Hoxe, martes e 28 de decembro, uns técnicos da Xunta revisaron os artefactos da Travesía da Mariña. Constataron que datan dos últimos anos do século pasado e que, contrariamente ao que se cría, non son recipientes subterráneos para gardar o lixo. Segundo manifestou un dos dous inspectores chegados de Compostela, a aparataxe agora catalogada é un conxunto de cinco urnas electorais que nunca foron utilizadas.
Agardo impaciente a publicación do habitual artigo do concelleiro de Propaganda Semanal, probabelmente intitulado “CAL é a túa urna? ”, para sabermonos, dunha vez por todas, en CAL temos que votar.
Pasou un ano máis no que viveireamos como mellor puidemos neste mundo do revés no que nos tocou navegar.
E neste tempo interviron, desde as súas poltronas e cada dous por tres, os falabaratos.
E quixeron distrair a nosa atención meténdonos polos ollos inuteis polémicas.
“Cada un vai ao seu menos eu que vou ao meu”, dixo o outro.
Mais o rato algún día hase vingar.
Non se fala doutra cousa.
Que se alí entraron a roubar , que acolá volveron a intentalo.
Mentras nos entreteñen con estes asuntos, non falamos da crise, nen do paro, nen da xubilación aos 67 …e agora, tumba e dálle co dos controladores.
Chove…
E para a veciñanza de Landrove que sofre os asulagamentos do río, “Chove sobre mollado”.
E un idoso, pensa: “Xa choveu!”
( Calculando os anos que pasaron desde que destragaron o río cos recheos).
E os responsábeis da desfeita, impasíbeis, “coma quen oe chover”.
E o señorito da vila paseando co paraugas: “Por min que chova”. "Nunca chove a gusto de todas” di a que está ben resgardada.
E aínda haberá quen diga: “ A esta chóvelle no tellado e non se dá conta”
Efectivamente. Hai uns minutos unha alma caritativa filtroume un novo documento avalado por Wikileaks.
Trátase da transcrición dunha conversa captada na barra dun coñecido bar de Viveiro. Interveñen tres ases da diplomacia do partido gobernante. O asunto que os ocupa é a chamada “crise do Belén”. A conversa é en castrapo polo que, para lles evitar a tortura que suporía a súa reprodución íntegra, resumo:
-…
-Y si la Clinton ( nome en clave ) da pa tras, ¿ qué te nos queda?
-Olvídate del tamaño al natural, a estas alturas, te estamos con la plaza ocupada y la caja sin un can…
- Me cago na tos. Pues pasamos al plan B. Nena: compra un de Playmobil!
Hai pouco pasei pola Travesía. Andaban xa colgando os adornos nadaleños.
Canta máis crise máis ornato.
Asi que todo fica moito ben. Mesmo o novo semáforo. Moi apropiado para unha difícil Travesía empantanada a todas horas con autos en dobre e triple fileira.
Parabéns.
O que é para o tute é para a brisca!
Se cadra, podería unha hoxe escribir sobre a neve. " Está Viveiro nevado...tal e que sei eu", e colgar tamén a branca fotografía. Mais isto xa o han facer até o fastío televisións e xornais.
Unha quer escribir hoxe sobre o asalto. O que perpetran, día si e día tamén--agochándose detrás do Señor Mercado--os gobernos do PPOE: uns suprimindo axudas ás persoas en paro e privatizando servizos; outros, desmantelando o Hospital en beneficio de clinicas privadas, mantendo esa obsoleta estrada da Costa e mareando a perdiz coa chamada Variante de Viveiro.