A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ÁREAS MARIÑAS PROTEXIDAS
”Quinta Feira” abre ao público unha exposición sobre "Áreas Mariñas Protexidas" n'A Laracha. Esta exposición está elaborada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galiza (CEIDA) coa finalidade de achegar este concepto ao público e á sociedade e preténdese poñer en valor o noso entorno natural a través de 24 paneis, unha proxección alternativa dun documental de 20 minutos, 2 ordenadores con programas interactivos e diversas actividades para nenas e nenos que nos visiten.

Estará aberta ao público, na Aula Cultural de Caixa Galicia (Avda. de Fisterra, 63, A Laracha), nos seguintes horarios:

SÁBADO 4 ABRIL: De 6 a 9 da tarde

DOMINGO 5 ABRIL: De 12 a 1:30 da mañá e de 6 a 9 da tarde


Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 31-03-2009 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
TURISMO SOCIAL 2009
A Secretaría Xeral de Benestar ven de pór en marcha o programa de Turismo Social 2009.
Este ano, poténciase a modalidade de turismo termal, na que se ofertan dúas opcións:

Opción a.- Todo incluído. (Comprende os tratamentos termais, transporte, aloxamento, manutención e animación sociocultural).

Opción b.- Contempla só os tratamentos termais, sendo o desprazamento e o aloxamento por conta do beneficiario.

Os estabelecementos termais incluídos na oferta son Balneario Baños Vellos de Carballo, Río Pambre (Palas de Rei) e Termas Romanas, en Lugo; Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, Gran Balneario e Caldas de Partovia (O Carballiño) e Termas de Outariz, en Ourense; e Balneario de Acuña (Caldas de Reis), Balneario da Toxa (O Grove), Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui (Tui), Cuntis e Balneario de Mondariz, en Pontevedra.

PREZOS


O custe destes programas termais para as persoas beneficiarias oscilan entre os 270 € e os 355 €, segundo destino, para a "opción a”(todo incluído), con estancias de 11 días; e entre os 97€ e os 222€, por dez días, para a "opción b” (só tratamento termal).

Lembra que o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de abril ás 14 horas e que se o prefires, podes acudir ao concello para tramitares a túa solicitude.


Máis información aquí

Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 28-03-2009 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
PORQUE TEMOS, PORQUE QUEREMOS, PORQUE DEBEMOS.O GALEGO, O NOSO DEREITO, O SEU DEBER
A CUTAREIRA CONVÍDATE A ASISTIRES A ESTA CONFERENCIA.

Deixou dito Daniel Castelao que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma. Referíase, sen dúbida, a que é o noso idioma propio, a nosa máis requintada creación colectiva, o noso principal sinal de identidade como pobo: únenos entre nós, como columna vertebral, e sitúanos no mundo, facéndonos iguais a calquera outra cultura, nación ou sociedade.

A defensa da lingua galega, do seu uso normal en calquera ámbito da vida, da súa consideración como vehículo válido para calquera función, implica unha vontade de existencia, individual e colectiva. Renunciarmos ao idioma, substituírmolo ou, no mellor dos casos, desprestixialo equivale a desdebuxar quen somos realmente; como se estivesemos a renunciar conscientemente á nosa propia historia persoal.
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 26-03-2009 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
APOIA O MANIFESTO POLA CONVIVENCIA LINGÜÍSTICA E A IGUALDADE DE DEREITOS PARA O GALEGO

Na marxe esquerda desta páxina dispós unha ligazón para apoiar o Manifesto presentado pola Mesa Pola Normalización Lingüística

MANIFESTO POLA CONVIVENCIA LINGÜÍSTICA E A IGUALDADE DE DEREITOS PARA O GALEGO


1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e…ler máis
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 22-03-2009 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
"A CUTAREIRA" NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

O xornal "Diario de Bergantiños" faise eco do traballo realizado pola Asociación en relación coa exposición de fotos baixo o título de "Volta ao pasado", e que clausuramos a pasada quinta feira(xoves).
No xornal do día de hoxe ocupa, novamente, a contraportada deste diario.
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 21-03-2009 15:15
# Ligazón permanente a este artigo
CONFLITO LINGÜÍSTICO
QUE É O CONFLITO LINGÜÍSTICO?


Prodúcese un conflito lingüístico cada vez que os falantes da lingua dominada queren transcender os límites impostos a este e normalizala para que ocupe o mesmo lugar que a lingua dominante (Acaso non ocorre iso na Galiza?).

QUE SITUACIÓNS SE PODEN DAR SEGUNDO O STATUS LINGÜÍSTICO QUE OCUPEN?


As situacións posibles atendendo ó concepto de diglosia son:
Bilingüismo e diglosia.
Diglosia sen bilingüismo: As dúas linguas compiten nos mesmos dominios. Unha delas acaba desaparecendo. (O actual caso que os ocupa na Galiza)
Bilingüismo sen diglosia: (Bélxica, Canadá, Suíza). Áreas monolingües, linguas protexidas polas institucións.

A REALIDADE GALEGA


Os estudos sobre a realidade lingüística galega coinciden en sinalar que a situación presente en Galiza é de diglosia sen bilingüismo de xeito que os ámbitos sociais de uso para cada unha das linguas son diferentes, pois emprégase o galego para as funcións de menor prestixio social (aínda que nalgúns ámbitos comparte usos co castelán, como nos referentes á administración autonómica), deixando o castelán para representar os usos formais (o mundo da xustiza, empresarial e medios de comunicación teñen unha presenza do castelán maioritaria e estábel), aquelas funcións máis cultas e de maior prestixio. Ademais tamén son diferentes os espazos xeográficos ó empregarse o galego no rural e nos alfoces das cidades, e o castelán nos núcleos das zonas urbanas. Por último, os interlocutores varían segundo o contexto requira un rexistro máis coloquial ou elevado entre unha lingua ou outra.


“Nós queremos ser hespañoes, pero a condición de que este nome non nos obrigue a sermos casteláns”.

Castelao, do libro “Sempre en Galiza”

Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 20-03-2009 20:17
# Ligazón permanente a este artigo
BILINGÜISMO-DIGLOSIA
Moitas veces oímos falar nos medios de comunicación de bilingüismo, diglosia, conflito lingüístico,...pero sabemos realmente o que significan estes termos?


QUE É O BILINGÜISMO?


O bilingüismo é a capacidade dunha persoa para utilizar indistintamente dúas línguas.


QUÉ E A DIGLOSIA?


A diglosia é a situación de convivencia de dous idiomas no seo dunha mesma poboación ou territorio, onde un dos idiomas ten un estatus de prestixio (castelán) —como lingua de cultura, prestixio ou uso oficial— fronte ao outro, que é relegado ás situacións socialmente inferiores da oralidade, a vida familiar e o folclore (o que ocorre co galego).

A situación sociolingüística é formalmente de diglosia cando a lingua dominada é maioritaria nos estratos con menos poder e prestixio da sociedade (galego), mentres que a outra é propia da clase ou grupo dominante, así como do exercicio do poder administrativo (castelán).

Os membros da clase inferior poden ou ben aceptar que as linguas teñen funcións distintas e empregalas segundo a situación, ou ben emprender un proceso de naturalización para a lingua dominante, asumíndoa para todas as situacións e empregando a lingua dominada só de maneira residual. Nestas situacións, a transmisión interxeracional da lingua dominada sempre é complicada, perdendo falantes a cada xeración (situación actual do galego).
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 20-03-2009 01:09
# Ligazón permanente a este artigo
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA. ÚLTIMO DÍA!!

O vindeiro 19 de marzo abriremos de novo ao público a exposición fotográfica que esta asociación levou a cabo durante os pasados días 13, 14 e 15 deste mes de marzo.


Esta decisión ven motivada pola petición de varias persoas que por distintas causas non puideron visitala nestes días pasados, e queremos así dar unha nova oportunidade a estas persoas que anteriormente non puido estar presentes.


O lugar será o mesmo, a Aula de Cultura de Caixa Galicia (Avda. de Fisterra, 63) e o horario de visita será de 17:30 a 22:30.
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 16-03-2009 16:10
# Ligazón permanente a este artigo
ROTUNDO ÉXITO D'A CUTAREIRA
Foron moitísimos as persoas que pasaron pola Aula Cultural de Caixa Galicia a visitar a exposición que durante 3 días estivo aberta ao público. A mostra estaba formada por máis de 550 fotos antigas que trataban sobre temas variados como cambios urbanísticos no noso concello, fotos familiares, de cumpreanos, de vodas, da mili, da Guerra Civil Española, de manifestacións na Laracha, antigas formacións do Laracha C.F., do San Román, antigo equipos de balonmán feminino,romarías,etc...Durante todo este tempo estivemos proxectando continuamente nunha pantalla xigante todas as fotografías das que se compoñía a exposición.

Varias persoas asistentes ao acto, moi ilusionadas, amosaron a súa disposición a seguir colaborando neste tipo de actos e animáronnos para que continuáramos recollendo máis fotografías e poder realizar unha nova exposición en canto cando sexa posíbel.

O presidente, Xosé Mª Cotelo amosouse “satisfeito pola excelente acollida que tivo este acto e que considero un grande éxito para a asociación, e polo tanto, para a sociedade larachesa en xeral; pero de momento é moi pronto para pensar nunha próxima exposición a curto prazo. De todos os xeitos estamos dispostos a seguir recollendo fotos para, se é posíbel, podermos ofrecer a toda a veciñanza unha nova exposición con máis fotos.

Agradecemos a asistencia a todas as persoas, moi especialmente a quen colaborou máis activamente prestando as súas fotografías para este bonito fin e por isto queremos lembrar, unha vez máis, que este acto non se podería levar a cabo sen a axuda de cada unha das persoas que traballastes neste proxecto. Compre, xa que logo, parabenizar á veciñanza larachesa”.

Se queres ver en imaxes como se desenvolviu o acto, clica aquí

Na foto,e de esquerda a dereita, Xosé Cotelo e Fernando Gesto, Presidente e Tesoureiro respectivamente.
Comentarios (3) - Categoría: Actividade - Publicado o 15-03-2009 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
FALAR
A CONTINUACIÓN REPRODUCIMOS UN DOS RELATOS DO EXCELENTE LIBRO DE SECHU SENDE, MADE IN GALIZA.


RECOMENDADO


Teño un ano e poucos días e cando escoito Clara presto atención.

Escoito as persoas que viven nesta casa e aprendo cousas todos os días. Mamá ten outro nome que é Laura e cando mamá chama por Tomás sei que ese é papá. De vez en cando veñen outras persoas á cas, e as que teñen enrugas nos ollos e sempre están rindo son o avó e a avoa. Tamén está Rula, que é pequeniña e vive dentro dunha gaiola.

Sei que estou nunha idade complicada porque o día menos pensado teño que comezar a falar, que é algo que non se fai todos os días. Falara facilita moito as cousas. Cando saiba falar por fin van saber que se choro de noite non sempre é porque teña sede ou me doia a barriga, porque ás veces soño cousas que non entendo. As cousas que non entendo son moitas aínda que hai unha que me preocupa especialmente.

Nesta casa falan dunha forma moi estraña. A mamá, a papá e aos avós cando están comendo, por exemplo, escóitolles palabras como Sopa, Pásame o pan, Un pouco de sal ou Biscoito. Eu poño o oído e escoito e vou aprendendo.

Rula é unha persoa diferente, fala dunha maneira que se chama cantar ou asubiar, que llo escoito a mamá: Que ben canta Rula, ou Asubía un pouquiño, Ruliña. Antes cando estaba soa ás veces intentaba falar con Rula, pero nunca sabía o que quería dicir. Como Rula só sei dicir ffffi ou ffffu.

Aínda que ese non é o problema, porque realmente ninguén fala como Rula nesta casa. Mamá dille de cando en vez cousas lindas: A ver, bonitiña, aquí che traio alpiste; mais dillo como fala mamá, sen ruídos raros.

O problema é que de escoitar falar a mamá, papá e os avós eu xa sei polo menos cen palabras como Peido, Pis, A nena ten fame, Xa é de noite, Esta nena é moi tranquila e moi lista, Vai chover e cousas así. Eu escoito e gardo esas palabras para min e repítoas por dentro. Hai moitas palabras que escoito que aínda non comprendo como Quilómetro, Enciclopedia ou Empanada de xoubas.

O problema que teño é que, por exemplo, mamá cando fala de min con papá di A nena está esperta e de repente ven onda min e dime: Ay, mi niña, que ya despertó, ya despertastes, Clara? Eu sei que Clara son eu, mais aínda non sei por que me chama Mi niña se eu son A súa nena. Papá fai o mesmo, está falando coa avoa e di A nena debe ter fame e vén e dime Clara, cosita, tienes hambre? Eu abro moito os ollos, intentando comprender que pasa aquí.

É unha situación estraña que se repite continuamente. Entre eles non, mais comigo cambian de forma de falar.

E agora estou nun dilema porque penso que están esperando a que eu me poña a falar un día destes. Eu xa sei dicir Ma-má en segredo. Dígoo cando estou soa porque quero practicar e teño medo de que cando o vaia a dicir por primeira vez saia mal. Mais o meu dilema é que non sei se botar a falar como falan meus pais cando falan entre eles e con meus avós ou se poñerme a falar desa outra maneira que me falan a min.

Rula polo menos sempre fala igual.

Eu é que a meus pais non os acabo de entender. De momento vou esperar un pouco, a ver se se aclaran. Aínda que, se non queren que fale como eles, as súas razóns terán. Digo eu...

Relato extraído de “Made in Galiza”(Editorial Galaxia) de Sechu Sende.
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 11-03-2009 00:12
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal