A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Asemblea veciñal

Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 28-06-2010 16:10
# Ligazón permanente a este artigo
Seguridade para as viandantes
ESCRITO ENTREGADO NO REXISTRO DO CONCELLO HOXE, SÁBADO 26 DE XUÑO.

O paseo fluvial do río Anllóns é unha zona de lecer moi transitada sobre todo na época de verán. Á altura de Gabenlle o camiño crúzase coa estrada e continúa cara a area recreativa (xusto ao outro lado da mesma). Esta intersección onde as persoas cruzan a diario a estrada para continuar co paseo, non ofrece ningún tipo de seguridade para os viandantes e faise especialmente perigosa para as persoas maiores.

Non hai paso de peóns, e a poucos metros da intersección co paseo fluvial hai unha curva sen visibilidade que supón un risco para quen pretenda cruzar pois non hai ningún tipo de sinal que poña en alerta desta situación aos condutores.

Varias persoas puxéronse en contacto con esta entidade explicándonos a situación.

Desde a Asociación Veciñal apoiamos totalmente estas queixas e solicitamos:

Que se tomen as medidas axeitadas para eliminar ou minimizar esta evidente situación de risco en que se encontran as persoas que cruzan a estrada.
A Laracha, a 26 de xuño de 2010

Xosé Mª Cotelo Freire
(Presidente da Asociación Veciñal A Cutareira)
Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 26-06-2010 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
O Panteón de Galegos Ilustres pechado
O pasado mes de maio o Concello de Santiago de Compostela tivo que entregar, por orde xudicial, as chaves do Panteón de Galegos Ilustres ao Arcebispado ficando pechado de xeito indefinido á espera dunha solución que defina un acorda de apertura ao público en xeral.

O Panteón de Galegos Ilustres foi inaugurado o día en que os restos mortais de Rosalía de Castro foron trasladados á Igrexa de Bonaval. A partir deste día, ese recinto no que descansan ilustres galegos como Castelao, Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas ou Francisco Asorey estivo sempre á disposición de todos os visitantes.

Segundo datos oficiais da Conferencia Episcopal Española o pasado ano a Igrexa recaudou 253 millones de euros procedentes das 7.195.155 declaracións da renda, correspondentes ao exercicio fiscal do 2008, que asignaron a favor da institución aumentando así en 11 millóns de € máis estes beneficios a respecto do ano anterior.

Á parte do que a Igrexa Católica recibe a través do IRPF, cústalle ao estado máis de 6000 millóns de € anuais.
Comentarios (0) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 22-06-2010 20:02
# Ligazón permanente a este artigo
Escrito ao Conselleiro de Educación

ESCRITO PARA ENTREGAR COMO NAI/PAI/TITOR-A DUN NENO OU DUNHA NENA NA EDUCACIÓN INFANTIL, PARA GARANTIR O DEREITO Á EDUCACIÓN EN GALEGO


A Xunta aprobou, a pesar do rexeitamento da comunidade educativa, un novo decreto que, entre outros problemas, non garante que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino en galego na etapa de infantil.

Esta norma foi promulgada de forma unilateral, sen ter en conta a opinión de sindicatos, organizacións estudantís, asociacións de nais e pais, institucións culturais como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, ou un informe de altísimo nivel xurídico do Consello Consultivo. Este último organismo advertiu á Xunta de que este decreto conculca dereitos na educación infantil.

Que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino na lingua propia até que faga os seis anos de idade é unha situación que non se produce en ningunha outra comunidade do Estado español e que leva o galego a unha situación preautonómica, alén de conculcar o dereito a un ensino igualitario e de calidade.

Por iso, desde Queremos Galego animamos a todas as nais, pais ou titoras e titores de nenas e nenos na etapa de educación infantil a que cubran o seguinte formulario e o remita ao enderezo da nosa plataforma cívica: Queremos Galego, Rúa do Vilar, 15 – 1º dereita, 15705 Santiago de Compostela.

Desde Queremos Galego entregaremos todos os escritos (que serán compilados de acordo coa Lei de protección de datos) no rexistro da Xunta, dirixidos ao Conselleiro de Educación, e achegarémoslle tamén as copias correspondentes a cada centro de ensino á dirección do mesmo, para que teñan constancia.

Este documento está pensado para todas as familias que, falen galego ou castelán, desexen que o seu fillo ou a súa filla teña as garantías para unha educación en galego. Subliñamos isto porque o actual decreto non só dificulta que unha familia falante de galego poida ter ensino neste idioma para o seu fillo/a, senón que imposibilita que un neno dunha familia falante de castelán poida adquirir competencias comunicativas en galego.

Ademais pedimos a todas as nais e pais que respondan á pregunta formulada pola Consellaría de Educación: EN GALEGO. A pregunta está formulada de tal xeito que non se quere ter en conta en que lingua se quere escolarizar ás fillas e fillos, senón en que lingua falan as nais e pais.




AO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

Dona/Don……………………………………………………………………………...………………….…………….nai/pai/titor-a de ………………………………………………………………alumna/o do curso…….........…………………, no centro …..........................................................................,con enderezo a efectos de notificación en .....................................................................................................
Comunícolle a miña solicitude para que se me comuniquen as medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

A escola segue a ser unha institución fortemente castelanizante e a experiencia indica que, sen unha atención específica, os nenos falantes de galego perden o seu idioma, mesturándoo caoticamente nun xeito de castrapo que afecta gravemente á fixación da lingua. O resultado é que a nena ou o neno infravalora o seu idioma e acaba por abandonalo.

Pola súa banda, todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego, pois a lingua propia continúa a estar desfavorecida a nivel social. Se xa antes existía este problema, co decreto 79/2010, esta situación agrávase, pois non se ofrecen as garantías para unha docencia mínima na lingua propia da nosa sociedade.

A Lei de normalización lingüística, que desenvolve o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, sinala que o galego é tamén lingua oficial do ensino en todos os tramos educativos (art. 12) e que as autoridades arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego (art. 13). Ademais, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado en 2001 e que forma parte do noso ordenamento xurídico constitucional, sinala no seu artigo 8 que os poderes públicos deben promover un modelo educativo con garantías para a lingua propia. Así mesmo, aínda que o decreto 79/2010 vulnera o dereito a unha formación escolar en galego, conculcando así dereitos lingüísticos individuais e colectivos, sinala no seu artigo 5 que se “procurará” que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais, mais sen determinar como.

Por todo isto, SOLICITO:

1. Que se me informe por escrito das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

2. Que se me garanta o dereito a dispor dun ensino en galego na etapa educación infantil, de acordo coa art. .8.1.a.i da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e co disposto no art. 13.1 da Lei de normalización lingüística.

3. Que se me informe das medidas concretas de atendemento individualizado que a miña filla / o meu fillo vai recibir en lingua galega, de acordo co que o artigo 5.3 do decreto 79/2010 estipula.

Non reclamo estas medidas exclusivamente en beneficio da miña filla / do meu fillo. Teño en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.

Atentamente. Asdo.

Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 17-06-2010 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
Excursión a Ourense

Desde a Asociación Veciñal A Cutareira continuamos gozando coñecendo mellor a nosa terra.

Nesta ocasión tocoulle a quenda a Ourense, a onde organizamos unha excursión o pasado domingo 13 de xuño, e que como xa ven ocorrendo desde hai tempo, as prazas para o autobús esgotáronse nos primeiros días.

Nesta xornada tras dármonos un baño nas augas das Pozas de Outariz (na ribeira do Río Miño na capital ourensá)demos un paseo polo casco vello da cidade onde coñecemos a casa onde naceu o ilustre galeguista e máximo impulsor do
Estatuto de Autonomía: Alexandre Bóveda e coñecemos a arquitectura do casco vello (Praza Maior, soportais e distintas praciñas que abundan no lugar) así como a famosa Fonte das Burgas.

Xa polo serán coñecemos o mosteiro de San Pedro de Rochas, o máis antigo de Galiza situado no Concello de Esgos. Único eremitorio altomedieval de Galiza que tivo como continuidade como cenobio e despois como mosteiro.
O campanario está tamén integrado nas rochas. A continuación tamén visitramos o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra
situado na mesma localidade.

As excursións que realizamos desde esta asociación son moi valoradas pola veciñanza e teñen como finalidade, alén de coñecermos mellor o noso país, pasar unha xornada de confraternidade entre a veciñanza.

Podes ver as fotos aquí.
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 13-06-2010 23:44
# Ligazón permanente a este artigo
Sancionarase a si mesmo o concello da Laracha?
O Goberno da Laracha xa comeza incumprindo a propia ordenanza que leva o nome de: “ ORDENANZA MUNICIPAL SOBRE PROMOCIÓN DE CONDUCTAS CÍVICAS E PROTECCIÓN DOS ESPAZOS PÚBLICOS” e que pretende aprobar proximamente.

CAPÍTULO III . CARTELES, PANCARTAS Y SIMILARES.
Artigo 15.

1: “La publicidad exterior, en cualquier soporte y cualesquiera que sean sus características y finalidades, únicamente podrá instalarse en los lugares especialmente habilitados para ese fin.”

2: “Queda prohibido, en tal sentido, salvo autorización municipal, colocar cualquier tipo de anuncio en fachada de edificios públicos o privados, porches, marquesinas, mobiliario urbano, arbolado, muros, túneles, pasos subterráneos, y en general fuera de los lugares especialmente habilitados. De igual modo se prohíbe poner en los mencionados lugares cualquier clase de pegatina, cartel, pancarta o banderola de cualquier índole”

Aínda que o texto está en fase de “alegacións” o normal sería que o goberno local dera exemplo aplicándose a si mesmo o que pretende aplicar aos demáis.

Se é certo que o goberno local pretende conservar o patrimonio público, como é posíbel que hai escasos días apareza pegado este cartel que anuncia o Día do Deporte na Rúa(acto organizado polo concello) nunha das portas da Casa da Cultura?


Se unha vez aprobada a ordenanza se repite a situación, sancionarase a si mesmo o concello?
Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 07-06-2010 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
O Goberno da Laracha volve discriminar á A.V.V. A Cutareira

Ao igual que o pasado ano, o goberno da Laracha volve negarnos o dereito a participar na convocatoria municipal de subvencións ás asociacións veciñais do concello ao non sermos incluídas na convocatoria pública anual de subvencións do concello da Laracha. Por este mesmo motivo xa enviamos unha queixa ao Valedor do pobo o pasado ano e vémonos na obriga de volver a denunciar a mesma situación pois pensamos que as nosas queixas son máis que xustificadas.

Non entendemos porque realizando as mesmas actividades unhas asociacións teñen dereito a recibir subvencións e outras non. Cal é a diferenza? Por que unhas si e outras non? As asociacións veciñais somos excluídas sen contar co mesmo dereito a participar nelas en pé de igualdade que o resto das asociacións o cal é unha actitude discriminatoria.

A raíz da queixa desta asociación o pasado ano, o goberno local manifestou textualmente: “as asociacións veciñais quedaron excluídas destas subvencións porque o seu obxecto social principal é a defensa dos intereses xenerais e sectoriais dos veciños e non as actividades que se consideran como subvencionables nas citadas bases, condición necesaria para a súa concesión”. Se atendemos ao absurdo desta argumentación, impropio do goberno dun concello, tamén sería igualmente defendíbel a postura de que o concello está para gobernar e non para organizar excursións (a Santiago de Compostela, San Andrés de Teixido, O Carballiño...tal e como leva feito ao longo deste ano).

As ridículas argumentacións do goberno do concello desmóntanse por si soas se consultamos os estatutos desta asociación veciñal que rexen o funcionamento da A.V.V “A Cutareira”:

Artigo 4:-
Para o cumprimento destes fins, a Asociación promoverá e organizará as seguintes actividades:
 Actividades sociais diversas.
 Actividades artísticas e culturais: conferencias, proxeccións cinematográficas, foros, debates, teatro, recitais, cursos especializados, certames, concursos, participación nas festas tradicionais, entre outras, que impulsen a imaxe e a apertura da parroquia, concello e comarca cara o exterior.
 Actividades formativas, culturais, medio ambientais, lúdicas e
deportivas.
 Publicacións e exposicións.
 Recuperación do patrimonio cultural, etnográfico e natural a través da restauración, mellora e difusión dos seus valores.
Precisamente é o que vimos realizando desde a constitución desta asociación: charlas informativas, actos culturais, excursións para a divulgación e coñecemento dos valores naturais e culturais, actividades de recuperación do Patrimonio Cultural, publicacións ( boletín da asociación), exposicións fotográficas, etc...


Xa que logo, o goberno local mente deliberadamente: todas as actividades que vimos realizando son subvencionables e son propias dunha asociación veciñal tal e como estabelecen os nosos estatutos ( dos cales é coñecedor o goberno local).

O xeito tan “particular” que ten o concello da Laracha de entender que as asociacións veciñais non precisamos recibir subvencións para cumprir os obxectivos para os cales as asociacións veciñais son creadas, converte á Laracha no único concello onde o seu goberno discrimina e pon atrancos ao asociacionismo veciñal en lugar de fomentalo e impulsalo.





Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 04-06-2010 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal