Viveireando


Sitio onde se conserva algunha cousa e donde se propaga.

Contacta
viveireando@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo Bar en Viveiro
Segue a serpe de verán arredor das intimidades da familia PoPular. E nestas vai Illán abandona o locutorio e monta un bar. Unha miña queridísima amiga, habitual dos antros tabernarios, estivo alí e envioume un SMS coa foto da fachada ( parede), que reproduzo, e a carta dos cavas:
-Brut Nature, sen zucre engadido ( vai moi ben para as novas afiliadas)
-Extra Brut, até 6 g de zucre por litro ( ideal para avezadas interventoras de mesa electoral).
-Brut, até 15 g de zucre por litro ( adecuado para senadoras primeirizas ).

En que lío se meteu o SERáfico locutor! Montou un circo e medráronlle os ananos. E agora condenado a repartir cava.
Ai!, querían un alcalde Leal e metéron a Pata. O xestor non é certamente un fidalgo mais non é Bruto.
( E xa saben Bruto matou a César, etc…)
Categoría: Xeral - Publicado o 26-08-2009 17:10
# Ligazón permanente a este artigo
Novidades n´ O Naseiro

Cada vez levamos máis cousas para a parceliña que temos n´O Naseiro. Principiamos instalando a cociña de butano, xa hai moito que nos relaxamos nos sofás de skay, da tenda de lona pasamos ao bungalow, do transistor con radiocassete ao iPod, somos catro de familia e temos sete teléfonos móbiles. E watios, moitos watios de son.
A novidade deste ano na romaría foi o ordenador portátil. Eu, para non ser menos que as miñas veciñas, merquei un nas rebaixas.
Así que aquí teñen ao meu lexítimo pateando a parceliña e probando-probando a conexión inalámbrica…
A ver para o ano que cousa inventan para levarmos a O Naseiro!
Categoría: Xeral - Publicado o 25-08-2009 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
Parada

Á volta das miñas vacacións nas illas gregas atópome cunha ateigada Praza de Lugo onde 1543 romeiras agardan o autobús que as levará a Naseiro. O servizo é gratuito, cómodo e rápido.
Cantos avances en tan pouco tempo! Liñas de transporte público ben deseñadas, paradas de Bus perfectamente sinalizadas onde a xentiña agarda relaxada…

Categoría: Xeral - Publicado o 24-08-2009 15:15
# Ligazón permanente a este artigo
Resurrection
Estamos de Resurrection. Todas vestimos de negro e con moita tatuaxe. Todas falamos inglés ou español. O galego non serve. Seguimos así o camiño marcado por Alberto I "El Habichuela". Pobriñas de nós.
Que Deus nos pille confesadas!

( Resurrection Fest 2009 )
Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2009 13:19
# Ligazón permanente a este artigo
NIÑAS DESNUDAS
Hai anos, un comerciante de Viveiro vendo que se aproximaban as datas das festas de agosto e non tiña xénero novo que ofrecer enviou ao viaxante que habitualmente o fornecía de novos modelos de roupa un telegrama co seguinte texto: NIÑAS DESNUDAS SAN ROQUE ENCIMA.
Vén isto a conto porque agora un espelido tendeiro , aproveitando que Viveiro non pode ofrecer aínda nengunha visita aos seus museos por telos pechados—o Etnográfico da Misericordia, o de Arte Sacra , en San Francisco e o de M. Mallo, no Pazo dos Malates—chama a visitar, antes de que reabra a rede museística municipal, “os museos de Viveiro” que seica están nun seu negocio alá polas Xunqueiras.

En cuestión de museos Viveiro está en pelotas. E con San Roque enriba ben deitamos de ousados tendeiros que son quen de abrir dous. Así nun plis-plas .
Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2009 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
Reapertura
Como vemos na imaxe captada deste a praia de Covas o aeroporto d´O Cembedo xa volve a funcionar. A chegada do charter fletado polos veraneantes de Madrid despertou unha grande expectación entre os bañistas. A aterraxe, fóra das pequenas molestias soportadas polos residentes do xeriátrico, os campistas e os animais dun circo italiano—un elefante, dous monos papuinos e unha ghaliña de Ghinea— foi perfecta.
Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2009 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Predición do tempo para mañá

Sen comentarios.
Categoría: Xeral - Publicado o 23-07-2009 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
Bancada
Como todos os anos por estas datas, estou feliz. Xa se empeza a animar a Praza Maior. Co seu toldo negro de excelencia turística que axiña branquearán as gueivotas, a estatua de Pastor rodeada de cables, as bancadas para os xubilados...
Por certo, observen como o pasan os nosos maiores. Algúns pensan que as bancadas son para facer ximnasia...
Categoría: Xeral - Publicado o 22-07-2009 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuvia
Chove.
"La gente se queixa", dicía a señora Cesárea. "Que lle imos facer!", engadían as máis conformistas. Eu, por aportar algo ao debate, rescato esta viñeta do 2007.
E segue chovendo.
Categoría: Xeral - Publicado o 22-07-2009 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
Pasando o ferro ( e II )
Aí o tendes. Un dos aventaxados alumnos do nocturno obradoiro Como alisar a roupa ( Iniciación ), realizado nos claustros de San Francisco. Non todos o conseguiron mais este obtivo un sobresainte cum laude. Os meus parabens á Concellaría do Home organizadora do evento.
Categoría: Xeral - Publicado o 11-07-2009 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal