A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA NA LARACHA

Os días 13, 14 e 15 de marzo convidámoste a que visites a exposición fotográfica que estará exposta na Aula Cultural de Caixa Galicia (Avda. de Fisterra, 63, enriba da oficina da mesma entidade).

A exposición está composta de 550 fotografías e os temas sobre os que trata son moi variados. Así poderemos ver fotos familiares, de antigas formacións de equipos de fútbol do concello como o Laracha C.F., San Román, Paiosaco, antigas formacións do equipo de balonmán feminino, romarías, festas, os antigos trolebuses eléctricos, veciñas e veciños da Laracha anos atrás, manifestacións na capital larachesa, vodas, procesións, fotos da mili, da guerra, da emigración...e poderemos observar como foi mudando o aspecto do noso concello desde os anos 50.

Os horarios de visita son os seguintes:

VENRES 13: de 18:00 a 22:00

SÁBADO 14: de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 22:00

DOMINGO 15
: de 11:30 a 14:00


Agradecemos en nome da asociación a todas as persoas que colaborastes para que este bonito traballo se puidera levar a cabo xa que sen vós isto sería inviábel.


Asdo.: Xosé Mª Cotelo Freire

(presidente da Asociación Veciñal “A Cutareira”)

Comentarios (1) - Categoría: Actividade - Publicado o 28-02-2009 19:13
# Ligazón permanente a este artigo
3º DA E.S.O. DO I.E.S. AGRA DE LEBORÍS DA LARACHA FINALISTA DO CORRELÍNGUA 2009.

O de 3º da E.S.O. do I.E.S. Agra de Leborís da Laracha chegou a ser finalista do premio CORRELÍNGUA 2009 que finalmente foi outorgado ao curso de 4º da ESO do C.P.I. de Panxón, a quen desde este sitio web felicitamos.

Todos os traballos foron elaborados a partir do lema do Correlingua 2009: “En galego! Pásao”. O Manifesto gañador será lido nas catorce marchas a favor da lingua que percorrerán Galiza entre os días 5 e 15 de maio con inicio en Vigo e remate na Coruña.

Segundo a organización, arredor de 300 centros de ensino infantil, primario e secundario participaron nas diferentes modalidades, con traballos de grande calidade. O concurso de banda deseñada convócase entre grupos de Educación Infantil e Primaria, e o de manifesto entre o grupos de secundaria e bacharelato.

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS_PG), a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, e os concellos de Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Santiago, contando ademais coa colaboración de diferentes organismos do goberno galego e outros concellos de Galiza.

PARABÉNS A ORGANIZACIÓN E A TODAS E TODOS OS PARTICIPANTES, ESPECIALMENTE ÁS NOSAS VECIÑAS E VECIÑOS DO I.E.S. AGRA DE LEBORÍS.

MANIFESTO GAÑADOR
Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 24-02-2009 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
A CUTAREIRA CONVÍDATE A UNHA TARDE DE HUMOR NA COMPAÑA DE PEPO SUEVOS
A Asociación Veciñal "A Cutareira" convídate a pasar unha tarde de humor na compaña do humorista Pepo Suevos.

Será o venres, día 6 de marzo, ás 9 da noite na Aula Cultural de Caixa Galicia, situada na Avda. de Fisterra, 63.


Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 23-02-2009 15:52
# Ligazón permanente a este artigo
DOA SANGUE

O vindeiro luns 23 de febreiro estará na capital do noso concello unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galiza, concretamente na Praza do Generalísimo situada diante da Casa do Concello.

Os horarios para a doazón son de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00.

As condicións para poder doar sangue son as de sempre, ter máis de 18 anos e pesar máis de 50 quilos.



Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 21-02-2009 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
QUE SABEMOS DOS BIOCOMBUSTÍBEIS?
Inserimos neste blogue parte dun interesante artigo extraído de RevistaFusión. Como vés é algo extenso pero doado de entender e explica a relación directa que existe entre os denominados “biocombustíbeis” e a suba de prezos experimentada nos últimos anos polos cereais, pan, penso, leite, etc... Agardamos que che sexa de utilidade ou que cando menos sirva para que coñezas a parte sobre a que os medios de comunicación convencionais falan moi pouco ou nada.

QUE SON OS BIOCOMBUSTÍBEIS?


Tendemos a asociar a palabra “biocombustíbel” con ese novo carburante que vai facer funcionar o teu coche sen contaminar o medio ambiente. O sucio petróleo negro substituído polas verdes plantas. En concreto, cando falamos de biocombustíbeis referímonos ao que se coñece como biodiésel e como bioetanol. O primeiro obtense do procesamento de aceites vexetais da colza, palma africana, soia, xirasol ou millo. O segundo é un alcol que se obtén do azucre da remolacha ou cana de azucre, e tamén do amidón do millo, a cebada ou o trigo.

SON OS BIOCOMBUSTÍBEIS UNHA ALTERNATIVA REAL AO PETROLEO?


“En teoría” os biocombustíbeis son menos contaminantes que os derivados do petróleo. Baseándose nesa premisa, os Estados Unidos e a Unión Europea propuxéronse alimentar os seus vehículos con eles. Para logralo deben remodelar os seus cultivos, e ademais comprar millo, soia ou aceite de palma aos países do Sur. O resultado inmediato é o incremento do prezo destes alimentos, tal e como estamos comprobando.

Na maioría dos países, o biocarburante elixido mestúrase nunha porcentaxe determinada co diésel sen necesidade de cambiar os coches, aínda que en Brasil desde hai anos os coches funcionan con etanol puro. Até aquí todo parece moi limpo e ecolóxico, aínda que hai quen asegura que esa visión “verde” non é máis que aparencia. Para o Nobel de Química, Hartmut Michel, cos biocombustíbeis non se aforran emisións de CO2 posto que ao fermentar o vexetal só se obtén o 10% de alcol. Elevar esa proporción ao 100% leva empregar enerxía de combustibles fósiles. Así que se acaba emitindo máis CO2 do que produciría simplemente un coche de gasolina.

FAME


Hai a quen lle pode parecer esaxerado a formulación de que empregar biocombustíbeis desemboque en fame, pero xa temos exemplos reais diso. Calcúlase que nos dez primeiros meses de 2007 109.000.000 de toneladas de trigo foron desviadas a plantas de produción de etanol, en lugar de servir como alimento. E se observamos o caso dos Estados Unidos, veremos que a partir de que empezou a elaborar etanol empregando millo, nun ano subiu o prezo deste produto.

COMO É POSÍBEL QUE SE CHEGARA Á SITUACIÓN ACTUAL?


Moitos agricultores que plantaban para consumo humano e animal pasáronse ao outro lado, posto que lles resulta máis rendíbel. Ao haber menos sementes para comer, o prezo das mesmas sobe. O resultado nos E.E.U.U. é que creceu o prezo do millo que comen porcos, bovinos e aves, co cal se incrementaron todas as súas carnes, ademais dos seus derivados como o leite, manteiga e ovos. Pero quen está a abastecer ao mundo occidental de vexetais para logo convertelos en biocombustíbeis son os países en vías de desenvolvemento e alí as consecuencias están a ser devastadoras.

Moitos deles están a abandonar os seus cultivos tradicionais para plantar aqueles que producen etanol porque lles dan máis beneficios. En Brasil cambiáronse os campos de soia, algodón e diversos alimentos pola cana de azucre. A consecuencia é que os seus habitantes xa pagaron tres veces máis polos seus alimentos no primeiro semestre de 2007, que no mesmo período do ano anterior.
Para Manoel Santos, biólogo e director do suplemento “Altermundo” "están a xogar coa vida da xente. Non se poden deixar de cultivar terras para alimentos e dedicalas a engordar a opulencia dos países industrializados. Xa temos varios exemplos que demostran que a demanda de cereais para producir bioetanol está a subir os prezos, co que a xente máis pobre non pode comprar alimentos”.

POR QUE SE APOSTA POLOS BIOCOMBUSTÍBEIS?


De descoñecermos este combustíbel pasamos a un “boom” apoiado polos medios de comunicación, desde onde se nos convence das súas virtudes pero moi pouco se fala dos seus efectos. A O.N.G. “Grain” -que promove o manexo e uso sustentable da biodiversidade agrícola- asegura que tras os agrocombustíbeis atópanse as industrias automobilísticas e petroleiras, empresas alimenticias, compañías biotecnolóxicas e empresas dedicadas a investimentos a nivel mundial.
Para Manoel Santos "a aposta real de ir substituíndo paulatinamente a dependencia dos chamados combustíbeis fósiles por eses agrocombustíbeis, nace dos poderes financeiros internacionais que dominan o mundo –O.M.C., F.M.I., Banco Mundial-, das transnacionais ás que serven e loxicamente dos países aliñados co Imperio Norteamericano -e tamén dos seus elitistas clubs de ricos como o G-8 ou a OCDE-, o que inclúe toda a Unión Europea.

Pero o fondo da cuestión, segundo Santos, é que debemos "reflexionar a escala mundial sobre o actual modelo enerxético e da sociedade consumista en xeral. Por moita enerxía renovábel que fomentemos nunca será suficiente se non camiñamos cara á eficiencia no consumo, cara ao aforro, cara á reciclaxe do reciclábel, e cara a un cambio nas nosas demandas ultracapitalistas. Todos falan de enerxías alternativas, pero ninguén de empregar menos enerxía. A loita é contra o neoliberalismo, contra o capitalismo desaforado. é, simplemente, unha loita pola vida".

Seguimos usando aos países en proceso de desenvolvemento para satisfacer as nosas ansias consumistas e manter o noso absurdo estilo de vida consumindo excesiva e innecesariamente aínda que iso signifique arrastrar á pobreza e á fame a millóns de seres humanos. A terra non se debería de usar para alimentar vehículos, senón para alimentar seres humanos. Se sabemos que todos os campos do mundo non chegan para abastecer de biodiésel aos automóbiles, pero seguimos usando os terreos para este fin...que comeremos?...comeremos vehículos e beberemos biodiésel?

MÁIS NOTICIAS AQUÍ
Comentarios (0) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 16-02-2009 11:14
# Ligazón permanente a este artigo
TES+BUS. A LARACHA
QUE É TES+BUS?

Trátase do Programa de transporte escolar compartido, co que a Xunta de Galiza facilita os seus desprazamentos á poboación de zonas con escasos servizos de transporte público, por exemplo no concello da Laracha.

QUEN PODE USAR ESTE SERVIZO?

Nas rutas seleccionadas calquera persoa da zona poderá dispor das prazas
libres do transporte escolar nos traxectos ata as vilas onde se atopan os colexios.

O PREZO?


Cada viaxe 1 euro.

E OS HORARIOS?


Os días e os horarios do servizo son os do transporte escolar.

EXISTE ESTE SERVIZO NA LARACHA?


Claro que si. Se queres coñecer as paradas dos autobuses clica aquí
Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 12-02-2009 15:41
# Ligazón permanente a este artigo
CORRECCIÓN TOPONÍMICA NA LARACHA
Os letreiros de sinalización do noso o Concello están a ser renovados despois de que a veciñanza o reclamara a través desta asociación, mediante dous escritos entregados no rexistro do concello. A Xunta de Goberno Local ven de solicitar á Deputación da Coruña 65000€ para o financiamento da instalación de sinalización vertical nas parroquias e poder así para continuar con este traballo.

Das nosas reclamacións feitas no seu día, tamén se fixo eco a prensa, que entendeu a queixa totalmente xustificada xa que no Concello da Laracha NUNCA tivemos uns letreiros que reflectiran a realidade da nosa toponímia nin tampouco, até agora, o Goberno da Laracha lle dera importancia algunha a este feito.

Agardemos que a nova rotulaxe se faga correctamente e que desaparezan dunha vez por todas letreiros como “Casabella” (en lugar de “A Casavella”) en Montemaior, “San Cristobo” (en lugar de “San Cristovo”) ou “Igresa” por “Igrexa” tan común este último en todas as parroquias do concello.

No Nomenclátor da Xunta de Galiza podes ver toda a toponímia oficial do noso país.
Se queres consultar o que di o artigo 10, punto 1, da Lei de Normalización Lingüística podes facelo desde aquí.

Foi noticia no Cutaxornal
Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 09-02-2009 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
OLLO COAS HIPOTECAS
Se te fixeches cunha propiedade nestes dous últimos anos, ben sexa vivenda, terreos..., e estás pagando un préstamo é posíbel que xa recibiras unha carta da Consellaría de Economía e Facenda reclamándoche uns cartos que debes á Administración pola compra en cuestión.

Isto ocorrerache se, poñamos un exemplo, escrituraches unha vivenda e no contrato da hipoteca consta un valor de taxación por enriba do valor de compra. A administración pode, entón, reclamar o 7% da diferenza entre o valor de compra e o valor da taxación que efectúa a entidade financeira e que consta na escritura da Hipoteca (toma como referencia o valor de taxación, non o de compra). Ese 7% corresponde ao chamado Imposto de Transmisións Patrimoniais (I.T.P.)

Xa sabemos que son moitas as persoas que prefiren inflar o valor de taxación do inmóbel para dispoñer así de máis cartos en efectivo para destinalos ao que máis lle conveñan, tendo en conta que estes cartos teñen un tipo de xuro hipotecario, ou sexa máis baixo ca un préstamo persoal. Pero tamén debemos ter en conta a información dada anteriormente e valorar o que convén ou non, porque son moitas as persoas que están a levar unha importante sorpresa.


La Opinión de A Coruña
Comentarios (1) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 09-02-2009 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA CONTRA A NOSA LINGUA
No día de hoxe, varias centos de persoas manifestáronse en Compostela nun acto convocado por “Galicia Bilingüe” en contra da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobados ambos no Parlamento Galego e por unanimidade polos nosos representantes políticos (BNG, PPdeG e PSde G-PSOE).
Ao acto asistiron forzas de corte ultradereita como a Falange e UPyD (liderado pola ex PSOE Rosa Díez) e unha boa representación de altos cargos do PP (Corina Porro, Alfonso Rueda, Ana Pastor...). Nin que dicir ten que as demandas da manifestación non son amparadas nin pola Constitución Española nin polo Estatuto de Autonomía.

A Mesa pola Normalización Lingüística, cualificou a de hoxe como unha "manifestación do odio e a intolerancia, tristemente apoiada polo PP" e di que “chama a atención os apoios explícitos da extrema dereita, como a Falange Auténtica e ao comunicado da AVT no que se equiparou a defensa do galego coa coacción e a exaltación a ETA”.

Desde A Mesa manifestan a súa “defensa da igualdade xurídica e social do castelán, a lingua oficial do Estado, co galego, a lingua natural de Galiza” e conclúen: “Quen honestamente diga defender o bilingüismo, debería apoiar o idioma que está discriminado e non saír en manifestacións para que se machaque aínda máis.”

Máis información aquí
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 08-02-2009 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
AXUDAS PARA OS DANOS PRODUCIDOS POLO VENTO
Na seguinte ligazón podes descargar as bases para solicitar as axudas que a Xunta de Galiza destina a persoas ou entidades que sufriron desperfectos ocasionados polo temporal de vento do pasado mes de xaneiro.

AXUDAS POLO TEMPORAL

Comentarios (0) - Categoría: Varios - Publicado o 05-02-2009 09:03
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal