A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Feliz Samaín

O pasado ano celebramos por vez primeira o Samaín e informamos á veciñanza sobre as orixes desta celebración, coñecida noutros países por “Halloween”.

Este ano traballaremos xunto a Asociación Cultural “Quinta Feira”, organizadora do samaín deste ano, e organizaremos tamén o tradicional Magosto. Queremos que sexa unha noite “especial” reivindicando a verdadeira tradición en oposición ao “Halloween” promovido unicamente por intereses consumistas e comerciais dos EEUU.

Samaín é unha festividade de orixe celta que se foi popularizando tamén en América Latina e que ten orixes moi antigos. Hai 3000 anos nas vilas celtas de Europa, entre eles na Galicia, Irlanda e en distintas zonas da Gran Bretaña os habitantes deses lugares esperaban o Novo Ano que para eles iniciábase co tempo do cambio de estación, da colleita e os misterios entre a vida e a morte.

Os celtas crían que nesa noite a ventá que separaba o mundo dos vivos e o dos mortos desaparecía e que a véspera de Samaín – que así chamaban a esa data - as almas dos mortos regresaban a visitar fogares terreais. Para manter a estes espíritos contentos e afastar os malos dos seus fogares os celtas deixaban xantar ou doces fóra dos seus fogares.

Despois de que os romanos conquistasen aos celtas, estes influenciaron ao mundo céltico cos seus festivais á deusa romana da colleita, Pamona. Os cristiáns consideraban que os celtas adoraban o diaño, aínda que o diaño nunca existiu na relixión céltica. Naquela época determinouse que a maneira de converter aos celtas ao cristianismo era adoptando o festival dos celtas e converténdoo nun cristián. Por iso os cristiáns calificaron as celebracións celtas como una práctica herética, destruíndo baixo este pretexto gran cantidade da cultura, monumentos e tradicións celtas para afianzar o seu dominio político e social do vello continente.

Foi a época do sometemento dos pobos pagáns ceibes, que eran convertidos ao cristianismo demonizando as súas crenzas, adoptando os seus festivais, e converténdoos ao cristianismo. Así, o día de Samain converteuse no día de Todos todos os Santos de onde deriva o nome de Halloween en inglés (All Hallow's Eve) , que sería unha celebración importada e modificada en Norteamérica para converterse nunha celebración urbana.

FELIZ SAMAÍN A TODAS E TODOS!!
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 27-10-2009 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Magosto 2009
Este venres 30, a partir das 7 da tarde celebraremos, xunto a Asociación Cultural “Quinta Feira”, o magosto e o SAMAÍN.
Nesta ocasión o lugar onde se desenvolverán os actos serán no baixo do Bar “Mariño” situado na Avda. de Caión.

En canto ao magosto haberá castañas asadas, bocatas de chourizos caseiros asados, viño, refrescos, sortearemos entre os presentes unha cesta con produtos para o cocido (lacón, chourizos, panceta, patacas, viño…), música e moi, moi bo ambiente. Tamén se fará unha proxección fotográfica na que lembraremos moitas das actividades levadas a cabo por estas dúas asociacións.

Por segundo ano consecutivo na Laracha celebraremos o SAMAÍN tratando así de recuperar e coñecer as nosas ancestrais tradicións. Este ano o a organización está a cargo de "Quinta Feira", quen informa que "queremos preparar unhas cabazas coa axuda da xente máis nova para logo realizarmos unha exposición, haberá un decorado especial para este día tan especial, disfraces e e algunha sorpresa máis".

Os actos organizados para este día servirán para pasar unha tarde-noite agradábel e divertida na compaña da veciñanza.

NOTA: As persoas non socias tamén poden asistir pero deberán avisar anticipadamente nos seguintes tlfs: 653 618955 (Xosé Cotelo)
981 605030-625686787(María Rei)
PREZO: 6€
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 26-10-2009 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
Lamentábel espectáculo de manipulación desde a TVG



Perante os reiterados episodios de manipulación informativa nos medios de comunicación públicos do noso país, sempre en beneficio do Partido Popular, un grupo de persoas de diferentes sensibilidades que comparten unha fonda preocupación sobre este feito, após a cobertura parcial e tendenciosa feita pola RTVG en relación á manifestación de Queremos Galego!, impulsou a iniciativa "Televisión, manipulación!", xurdida dun grupo no Facebook e agora tamén asentada nun blogue, para promover accións públicas de denuncia desa situación, A primeira acción que vai desenvolver a iniciativa "Televisión, manipulación!" é a da recollida de sinaturas, a través da Rede, coas que se remitirá unha carta ao Director Xeral da CRTVG reclamando un cambio de rumbo na liña editorial da radio e máis a televisión galega.
O texto da carta podese ler integramente aquí, e para asinala tan só é preciso cubrir este formulario.

POLO CESAMENTO DE CARLOS LUÍS RODRÍGUEZ


Esta iniciativa xordeu partires da inmensa indignación que provocou a "entrevista" feita polo xornalista Carlos Luís Rodríguez no marco do programa "Foro Aberto" que substituiu a Hai Debate!, e na que o presentador vulnerou sistematicamente os principios profesionais que deben rexer calquera entrevista, emitindo velada ou explicitamente opinións persoais, formulando preguntas capciosas e de claro sesgo ideolóxico, impedindo que o entrevistado as puidese responder e someténdoo a un xuízo ideolóxico que tiña por única finalidade descualificalo e restarlle credibilidade diante da audiencia.

A actitude reiterada, amosada polo xornalista Carlos Luís Rodríguez, quen teima en imprimir un carácter sectario -coincidente cos intereses e posicións do Partido Popular- ao programa, é o que leva a solicitar o seu cesamento como condutor do programa.

Foi escollida a denominación "Televisión, manipulación!" por ser esta a consigna berrada por milleiros de persoas na Praza da Quintana o pasado domingo 18 na manifestación convocada pola Plataforma Cidadá “Queremos Galego”, cando no intre en que remataba o primeiro acto de peche da manifestación (e cando milleiros de persoas agardaban para acceder por segunda vez á Praza da Quintana, que remataron enchendo novamente) a TVG iniciaba a conexión en directo co TeleXornal Mediodía.




A información ofrecida durante a conexión non foi veraz, xa que mentres a TVG afirmaba que a manifestación xa rematara, dende a megafonía do palco anunciábase reiteradamente que se ía celebrar un segundo acto de peche, aspecto que foi obviado deliberadamente, nun exemplo claro de distorsión e manipulación informativa.

O obxectivo final desta iniciativa é o de acadármos uns medios de comunicación públicos ao servizo da información, a obxectividade e a pluralidade, algo xa moi alonxado da realide da TVG en pouco máis de 6 meses de goberno de maioría absoluta do PP (lembras a cobertura informativa polo “Prestige”?)
Comentarios (1) - Categoría: Lingua - Publicado o 23-10-2009 23:26
# Ligazón permanente a este artigo
Lección de dignidade do pobo galego

A veciñanza larachesa quixo ser partícipe da manifestación máis grande da historia do pobo galego na defensa da nosa lingua. Se a estas alturas alturas aínda hai quen siga empeñada ou empeñado en facer crer a alguén que o pobo galego é un pobo apoucado, calado e incapaz de reivindicar algo, vai ter que ir mudando de discurso.
Desde "Quinta Feira" e "A Cutareira" dispuxemos un autobús para asistir a Compostela.
Pasadas as 10 e media da mañá partimos da explanada do Instituto co autobús case cheo, que acabariamos de enchelo logo de recoller a máis veciños en Carballo.

Onte, 18 de outubro de 2009, máis de 100.000 persoas participamos nun acto de dignidade, de autoafirmación da nosa existencia como pobo diferenciado. Un acto de de dignidade e responsabilidade conscientes como pobo da necesidade de defendermos a nosa lingua como elemento de unión entre todas as persoas que formamos este pobo que loita por defender a súa lingua con gran dignidade que outros se empeñan en enterrar como na época imperialistas dos Reis Católicos, Isabel e Fernando, cando puxeron en práctica a “Doma e castración do Reino de Galiza”, tal e como recolle o noso amigo Castelao no “Sempre en Galiza”, auténtica enciclopedia galega que todas as galegas e todos os galegos deberiamos ter lido nalgunha ocasión.

Máis como dicía o "bo e xeneroso" Daniel Afonso “Castelao”: “Sodes pois uns imperialistas fracasados…”

("Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espíritu dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal, e falar castelán era falar ben. Expulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os tribunais de xustiza e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes pois uns imperialistas fracasados").


VER FOTOS.



Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 19-10-2009 19:41
# Ligazón permanente a este artigo
O fracaso do modelo capitalista neoliberal

Bieito Lobeira, Deputado no Parlamento Galego polo BNG e Suso Seixo, Secretario Xeral da CIG explicaron o pasado martes 13, o porque desta crise creada polo capital e como podemos sair dela.

-Mentres vemos como a deslocalización de empresas manda á milleiros de traballadores e traballadoras ao paro na procura de man de obra máis barata noutros países, descubrimos que o propio Conselleiro de Economía ten empresas propias deslocalizadas en Portugal.

- Xubilados e xubiladas galegas teñen as pensións máis baixas do estado español.


-Socialización das perdas dos ricos (pagámolas a clase traballadora, que é quen realmente produce).

-Economía ao servizo do capital, en vez de economía ao servizo do pobo.

Cando a “economía vai ben” non podemos pedir melloras laborais porque disque podemos “frear o investimento do empresariado” e a creación de emprego. Cando vai “mal” debemos apertar o cinto e aceptar unha perda de dereitos, porque a economía “está mal”. Sempre saímos perdendo os mesmos!

Mentres os directivos das grandes entidades banqueiras fixan eles mesmos as desorbitadas cantidades coas que se van prexubilar (en 2008 os conselleiros delegados da banca subíronse o soldo un 53%), á clase traballadora pídeselle que continúe traballando máis aló dos 65 anos porque senón non habería cartos para pagar as pensións de xubilación, ou mesmo vemos como a patronal pide unha baixada dos soldos. E aínda por riba o estado entrega 150.000 millóns de € aos bancos (logo si que hai cartos!)
Ficou moi claro que esta é a a crise dun sistema socioeconómico fracasado, dun sistema socioeconómico capitalista neoliberal, que como tal, é inxusto e insolidario, e no cal a economía está por riba das persoas, pasando estas a ser simples consumidores.

Esta é a crise dun modelo socioeconómico, dunha humanidade pervertida a si mesma para que una minoría se farte a gañar cartos. Hai billóns de € para plans de rescate dos bancos, pero non hai cartos para evitar 25.000 mortes diarias en todo o mundo a causa da fame.

Tremendamente elocuentes son, as verbas de “Bautista Álvarez” (ex-presidente da UPG durante máis de 30 anos) no Terra e Tempo” de 2008 onde di textualmente:
“Antes de esvarar, falarlle de Estado ao Capital era mentarlle o sacauntos.
E ven agora on humildoso senón petulante, a esixir dos poderes públicos que o saquen da latrina económica na que o mergullou o sistema que ten como único Deus”.


Ao que nós engadiriamos: “e vai papá estado e concédelle os seus desexos”

Ver fotos

Ler máis…
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 15-10-2009 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
A CRISE ECONÓMICA

Para o vindeiro martes, 13 de outubro, organizamos un acto informativo sobre a crise económica que estamos a padecer todos e todas, e especialmente a clase traballadora, que non entendemos moi ben o porque desta crise, de onde ven, quen a creou, e se tanto desde os gobernos da Xunta como do Estado se están a tomar algún tipo de medidas para que non se volva a dar esta situación.

Para este acto contaremos coa presenza de Bieito Lobeira, Deputado no Parlamento Galego polo BNG, e Suso Seixo, Secretario Xeral do sindicato CIG.

Contamos pois con dous pesos pesados da política e do sindicalismo para falarnos sobre esta crise económica que non creamos nós pero que si que a padecemos.

Pensamos que esta é una boa ocasión para coñecermos directamente a opinión de quen aposta por un novo modelo socioeconómico distinto e escoitarmos unha visión distinta á que ofrecen acotío os medios de comunicación, que a pesar de que algunhas veces “falan” de inxustizas sociais, NUNCA cuestionan o sistema socioeconómico capitalista que propicia estas desigualdades.

LEMBRA: MARTES 13 DE OUTUBRO, ÁS 20:30 NA AULA DE CULTURA DE CAIXA GALICIA. (Avda. de Fisterra, 63)
A LARACHA

Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 09-10-2009 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
Na Laracha tamén QUEREMOS GALEGO
O domingo 18 a Plataforma cidadá "Queremos Galego" convoca a todo o pobo galego a unha grande manifestación en Compostela na defensa da nosa lingua e contra as políticas de ataque á lingua galega que está a levar a cabo o propio goberno do PP da Xunta e dirixidas polo seu presidente: Alberto Núñez Feijoo.

"Queremos Galego" chama á participación "a esa inmensa maioría de galegas e galegos que queren o seu idioma, que o consideran un dos nosos máis valiosos patrimonios e sinais colectivos, por riba de afiliacións ou mesmo da lingua que empreguen para comunicarse no día a día”.

Esa mesma chamada ao conxunto da sociedade “é válida tamén para que se sumen a esta plataforma e ás súas iniciativas as persoas e entidades que entenden o galego como un elemento a querer e a defender fronte a quen pretende agredir os nosos dereitos”.


Todo apunta a que será a manifestación máis grande da nosa historia na defensa da nosa lingua.

Desde "A Cutareira" e "Quinta Feira" animámoste a asistir a esta manifestación na defensa da nosa lingua por ser unha causa xusta e noble como é a defensa da nosa lingua.

Para facilitar o desprazamento poñemos un autobús a disposición de todo o mundo que sairá desde A Laracha ás 10:30h do mesmo día (prezo: 5€ por adulto, nenas e nenos non pagan).

A manifestación sairá da Alameda ás 12 en dirección á praza da Quintana e ao remate da mesma iremos todos xuntos a xantar ao Fogar do Santiso.

POR GALIZA!!
POLA NOSA LINGUA!!
O DOMINGO 18 TDAS E TODOS A COMPOSTELA!!


Tlfs: 653 618 955 (Xosé Cotelo)
625 686 887 (María Rei)

Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 09-10-2009 20:50
# Ligazón permanente a este artigo
A CRISE ECONÓMICA

Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 04-10-2009 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
A historia non contada das mulleres

Natalia, do Equipo Comarcal da Igualdade de Bergantiños, foi a encargada de impartir esta charla baixo o título de “A historia non contada das mulleres” (organizado por Quinta Feira e A Cutareira) na que se fixo un repaso ao papel desempeñado pola muller ao longo da historia.

Puidemos lembrar e coñecer a históricas líderes que desenvolveron un activo papel na loita pola igualdade das mulleres relegadas historicamente a un segundo plano na sociedade machista en que aínda vivimos. Mulleres valentes que loitaron polos dereitos que lle corresponden (aínda hoxe negados) en pé de igualdade ca os homes . Por este motivo, moitas destas mulleres sufriron a represión nas súas propias carnes, algunhas foron guillotinadas en Francia, outras violadas, torturadas, exiliadas, ou padecendo un exilio no seu propio interior após o Golpe de Estado militar do Ditador Franco e que significou una perda de dereitos importantes para a muller, conquistados noutrora mediante a República.

Ver fotos
Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 01-10-2009 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal