A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Praza da pescadería vella?
Unha muller andaluza foi ameazada en Compostela por un axente da policía tras preguntar pola "Praza da pescadería vella" que é como se chama esta praza e que ao parecer molestou ao funcionario por ser este un topónimo oficial en galego. "Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias", díxolle o axente.

Podes ver a noticia en Público ou Xornal así como as declaracións ao respecto desde a Mesa pola Normalización Lingüística.
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 29-07-2010 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
Encapuchados que hablan gallego!!


O pasado 25 de maio, o xornal, conservador “La Voz de Galicia” daba conta dun suceso acontecido en Camariñas, onde dúas persoas encapuchadas atracaron unha gasolineira.

Polo visto para “La Voz”, os signos que identifican a estes individuos non son a súa estatura, corpulencia, etc... para la Voz de Galicia,tal e como indica o titular, o seu rasgo máis característico é que eran “de habla gallega”...(???).

Sabiamos que o uso do galego está a retroceder en todo o país, máis non nos decataramos que fora a un ritmo tan acelerado como para tratar ás galegas e galegos como estranxeiros na nosa propia terra.

Alguén pode imaxinar nun xornal de tirada estatal un titular “ Dos encapuchados de habla castellana atracan a punta de pistola una estación de servicio”?

En fin, cosas de La Voz...

Comentarios (1) - Categoría: Lingua - Publicado o 27-07-2010 16:42
# Ligazón permanente a este artigo
25 de Xullo, Día da Patria Galega
As orixes da celebración remóntanse ao ano 1920, cando as Irmandades da Fala organizan o primeiro Día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.

Desde entón as manifestacións organizadas para conmemorar o Día da Patria estiveron sempre condicionadas pola situación política do momento, aínda que sempre co eixo central da reivindicación dos símbolos e a identidade do país.

En 1921 e 1922 celébrase sen obstáculos. As Irmandades retoman o seu discurso sobre os valores galegos e definen o 25 de xullo como: “O Día de Galicia. O día da Nosa Fala Nacional”.

Coa dictadura de Primo de Rivera (1924-1929) o endurecemento da política impide as celebracións ata 1931.

A chegada do franquismo trae moitos días de silencio, tamén para a reivindicación da patria. Paseniñamente irase recompoñendo a conciencia dende mediados de século cando se recupera a misa en galego na honra de Rosalía.

Arredor dalgúns históricos galeguistas mantense vivo o facho en Compostela onde en peregrinaxe chegan os narradores e poetas da época para asistiren a San Domingos de Bonaval na honra dos versos de Rosalía, en definitiva a renderlle homenaxe á voz silenciada do pobo.

Durante varias décadas a conmemoración do 25 de xullo estivo reducida a unha misa por Rosalía en San Domingos de Bonaval e xa no 1968 tocoulle á Unión do Pobo Galego(UPG) rescatar a data na denominación e no contido, e sería xunto ao Partido Socialista Galego (PSG) quen se manifesten de forma clandestina para conmemorar o Día Nacional de Galicia que remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, e aínda coas entrada da democracia se seguiron a prohibir as manifestacións da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e BN-PG, xermes do actual Bloque Nacionalista Galego.

Até mediados dos anos 80 non foi permitida a manifestación do Día da Patria con normalidade
democrática, sendo hoxe o acto máis multitudinario de todas as celebracións que teñen lugar o 25 de xullo na capital galega.

O Decreto de 1 de xaneiro de 1979 denomina oficialmente ao 25 de xullo como “DÍA NACIONAL DE GALICIA"




Comentarios (0) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 24-07-2010 17:09
# Ligazón permanente a este artigo
XANTAR EN GABENLLE
A asociación de veciños A Cutareira e a asociación cultural Quinta Feira da Laracha organizamos un xantar na área recreativa de Gabenlle para o sábado 31 de xullo.

Este ano A Cutareira está de aniversario (5 anos de existencia), motivo polo cal faremos entrega dun audiovisual en formato DVD que recolle de xeito resumido estes cinco últimos anos de asociacionismo veciñal.

Encargaremos a comida, co cal cada asistente só deberá preocuparse de pasar un día agradábel na beira do río. O custo do xantar será de 10 euros.

A data límite para apuntarse é o mércores 28.

Podes apuntarte chamando aos teléfonos:
981 60 50 30. (María Rei, Presidenta da AC Quinta Feira)ou 981 642399-653 618955 (Xosé Cotelo, Presidente da Cutareira).
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 21-07-2010 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
Que vai supór o novo decreto do galego no ensino?
CLICA NA PESTANA DE ABAIXO (FULL) PARA VER A PANTALLA COMPLETA

Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 20-07-2010 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
Aclaración sobre a crise económica
Daniel Cohn-Bendit, eurodiputado polo Partido Verde Europeo, explica perfectamente a situación económica acontecida en Grecia pero que perfectamente pode ser extrapolada a calquera outro país onde se antepoñen os intereses capitalistas e financieiros ás necesidades reais dos pobos e das persoas.


Comentarios (0) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 17-07-2010 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
Alegacións á Ordenanza municipal sobre promoción de conductas cívicas e protección dos espazos públicos
ESCRITO ENTREGADO HOXE NO REXISTRO DO CONCELLO

Xosé Mª Cotelo Freire, Presidente da Asociación Veciñal “A Cutareira” de Torás-A Laracha

EXPÓN:

Unha vez analizada e debatida a denominada “Ordenanza municipal sobre promoción de conductas cívicas e protección dos espazos públicos” chegamos ás seguintes conclusións:

1.-Esta é unha ordenanza regresiva que inclúe artigos represivos inxustificadamente e onde en principio todo está prohibido, “salvo que teña autorización municipal” (frase constante ao logo de todo o articulado pero sen estabelecer cales son os criterios aplicábeis á hora de conceder as autorizacións).

2.-Esta norma pretende regular até a mendicidade, que xa na “Ley de Peligrosidad y Rehabilitación Social” da lexislación franquista era considerada “perigosa”.

3.-Pensamos que varios artigos son un freo á liberdade de expresión e acoutan a capacidade de comunicación e mobilización do movemento asociativo veciñal. Sirvan como exemplo: O Art.17, que prohibe as mesas de recollidas de sinaturas se non é con autorización municipal, ou os art. 9 e 15 prohiben todo tipo de inscricións, anuncios, publicidade, bandeiras... incluso en edificios privados, ou o art. 11 que incluso regula unha sanción de 750-1500 € a quen se atreva a consumir viño nun xantar na Área recreativa de Gabenlle se non conta con autorización municipal.

4.-Pensamos que moitos artigos precisan unha maior concreción, falta definición e claridade.

5.-Neste despropósito de ordenanza hai incluso lugar para o absurdo e ridículo no punto 2 do art. 11 que prohibe: ”Dejar pacer ganado de ninguna clase en las praderas, pasterres y plantaciones” e tamén no art. 15 que fala de “...todos los barrios de la ciudad,...”. Esta é unha ordenanza copiada dunha cidade que non vale para o noso concello.

6.-A ordenanza semella estar pensada para unha situación social alarmante e preocupante que supón unha ameaza para a convivencia pacífica. Neste sentido, dá a impresión que primeiro se crea un problema ficticio para logo lexitimar políticas antisociais e autoritarias para controlar unha suposta situación irreal de caos e desorden. Este escenario non se corresponde en absoluto coa realidade da Laracha.

Desde a asociación veciñal A Cutareira estamos convencidos que outra ordenanza mellor é posíbel. Unha ordenanza elaborada en base á realidade e necesidades do noso concello. Así mesmo transmitímoslle a nosa vontade e a nosa disposición favorábel como asociación veciñal, a participar na elaboración dun novo documento que sexa froito do debate, do consenso e da participación cidadá.

Por todo isto SOLICITA:

A retirada da denominada “Ordenanza municipal sobre promoción de conductas cívicas e protección dos espazos públicos”.

A Laracha, 06 de xullo de 2010

Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 06-07-2010 10:50
# Ligazón permanente a este artigo
Acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vai celebrar o vindeiro 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, que tivo lugar o 25 de maio de 1891.


Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, o xoves día 15 de xullo ás 17.45 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela.

As persoas que queiran formar parte do cortexo facendo uso do tren, entre Padrón e Compostela*, deberán anotarse, antes do vindeiro 8 de xullo no correo electrónico oficina@aelg.org ou no teléfono 981 133 233 (luns a venres, de 08:00 a 15:00)

O prezo será de cinco euros por persoa, que se aboarán durante o traxecto.

* A viaxe en tren é só de ida desde Padrón a Compostela

Podes ver aquí nun mapa os diversos lugares que percorrerá o cortexo.

O programa é o que segue:

-16.45 Concentración na colexiata de Santa María de Iria, cemiterio de Adina:

Lectura dun poema de Rosalía e marcha a pé até a estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, para tomar o tren deica Compostela.

-17.45 Saída do tren cara a Santiago

-18.00
Recepción do tren "Follas Novas" na estación de Santiago de Compostela

Onde estará agardando a comitiva restante que non acudiu ao cemiterio e que se sumará neste momento ao cortexo a pé polas rúas compostelás, con actuación da banda municipal. Saída pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural.

-18.45
Praza do Toural, primeira parada da comitiva.

Lectura de 3 poemas de Cantares Gallegos.

-19.15
Praza da Universidade

Audición do Pietat Signore, de Stradella; lectura doutros tres poemas de Cantares Gallegos.

-19.30
Praza de Cervantes

Escaparates da Libraría Couceiro dedicados ás obras de Rosalía. Lectura doutros tres poemas.

-19.45 San Domingos de Bonaval

Audición do Ángelus, de Massenet, lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións dos grupos musicais ou artistas participantes, lectura do comunicado/manifestosobre os 125 anos de Rosalía e a reivindicación de apertura ao público do Panteón.

Canto do Himno Galego.
Comentarios (0) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 02-07-2010 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal