A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Plataforma Cidadá Queremos Galego


QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá, conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.


Máis información...
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 30-09-2009 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
Concentración no Otero Pedrayo da Laracha

Máis de 50 nais e pais concentráronse onte 29 de setembro diante do colexio “Otero Pedrayo” da Laracha, co obxecto de denunciar a falta de profesorado de apoio neste centro. Hai moito tempo que non se recorda un comezo de curso tan problemático nos centros de ensino públicos de todo o país debido ás políticas neoliberais que está a aplicar o novo goberno da Xunta do PP.

Mentres o Goberno da Xunta do PP recorta en gastos en servizos públicos básicos (gratuidade de libros de texto, falta de profesorado, eliminación do servizo de canguros…) vemos como destinan grandes cantidades de cartos públicos (3 millóns de €) a financiar colexios próximos ao OPUS DEI en que se segrega ao alumnado en función do sexo do alumnado, como en plena época franquista, ou como gastan máis de 300.000€ en enquisas para tratar de eliminar o galego do ensino.

Debemos estar atentos ante estes recortes de dereitos sociais que está a practicar o Goberno da Xunta do PP, pois corremos o risco de perder os logros noutrora conquistados como así está ocorrendo. Non debemos renunciar aos dous piares básicos das políticas sociais e sobre os que se constrúe un verdadeiro Estado de Benestar: SANIDADE e EDUCACIÓN: públicas, gratuítas e de calidade.
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 30-09-2009 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
A historia non contada das mulleres

A vindeira terza feira (martes) 29 de outubro, o Equipo Comarcal de Igualdade de Bergantiños, organiza en colaboración coa "Cutareira" e coa A.C. "Quinta Feira" unha charla baixo o título de "A historia non contada das mulleres",á que convidamos a asistir a toda a veciñanza.
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 27-09-2009 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
O Goberno do PP da Laracha discrimina a unha das asociación máis activas de todo o Concello

A Asociación Veciñal “A Cutareira”, logo de ler en distintos medios de comunicación as declaracións do portavoz do Partido Popular da Laracha, Sr. Barbeito, a respecto da discriminación que o goberno deste concello practica con esta entidade manifesta:

Entendemos que o Goberno da Laracha se reafirma na súa actitude prepotente e de desprezo á veciñanza, e que se burla do funcionamento democrático das institucións cando afirma que “é traballo do equipo de goberno establecer quen debe recibir subvencións e quen non,” ou o que é o mesmo:“que é o propio goberno da Laracha quen decide a quen darlle subvencións e a quen non, xogando cos cartos públicos que pagamos toda a veciñanza.”

Ante toda esta situación de discriminación que o Goberno da Laracha está a levar a cabo contra esta asociación- que vimos denunciando publicamente estes días- e vendo a actitude do mesmo, amosando e alardeando dun carácter caciquil e antidemocrático, cremos que é o noso deber acudir ao Valedor do Pobo para tratar de defender os nosos dereitos que como Entidade Veciñal nos corresponden, ao cal nos dirixiremos nos vindeiros días.




Xosé Mª Cotelo Freire
(Presidente da Asociación Veciñal “A Cutareira”

A Laracha, 21 de setembro de 2009

Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 21-09-2009 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxes ao fascismo? Nunca Máis
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica cualifica de "feito histórico" a retirada de 53 símbolos franquistas na cidade da Coruña, decisión
adoptada en pleno o luns día 7 de setembro pola corporación municipal da Coruña.

Nun comunicado, considerou este acordo de "triunfo da democracia" e "un acto de xustiza con todas aquelas persoas que sufriron represión por defendela".

A CRMH criticou que se siga mantendo o recoñecemento de fillo adoptivo da Coruña a MANUEL FRAGA, que tamén foi Ministro franquista e que recibiu tal distinción en 1968 ao mesmo tempo que tamén cualificou de "impresentábel" o argumento dado en pleno polo concelleiro do PSdeG Carlos González Garcés, xustificando a decisión de manter os retratos de dous ex-alcaldes franquistas.

Mentres, aquí na Laracha seguimos loitando pola eliminación da simboloxía franquista reflectida tanto na principal praza da capital larachesa (Praza do Generalísimo Franco) como na "Avda. Almirante Carrero Blanco" en Caión.


Ler máis.

Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 20-09-2009 15:23
# Ligazón permanente a este artigo
NA CUTAREIRA TAMÉN QUEREMOS GALEGO
A Cutareira decide integrarse na plataforma cidadá “Queremos Galego” .
Así o decidimos o pasado venres, día 18 de setembro reunidos en asemblea extraordinaria.


A plataforma cidadá "Queremos Galego" fixo pública a súa presentación de xeito oficial a pasada sexta feira(venres), día 18 anunciando unha ILP(Iniciativa de Lei Popular) para o cal é preciso a recollida de cando menos 15.000 sinaturas, para ser levada ao Parlamento Galego.

Anunciaron, tamén a convocatoria dunha gran manifestación en Compostela na defensa da nosa lingua para o día 18 de outubro.

O seguinte vídeo recolle o acto de presentación da citada plataforma


Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 19-09-2009 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
O goberno do PP da Laracha néganos o dereito a recibir subvencións municipais

COMUNICADO PÚBLICO DA ASOCIACIÓN VECIÑAL “A CUTAREIRA” DA LARACHA


Ao longo deste último ano esta Asociación Veciñal leva realizado un intenso traballo, tanto desde o aspecto reivindicativo e actuando de portavoz da veciñanza como dinamizando a vida cultural do noso concello levando a cabo distintas actividades desde a súa creación como asociación. Moitas destas actividades son subvencionadas pola Deputación da Coruña: a sesión do humorista contacontos Pepo Suevos, dúas charlas sobre a lingua galega, a celebración das Letras Galegas na que contamos con Pepe Carreiro (famoso debuxante e deseñador dos Bolechas) onde tamén repartimos gratuitamente 105 libros dos Bolechas nun importante acto no que contamos con aproximadamente 170 persoas.

Tamén realizamos moitos máis actos de tipo cultural como dúas excursións (ás Rías Baixas e aos Canóns do Sil), unha exposición de fotografías antigas da Laracha, editamos estas fotos en formato DVD para que todo o mundo que quixera puidera dispoñer dunha copia na súa casa e nos últimos anos tamén vimos celebrando o magosto e o pasado ano por vez primeira o Samaín.

Todos os anos o Goberno do noso Concello abre unha convocatoria pública para subvencionar as actividades do tecido asociativo da Laracha, en base ao cal, tamén desde A Cutareira como asociación rexistrada no concello desde 2005 (e ao día en todos os aspectos legais que a lei require) solicitamos axuda para estas dúas últimas excursións (ás Rías Baixas e aos Canóns do Sil) co obxectivo de que se recibiamos axuda económica poderiamos abaratar considerabelmente os prezos para as seguintes excursións ou incluso facelas gratuítas.

Mais…unha vez que vemos a resolución de subvencións concedidas polo Goberno da Laracha, cal e nosa sorpresa cando vemos que non aparecemos na listaxe de asociación beneficiadas.



Por que?

Pois simplemente porque o Goberno do PP da Laracha exclúe do programa das bases da convocatoria ás Asociacións Veciñais deste Concello: non temos dereito a subvencións. O Goberno local non contempla subvencionar a asociación veciñais (tal e como podedes ver na copia que vos enviamos, verás que non figuran as AAVV). A convocatoria di textualmente: ”Os principios ós que se suxeitarán os procedementos de outorgamento de subvencións son os seguintes: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación...”. Xa a propia convocatoria incumpre os requisitos polos cales se conceden as subvencións!!

Acaso non é isto unha discriminación clara e absoluta?


O goberno da Laracha ven tratando de facernos a vida imposíbel desde a constitución da mesma, negándonos un local para podermos desenvolver as nosas actividades, desacreditándonos unha e outra vez nos medios de comunicación ou agora negándonos o dereito a unha subvención que elabora cos nosos propios impostos.

Por que hai asociacións deste mesmo concello a quen si se lles conceden subvencións, por exemplo para excursións, e á Cutareira non?

Como pode ser que unha das asociación máis activas de todo o Concello estea fóra das convocatorias para axudas do Concello?

Existe algún outro concello onde ocorra algo semellante?

O goberno do PP da Laracha non pode continuar a tratarnos deste xeito durante máis tempo, aplicando estas políticas discriminatorias e actuando como se os cartos foran seus para dárllelos a quen eles queren, os cartos son do pobo e non poden usalos ao seu antollo.


A Laracha 18 de setembro de 2009

Asdo.: Xosé Mª Cotelo
(Presidente da Asociación Veciñal “A Cutareira”)
Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 17-09-2009 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
"QUEREMOS GALEGO"
A vindeira sexta feira (venres) día 18, celebraremos unha Asemblea Extraordinaria na Aula Cultural de Caixa Galicia na que trataremos como único punto da orde do día a adhesión á Plataforma cidadá na defensa da nosa lingua “Queremos Galego”.

Unha representación da Cutareira xa estivo presente nos actos de constitución e agora xa só falta que a Asemblea ratifique formalmente a adhesión a esta Plataforma na defensa da nosa lingua.

“Queremos galego” bótase a andar para desenvolver unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que garanta os dereitos lingüísticos do pobo galego e para convocar unha gran mobilización nacional en Compostela no outono.

“Queremos galego” nace nun momento caracterizado polos profundos e continuos ataques que está a padecer a nosa cultura e pretende unir persoas, colectivos e institucións da máis diversa natureza baixo tres premisas básicas:

-A lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego e as institucións públicas deben protexela e promocionala.

- A normalización lingüística debe ser progresiva, polo que as institucións públicas non deben
desprotexer o galego nin reducir a súa presenza.

-Os acordos asinados por unanimidade, só poden ser substituídos por acordos nos que a unanimidade siga sendo o criterio. Nese sentido logrouse no seu momento un consenso decisivo que está no fixado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado no Parlamento Galego en 2004 e na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001.
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 15-09-2009 00:46
# Ligazón permanente a este artigo
Grupo de Desenvolvemento Rural de Bergantiños
Mañá, terza feira (mércores) 15 de setembro, ábrese o prazo para a presentación de proxectos subvencionados con cargo ao Plan Leader de Galiza 2007-2013 xestionado polo GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural) de Bergantiños.
O prazo de presentación para estes proxectos rematará o 1 de setembro do ano 2013.


Estas axudas están orientadas a favorecer o desenvolvemento do rural na nosa comarca mediante o fomento de actividades turísticas, de modernización do rural, da creación de microempresas, promoción de servizos básicos para a economía e a poboación rural, etc...

Para valorar todos os proxectos existen, loxicamente, uns baremos que definirán a contía da subvención aplicábel.

Se estás interesada/o podes poñerte en contacto con esta asociación desde onde che subministraremos a información referente á convocatoria das axudas e os baremos aplicábeis, ou ben podes dirixirte directamente á sede do GDR de Bergantiños:

Enderezo: A Camposa s/n - Buño - 15111 Malpica de Bergantiños
Teléfono: 981 711 070
Comentarios (0) - Categoría: Varios - Publicado o 14-09-2009 09:55
# Ligazón permanente a este artigo
SIMBOLOXÍA FASCISTA NA LARACHA
Lamentamos que desde o goberno do concello non se estean a dar os pasos necesarios para a eliminación da simboloxía fascista do noso concello, materializada nas placas que dan nome á praza do concello: “Plaza do Generalísimo Franco” e tamén á avda. de Caión: “Almirante Carrero Blanco”.

A pesar que nestes últimos días vemos como son moitas as cidades que están eliminando este tipo de simboloxía, na Laracha non se avanzou nada neste senso. En dúas ocasións, mediante dous escritos entregados no Rexistro do Concello, solicitamos a retirada e substitución destas placas que homenaxean ao Réxime Franquista. Non recibimos contestación.

É unha vergoña que se siga homenaxeando a un Réxime golpista que se levantou en armas contra o goberno lexitimamente elixido polo pobo, e que se manteña esta simboloxía que representa valores totalmente contrarios á pluralidade, á diversidade, á democracia e aos dereitos humanos máis elementais.

A pesar que desde 2007 está en vigor a Lei da Memoria Histórica, e que é moi clara á hora de obrigar ás administracións públicas a proceder á eliminación deste tipo de simboloxía, semella que o Goberno do PP larachés non está pola labor. Podemos entender que haxa persoas no goberno local do PP que, persoalmente, poidan ter unha ideoloxía determinada, mais á hora de actuar como goberno para o que foron elixidas, deben actuar como cargos públicos que son, acatar as leis e deixar de lado as súas crenzas de tipo estritamente persoal.

Pensamos que un goberno cun mínimo sentido da democracia e de valores humanos, eliminaría esta simboloxía por iniciativa propia sen que ninguén llo pedira e sen agardar a que algunha lei o obrigara.

A posición da Asociación veciñal "A Cutareira" é clara, tal e como explicamos anteriormente, e convidamos ao goberno larachés a facer un exercicio de reflexión baseado na democracia, na xustiza social e no recoñecemento ás vítimas da Ditadura, endexamáis de debe analtecer o Franquismo, pois representa todo o contrario polo que apostamos quen desexamos construir unha sociedade que aposta por unha verdadeira democracia.


A Laracha, 12 de setembro de 2009

Asdo.: Xosé Cotelo Freire
(Presidente da Asociación veciñal “A Cutareira”)
Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 12-09-2009 15:01
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal