A FONTE DAS BRUXAS


LEMBRANZAS
Aló, no medio do monte, un neno de pantalóns curtos. A un lado pace o gando no verde e ó outro, máis adiante, no fondo da imaxe que forma a lembranza, unha ringleira de chopos e frondoso arboredo debuxa sinuosa a ribeira. Alí, nalgún recuncho entre a raizame e as pedras , un fío de auga fría vértese amodiño no río. Un halo de misterio permanece dende entón no recordo polo nome que a xente do lugar lle dá a esa fontiña. Alí, máxica, chora no Mao “A Fonte das Bruxas”.

O meu perfil
afontedasbruxas
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ATURULOS
Xa se escoitan nos camiños,
xa os escoito aturular,
alugados e fouciños
acó veñen a segar.

Veñen de lonxe os seus pasos,
lonxe deixaron o lar,
o sol queimándolle a fronte
premendo a fouce nas mans.

Cantando polo camiño
á chousa chegando van,
veñen face-la seitura,
é a colleita do pan.

Levan nos seus aturulos
medicina para curar
a saudade que padecen
no seu duro camiñar.

E nos aturulos teñen
menciña para acougar
dores por andar tan lonxe,
ai, tan lonxe do fogar.
Comentarios (0) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 18-02-2012 08:16
# Ligazón permanente a este artigo
EU VINO
E vexo o tempo,
olla, olla ben.
Non o ves?
Aló, riba do pensamento,
trala mirada dos soños.
Aló, naquela artesa,
trala cociña, lonxe da brisa.
Non o ves?
Aló, no bruar dos carballos,
nos olores das xestas.
Eu vino,
olla…
Aló, tralas noites sen lúa,
noites pechadas dun inverno frío.
Olla, olla ben. Non o ves?
Fíxate ben!
Aló, nas pegadas do camiño,
nas rodeiras do carro,
nos xugos, nas cangas…
Aló, lonxe, moi lonxe,
nos prados, nos valados,
nos outeiros…
Aló, lonxe, moi lonxe,
aló o vexo,
aló, o tempo.

Comentarios (2) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 03-02-2012 00:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal