Viveireando


Sitio onde se conserva algunha cousa e donde se propaga.

Contacta
viveireando@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ARRENDEINO
Case un ano e medio sen viveirear.
E agora vén un ghicho e dime se llo traspaso.
Pois si.
Pretende facer outro VIVEIREANDO aberto ao mundo.
Que cousas!
O armante é un vellote que está aprendendo a navegar pola Rede.
A ver o que lle dura o choio!
E se queredes seguilo, miñas amigas, tendes que clicar

http://www.agullademarear.wordpress.com
Categoría: Xeral - Publicado o 01-05-2013 20:00
# Ligazón permanente a este artigo
Viva a Banda!
Nalgunha ocasión teño escrito sobre a Banda de Música de Viveiro. E agora que está a pasar por unha etapa difícil, non vou deixar de facelo.
Considero que o apoio económico a esta agrupación musical—para mín a máis importante de Viveiro—debe ser unha prioridade para as institucións.
Se na Consistorial teñen que retallar poden facelo deixando de programar espectáculos resesos co refugallo de grupos xa caducos que aínda viven de rentas dunha movida que nunca existiu.
Así que, menos frases feitas e a cumprir. Que a Banda de Música non existe só para ser utilizada á hora de interpretar o hino español na procesión de Corpus, arroupar coronacións de virxes ou correr detrás da comitiva oficial.
As que desfrutamos dos seus concertos queremos que sega gozando de boa saúde musical.
E co permiso de Abella colgo aquí o vídeo da última actuación da Banda de Música de Viveiro.
Que lles preste!




Categoría: Xeral - Publicado o 15-01-2012 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Agasallo
Hai uns días deixounos a Cesaria Evora.
Unha nunca puido escoitala nun teatro mais, como "hoxe é Natal", imaxínoa a cantar asi no Pastor Díaz.

Que lles preste este meu agasallo!


Categoría: Xeral - Publicado o 25-12-2011 11:28
# Ligazón permanente a este artigo
Discurso do rei ( Adianto )
Unha siareira de VIVEIREANDO envíame un correo pedíndome que, de ser posible, adiante algo do discurso do monarca.
Mergúllome na Rede na percura do solicitado e algo atopo.
O que unha non sabe é si isto serve de adianto ou, pola contra é, simplemente, a crúa REALidade.



Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2011 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
Desgracias
Deixáronme sen pregón nadaleño, sen desfile do gordo da Cacacola, sen Belén…e estou desorientada. Á hora de chatear—no bar—paseime un pouco coas copas e perdín o equilibrio en plena rúa de Abaixo. A culpa tívoa o godello, os tacóns de agulla e un tapete verde medio embrullado polo vento que agora lles dá por poñer na entrada das tendas para que te enfociñes contra a arboriña de natal.
Non me tocou a lotaría do PPOE, destraguei unha roda do meu utilitario nunha fochanca do paseo marítimo, mangáronme o paraugas no bar no que boto a partida, apañei unha molleira das de antes e cando quero chatear—en Internet—o asunto non vai. Probo, por se funciona, coa tan anunciada wi-fi municipal a ver se pesco algo na Rede, e tampouco.

O dito, unha desgracia.
Categoría: Xeral - Publicado o 23-12-2011 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
Andan á guerra?
Impávida asiste unha ao cruzamento de comunicados entre socios. Os recados publícanse nas páxinas de información local. E unha servidora, querendo averiguar se estamos en guerra, recorre a Cantinflas:

“…estamos en guerra porque xa estamos…Razóns fundamentais que todo o conglomerado debe entender, e son tres: a primeira, a segunda e a terceira. Que cousas verdade? Pois así é…”

Categoría: Xeral - Publicado o 06-12-2011 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
Bufandas
Hai queixas polo frío que suportan as traballadoras da planta baixa do Consitorio. Levan razón.
Bótanlle a culpa á porta principal e o goberno xa baralla varias alternativas para dar solución a este problema. Disque o rexidor consultou a tarifa de prezos dunha coñecida suministradora de bufandas. Os concelleiros IVIcencos, nada partidarios destas faixas que protexen o pescozo do frío—están acostumados a outro clima—preferirían facer un cambio de porta.
En fin, é un debate apaixoante que de seguro se fará co asesoramento dos técnicos do Concello. Se cadra cumpriría convocar un concurso de ideas…quen sabe. E se o convocan hei de lle enviar recado por un propio a un meu curmán, inventor afeizoado de todo tipo de artiluxios de dubidosa utilidade—o maís coñecido é a bufanda para guiar un vehículo co brazo de fóra—para que contribua a causa.
Unha, de verdade, está certa de que antes de rematar a tempada de inverno, o problema vai estar solucionado
Categoría: Xeral - Publicado o 03-12-2011 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
Montarase o Belén?
Desde hai uns poucos anos, e por estas mesmas datas, algúns viveirenses fanse esta piedosa pregunta:

-E montarase o Belén?

A unha servidora, impía como xa saben, que se instale ese Belén, nada lle preocupa. Mais, ten por seguro. que é outro belén o que se vai montar...
Co permiso dos levadores , de Goldman e de Sachs.

Que llo pregunten a Mariano...


Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2011 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
Xornalismo
O escritor Joseba Sarrionaindía fai, en Ni ez naiz hemengoa , un percorrido polos titulares do diario Moniteur Universel que no mes de marzo de 1815 segue o avance do ex -emperador Napoleón Bonaparte cando, recluido na illa de Elba, decide reunir aos seus e voltar a París:
Día 9: “ O monstro fuxiu do seu desterro”
Día 10: “O ogro corso desembarcou en Cape Jean”
Día 11: “…a súa miserable aventura rematará, como a dos delincuentes, nas montañas”
Día 12: “ O monstro chegou até a cidade de Grenoble”
Día 13: “O tirano está na zona de Grenoble e Lyon. Todo o mundo está aterrado…”
Día 18: “O usurpador ousou achegarse…”
Día 19: “…achégase con paso veloz, mais élle imposible entrar en París”
Día 20: “Napoleón chegará mañá ás murallas de París”
Día 21: “O emperador Napoleón está en Fontainebleau”
Día 22: “Onte pola tarde a súa Maxestade o Emperador fixo a súa entrada pública nas Tullerías. Nada pode superar este regocixo universal”

E digo eu: atentas todas aos titulares despois do 20-N.
Categoría: Xeral - Publicado o 19-11-2011 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
Actuación
Onte pasou polo Teatro Pastor Diaz o cantante Pepe Blanco que interpretou, entre outras, "Cocidito madrileño", "Madrid tiene seis letras"...Estáche boa navalla!

Metín os pés polas mans e pido desculpas. O cantante da actuación foi outro, pois este é da época do vinilo. O que actuou onte é o que ornea aquilo de “Santa Marta tiene tren, Viveiro tiene tranvía”, “AVE María”…

Insisto: Estáche boa a navalla!
Categoría: Xeral - Publicado o 18-11-2011 19:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal