Viveireando


Sitio onde se conserva algunha cousa e donde se propaga.

Contacta
viveireando@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

De estatuas

Comenza a etapa da estatuaria. Instalado xa o canón ( lombarda ) na rotonda da Ribeira estúdanse ubicacións onde colocar novas esculturas. A seguinte está patrocinada pola empresa que xestiona as augas e vai ir nunha beirarrúa ( onde dificulte o paso pois así chamará máis a atención ). “Quer ser—dixo, tapándose o nariz, a concelleira de Estatuas, Parques e Xardíns—unha merecida homenaxe á empresa que tan eficazmente contribue nas rúas a estinular o noso sentido do olfato”.

Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2009 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Na Retorta

Da prensa de hoxe:
O concelleiro do BNG vén de se interesar pola situación na que se atopa o Souto da Retorta. Segundo o nacionalista a paraxe está abandonada, con árbores derrubadas e con estragos nalgunhas partes do camiño paralelo á canle.

Hai pouco, un veciño reclamaba na prensa intervir n´Os Castelos, no areal de Covas, para refacer con cemento as pontes do que un día quixo ser Club Náutico.

Que se amañe canto antes o do Souto da Retorta.
Que ninguén interveña n´Os Castelos de Covas.

Basta xa de cemento!
Imaxinan, amigas, a O Avó da Retorta furado como a árbore da foto?


Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2009 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
Bruto ( II )

Continuamos coa historia
Bruto, como outros catro pretores locais, non estaba satisfeito co estado da República. César seguía aínda como ditador perpetuo e tiña aprobado varias leis que concentraban o poder nas súas mans. Bruto organizou unha conspiración xunto co seu amigo Cayo P. Longino e outros ediles. Nos idus de marzo, na Curia de Río dos Foles, un grupo de pretores intentaron eliminar a César…
.................................................
Na Hemeroteca do The Vivarium Herald puidemos ler varios capítulos dunha obra drámatica por entregas, da que non se coñece a autoría e que está incompleta, inspirada nestes tristes sucesos. Nunha destas entregas ( a XXVIII, concretamente ) figura a famosa frase Tu quoque, Brute, fili mi ( Ti tamén, Bruto, fillo meu ).
Ao carecer de datos sobre o remate desta historia , queridas miñas, deíxovos polo momento co suspensus. Aló polos idus de outubro, se os deuses nos son propicios, poñerémoslle o ramo.
Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2009 18:26
# Ligazón permanente a este artigo
Bruto ( I )
Recibín moitos emails comentando a reseña que fixen sobre A cava de Illán. Tantos, que unha está sopesando o de se dedicar por enteiro á crítica tabernaria. Algunhas destas lectoras pídenme que as ilustre sobre a historia de Bruto. Recurro á Wikipedia ( xa saben, non é moi fiable ) e copio:

Bruto ( circa 1950 d. d. C. ), xestor de Vivarium na etapa final da República. Foi un dos conspiradores que intentaron, mais semella que sen éxito, a eliminación de César nos idus de marzo do 2009 d. d. C.

Logo da batalla do Folgueiro entre os seguidores de Bruto e Estacus ( que aspiraba a vexetar como pretor en San Marcos ), Bruto escribeu a César pedíndolle clemencia e este perdonouno e mandouno a África a facer fotocopias.
( Continuará )
Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2009 15:07
# Ligazón permanente a este artigo
Máis retretes!
Envíame un correo unha reivindicativa romeira d´ O Naseiro. Trascribo: " Menos watios e más wateres".
Fago as miñas xestións coa Policía Local encargada do evento e confírmanme que para o ano vindeiro o modelo de escusado vai ser o da foto.
"Co papel que aforramos dos sobres das tómbolas--dinme un alto mando da organización--o servizo vai estar garantido e van ter papel dabondo".

A xestión está feita, señora.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-08-2009 13:03
# Ligazón permanente a este artigo
Novo Bar en Viveiro
Segue a serpe de verán arredor das intimidades da familia PoPular. E nestas vai Illán abandona o locutorio e monta un bar. Unha miña queridísima amiga, habitual dos antros tabernarios, estivo alí e envioume un SMS coa foto da fachada ( parede), que reproduzo, e a carta dos cavas:
-Brut Nature, sen zucre engadido ( vai moi ben para as novas afiliadas)
-Extra Brut, até 6 g de zucre por litro ( ideal para avezadas interventoras de mesa electoral).
-Brut, até 15 g de zucre por litro ( adecuado para senadoras primeirizas ).

En que lío se meteu o SERáfico locutor! Montou un circo e medráronlle os ananos. E agora condenado a repartir cava.
Ai!, querían un alcalde Leal e metéron a Pata. O xestor non é certamente un fidalgo mais non é Bruto.
( E xa saben Bruto matou a César, etc…)
Categoría: Xeral - Publicado o 26-08-2009 17:10
# Ligazón permanente a este artigo
Novidades n´ O Naseiro

Cada vez levamos máis cousas para a parceliña que temos n´O Naseiro. Principiamos instalando a cociña de butano, xa hai moito que nos relaxamos nos sofás de skay, da tenda de lona pasamos ao bungalow, do transistor con radiocassete ao iPod, somos catro de familia e temos sete teléfonos móbiles. E watios, moitos watios de son.
A novidade deste ano na romaría foi o ordenador portátil. Eu, para non ser menos que as miñas veciñas, merquei un nas rebaixas.
Así que aquí teñen ao meu lexítimo pateando a parceliña e probando-probando a conexión inalámbrica…
A ver para o ano que cousa inventan para levarmos a O Naseiro!
Categoría: Xeral - Publicado o 25-08-2009 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
Parada

Á volta das miñas vacacións nas illas gregas atópome cunha ateigada Praza de Lugo onde 1543 romeiras agardan o autobús que as levará a Naseiro. O servizo é gratuito, cómodo e rápido.
Cantos avances en tan pouco tempo! Liñas de transporte público ben deseñadas, paradas de Bus perfectamente sinalizadas onde a xentiña agarda relaxada…

Categoría: Xeral - Publicado o 24-08-2009 15:15
# Ligazón permanente a este artigo
Resurrection
Estamos de Resurrection. Todas vestimos de negro e con moita tatuaxe. Todas falamos inglés ou español. O galego non serve. Seguimos así o camiño marcado por Alberto I "El Habichuela". Pobriñas de nós.
Que Deus nos pille confesadas!

( Resurrection Fest 2009 )
Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2009 13:19
# Ligazón permanente a este artigo
NIÑAS DESNUDAS
Hai anos, un comerciante de Viveiro vendo que se aproximaban as datas das festas de agosto e non tiña xénero novo que ofrecer enviou ao viaxante que habitualmente o fornecía de novos modelos de roupa un telegrama co seguinte texto: NIÑAS DESNUDAS SAN ROQUE ENCIMA.
Vén isto a conto porque agora un espelido tendeiro , aproveitando que Viveiro non pode ofrecer aínda nengunha visita aos seus museos por telos pechados—o Etnográfico da Misericordia, o de Arte Sacra , en San Francisco e o de M. Mallo, no Pazo dos Malates—chama a visitar, antes de que reabra a rede museística municipal, “os museos de Viveiro” que seica están nun seu negocio alá polas Xunqueiras.

En cuestión de museos Viveiro está en pelotas. E con San Roque enriba ben deitamos de ousados tendeiros que son quen de abrir dous. Así nun plis-plas .
Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2009 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal