Viveireando


Sitio onde se conserva algunha cousa e donde se propaga.

Contacta
viveireando@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

E foi a pique...
Nas páxinas necrolóxicas dos xornais vén hoxe a nova da morte d ´A Pomba, a fermosa embarcación atacada única e exclusivamente pola desidia municipal e gobernativa.
Que non boten balóns fóra, eu non pico.
Os de PORTOS non poden cargar con este morto.
Lembren un meu comentario--en xaneiro pasado--onde dicía: " A nefasta xestión foi a pique".
E foi a pique, ou non?
Categoría: Xeral - Publicado o 04-10-2011 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
De familias numerosas
No semanario local atópome cunha foto de familia. ( “Medio siglo de veraneo en Covas” ). Seica son máis de cen—12 avolitos, 46 fillos e 56 netos—e non están todos porque, nesa altura, algúns dos ausentes andaban ocupados na piedosa tarefa de voluntariado nas Xornadas Mundiais da Xuventude co Papa.

Unha nunca podería redixir un pé de foto como o do semanario mais, postas a presumir de familia, e quen de comentarlles o vídeo coa que as agasallo e que foi gravado na casa petrucial.

Cóntolles. Somos, tamén, familia numerosa e virtuosa que vive en harmonía. Dispomos dun grande salón onde tomamos café e outros refrixerios. Estamos todos informatizados e vivimos a música con paixón. Compróbeno vendo como un dos meus tíos--o do pelo branco--batuta en man, diríxe unha das pezas que mellor nos saen.

Así é. A nosa familia non sae nos ecos de sociedade do semanario nen anda ocupada en visitas pontificias. Contodo, postas a presumir, xa se ve que o noso é a música… celestial.


Categoría: Xeral - Publicado o 27-09-2011 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxeiros ( VI ) : Fernández del Riego
Francisco Fernández del Riego, o escritor de Vilanova de Lourenzá, conta nun dos seus libros de viaxes ( Galicia, 1992 )—en realidade, unha superposición de viaxes, realizadas en diferentes épocas por todo o país—o seu paso por Viveiro.
O escritor—persoalizado como Ramón Sanfiz—exerce de guía de tres bretóns que viaxan nun Renault e chegan á nosa vila desde o país do Valadouro.

“ Os visitantes divagan polas vellas rúas enlousadas, angostas, pinas, e polas pequenas prazas silandeiras…”
“... É, máis ou menos, a hora de xantar. No comedor dunha limpa tasca degustan os comensais unhas luras de finura incomparable. A súa tinta ten un saibo doce e persistente que vén ser o seu encanto…”
“…No Penedo do Galo albiscan a popular ermida de San Roque. Contemplan o esteiro de prodixiosa policromía, augas enriba dos arcos da ponte. Detéñense un momento para admirar como a maré ascendente se mestura coa corrente fluvial do Landrove. Dóense de non subir, por falta de tempo, ao monte Mirador ( sic ) que atalaia a ría”.
Categoría: Xeral - Publicado o 27-09-2011 20:17
# Ligazón permanente a este artigo
Aló van os cen días
Os gobernos municipais nacidos no pasado mes de xuño cumpren os seus primeiros cen días de vida.
Agardando as sisudas valoracións sobre o labor de goberno que axiña se han publicar, unha aínda anda á percura do documento asinado polos socios de goberno no Concello de Viveiro. E non o atopa.
Como acostuma á hora de ilustrar os comentarios, tamén escolle da rede algún documento gráfico. O que copia é unha foto publicada nun xornal onde aparecen, nun restaurante, os cociñeiros do pacto. E cando intenta colgala aquí...—xúrallelo pola alma de Bill Gates—resísteselle e non hai maneira...
No seu lugar entra—unha e outra vez—o vídeo dos Marx, aquel da parte contratante…

Estache ben o conto!


Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2011 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
Responsorio
En Viveiro nada se fai sen que un cura nos bote un responso. Antonte, para conmemorar o bicentenario do nacimento de Nicomedes Pastor, tamén houbo cura e responso.

Por que non é posíbel organizar un acto laico?. Lembran cando o Concello deu unha misa polo pasamento de Maruxa Mallo, a descrida pintora de vida transgresora?.

Co responso, co hisopo e coa auga bendita, amañamos todo.

-Pois nós encargamos un responso—replican na Casa Constorial—pola alma en pena do Plan Xeral de Urbanismo...

-Bótelle un responsiño—pide o vendedor municipal de fumes—polas intencións da auditoría externa e tamén pola interna...

-Un responso polos desaparecidos Orzamentos Xerais do Concello do ano en que andamos e outro polo que virá, cando veña...—reclaman os da oposición municipal.

-Unha birra 1906 e unha Coca—ordenan no bar—con dúas racións de Responsos ao lambe-lambe..

