A FONTE DAS BRUXAS


LEMBRANZAS
Aló, no medio do monte, un neno de pantalóns curtos. A un lado pace o gando no verde e ó outro, máis adiante, no fondo da imaxe que forma a lembranza, unha ringleira de chopos e frondoso arboredo debuxa sinuosa a ribeira. Alí, nalgún recuncho entre a raizame e as pedras , un fío de auga fría vértese amodiño no río. Un halo de misterio permanece dende entón no recordo polo nome que a xente do lugar lle dá a esa fontiña. Alí, máxica, chora no Mao “A Fonte das Bruxas”.

O meu perfil
afontedasbruxas
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CAMIÑOS DE ALDEA
Camiños da miña terra,
ás veces de barro,
ás veces de pedra,
camiños polos que andaba
o gando para o monte,
o carro para a leira.
Camiños da miña terra!

Aqueles camiños lembro,
corgas de pastores,
corgas de labregos,
camiños cheos de traballos,
cheiños de dor
e de sufrimento...
Aqueles camiños lembro!

Mais tamén lembro camiños
de orballo na herba,
de sol na ribeira,
camiños polos que andaban
cativos para a escola
e mozos para a feira...
Pois eses tamén os lembro!
Comentarios (0) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 09-11-2017 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
CEA, MARIÑEIRO, CEA
Foto: Teresa Aranda

A imaxe non é a dos nosos mares, mais évos do Mare Nostrum. Na fermosa costa de Menorca, a silueta que se debuxa ao fondo corresponde a illa mallorquina.



Morren nas penas
as salgadas ondas,
morren nas fondas
buracas alén
e mórreme o espírito
ollándome lonxe,
ollándome lonxe
do meu doce ben.

Non te vaias amor,
amor non te vaias,
non te vaias coas ondas
salgadas do mar,
volve comigo
amor mariñeiro,
que eu morro de pena
se te vexo marchar.

Cea, mariñeiro, cea...

A praia dourada
que deixas atrás
agarda que volvas
do duro vogar.

Cea, mariñeiro, cea...

Eu tamén quero,
mariñeiriño,
verte que volves
ao teu fogar.

E se non volves,
ai, queridiño,
non poderei
deixar de chorar.
E se non volves,
mariñeiriño,
se ti non volves
ireite buscar.

Subirei na escuma,
nadarei no sal,
vogarei sen remos
nas augas escuras,
vogarei chorando
as bágoas máis duras,
morrerei nas penas
que agardan as ondas
salgadas do mar.
Comentarios (2) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 08-07-2013 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
ATURULOS
Xa se escoitan nos camiños,
xa os escoito aturular,
alugados e fouciños
acó veñen a segar.

Veñen de lonxe os seus pasos,
lonxe deixaron o lar,
o sol queimándolle a fronte
premendo a fouce nas mans.

Cantando polo camiño
á chousa chegando van,
veñen face-la seitura,
é a colleita do pan.

Levan nos seus aturulos
medicina para curar
a saudade que padecen
no seu duro camiñar.

E nos aturulos teñen
menciña para acougar
dores por andar tan lonxe,
ai, tan lonxe do fogar.
Comentarios (0) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 18-02-2012 08:16
# Ligazón permanente a este artigo
EU VINO
E vexo o tempo,
olla, olla ben.
Non o ves?
Aló, riba do pensamento,
trala mirada dos soños.
Aló, naquela artesa,
trala cociña, lonxe da brisa.
Non o ves?
Aló, no bruar dos carballos,
nos olores das xestas.
Eu vino,
olla…
Aló, tralas noites sen lúa,
noites pechadas dun inverno frío.
Olla, olla ben. Non o ves?
Fíxate ben!
Aló, nas pegadas do camiño,
nas rodeiras do carro,
nos xugos, nas cangas…
Aló, lonxe, moi lonxe,
nos prados, nos valados,
nos outeiros…
Aló, lonxe, moi lonxe,
aló o vexo,
aló, o tempo.

Comentarios (2) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 03-02-2012 00:49
# Ligazón permanente a este artigo
CANTIGA DO SAMAÍN
O samaín xa chegou
e con el a xente nosa,
que a escura raia pasou,
xa saíu da negra fosa.

Temos que prender o lume
e nel asar os bullós;
ten que verse ben o fume
para que cheguen onda nós.

Temos que tratalos ben
pois de lonxe veñen vernos;
algún día nós tamén
voltaremos dos avernos.

Que se senten onde as chamas
e que os coman ao quentiño,
que se deiten nesas camas,
deles foran aloumiño.

Canda eles comeremos
e beberemos bo viño
e con eles cantaremos
cantigas para o camiño.

Chegando o día se irán
e quedará a escuridade,
mais as lúas pasarán,
despois virá a claridade.

O samaín xa chegou
e con el a xente nosa,
que a escura raia pasou,
xa saíu da negra fosa.


Safe Creative #1111050455166
Comentarios (1) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 06-11-2011 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
SENSACIÓNS
Aloumiño da brisa
e vento que zoa,
baixando da serra
sentino na chousa.

Cheiro de xestas
que voa no ar,
arume espallado
na beira, no chan.

E brúan piñeiros,
lonxe, na serra,
e chega ata aquí
ruxido do vento
que vén onde min.

Recordo de olores,
que baixan do monte,
lembranza do tempo
que axiña pasou,
a fonte sequiña
no fin do camiño,
o rego que outrora
auguiña levou.

E quedan lembranzas
e soños de neno,
devezos arcanos
que nunca serán.
Esquecen no vento
antigas quimeras
que lonxe quedaron
e non tornarán.

Deixei as pegadas
do meu camiñar
cheíñas de orballo
e branco luar,
cheíñas do tempo
que camiñamos
marcando carreiros
que voan ó mar.

Aloumiño da brisa
e vento que zoa,
baixando da serra
sentino na chousa.

Safe Creative #1103268816747
Comentarios (2) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 26-03-2011 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
CONGOXAS DA NOITE

CONGOXAS DA NOITE

Ouvean os cans
na noite pechada,
cantan os grilos
de escuros valados
e aluman a corga,
acó e acolá,
tenues candeas
que veñen e van.
Eu vou polo medio
e sinto uns pasos
moi preto de min,
e aperto, e apuro,
non sexa que cheguen
denantes que min.
Escura ribeira
que eu hei de pasar,
escuro camiño
á beira do río.
No peito a congoxa
faime apurar
e miro pra diante
pois quero chegar
e verme axiña
nese meu lar.
E aquelas candeas
que van canda min
amansan as feras
e botan de alí
os medos que amosan
no meu camiñar.
E chego por fin,
e pecho a portada.
E fóronse os medos
que andaban comigo,
quedáronse fóra
no escuro camiño
aló na ribeira
na beira do río.
E quedan con eles
ouveos de cans,
os grilos cantando
e tenues candeas
que veñen e van.



Safe Creative #1102178524155
Comentarios (4) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 18-02-2011 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
A FONTE DO OUTEIRO
Xa hai máis dun outono que me saíron estes versos que, aínda que xa publiquei nalgún outro espazo dixital e ande por aí nalgún papel, impreso, gardado nalgún caixón ou voando o louco empuxado pola brisa dalgún vento; aínda que así sexa e non teña tampouco unha mala fotografía para poñer darriba deles e foran así algo mellor acompañados, viñéronme moitas ganas de poñelos aquí e aquí os deixo para que vós deixedes neles, se así vos parece, o voso comentario, que hei de agradecer moito.



A FONTE DO OUTEIRO

Esa fonte que hai no outeiro
pretiño da miña casa,
esa fonte está soíña
que ninguén vai visitala.
Nacía nela, fresquiña,
unha auga limpa e ben clara,
unha auguiña que eu bebía
sen sede, só por probala
e senti-la súa vida
correndo pola garganta.

Esa fonte que hai no outeiro
pretiño da miña casa.

As risas dunhas mulleres
que de xeonllos estaban
ó pé dos seus lavadoiros
torcendo roupa mollada
chegan ó meu pensamento,
veñen soas, sen chamalas,
cunhas baldetas ben cheas
que na cabeza levaban,
andando polo carreiro,
ergueita a súa mirada,
foron á fonte primeiro
e volven da fonte á casa.

Esa fonte que hai no outeiro,
que por ela xa non pasan
lavadoiros de madeira
que unhas mulleres levaban
nin mociños calorosos
que nela se refrescaban,
esa fonte que hai no outeiro
xa non ten auguiña clara
e as herbas do monte bravo
déixana toda atoada,
acóchana dos meus ollos,
alónganma da mirada.

Fentos, silvas e carqueixas,
piornos, toxos e xestas
enceréllanse hoxe nela;
aínda que moito medren
non poderei esquecela.
Comentarios (4) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 07-10-2010 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
MIÑA CASA
CASA DE PITEIRA
Ai casiña dos avós,
casiña na que eu nacín,
coliño fuches para nós
ata que de aló saín.

Agochado na hortiña,
por non querer marchar,
aínda neno, queridiña,
viñéronme alí atopar.

Lembranza da miña casa,
lembranza do meu fogar.
Din que o tempo todo o pasa,
mais non pasa o meu lembrar.

Nos teus muros túas pedras
xa se gretan e desfan.
No meu peito, coma feras,
esas gretas roendo están.

Adeus, dígoche con pena,
dígoche adeus con pesar,
mais trae o tempo a condena
que a todos ha de atrapar.

Lembranza da miña casa,
lembranza do meu fogar.
Din que o tempo todo o pasa,
mais non pasa o meu lembrar.
Comentarios (4) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 26-08-2010 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
RÍO MAO
Como se ve nesta imaxe, o poema xa non é verdade. O río está fermoso.Río Mao, río Mao,
o río da miña aldea,
que pasaches amodiño
enchendo de vida as veigas
dándolle verde fresquiño
a esa herbiña das lameiras.
Coñecinche auguiña clara
mais agora ¿qué foi dela?,
que medra nos teus remansos
esa fea escuma negra.
Cantos prados ti regaches,
e leiras de froito cheas,
e lamelas alagaches
pretiño das túas ribeiras.
E canta sede apagaches
tanto a homes como a bestas,
mais hoxe no teu camiño
xa só quedan fontes secas.
Río Mao, río Mao,
o río da miña aldea.

(Estes versos foron escritos nun momento no que o río non estaba na súa mellor época. Agora, como se pode apreciar nesta fotografía, a situación parece cambiar; está bonito...)
Comentarios (0) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 26-08-2010 17:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal