vindeiras datas, mediante un enlace que colocaremos embaixo á dereita deste texto.
Tamén queremos dende aquí facer unha chamada á participación en posteriores números da revista con artigos e/ou contidos que teñan que ver con Maceda e a súa bisbarra e/ou mesmo de carácter autonómico.
Polo que se tés algún tema e estás disposto/a a colaborar connosco non deixes de contactar -polo medio que queiras- e moi gustosamente atenderemos ó teu ofrecemento. |
|
|
|
|
| LETRAS GALEGAS 2011: Celebración da xornada programada. |
|
Onte, día 15 de maio de 2011 –como estaba previsto- celebramos en Maceda a xornada que a a nosa Asociación tiña programada co gallo do día das Letras Galegas 2011.
Temos que dicir que a climatoloxía nos acompañou, pois disfrutamos dun sol radiante, para poder montar a exposición sobre o Camiño de Santiago na rúa, así como a Feira do libro en galego e a actuación do contacontos Fran Guede que deleitou ó publico asistente co seu bo facer e unha innata capacidade de atracción para cos nenos/as e, asaí, facelos/las partícipes e mesmo convertelos/las en improvisados/as actores/actrices.
Entre o público asistente atopábanse pequenos, xoves e maiores que ó seu remate o recompensaron cuns prolongados aplausos.
Ó remate da devandita actuación, foron agasalladas todas as persoas asistentes á mesma cun material –que agradeceron grandemente- cedido para a ocasión pola Deputación de Ourense a través do seu Dpto. de Publicacións a petición da Asociación; así como o conto tirado da tradición oral “O GALO DA DERENA” que AIRA DAS MANTAS publicou para a ocasión, que é o terceiro da Colección Contos de sempre.
Tamén salientar a presenza de Higinio Castillo Gómez, que foi quen -desinteresadamente,a petición nosa, tivo a ben colaborar connosco mediante as preciosas e ben acabadas ilustracións do devandito conto.
|
|
|
|
|
| O GALO DA DERENA: un conto máis, tirado da tradición oral. |
|

Un ano máis, como aportación da Asociación AIRA DAS MANTAS á celebración do Día das Letras Galegas edita un número máis "O GALO DA DERENA" -e van tres con éste- dos contos recollidos da tradición oral e que a nosa Asociación repartiu, de balde como vén facendo dende a edición do primeiro deles, entre os pequenos/as, nais/pais, avós/avoas e máis persoas que puideran ter a quen levalos para que poidan participar desta rica literatura na que se mistura a realidade e a ficción en distintas proporcións e abundando máis a segunda que a primeira -claro está!- e seren amais de coñecedores, transmisores desta a futuras xeracións (por que non?)
Podes ver o contido do conto se clicas no texto da dereita, fóra deste recadro.
|
|
|
|
|
| Xornada das LETRAS GALEGAS 2011 en MACEDA |
|
.jpg) Un ano máis, a Asociación cultural AIRA DAS MANTAS de Maceda organiza -co gallo da festividade do día das LETRAS GALEGAS- unha xornada na que terán lugar as actividades que aparecen no cartel que acompaña a este texto.
Esperamos te pases pola Praza o domingo día 15!, pois teremos sorpresas para os participantes nesta xornada.
ACODE E VERÁS! |
|
|
|
|
| Celebrada a POLAFÍA en Maceda |
|
.JPG)
Onte, día 13 de novembro –como estaba previsto e cunha considerable asistencia de público- tivo lugar a Polafía que a Asociación cultural AIRA DAS MANTAS en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organizaron no Centro Sociocomunitario de Maceda.
Temos que salientar que –por causas alleas á vontade da Asociación quen tiña apalabrada a asistencia de 4 persoas máis que ían ser quen expuxera coñecementos e mais vivencias xa da súa vida profesional xa da non profesional- faltaron á cita, trastocando así a idea con que inicialmente, os organizadores desta Polafía, planificaramos a mesma; mais, podemos dicir -desde o noso punto de vista- que saiu non tan mal como nun principio nos levou a pensar ó non poder contar con todos/as aqueles/las con quen pensabamos contar.
O que esta Polafía se desenvolvera dun xeito ameno, por así dicilo dada a tención e posteriores aplausos do público asistente, debémosllo a Antonio Reigosa (coordinador da AELG) polas súas demostradas dotes de excelente dinamizador que coa axuda dalgún dos presentes soubo ir involucrando a persoas que, ós poucos e sen decatarse –diría eu-, foron sendo partícipes de algo para o que elas non supoñían estaban alí.
Así pois, participaron –á súa maneira- Carmiña, Teresa e Lola das cales a primeira se animou cun conto que fixo as delicias dos/das presentes.
Antes que éstas, Antonio Reigosa convidou a Jorge Cid (albardeiro de Maceda que xa se prestara a participar nesta Polafía) para que falara acerca da súa profesión.
Intercalando as actuacións duns e doutros/as foron intervindo as compoñentes do grupo de pandereteiras DEBANADOIRA así como compoñentes da Banda de Gaitas de Maceda e que foron amenizando a velada con distintas pezas musicias.
Unha delas - solicitada por unha persoa de entre o público- deu por rematada a Polafía, non sen antes marcarse un baile unhas cantas mulleres das alí presentes.
A parte literaria foi –marabillosamente- desenvolvida por Isidro Cid (compoñente da AELG) mediante a lectura de distintas poesías de autores ourensáns entre eles Otero Pedrayo, Vicente Risco, …
Por último, atopándose entre o público o profesor Ambrosio Borrajo –colaborador da Asociación cultural- foi convidado a participar e como é habitual nel fíxoo falando sobre o santuario dos Milagros, algo que el leva estudiado xa hai moito tempo. Acerca disto, dicir que a súa exposición foi do gusto da xente asistente e ó final recompensado cuns agradecidos aplausos.
Antes de rematar este comentario, queriamos facer público o noso agradecemento a José María (compoñente do grupo da Banda de Gaitas de Maceda), pois a súa esencial axuda e colaboración que brindou a Antonio Reigosa (que éste aproveitou moi habilmente para ir –como xa comentei anteriormente- involucrando a distintas persoas que estaban asistindo a esta Polafía) serviu para dinamizar e darlle certo protagonismo a varias das persoas que asistiron a este acto. Entre eles/elas cabe citar un señor -de avanzada idade e do cal non lembro o seu nome- que ó final facendo caso omiso dos “dardos” lanzados por José María para animalo a que contara os moitos contos e lendas que –segundo éste- sabe, saiu sen facernos partícipes dos seus supostos saberes.
Antes de dar por rematado este comentario o noso agradecemento á AELG, en particular ó seu coordinador Antonio Reigosa –con quen tivemos un fluído contacto para a planificación e organización desta Polafía- por darnos a oportunidade de colaborar con ésta nunha actividade que tén como principal obxectivo “sonsacar” animando ás xentes para que compartan contando lendas, contos, cantando cantigas, recitando poesías, … e dándoas a coñecer a aqueles/las máis novos/as e, tamén, ós/ás que non o sendo non saben deles/las.
Tamén –como non- a Jorge Cid, ás compoñentes do grupo de pandereteiras DEBANADOIRA e ós compoñente da Banda de Gaitas de Maceda, pola súa desinteresada participación e colaboración nesta Polafía, sen esquecernos de Isidro Cid e mais de Ambrosio Borrajo e, por suposto, a Ana Casal (directora do Centro Sociocomunitario de Maceda) polo seu inestimable apoio, perante a Delegación de Traballo e Benestar, para que esta actividade puidera ter lugar neste Centro.
Todos eles -ó remate da Polafía- foron convidados a uns pinchos con que a Asociación de Escritores en Lingua Galega quixo agradecerlles a súa importantísima e inestimable colaboración.
Se queres ver algunhas fotos, clica no enlace.
Galería de imaxes>>>
Podes ver, tamén, os vídeos desta Polafía no enderezo que che facilitamos aquí ou embaixo á
dereita.
Acceso ós vídeos>>>
|
|
|
|
|
| IIIª xornada de XOGOS TRADICIONAIS |
|

|
|
|
|
|
| POLAFÍA en Maceda |
|
A Asociación cultural AIRA DAS MANTAS, despois do ofrecemento que lle fixo chegar a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)-de cara a organizar e celebrar unha Polafía en Maceda- e logo de valorar a posibilidade como factible puxémonos man á obra para convocar a potenciais participantes, concertando con eles/elas a súa participación na mesma.
Agora, só esperamos que teña unha moi boa acollida como é o noso común desexo.
A Polafía terá lugar no Centro Sociocomunitario de Benestar de Maceda (R/ Toural, 10) o Sábado, 13 de novembro, ás 6 da tarde (ENTRADA LIBRE).
NOTA:
O que suceda na polafía será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.
Nós, decidimos titulala: PORTADORES DE TRADICIÓNS.
Participarán artesáns que falarán de vivencias relacionadas co seu oficio, xunto a conveciños/as nosos sabedores/as de historias e lendas da bisbarra.
O apartado musical estará a cargo de compoñentes do grupo de pandereteiras Debanadoira, así como compoñentes da Banda gaitas de Maceda.
Tamén, recitará poemas Isidro Novo.
Organiza: AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)
Patrocina: Consellería de Cultura da Xunta de Galicia
Colaboran: Asociación Cultural “Aira das Mantas” e Centro Sociocomunitario de Benestar de Maceda ( Consellería de Traballo e Benestar)
Pero, seguramente, estarás a preguntarte que é unha POLAFÍA, non si?
Pois ben:
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber. |
|
|
|
|
|
|
|
|