Unha siareira de VIVEIREANDO envíame un correo pedíndome que, de ser posible, adiante algo do discurso do monarca.
Mergúllome na Rede na percura do solicitado e algo atopo.
O que unha non sabe é si isto serve de adianto ou, pola contra é, simplemente, a crúa REALidade.
Deixáronme sen pregón nadaleño, sen desfile do gordo da Cacacola, sen Belén…e estou desorientada. Á hora de chatear—no bar—paseime un pouco coas copas e perdín o equilibrio en plena rúa de Abaixo. A culpa tívoa o godello, os tacóns de agulla e un tapete verde medio embrullado polo vento que agora lles dá por poñer na entrada das tendas para que te enfociñes contra a arboriña de natal.
Non me tocou a lotaría do PPOE, destraguei unha roda do meu utilitario nunha fochanca do paseo marítimo, mangáronme o paraugas no bar no que boto a partida, apañei unha molleira das de antes e cando quero chatear—en Internet—o asunto non vai. Probo, por se funciona, coa tan anunciada wi-fi municipal a ver se pesco algo na Rede, e tampouco.
Impávida asiste unha ao cruzamento de comunicados entre socios. Os recados publícanse nas páxinas de información local. E unha servidora, querendo averiguar se estamos en guerra, recorre a Cantinflas:
“…estamos en guerra porque xa estamos…Razóns fundamentais que todo o conglomerado debe entender, e son tres: a primeira, a segunda e a terceira. Que cousas verdade? Pois así é…”
Hai queixas polo frío que suportan as traballadoras da planta baixa do Consitorio. Levan razón.
Bótanlle a culpa á porta principal e o goberno xa baralla varias alternativas para dar solución a este problema. Disque o rexidor consultou a tarifa de prezos dunha coñecida suministradora de bufandas. Os concelleiros IVIcencos, nada partidarios destas faixas que protexen o pescozo do frío—están acostumados a outro clima—preferirían facer un cambio de porta.
En fin, é un debate apaixoante que de seguro se fará co asesoramento dos técnicos do Concello. Se cadra cumpriría convocar un concurso de ideas…quen sabe. E se o convocan hei de lle enviar recado por un propio a un meu curmán, inventor afeizoado de todo tipo de artiluxios de dubidosa utilidade—o maís coñecido é a bufanda para guiar un vehículo co brazo de fóra—para que contribua a causa.
Unha, de verdade, está certa de que antes de rematar a tempada de inverno, o problema vai estar solucionado