-Oído, cociña !
Categoría: Xeral - Publicado o 17-09-2011 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
Nemo propheta in patria sua
Seica onte foi día de lectura pública de textos da autoría de Nicomedes Pastor e unha, que nunca deixa de amolar, escolmou—da carta que o poeta enviou a Neira de Mosquera, en 1851—as seguintes liñas:

“…Se por Galicia fose, o meu nome non figuraría xamais nos acontecementos do país. Unha única vez, mercé a circunstancias moi especiais que non podo examinar agora, fun deputado pola Coruña.Moi breves días. Na reelección daquela deputación, xa tiven que procurar unha patria política fóra da miña terra natal. Na elección por distritos, a vila na que nacín, a vila onde nin por envexa dunha fortuna que non posúo, nin por odio de mal que fixera xamais a ninguén, non debería eu esperar adversarios, a vila que mesmo literariamente celebrara, e embelecera, a vila que me coñecía liberal desde a miña nenez, debín esperar que me nomeara o seu representante. A miña vila deulle os votos a don Antonio Coira ( … ) E afasteime dela para sempre, con tristeza, pero sen odio e sen fel”.
Categoría: Xeral - Publicado o 16-09-2011 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Nicomedes Pastor fóra do pedestal
( Ou a miña pequena e particular homenaxe ao poeta )

Agora que se cumpren, etc.,etc...
...imaxino a Nicomedes Pastor fóra do seu pedestal, á beira do Landro, limpo do excremento da gaivota carrañeira, n´A ALBORADA, cando sopra unha leve brisa que lle move a levita...
...

"Verásme aquí cantando,
Xunto estas augas craras, estas penhas,
Verásme aquí agardando
Que se rompan as lúgubres cadenas
D´a noite que m´aparta
De quén nunca á alma miña se véu farta".

...

( Nicomedes-Pastor Diaz Corvelle, A ALBORADA, 1828 )
Categoría: Xeral - Publicado o 11-09-2011 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
Visitantes
Agardando a inevitábel comparecencia pública na que nos fornecerán dos datos oportunos sobre o número e as nacionalidades dos visitantes da tempada estival que agora remata, eu boto as miñas contas.
Non sei se a Viveiro se achegaron máis ou menos visitantes que o verán pasado. Non sei se a crise económica se deixou notar. Non sei se o tempo meteorolóxico que nos tocou este verán influiu ou non…
O que si sei e que as estradas, as rúas, as pistas e as corredoriras estiveron cheas de vehículos de todo tipo, a Travesía foi un aparcadeiro en triple fileira e as sereas das policías funcionaron a cotío.
Vin tamén moitas autocaravanas. Á xente dálle agora por levar a casa ás costas. E se non que llo pregunten a este guicho que sorteou con habilidade Cantarrá e a caótica Travesía que nos toca sofrer.
Categoría: Xeral - Publicado o 09-09-2011 20:25
# Ligazón permanente a este artigo
Rosario festivo
Atopárono durmindo a mona. Había horas que a chuvia dera por reamatada a 2ª Xornada da Festa Pirata.
Cando o interrogaron, non soubo decir nen como se chamaba. As súas explicacións eran inconexas. Contaba que chegara a unha praia urbanizada nun desembarco ao estilo renacentista ( ou medieval )—nisto non se aclaraba—e que andivera dando tumbos de sarau en sarau. Lembraba con vaguidade moitas horas de romaría nunha paraxe de plástico negro ao pé dun río con pouca auga e con moito alcohol. Demostraba—por ter as calzas chamuscadas—que saltara a fogueira e o cheirume que botaba, a sardiñas asadas polo San Xoán, era inconfundible. Usaba como roupa interior unha camisa negra da última resurrection hardcore e unhas botas vaqueiras mercadas na Rapa das Bestas. De cando en vez interrumpía o seu desordedenado relato para cantar, a cachos, algunha das cancións do último Festival do Landro, púñase a bailar pasos de xota aragonesa ou arrancaba por bulerías…

-A este—dixo o espelido axente da patrulla que o interrogaba—xa o vin eu en maio cunha boa tallada na festa de Chavín.

-E despois dín que hai crise—terciou a súa parella, que era muller—e este leva ruando, de festa en festa catro meses…

-E o que “te rondará, morena”—conclueu, incansable—o guicho.
Categoría: Xeral - Publicado o 04-09-2011 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
Cheiros
As queixas da veciñanza fanse ouvir. Os cheiros en Celeiro e en Area están sendo investigados polos especialistas municipais do C. S. I. ( Cheirumes Sen Identificar ).
Unha, que non quer ser un estorbo, non vai facer nengún tipo de suposición mentres os técnicos elaboran o correspondente “mapa de olores” que ha ser presentado en sociedade un día destes.
Hoxe só boto man da fraseoloxía e solidarízome cos sofredores contribuintes facilitándolles frases feitas para a ocasión:

-“Nen cheira nen fede”. ( Para cando teñan que calificar ao político que non é unha cousa nen outra ).
-“Todo lle cheira, nada lle ole”. ( Para se referir ao que protesta porque protestan ).
-“Xa cheira”. ( Para exprersar o aborrecemento por algo que se repite e non se dá solucionado ).
Categoría: Xeral - Publicado o 03-09-2011 18:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal