A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Apalpador: o Santa Claus galego
O mito foi estudado por José André Lôpez Gonçález nalgunhas comarcas da alta montaña luguesa: no Courel, en Lóuzara e no Cebreiro.

Varias asociacións culturais de todo o país está a tratar de recuperar a figura do Apalpador, un xigante esfarrapado e con boina que fuma en cachimba, e que baixa unha noite do Nadal da montaña para lles apalpar a barriga aos cativos e comprobar se están ben mantidos, e deixarlles unha présa de castañas.

A asociación “Fonte do Milagro” ultimou o programa da ”XI Festa da Pisa da Castaña do Courel” que se celebrará o 6 de decembro en Froxán (O Courel). O festexo etnográfico incluirá a presentación dun libro infantil baseado na figura do Apalpador, ese personaxe da serra que foi recuperado hai poucos anos e divulgado por diversas asociacións culturais galegas. O programa da festa comprende tamén a presentación da segunda parte da novela xuvenil "O brindo de ouro" , do escritor courelao Xesús Manuel Marcos.

A partir do mediodía comezará en Froxán a demostración da pisa, a operación que se levaba a cabo tradicionalmente no Courel para descascar as castañas secas preparadas nos sequeiros. Ao redor da unha da tarde, os actores Comba Campoy e Pepe Penabade pronunciarán o pregón.
Ás dúas e media ofrecerase unha comida a base de castañas secas e cocidas e derivados do porco -a oito euros o menú-, que se servirá nunha carpa onde tamén haberá postos de polbo e churrasco. A demostración etnográfica continuará a partir das catro da tarde e ao longo da xornada haberá diversas actuacións a cargo de grupos de música tradicional.

Podes descargar o libro do APALPADOR en PDF desde aquí

Saber máis

Comentarios (0) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 29-11-2009 22:47
# Ligazón permanente a este artigo
Charla de ADEGA
A pasada Quinta feira (xoves) día 26, organizamos unha charla informativa baixo o título: “Residuos e contaminación” para informar sobre as xestións dos residuos. Para tal evento contamos con María Rodríguez, que pertence á Asociación para Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).

Nesta charla informóusenos dos distintos sistemas de tratamento dos residuos que están en marcha en Galiza e ficou moi claro que o peor de todos é precisamente a onde vai parar o lixo que se recolla na Laracha, a SOGAMA (Cerceda), que é tamén a onde van parar os residuos do 79% da poboación de Galiza.

A pesar dos 200 millóns de € que custou a infraestrutura, nesta planta tan só se recupera o 6,81% do total que contrasta co modelo das Mariñas ou do Barbanza onde se recupera o 58,96% e o 64,9% respectivamente.

A moitas e moitos de nós sorprendeunos saber que, no que referente á materia orgánica, na planta de SOGAMA non se recupera absolutamente nada: 0%.

Soubemos tamén, que en concellos como por exemplo, A Illa de Arousa, tendo un compostador en cada casa (a maioría de vivendas na illa son de tipo unifamiliar) conseguiron reducir o volume das varreduras, e en consecuencia beneficiáronse dunha baixada das taxas pola recollida do lixo.

En resumo, que se queremos apostar pola saúde do planeta, deberemos ter en conta as famosas tres erres, en conxunto e sen obviar ningunha delas: Reciclar, Reducir e Reutilizar.

Podes baixar aquí un manual de compostaxe
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 28-11-2009 02:16
# Ligazón permanente a este artigo
Charla informativa de ADEGA

A asociación ecoloxista ADEGA ofrecerá unha charla informativa baixo o título de “Resíduos e a contaminación” na que se pretende informar sobre os distintos sistemas de tratamento dos resíduos que se lle están a dar tanto desde SOGAMA como de NOSTIÁN, cales son as diferenzas e que outras alternativas existen.

Tamén saberemos como poden afectar á nosa saúde a incineración de materiais combustíbeis que emiten fumes contaminantes ou cinsas tóxicas.

A Charla será impartida por María Rodríguez Lafuente
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 25-11-2009 10:37
# Ligazón permanente a este artigo
Charla de ADEGA: Resíduos e contaminación

A CHARLA SERÁ IMPARTIDA POR MARÍA RODRÍGUEZ LAFUENTE.
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 18-11-2009 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Fascismo lingüistico nun xulgado español
É posíbel que esteas a pensar que o titular sexa moi forte...mais con que adxectivo se pode cualificar, senón, este tipo de decisións desde un propio xulgado, o cal se supón está para impartir xustiza?



REPRODUCIMOS O ARTIGO PUBLICADO HOXE NO DIARIO "A NOSA TERRA"


O portavoz do Grupo Parlamentar en materia de Lingua, Bieito Lobeira, denunciou esta mañá que un xulgado de Madrid ameaza unha nai galega con retirarlle a custodia das súas fillas por trasladarse de Alcorcón a Vigo, debido a que 'o ensino é en galego e esta lingua non é útil'.

Nunha rolda de prensa co portavoz da familia afectada, Manuel López Rodríguez, Lobeira criticou o auto do xulgado de Alcorcón, que lle nega á nai que se traslade a Vigo debido ao perigo de “desarraigo que se estende ao seu ámbito escolar, pois as menores estiveron escolarizadas desde hai moitos anos no Colexio Amanecer, de Alcorcón, para agora verse escolarizadas en Centros Públicos, en Vigo, con inmersión nun sistema escolar en lingua galega, unha lingua distinta á que foron escolarizadas até o de agora, que máis alá do ámbito de aquela Comunidade Autónoma, non se aprecia que teña ningunha outra utilidade práctica”.

O irmán da nai e portavoz da familia, Manuel López Rodríguez denunciou “o calvario o que se nos está sometendo, cunha evidente inxustiza por querer vivir en Galiza”. Manuel Rodríguez criticou os prexuízos do xuíz de Alcorcón e salientou que “as nenas están perfectamente integradas en Vigo e son felices”. Respecto á lingua galega, subliñou “que para nada tiveron ningún problema: desde pequenas escoitárono na familia e enténdeno; a maior pódese acoller á exención de galego na selectividade e a pequena quitou en galego unha nota de 8,5, gústalle e mesmo empeza a falalo"

LER MÁIS
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 17-11-2009 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
Carta aberta ao Presidente da Xunta
Carta aberta ao presidente da Xunta por parte de Carlos Callón, Presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística

Señor presidente:

Son moitos os motivos que me poderían levar a escribir esta carta pedíndolle que mude a súa nociva política contra a lingua propia de Galiza. Aínda que vostede descualifique as mobilizacións en defensa do galego considerándoas “manifestacións preventivas”, a realidade tanxíbel é que nos case oito meses que leva como presidente non cesou de adoptar medidas en contra do idioma que nos une como galegas e como galegos.

En todo o tempo transcorrido desde a súa toma de posesión, aínda non emprendeu nin unha soa nova iniciativa para estender esta lingua a novos ámbitos ou para garantir a igualdade de oportunidades para quen, con toda lexitimidade, queira vivir en galego. Non sabemos, insisto, da primeira acción de goberno que dea cumprimento ao mandato estatutario de que os poderes públicos deben promover o idioma propio de Galiza.

Os miles de galegos e galegas que nos movemos na defensa da nosa lingua facémolo como nunca porque somos conscientes de que é a primeira vez na historia da democracia que un goberno autonómico anda a patadas co galego.

Tamén por vez primeira na historia é moeda común na Xunta que haxa altos cargos que fachendeen de non saber o idioma de Galiza, como se a ignorancia fose un mérito. Hai representantes institucionais do goberno que vostede preside que si saben galego mais que se negan a utilizalo no Parlamento ou nos medios de comunicación públicos creados para promovelo, que ordenan mudar a papelaxe administrativa para que non estea neste idioma, que mesmo infrinxen a legalidade ao responderen por escrito en castelán a misivas que lles chegan en galego... Esta prepotencia e falta de corrección institucional do seu goberno non obedece a ningún criterio racional, moito menos de servizo público, senón a unha política de odio contra o idioma do país.

Nada de preventivo ten tampouco a modificación por trámite de urxencia e cunha firme oposición sindical da Lei de función pública. A súa présa debeuse ao desexo de eliminar o galego como requisito real para acceder a un posto de traballo público, convertendo o castelán no único requisito de facto. Ese proceso, coa argumentación gobernamental de que a lingua propia de Galiza constitúe unha “barreira”, ocupará un lugar destacado na historia das infamias contra a nosa cultura.

Vemos, ademais, como a literatura, a música, o audiovisual e tantas outras expresións culturais no noso idioma se ven agora desnutridas pola institución que competencialmente ten a principal obriga de fomentalas. Non hai ningún motivo presentábel que poida explicar que unha das primeiras accións do seu goberno sexa eliminar a partida que existía para que, tamén neste 2008, houbese axudas públicas para a tradución de libros desde e para o galego. A nosa é a única lingua con algún recoñecemento oficial no Estado que se encontra en tal situación.

Nese mesmo camiño vai a progresiva eliminación ou vaciado da programación cultural dos medios públicos autonómicos. A quen lle fai dano que a Radio Galega teña ao menos un programa que promova as novas propostas musicais no noso idioma? A quen prexudica que na TVG se promovan de forma protagónica os libros na nosa lingua, invisibilizados nas outras ofertas televisivas de ámbito estatal?

Aínda máis: A quen ofende que haxa programación infantil en galego? A decisión de que a TVG emita os Teletubbies en inglés, só con lexendas en lingua galega, non pode máis que considerarse sarcasmo, pois os seus destinatarios (os nenos e as nenas de menos de tres anos) non saben ler. Sabe, señor presidente, que a TVG é a única televisión do mundo que non emite os Teletubbies dobrados á lingua propia? Sabe, ademais, que nin noutras emisoras de televisión nin no mercado podemos encontrar produtos audiovisuais en galego para as nosas crianzas?

Nada ten tampouco de preventivo que se deixe de apoiar a tradución de software ao noso idioma, que a exitosa feira Cultur.gal deixe de realizarse, que se bote o fecho aos premios nacionais da cultura galega, que se impida a regulamentación de dereitos lingüísticos tamén para o galego no ámbito comercial e unha restra de exemplos máis. A listaxe das súas políticas contra a lingua de Galiza, como é bo de ver, é longa. Mais non podo esquecer un ámbito fundamental: o ensino.

Moitas veces di que aínda non derrogou o decreto actual, o 124/07, e pono como exemplo de que ninguén debería saír á rúa en defensa do galego. É certo que non o fixo e que, ademais, tampouco se coñecen cales van ser os trazos da nova proposta, a pesar de todo o tempo transcorrido. O único que se sabe é todo o que xa executou contra a nosa lingua no ensino: promulgar unilateralmente un decreto sobre educación infantil que reduce a presenza do noso idioma, desincentivar o programa de liñas neste idioma entre 3 e 6 anos, romper o modelo das Galescolas que mesmo aplaudiran organismos internacionais, tentar crear un clima social contrario á impartición de materias en galego, crear crispación e enfrontamento social cunha fraudulenta pseudoconsulta cuxos resultados agora nin tan sequera está a ter en conta...

Que no proxecto de orzamentos xerais o departamento de Política Lingüística sexa o que máis decreza (un 20%!) de todos os que conforman o organigrama da Xunta é tamén abondo elocuente.

Pídolle por favor que non repita máis en público que a maioría da xente apoia as súas políticas contra o galego, porque non é verdade. Debería lembrar, coa mínima humildade necesaria para ser un bo gobernante, que vostede é presidente da Xunta porque o seu partido ten un só deputado máis que a oposición e a pesar de que nas pasadas eleccións autonómicas contou con 5.000 votos menos que a suma dos sufraxios conseguidos polo PSdeG-PSOE e o BNG. Igual que debería ter presente que gañar unhas eleccións non é unha patente de corso para facer o que se quixer nin unha autorización para destruír unha lingua e unha cultura.

Debería ser consciente de que a súa política de provocacións e de ataques contra o galego conleva unha importante preocupación social, tanto por parte de persoas que utilizan este idioma no seu día a día como por quen non o fai. Así é: non se autoengane pensando que unha acción de agresións contra o galego vai recibir o aplauso da xente nova ou dos habitantes das zonas urbanas, por falar de dous segmentos sociais que padecen de forma moi aguda a desgaleguización.

A pesar de que hai grupos de poder económico e mediático que pretenden estender o autoodio e sustentar a mingua de dereitos para os usuarios e as usuarias da lingua galega, a verdade é que hoxe a inmensa maioría da sociedade rexeita a galegofobia e apoia a execución de políticas de promoción do idioma natural de Galiza.

Vostede ten enriba da súa mesa desde hai máis dunha semana unha carta que expresa a disposición ao diálogo por parte da plataforma Queremos Galego. Está a tempo de rectificar. Por favor, fágao, porque a súa política contra o noso idioma non pode traer nada bo para ninguén.

A sociedade valorará que rompa coa crispación, que aplique os consensos a que chegamos entre todas e todos, que defenda un dos nosos principais elementos de identidade e cohesión, sen o cal sería inimaxinábel ningún grao de autogoberno; sen o cal sería inimaxinábel a Xunta de Galiza que vostede preside.

[A fotografía correspóndese cun momento da marcha do 18 de outubro de 2009, cuxa histórica participación é mostra da alarma social que está a crear o goberno de Alberto Núñez Feijóo.]

Extraído de O BLOG DE CARLOS CALLÓN
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 13-11-2009 22:43
# Ligazón permanente a este artigo
O Prestige
Hoxe cúmprense 7 anos do afundimento do PRESTIGE nas costas galegas.

A plataforma "Nunca Máis" realizou o seguinte vídeo para dar resposta ás "verdades" oficiais e á contrainformación que se propagou para tapar a incompetente xestión do accidente do Prestige que conduciu ao desastre ecolóxico e económico que tivo lugar nas nosas costas.

Un excelente traballo, o realizado por esta plataforma, no que se lembra todo o acontecido naquelas datas de xeito perfectamente resumido.


UN VÍDEO FEITO PARA QUE NON ESQUEZAMOS NUNCA MÁIS



Comentarios (0) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 13-11-2009 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
O conflito lingüístico na Galiza
Mediante actos ou exposicións como "A Represión Lingüística" que está a ser difundida en moitos concellos galegos até o mes de xaneiro, os bos e xenerosos seguen a traballar para que o Pobo Galego recupere a súa memoria colectiva.

O galego leva padecendo unha situación de opresión lingüística que dura xa máis de 500 anos. Sometido a un proceso de substitución lingüística que dura até os días de hoxe, a lingua galega resiste pero os datos do último informe sociolingüísticos alertan da mala situación que atravesa a lingua galega pola perda de falantes. Nos últimos doce anos duplicouse o número de persoas que nunca falan galego, que pasou do 13 ao 25,8 por cento. O número de persoas que din falar habitualmente en galego pasou do 30,5 por cento ao 16.

Cando se dá esta situación compre tomar medidas para sacar ao galego da diglosia ao que segue sometido. Sometido polos poderes políticos e fácticos que dominan este país e sometidos por quen non cre na nosa lingua. E quen non cre na súa lingua non pode crer en si mesmo, nin tampouco en Galiza.

Canto durará esta situación de perda de galegofalantes?

Nas nosas mans está, somos nós quen podemos facer que Galiza siga existindo como pobo con lingua e identidade propia ou pola contra desaparecer. E para podermos gañara a batalla deberemos coñecer aos inimigos.

Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 13-11-2009 20:12
# Ligazón permanente a este artigo
CRÓNICAS DA REPRESIÓN LINGÜÍSTICA
Hoxe, venres 13 de novembro, ás 20.00 horas, inaugúrase a exposición “Crónica da represión lingüística” en Zas. Ao acto acudirá o Deputado Provincial e portavoz do BNG na Laracha, Xoán Manuel Sande Muñiz. Esta exposición, que xa visitou localidades como Carballo, pretende recuperar as vivencias de persoas que sufriron o levantamento fascista, e a represión e imposición lingüística do castelán que padeceu o pobo galego.

A exposición conta tamén co traballo de investigadores e estudosos, que achegan o rigor científico para analizar outros aspectos da represión sobre a lingua galega, e que aínda están precisamente en vixente actualidade. O proxecto toma forma a través das opinións de expertos e analistas da situación lingüística, pero tamén conta coas experiencias de persoas como Xesús Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo, Manuel Fernández Cid, Francisco Fernández del Riego, Agustín Fernández Paz, Raimundo García Domínguez, Xaime Isla Couto, Avelino Pousa Antelo, Elixio Rodríguez, Bernardo Souto ou Elvira Varela, entre outros.




Comentarios (1) - Categoría: Lingua - Publicado o 13-11-2009 02:25
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos da actuación do Mago Pablo

Podes ver aquí, e aquí, as fotos da actuación do Mago Pablo o pasado sábado.
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 10-11-2009 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal