Viveireando


Sitio onde se conserva algunha cousa e donde se propaga.

Contacta
viveireando@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Urban camping ( III )
E como resolvemos o das augas menores ou maiores?

Pois co portable urine.

Uns armándose de paciencia e outros perdéndoa…

Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
Urban camping ( II )
…Pois para instalar estas prácticas tendas que nen pagan imposto de circulación nen precisan de combustibel.

Todo é chegar e encher.

-Óptimo!
-Okey
Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
Urban camping ( I )
Titulo en inglés este post para non desentonar co ambiente e estar a tono co Resurrection Fest, co hardcore, co punk, co metalcore e co tras metal, pois xa se sabe que no noso idioma non se pode dicir “festa”, “violento”, “duro”…

Pois isto vai hoxe de urban camping.

A autoridade municipal que xestiona estes eventos, o Lord Mayor dillei, preocupado pola avalancha de punks, está a reservar moitos metros de aparcadoiro ( en liña ) para dar pousada á tropa.

E a que vén o da reserva en liña?...
Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 14:06
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxeiros ( V ) : Luis Bello visita as escolas de Viveiro
Luis Bello Trompeta , avogado e colaborador en El Sol , xa tiña publicado neste xornal centos de artigos sobre a escola primaria e estaban estes recollidos en tres volumes, cando no ano 1929 viaxa ao noso país.

Dedícalle Bello a Viveiro media ducia de artigos que foron recollidos posteriormente no libro Viaje por las escuelas de Galicia ( Akal Editor, 1973 ). Nestes artigos, Bello dá a coñecer o precario estado no que están as aulas da vila, ubicadas no que fora convento de franciscanos; escribe sobre a obra dos americanos—Vivero y su Comarca—que “acuden a levantar unha carga que non lles corresponde” e louva o traballo de mestres rurais como o que daquela pon escola en Vieiro, Felipe Carnicer, o criador da Biblioteca Popular Circulante.

Luis Bello entrou en Viveiro e comezou “ por ver a vila tal como é, mariñeira máis que labradora, coas súas rúas enlousadas, a súas praciñas de pedra, a súa porta gótica no que foi muralla, as súas igrexas…”

Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2011 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
O tempo
Non hai outra conversa: o tempo.
E estes días están de Sinistro Total: “miña terra galega / onde o ceo é sempre gris…”
Os veraneantes pasean arroupados e as nativas non deixamos de facer a pregunta retórica:
-Abrirá o día?
E non abre, ou abre pola tarde, e pola noite refresca…
Claro, metéronnos na cabeciña que só cun sol que esmecha é cando temos de ir á praia.
Por iso, cando sae “O Tempo” a familia toda está pendente do “parte”.
-Están dando o tempo.
-Xa o vexo por aquí
Categoría: Xeral - Publicado o 23-07-2011 22:22
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxeiros ( IV ) : Españolito tamén pasou por Viveiro
Españolito tamén pasou por Viveiro. Constantino Suárez, maís coñecido por Españolito, porque así asinaba este asturiano as súas crónicas xornalísticas, é autor do libro Galicia, la calumniada, Impresiones de un viaje por Galicia- Guía Espiritual del Viajero. Nesta obra, publicada no ano 1923, dedícalle a Viveiro unhas cantas páxinas. Sinto non ter hoxe á man este libro que lin hai anos. Lembro que Españolito contaba un divertido paseo nun bote polo río Landro, na compaña de varios personaxes da vila.
Españolito entrou no país por Ribadeo e seguiu até Mondoñedo. Despois de visitar Lugo volveu á costa por Vilalba para chegar a Viveiro, que lle semella “unha melancólica e poética visión dun trozo de Venecia”.

Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2011 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
Dous procedimentos para retornarmos ao pasado
Proceso A ( Sen sair á rúa )

1.-Escoller unha fotografía da celebración do Corpus en Viveiro.( Anos cincuenta, século pasado )
2.-Pedirlle ao computador que escanee o documento gráfico.
3.-Ampliar até podermos entrar no ambiente.
Resultado:
Avanza o palio. Señoras con mantilla. Homes con traxe escuro e gravata. Sotanas. Capa pluvial. Autoridades. Uniformes. Tricornios. Xoellos no chan. Hino español.
“Gloria al Divino Cordero/ cantemos llenos de amor/ que en la ciudad de Vivero/ reine por siempre el señor”.

Proceso B ( Saíndo á rúa )

1.-Escoller unha boa posición na terraza dun bar da Ribeira. ( Domingo, xuño, 2011 )
2.-Pedirlle ao camareiro un vermute.
3.-Ampliar o campo de visión até entrar no ambiente.

Resultado:
Avanza o palio, etc.

( As autoridades non son as mesmas persoas, mais practican—que vergoña!—a mesma vasalaxe.)
Categoría: Xeral - Publicado o 18-07-2011 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Xan d´ Iza, o indignado de Viveiro
O mestre Pico de Coaña escribiu Carta a Bastián d´A Pallarega datada en Viveiro no ano 1881. Nesta carta atopamos a historia de Xan d´Izá. Con posterioridade, Donapetry inclue este suceso na súa Historia... e encadra este intento de “implantar o comunismo”—así o califica o cronista—na difícil situación pola que pasaban os labregos aló polo outono de 1812.
Xan Fernández, natural do lugar de Izá, en Cabanas, pertencente entón á xurisdición da Vila, presentouse en Viveiro arroupado por numerosísimos veciños e tomou a casa do Concello expulsando ás autoridades. Desde o balcón preguntolles aos que ocupaban a praza:
-Que queredes?.
-Fóra o dizmo da palla!, berraron os indignados.
-Que máis?
-Fóra o dizmo das fabas e das patacas.
-Feito.
-A sal pola baixa!
-Xusto.

Despois—conta Pico de Coaña—“comeron e beberon ao seu gusto, mais non fixeron mal a ninguén; logo veu a tropa, Izá foi para o cárcere, vendéronlle os seus bens para as costas do proceso e a parroquia de Cabanas tivo que manter os soldados por castigo muito tempo”.
E Donapetry remata así a historia: “ Velaquí como o que soñou e intentou abolir as contribucións e tributos, rematou en vulgar recadador deles”.

Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2011 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxeiros ( III ): Viveiro na Guía de Galicia de Otero Pedrayo
No ano 1926 publícase a Guía de Galicia de don Ramón Otero Pedrayo. Unha, que imaxina a Otero viaxando no ónibus de liña por todo o país, tamén o supón como hóspede do Hotel Villa Venecia.
Otero escribe que a entrada en Viveiro é "un dos máis impresionantes e harmoniosos paisaxes de baía do litoral galego".
Don Ramón describe a Viveiro como unha "cidade, de antiga traza, de rúas enlousadas e prazas silentes" e tamén a "estupenda praia de Covas, de Grallal ou dos Castelos, chamada así polas grandes rochas que a decoran e conceden á praia nos días de tormenta un aspecto de cenario da morte de Tristán e Isolda".
Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2011 11:34
# Ligazón permanente a este artigo
Atasco na tasca...
…ou overbooking na terraza.

Laura M. , 28 anos, nai de dous xemelgos, empurra o carriño coas crianzas pola beirarrúa esquerda da “Avenida Canta-rra”. Pagou relixiosamente os impostos municipais e fixo a súa declaración da renda en tempo e forma. O carriño dos seus bebés está debidamente homologado…
Fernando R., 37 anos, minusválido, solteiro, circula en cadeira de rodas pola mesma beirarrúa. Tamén cumpriu puntualmente coas súas obrigas fiscais, ecétera…
Luís F. , 73 anos, xubilado, sempre andivo a pé. Agora pasea, cumpridor onde os haxa de todas as normas municipais, ecétera...
Todos eles, ao chegaren a altura dun Mesón e sen ter sido previamente avisados polo sinal ( “Atención: zona de concentración de comensais” ), fican presos no improvisado comedor. Nen para adiante, nen para atrás...
Ninguén acode na súa axuda. Os nenos berran. Laura reclama. Fernando maldice. Luís rosma. Un camareiro esquiva mesas e pedidos. Outro coloca o para-sol.. O mesoneiro conta disimuladamente as moedas do peto.Un progre predica sobre as vantaxes da libre circulación…

Si home sí, as vantaxes da libre circulación!
Categoría: Xeral - Publicado o 10-07-2011 16:04
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal