A FONTE DAS BRUXAS


LEMBRANZAS
Aló, no medio do monte, un neno de pantalóns curtos. A un lado pace o gando no verde e ó outro, máis adiante, no fondo da imaxe que forma a lembranza, unha ringleira de chopos e frondoso arboredo debuxa sinuosa a ribeira. Alí, nalgún recuncho entre a raizame e as pedras , un fío de auga fría vértese amodiño no río. Un halo de misterio permanece dende entón no recordo polo nome que a xente do lugar lle dá a esa fontiña. Alí, máxica, chora no Mao “A Fonte das Bruxas”.

O meu perfil
afontedasbruxas
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mágoa no tempo

Ando metido en lembranzas
das que non podo saír;
decote quero deixalas,
mais axiña voltan vir.

Veñen cargadas de tempo
e soños que xa non serán,
xeadas de cru inverno
e ledicias de verán.

Tempo que pasas por min,
tempo que no tempo voas,
leva as lembranzas ruíns,
leva a dor e a mágoa toda.

E lévaas lonxe, moi lonxe
para que non poidan voltar,
alén do día e da noite,
alén do ceo e do mar.
Comentarios (0) - Categoría: LEMBRANZAS - Publicado o 18-09-2018 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
HOMENAXE A MANUEL MARÍA
A AnasAnast Aranfa sosten o libro no que ela tamén participa cun fermoso relato.
Anastàsia Aranda sostén o libro,
no que ela tamén participa cun
fermoso relato:SOIDADE


Este poema foi escrito especialmente para
"Manuel María, libro colectivo de homenaxe
no seu día das Letras Galegas, 17 de maio de 2016".
O proxecto coordinouno o José Estevez
cunha dedicación ilusionada que ao fin
foi recompensada coa sua publicación
no mes de xuño de 2017.
O libro contén máis de 500 aportacions. Debuxos,
poemas, etc.,de todos os sectores: culturais, políticos, sindicais...
Inclúense as das rapazas e rapaces dos centros
educativos da Terra Cha.
Case seiscentas páxinas cheiñas de arte.

(A día de hoxe aínda non saíu a venda,
mais agardo que sexa pronto e todos
poidades gozar da súa lectura)




A RIBAS PEQUENAS

Piteira.


Ribas Pequenas é unha aldea do concello de Bóveda,
a uns once quilómetros de Monforte de Lemos.
Nela nacín, na “Casa de Piteira” e nela pasei, cos avós,
os meus primeiros anos.



Non canta na Chá ninguén,
escribícheslle á morriña...
a Chá de Ribas, tamén,
cala na lembranza miña.

Eu na Chá de Ribas vía
aquel carriño cantar...
Teu carro, Manuel María,
teu carro non vai calar!

E nas pedras xa rechía
a roda co ferro dando,
mentres o eixo asubía
vai o carro camiñando.

Ai soidades, ai soidades,
nunca me ides deixar?
A carón de min andades
sen deixarme respirar.

Tan lonxe de ti me vexo,
mais tan pretiño ti estás!
Ai, lonxe por non chegarche;
preto, pois no peito vas.

Ribas Pequenas, terriña,
o primeiriño que eu vin,
non che esquezo, queridiña,
aldeíña onde eu nacín.



SOIDADE

Anastàsia Aranda



“Ollada a Terra Chá dende as alturas
é semellante a un mar en calma ...”

Arrodeada de mar, no frío da noite. Alagada da dozura das amendoeiras.
Así nacín eu.
Mans e pes de aroma de meniña. Pel de pexego asucada de infancia rematada de inventar, estouro de luz do ceo da miña terra.
Colores vivos, nítidos, claros coma non hai máis ningures.
Onde agora estou vexo o mesmo mar e aló, lonxe, un fío da miña terra bañada polas mesmas ondas que van e veñen mollándome os pes darriba da area fría. Suaves ondadas de brisa de romeu case en flor, de mimosa florida, mestura de perfumes de inocencia.
Este Sol de inverno que anhelaba quentarme a cara, pechados os ollos, as mans estendidas que queren tocar os olores que nadan na escuma que atrápame e lévame. Atraveso verdes e azules cara o fío de terra.
Chego alá, ao bosque de amendoeiras que me agarda. Alá onde paseaba pola doce aroma da alfombra de flores brancas e rosadas. Atravesándoo atopo a casa coas fiestras de aire claro que mira cara os arbores, cara a praia onde se chega polo camiño das oliveiras.
Torcidas ramas adornadas de amargas sementes, corazón de madeira, medran pacientes cheas de vida e agardan a súa rolda para mudar de color e coller novos aromas do romeu e a sal da auga da miña terra.
Volto a ollar e nada cambia.
Vexo como a brisa mestura a auga dos meus ollos coa sal das ondas que veñen e van.
O mar colle a miña lembranza e devólveme aromas de soidade.

Comentarios (0) - Categoría: LEMBRANZAS - Publicado o 10-06-2018 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
POMBA MARIÑEIRA
Ven connosco, pomba branca
e non deixes de voar,
ven connosco, branca pomba,
imos xuntos a vogar.
Ti no vento, pomba branca,
nós nas corgas, ti no ar.
Ti vixía do camiño,
nós ollándote pasar.
Ti facendo novo niño
nun carballo, nunha leira,
nun valado, nun pombal.
Ai pombiña compañeira
olla sempre o noso andar.
Ai pombiña mariñeira
ven connosco deica o mar.

Comentarios (2) - Categoría: LEMBRANZAS - Publicado o 12-12-2012 23:48
# Ligazón permanente a este artigo
MENIÑA
Foi detrás da noite negra
cos olliños bagoados,
foi lembrando as amizades
que no camiño quedaron.

Aínda non ves, miña nena,
non ves que alí te deixaron?
No Camiño de Santiago
nunca máis irán vagando.

Foron marchando aos poucos
sen adeus dicir sequera,
sen dicir cousa ningunha...
Ai meniña, miña nena!

No camiño que ti levas
hai fontiñas de auga fresca
para a sede peregrina,
para as ánimas sedentas.

Non esquezas, queridiña,
non esquezas os carreiros,
as corgas, corredoiras,
os amigos verdadeiros.

Pois de ti foron compaña
canda os luceiros do ceo,
canda os grilos cantadores,
meniña, doce amor meu.

Vai detrás da noite negra,
vai cos olliños cegando,
co sorriso nos teus beizos,
co corazón camiñando.

Canta meniña, canta,
que cantando vaise a pena,
Canta meniña, canta!
Ai meniña, miña nena!

Comentarios (1) - Categoría: LEMBRANZAS - Publicado o 27-07-2012 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
LEMBRANZAS
Orballo de mañanciña,
cheiro de terra mollada,
verdor daquela herbiña
que a choiva deixou deitada.

Paisaxe mudo de inverno
de folerpas ben estrado,
fumeira urxida do averno
riba dun monte furado.

Andan as burgas fervendo
o sangue do noso chan,
feitizos andan facendo
meigas que veñen e van.

Nos soños andan á espreita
lembranzas daqueles días
voando de esquerda á dereita,
voando nas noites frías.

Safe Creative #1201180934850
Comentarios (2) - Categoría: LEMBRANZAS - Publicado o 19-01-2012 06:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal