A FONTE DAS BRUXAS


LEMBRANZAS
Aló, no medio do monte, un neno de pantalóns curtos. A un lado pace o gando no verde e ó outro, máis adiante, no fondo da imaxe que forma a lembranza, unha ringleira de chopos e frondoso arboredo debuxa sinuosa a ribeira. Alí, nalgún recuncho entre a raizame e as pedras , un fío de auga fría vértese amodiño no río. Un halo de misterio permanece dende entón no recordo polo nome que a xente do lugar lle dá a esa fontiña. Alí, máxica, chora no Mao “A Fonte das Bruxas”.

O meu perfil
afontedasbruxas
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

HOMENAXE A MANUEL MARÍA
A AnasAnast Aranfa sosten o libro no que ela tamén participa cun fermoso relato.
Anastàsia Aranda sostén o libro,
no que ela tamén participa cun
fermoso relato:SOIDADE


Este poema foi escrito especialmente para
"Manuel María, libro colectivo de homenaxe
no seu día das Letras Galegas, 17 de maio de 2016".
O proxecto coordinouno o José Estevez
cunha dedicación ilusionada que ao fin
foi recompensada coa sua publicación
no mes de xuño de 2017.
O libro contén máis de 500 aportacions. Debuxos,
poemas, etc.,de todos os sectores: culturais, políticos, sindicais...
Inclúense as das rapazas e rapaces dos centros
educativos da Terra Cha.
Case seiscentas páxinas cheiñas de arte.

(A día de hoxe aínda non saíu a venda,
mais agardo que sexa pronto e todos
poidades gozar da súa lectura)




A RIBAS PEQUENAS

Piteira.


Ribas Pequenas é unha aldea do concello de Bóveda,
a uns once quilómetros de Monforte de Lemos.
Nela nacín, na “Casa de Piteira” e nela pasei, cos avós,
os meus primeiros anos.



Non canta na Chá ninguén,
escribícheslle á morriña...
a Chá de Ribas, tamén,
cala na lembranza miña.

Eu na Chá de Ribas vía
aquel carriño cantar...
Teu carro, Manuel María,
teu carro non vai calar!

E nas pedras xa rechía
a roda co ferro dando,
mentres o eixo asubía
vai o carro camiñando.

Ai soidades, ai soidades,
nunca me ides deixar?
A carón de min andades
sen deixarme respirar.

Tan lonxe de ti me vexo,
mais tan pretiño ti estás!
Ai, lonxe por non chegarche;
preto, pois no peito vas.

Ribas Pequenas, terriña,
o primeiriño que eu vin,
non che esquezo, queridiña,
aldeíña onde eu nacín.



SOIDADE

Anastàsia Aranda



“Ollada a Terra Chá dende as alturas
é semellante a un mar en calma ...”

Arrodeada de mar, no frío da noite. Alagada da dozura das amendoeiras.
Así nacín eu.
Mans e pes de aroma de meniña. Pel de pexego asucada de infancia rematada de inventar, estouro de luz do ceo da miña terra.
Colores vivos, nítidos, claros coma non hai máis ningures.
Onde agora estou vexo o mesmo mar e aló, lonxe, un fío da miña terra bañada polas mesmas ondas que van e veñen mollándome os pes darriba da area fría. Suaves ondadas de brisa de romeu case en flor, de mimosa florida, mestura de perfumes de inocencia.
Este Sol de inverno que anhelaba quentarme a cara, pechados os ollos, as mans estendidas que queren tocar os olores que nadan na escuma que atrápame e lévame. Atraveso verdes e azules cara o fío de terra.
Chego alá, ao bosque de amendoeiras que me agarda. Alá onde paseaba pola doce aroma da alfombra de flores brancas e rosadas. Atravesándoo atopo a casa coas fiestras de aire claro que mira cara os arbores, cara a praia onde se chega polo camiño das oliveiras.
Torcidas ramas adornadas de amargas sementes, corazón de madeira, medran pacientes cheas de vida e agardan a súa rolda para mudar de color e coller novos aromas do romeu e a sal da auga da miña terra.
Volto a ollar e nada cambia.
Vexo como a brisa mestura a auga dos meus ollos coa sal das ondas que veñen e van.
O mar colle a miña lembranza e devólveme aromas de soidade.

Comentarios (0) - Categoría: LEMBRANZAS - Publicado o 10-06-2018 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal