A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mércores 29 de setembro, Folga Xeral
A manifestación convocada pola CIG partirá ás 12.00 horas da Praza de Vigo da Coruña.

CCOO e UGT, que como sempre fan a convocatoria conxuntamente,convocan a manifestación desde a a Praza da Palloza ás 12.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, fai un chamamento a participar masivamente na folga xeral convocada para este mércores, día 29 de setembro, neste video-entrevista no que lembra que os dereitos dos traballadores e traballadoras e a mellora das nosas condicións de vida, sempre se conseguiron pola vía da mobilización e da folga.

Salienta ademais que coas medidas que se están a adoptar preténdese que paguemos unha crise que non provocamos e aposta por conquistar un modelo económico e social que favoreza un xusto reparto da riqueza e que evite a súa concentración en poucas mans, como ocorre actualmente.

Comentarios (0) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 28-09-2010 10:39
# Ligazón permanente a este artigo
Crise económica e Folga Xeral
O pasado día 9 aprobouse no Congreso dos Deputados unha nova reforma laboral que na práctica é un ataque frontal contra a clase traballadora: recorte de salarios na función pública, conxelación das pensións, recorte de gasto público e reformas pendentes de aprobar como as pensións, a negociación colectiva ou as prestacións por desemprego.


Non somos as traballadoras e os traballadores os responsábeis da crise económica. Tampouco esta foi causada polos nosos salarios nin polo custo do despedimento, nin polas as pensións nin polo gasto público e tampouco pola estrutura da negociación colectiva. Polo tanto é absolutamente enganoso, manipulador, indigno, centrar a saída na reforma do mercado laboral ou das pensións ou no recorte do gasto público, namentres non se adopta ningún tipo de medida contra aqueles que son os verdadeiros culpábeis da mesma.



Comentarios (0) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 26-09-2010 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
La falda de Carolina
“La falda de Carolina tiene un lagarto pintado, cuando Carolina baila el lagarto mueve el rabo”. Así aprenden moitos rapaces galegos estudantes de Música en sexto de Primaria esta canción popular tan difundida no país.

A tradución desta canción popular aplícase nos libros de Música de 6º de Primaria utilizados no Colexio da Laxe de Marín. Ler máis


O que che me faltaba por oír. Ou ler, neste caso. La falda de Carolina tiene un lagarto pintado, cuando Carolina baila el lagarto mueve el rabo. Toma xa! A popular canción galega está traducida nun libro de música de 6º de Primaria. O que faltaba por oír. Disque é porque o libro tanto vale para Marín e Burela como para Tordesillas e San Juan de Gredos. E que podería ser o seguinte?

Adiós ríos, adiós fuentes, adiós riachuelos pequeños. Y posa, posa, posa, y no me toques aquella cosa. Estaba yo en la capilla de San Simón y me cercaron las olas, qué grandes son. Cuatro viejos marineros, todos metidos en un bote. ¿Qué dicen los rumorosos en la costa que reverdece? Apaga la vela, Marica, chús, chús. Aquí viene el mayo de flores cubierto. Olitas vienen, olitas vienen, olitas vienen y van, no te vayas rianjera (¿?), que te vas a marear.

Só de escribilo, e xa me doe a vista. Pero será posible que nin as cantigas populares se poidan respectar?
Ler o artigo en Xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 25-09-2010 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
ANPA Manuel Murguía do IES Agra de Leborís.

Representantes da Cutareira asistimos onte á constitución da ANPA "Manuel Murguía" para continuarmos estabelecendo relacións co asociacionismo larachés e para coñecermos as súas demandas e os reptos marcados pola nova xunta directiva.

A nova directiva pronunciouse, ante máis de 60 persoas, en favor de traballar para defender un ensino público de calidade e con intención de recuperar o profesor que falta este ano no instituto ao igual que acontece en moitos centros máis neste problemático comezo de curso escolar.

A nova Xunta Directiva posicionouse coas ideas claras e con gañas de traballar,ilusionada e ilusionante e falou de "traballo en equipo" e defensa dos intereses colectivos en favor do ensino público reivindicando a calidade no ensino para o alumnado, rachando así co idea bastante estendida -así como errada- de que "unha ANPA está para facer actividades".

Tras a intervención dun dos membros da directiva as persoas asistentes romperon en aplausos a súa intervención,certificando así a boa sintonía e simpatía coas nais e pais asistentes.

Desde a Asociación Veciñal "A Cutareira" parabenizamos a toda a comunidade educativa do Agra de Leborís pola mobilización en defensa dos seus dereitos e especialmente á nova Xunta Directiva da ANPA a quen lle desexamos o mellor na súa andaina na procura dun ensino público de calidade, como un dos piares básicos do estado do benestar.

MÁIS INFORMACIÓN AQUÍ

A ANPA xa dispón dun sitio WEB que podes visitar desde aquí.
Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 24-09-2010 17:47
# Ligazón permanente a este artigo
A TVG recolle as demandas dA Cutareira
A TVG faise eco das demandas da veciñanza da Laracha. A Cutareira entregou un escrito no rexistro do concello solidcitando a limpeza dunha granxa de coellos abandonada no centro da capital do concello. Podes ver o escrito desde aquí.

Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 17-09-2010 13:52
# Ligazón permanente a este artigo
Máis problemas nos Centros Educativos da Laracha
No I.E.S. Agra de Leborís da Laracha,a Consellaría de Educación (nun inicio de curso que está a resultar especialmente conflitivo nos centros docentes públicos pola política de recortes do profesorado e do agrupamentos de aulas) reduce unha liña nos cursos de 1º e 2º da ESO, pasando das actuais 4 aulas por nivel a tan só 3.

Isto significa un aumento da cifra de alumnos por aula e tradúcese a efectos prácticos, nun empeoramento da calidade do ensino pois loxicamente o alumnado non pode recibir a mesma atención sendo 20 alumnos que sendo 27.
A calidade de ensino na aula verase disminuida e o que é máis grave aínda, este é un paso atrás na calidade da educación no Agra de Leborís e un perda que seguramente será difícil de recuperar. Fique claro que non se está a reclamar un aumento do profesorado, simplemente a substitución do profesorado que falta.

Todos estes temas tratáronse onte na xuntanza celebrada no propio instituto con nais, pais e profesorado. As persoas asistentes concordaron na necesidade da creación dunha ANPA para defender os intereses xerais da comunidade educativa e xa se deron os primeiros pasos para a súa creación definitiva.

Desde a Asociación Veciñal “A Cutareira” desexámosvos o mellor na loita na defensa dos intereses colectivos e na defensa dunha educación pública e de calidade. MOITO ÁNIMO E ADIANTE!

Desde a CIG denuncian que “A Inspectora do centro e responsábel do informe, foi delegada provincial de Educación na etapa de Fraga ao fronte da Xunta e parece actuar máis como correa de transmisión da política de recortes no ensino público deseñada desde o PP que como inspectora”.

Máis información clicando aquí
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 17-09-2010 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
Convocatoria no IES Agra de Leborís
Nesta xuntanza tratarase de constituír unha ANPA e trataranse varios problemas que atinxen ao bo funcionamento do centro.

Representantes da Cutareira acudiremos a esta asemblea para coñecer de primeira man os problemas existentes no Instituto.
Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 15-09-2010 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Reclamamos a limpeza dunha granxa de coellos abandonada no centro da Laracha
ESCRITO ENTREGADO NO REXISTRO DO CONCELLO

Xosé Mª Cotelo Freire, Presidente da Asociación Veciñal “A Cutareira” de Torás-A Laracha
EXPÓN:
A poucos metros da Avda. López Astray, concretamente detrás do hotel ABC, hai unha antiga granxa de coellos que xa leva varias décadas en estado de abandono que no seu interior aínda alberga restos do que foi o período de actividade desta granxa e contén moitísima suciedade.

Varios veciños coméntannos que durante as últimas semanas teñen detectado a aparición de ratas nas proximidades do lugar e que parece lóxico supoñer que proveñan deste lugar.

Tendo en conta esta situación e co problema engadido que supón a céntrica situación da nave abandonada moi próxima a locais de hostelaría, supermercados e vivendas,

SOLICITA:
Que se adopten as medidas oportunas para manter en boas condicións de conservación, salubridade e ornato esta granxa abandonada e que non se converta, se é que aínda non o fixo, nun foco de infeccións.

A Laracha, 15 de setembro de 2010




Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 15-09-2010 13:30
# Ligazón permanente a este artigo
Denuncian ao Patrón Maior de Caión e á Conselleira do Mar por suposto pelotazo urbanístico en Caión
A denuncia foi feita polo Director de Xornal Galicia, Miguel Ángel Delgado González e refírese á xestión dos terreos onde se asentaba o antigo Campo da Insua en Caión, e aos fondos chegados da catástrofe do Prestige. Tamén se cita a utilización dun coche da Consellería de Pesca cedido á confraría para usos privados.

Na denuncia tamén se acusa ao Alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, de estar confabulado con Evaristo Lareo, Patrón Maior da Confraría de Caión para dar o “pelotazo urbanístico do século” no antigo Campo de fútbol de Caión, agora destinado á construción de 64 vivendas de luxo e ínstase á Fiscalía Superior de Galiza e ao Tribunal de Contas a abrir dilixencias por presuntos “delitos de corrupción, apropiación indebida, malversación de fondos públicos, prevaricación e deixadez de funcións, asociación e maquinación e contra a saúde dos consumidores”.

O 27 de setembro de 2006, o BNG da Laracha solicitou no correspondente Pleno a creación dunha Comición de Investigación sobre a urbanización de Caión mais a iniciativa foi rexeitada polo Goberno local do PP.

Casualmente, esta Conselleira, Rosa Quintana, foi convidada para pronunciar o pregón das Festas en Caión a pasada semana.
Ver a noticia e a denuncia completa aquí
Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 15-09-2010 10:57
# Ligazón permanente a este artigo
O Boletín da Asociación: O CUTAXORNAL

Están subidos a "Calameó" os números 2,3,4 e 5 do boletín informativo da asociación "O CUTAXORNAL" para que poidan ser visualizados cunha mellor calidade de imaxe.

Deixámosche a ligazón de cada un deles:

O Cutaxornal nº2.

O Cutaxornal nº3.

O Cutaxornal nº4.

O Cutaxornal nº5.
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 13-09-2010 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal