A FONTE DAS BRUXAS


LEMBRANZAS
Aló, no medio do monte, un neno de pantalóns curtos. A un lado pace o gando no verde e ó outro, máis adiante, no fondo da imaxe que forma a lembranza, unha ringleira de chopos e frondoso arboredo debuxa sinuosa a ribeira. Alí, nalgún recuncho entre a raizame e as pedras , un fío de auga fría vértese amodiño no río. Un halo de misterio permanece dende entón no recordo polo nome que a xente do lugar lle dá a esa fontiña. Alí, máxica, chora no Mao ?A Fonte das Bruxas?.

O meu perfil
afontedasbruxas
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ESPERTA!
Con bágoas nos ollos,
ao verte tan lonxe,
lembrámosche agora
pois non che esquecemos
os que andamos fora.
Mais hai xente dentro
que che aperta a gorxa
e no teu recuncho
acóchaste soa.
Esperta Galicia
e pon sangue novo!
Moita xente boa
tes no teo pobo
para alumar o camiño
e saír destas corgas
nas que andas amodo.

De "Poemas do Piteira (I)"

Safe Creative #1009087278110
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2010 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
A FONTE DO OUTEIRO
Xa hai máis dun outono que me saíron estes versos que, aínda que xa publiquei nalgún outro espazo dixital e ande por aí nalgún papel, impreso, gardado nalgún caixón ou voando o louco empuxado pola brisa dalgún vento; aínda que así sexa e non teña tampouco unha mala fotografía para poñer darriba deles e foran así algo mellor acompañados, viñéronme moitas ganas de poñelos aquí e aquí os deixo para que vós deixedes neles, se así vos parece, o voso comentario, que hei de agradecer moito.



A FONTE DO OUTEIRO

Esa fonte que hai no outeiro
pretiño da miña casa,
esa fonte está soíña
que ninguén vai visitala.
Nacía nela, fresquiña,
unha auga limpa e ben clara,
unha auguiña que eu bebía
sen sede, só por probala
e senti-la súa vida
correndo pola garganta.

Esa fonte que hai no outeiro
pretiño da miña casa.

As risas dunhas mulleres
que de xeonllos estaban
ó pé dos seus lavadoiros
torcendo roupa mollada
chegan ó meu pensamento,
veñen soas, sen chamalas,
cunhas baldetas ben cheas
que na cabeza levaban,
andando polo carreiro,
ergueita a súa mirada,
foron á fonte primeiro
e volven da fonte á casa.

Esa fonte que hai no outeiro,
que por ela xa non pasan
lavadoiros de madeira
que unhas mulleres levaban
nin mociños calorosos
que nela se refrescaban,
esa fonte que hai no outeiro
xa non ten auguiña clara
e as herbas do monte bravo
déixana toda atoada,
acóchana dos meus ollos,
alónganma da mirada.

Fentos, silvas e carqueixas,
piornos, toxos e xestas
enceréllanse hoxe nela;
aínda que moito medren
non poderei esquecela.
Comentarios (4) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 07-10-2010 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0