A FONTE DAS BRUXAS


LEMBRANZAS
Aló, no medio do monte, un neno de pantalóns curtos. A un lado pace o gando no verde e ó outro, máis adiante, no fondo da imaxe que forma a lembranza, unha ringleira de chopos e frondoso arboredo debuxa sinuosa a ribeira. Alí, nalgún recuncho entre a raizame e as pedras , un fío de auga fría vértese amodiño no río. Un halo de misterio permanece dende entón no recordo polo nome que a xente do lugar lle dá a esa fontiña. Alí, máxica, chora no Mao “A Fonte das Bruxas”.

O meu perfil
afontedasbruxas
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CEA, MARIÑEIRO, CEA
Foto: Teresa Aranda

A imaxe non é a dos nosos mares, mais évos do Mare Nostrum. Na fermosa costa de Menorca, a silueta que se debuxa ao fondo corresponde a illa mallorquina.



Morren nas penas
as salgadas ondas,
morren nas fondas
buracas alén
e mórreme o espírito
ollándome lonxe,
ollándome lonxe
do meu doce ben.

Non te vaias amor,
amor non te vaias,
non te vaias coas ondas
salgadas do mar,
volve comigo
amor mariñeiro,
que eu morro de pena
se te vexo marchar.

Cea, mariñeiro, cea...

A praia dourada
que deixas atrás
agarda que volvas
do duro vogar.

Cea, mariñeiro, cea...

Eu tamén quero,
mariñeiriño,
verte que volves
ao teu fogar.

E se non volves,
ai, queridiño,
non poderei
deixar de chorar.
E se non volves,
mariñeiriño,
se ti non volves
ireite buscar.

Subirei na escuma,
nadarei no sal,
vogarei sen remos
nas augas escuras,
vogarei chorando
as bágoas máis duras,
morrerei nas penas
que agardan as ondas
salgadas do mar.
Comentarios (2) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 08-07-2013 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
POMBA MARIÑEIRA
Ven connosco, pomba branca
e non deixes de voar,
ven connosco, branca pomba,
imos xuntos a vogar.
Ti no vento, pomba branca,
nós nas corgas, ti no ar.
Ti vixía do camiño,
nós ollándote pasar.
Ti facendo novo niño
nun carballo, nunha leira,
nun valado, nun pombal.
Ai pombiña compañeira
olla sempre o noso andar.
Ai pombiña mariñeira
ven connosco deica o mar.

Comentarios (2) - Categoría: LEMBRANZAS - Publicado o 12-12-2012 23:48
# Ligazón permanente a este artigo
MENIÑA
Foi detrás da noite negra
cos olliños bagoados,
foi lembrando as amizades
que no camiño quedaron.

Aínda non ves, miña nena,
non ves que alí te deixaron?
No Camiño de Santiago
nunca máis irán vagando.

Foron marchando aos poucos
sen adeus dicir sequera,
sen dicir cousa ningunha...
Ai meniña, miña nena!

No camiño que ti levas
hai fontiñas de auga fresca
para a sede peregrina,
para as ánimas sedentas.

Non esquezas, queridiña,
non esquezas os carreiros,
as corgas, corredoiras,
os amigos verdadeiros.

Pois de ti foron compaña
canda os luceiros do ceo,
canda os grilos cantadores,
meniña, doce amor meu.

Vai detrás da noite negra,
vai cos olliños cegando,
co sorriso nos teus beizos,
co corazón camiñando.

Canta meniña, canta,
que cantando vaise a pena,
Canta meniña, canta!
Ai meniña, miña nena!

Comentarios (1) - Categoría: LEMBRANZAS - Publicado o 27-07-2012 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
ATURULOS
Xa se escoitan nos camiños,
xa os escoito aturular,
alugados e fouciños
acó veñen a segar.

Veñen de lonxe os seus pasos,
lonxe deixaron o lar,
o sol queimándolle a fronte
premendo a fouce nas mans.

Cantando polo camiño
á chousa chegando van,
veñen face-la seitura,
é a colleita do pan.

Levan nos seus aturulos
medicina para curar
a saudade que padecen
no seu duro camiñar.

E nos aturulos teñen
menciña para acougar
dores por andar tan lonxe,
ai, tan lonxe do fogar.
Comentarios (0) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 18-02-2012 08:16
# Ligazón permanente a este artigo
EU VINO
E vexo o tempo,
olla, olla ben.
Non o ves?
Aló, riba do pensamento,
trala mirada dos soños.
Aló, naquela artesa,
trala cociña, lonxe da brisa.
Non o ves?
Aló, no bruar dos carballos,
nos olores das xestas.
Eu vino,
olla…
Aló, tralas noites sen lúa,
noites pechadas dun inverno frío.
Olla, olla ben. Non o ves?
Fíxate ben!
Aló, nas pegadas do camiño,
nas rodeiras do carro,
nos xugos, nas cangas…
Aló, lonxe, moi lonxe,
nos prados, nos valados,
nos outeiros…
Aló, lonxe, moi lonxe,
aló o vexo,
aló, o tempo.

Comentarios (2) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 03-02-2012 00:49
# Ligazón permanente a este artigo
LEMBRANZAS
Orballo de mañanciña,
cheiro de terra mollada,
verdor daquela herbiña
que a choiva deixou deitada.

Paisaxe mudo de inverno
de folerpas ben estrado,
fumeira urxida do averno
riba dun monte furado.

Andan as burgas fervendo
o sangue do noso chan,
feitizos andan facendo
meigas que veñen e van.

Nos soños andan á espreita
lembranzas daqueles días
voando de esquerda á dereita,
voando nas noites frías.

Safe Creative #1201180934850
Comentarios (1) - Categoría: LEMBRANZAS - Publicado o 19-01-2012 06:16
# Ligazón permanente a este artigo
CANTIGA DO SAMAÍN
O samaín xa chegou
e con el a xente nosa,
que a escura raia pasou,
xa saíu da negra fosa.

Temos que prender o lume
e nel asar os bullós;
ten que verse ben o fume
para que cheguen onda nós.

Temos que tratalos ben
pois de lonxe veñen vernos;
algún día nós tamén
voltaremos dos avernos.

Que se senten onde as chamas
e que os coman ao quentiño,
que se deiten nesas camas,
deles foran aloumiño.

Canda eles comeremos
e beberemos bo viño
e con eles cantaremos
cantigas para o camiño.

Chegando o día se irán
e quedará a escuridade,
mais as lúas pasarán,
despois virá a claridade.

O samaín xa chegou
e con el a xente nosa,
que a escura raia pasou,
xa saíu da negra fosa.


Safe Creative #1111050455166
Comentarios (1) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 06-11-2011 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
SENSACIÓNS
Aloumiño da brisa
e vento que zoa,
baixando da serra
sentino na chousa.

Cheiro de xestas
que voa no ar,
arume espallado
na beira, no chan.

E brúan piñeiros,
lonxe, na serra,
e chega ata aquí
ruxido do vento
que vén onde min.

Recordo de olores,
que baixan do monte,
lembranza do tempo
que axiña pasou,
a fonte sequiña
no fin do camiño,
o rego que outrora
auguiña levou.

E quedan lembranzas
e soños de neno,
devezos arcanos
que nunca serán.
Esquecen no vento
antigas quimeras
que lonxe quedaron
e non tornarán.

Deixei as pegadas
do meu camiñar
cheíñas de orballo
e branco luar,
cheíñas do tempo
que camiñamos
marcando carreiros
que voan ó mar.

Aloumiño da brisa
e vento que zoa,
baixando da serra
sentino na chousa.

Safe Creative #1103268816747
Comentarios (2) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 26-03-2011 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
CONGOXAS DA NOITE

CONGOXAS DA NOITE

Ouvean os cans
na noite pechada,
cantan os grilos
de escuros valados
e aluman a corga,
acó e acolá,
tenues candeas
que veñen e van.
Eu vou polo medio
e sinto uns pasos
moi preto de min,
e aperto, e apuro,
non sexa que cheguen
denantes que min.
Escura ribeira
que eu hei de pasar,
escuro camiño
á beira do río.
No peito a congoxa
faime apurar
e miro pra diante
pois quero chegar
e verme axiña
nese meu lar.
E aquelas candeas
que van canda min
amansan as feras
e botan de alí
os medos que amosan
no meu camiñar.
E chego por fin,
e pecho a portada.
E fóronse os medos
que andaban comigo,
quedáronse fóra
no escuro camiño
aló na ribeira
na beira do río.
E quedan con eles
ouveos de cans,
os grilos cantando
e tenues candeas
que veñen e van.



Safe Creative #1102178524155
Comentarios (4) - Categoría: PRETIÑO DO MAO - Publicado o 18-02-2011 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
ESPERTA!
Con bágoas nos ollos,
ao verte tan lonxe,
lembrámosche agora
pois non che esquecemos
os que andamos fora.
Mais hai xente dentro
que che aperta a gorxa
e no teu recuncho
acóchaste soa.
Esperta Galicia
e pon sangue novo!
Moita xente boa
tes no teo pobo
para alumar o camiño
e saír destas corgas
nas que andas amodo.

De "Poemas do Piteira (I)"

Safe Creative #1009087278110
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2010 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal