A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Cutaxornal 2 (1/4)
Ver O Cutaxornal 2 con mellor calidade aquí
Comentarios (0) - Categoría: O Cutaxornal - Publicado o 06-01-2009 00:02
# Ligazón permanente a este artigo
O Cutaxornal 2 (2/4)
Ver O Cutaxornal 2 con mellor calidade aquí
Comentarios (0) - Categoría: O Cutaxornal - Publicado o 06-01-2009 00:02
# Ligazón permanente a este artigo
O Cutaxornal 2 (3/4)
Ver O Cutaxornal 2 con mellor calidade aquí
Comentarios (0) - Categoría: O Cutaxornal - Publicado o 06-01-2009 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
O Cutaxornal 2 (4/4)

Ver O Cutaxornal 2 con mellor calidade aquí
Comentarios (0) - Categoría: O Cutaxornal - Publicado o 06-01-2009 00:00
# Ligazón permanente a este artigo
RECLAMAMOS PISTAS POLIDEPORTIVAS AO AIRE LIBRE
ENTREGADO NO REXISTRO DO CONCELLO


A Laracha, 02 de xaneiro de 2009



Xosé Mª Cotelo Freire, presidente da Asociación veciñal de Torás-A Laracha ”A Cutareira”

EXPÓN:

A parroquia de Torás, con máis de 3000 habitantes é a máis poboada de todo o concello, por este motivo poderiamos pensar que é a que conta con máis oferta de servizos públicos desde o Concello, dada a concentración demográfica, en cambio, no que atinxe a espazos abertos para practicar deporte libremente, non é así.

Para dar servizo a máis de 3000 persoas, tan só contamos cun reducido e insuficiente espazo de menos de 100m² e unha única canastra, situado no Parque Maximino Canedo. Non temos nin unha soa portería, e nas prazas públicas, loxicamente están prohibidos os xogos con balón. Ante esta situación, e se nas prazas públicas non se pode xogar ao balón, nin andar en bici (tampouco no paseo fluvial do río Anllóns) ...onde xogan as rapazas e os rapaces?

Curiosamente, hai outros lugares do concello como Cabovilaño, Lemaio, etc…que si que que contan con estas infraestruturas a pesar de que contan cun número moito menor de habitantes. Por exemplo a vila de Caión, onde no Campo da Ínsua, a veciñanza do lugar dispón de pistas deportivas sendo o único requisito para poder entrar dar un empurrón a porta.

Isto é precisamente o que se bota de menos na Laracha e que a veciñanza demanda: unhas pistas polideportivas ao aire libre para que poidan ser usadas con total liberdade sen ter que pedir permiso a ninguén para facer uso delas.

Os pavillóns polideportivos dos que dispoñemos a veciñanza do concello cumpren, seguramente, as súas funcións para as que foron concebidos, pero nada teñen que ver con estas instalacións que estamos a demandar, senón que unhas deben ser complementarias das outras, e en calquera caso necesarias ambas.

Pensamos que se debería de dotar á parroquia destos servizos porque entendemos que sería perfectamente asumíbel polo Concello, que é necesario, e que melloraría a calidade de vida da veciñanza.


SOLICITA:

Que o goberno do Concello teña en conta a demanda desta Asociación para dotar á veciñanza desta parroquia de espazos onde as rapazas e os rapaces poidan practicar deporte (fútbol, baloncesto, tenis…) ao aire libre e con portas abertas para que poida acceder quen o desexe no momento en que queira.


Asdo.:Xosé Mª Cotelo Freire
(presidente da A.V.V. A Cutareira)

Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 05-01-2009 15:01
# Ligazón permanente a este artigo
A NOSA TOPONÍMIA
ENTREGADO NO REXISTRO DO CONCELLO


A Laracha 16 de Maio de 2008



Xosé Mª Cotelo Freire, presidente da Asociación Veciñal “A Cutareira” de Torás-A Laracha
EXPÓN:

Os topónimos, eses nomes de lugares con que os nosos ancestros foron identificando ao longo da historia os distintos puntos xeográficos do país tendo en conta as particularidades do seu medio físico (vales, fontes, regatos, outeiros, bosques,…) conforman unha parte moi importante da historia do noso pobo e da nosa cultura. Os nosos devanceiros, encargáronse de facernos chegar até os nosos días esta riqueza toponímica e nós temos a obriga de continuar con esta transmisión cultural a xeracións vindeiras, sen deturpacións nin inteferencias, porque forma parte da nosa identidade cultural.

Son moitísimos en Galiza, os nomes de lugares que van precedidos dun artigo (O Grove, A Lanzada, A Coruña, A Guarda…) e que forman, tamén, parte inseparábel do nome. No caso do Concello da Laracha isto acontece no sesenta por cento dos casos (A Laracha, As Camposas, A Xesta, As Rañeiras…), máis en cambio, non está reflectido nos rótulos.

A pesar de que hai xa máis dun ano, o Goberno Municipal, xunto co S.I.T.G.A. realizou un estudo de microtoponímia na Laracha afirmando publicamente que o obxectivo era "conservar e preservar a toponímia do noso Concello”, non observamos que se puxera en práctica esta declaración de protexer a nosa riqueza toponímica. Compre levar á práctica esa declarada intención de conservar e protexer a nosa toponímia, que a día de hoxe e desde hai moito tempo, encóntrase en estado de abandono. A nula existencia de letreiros en moitos lugares do Concello, e a cantidade de grallas ortográficas que estos conteñen, non fan senón, que fomentar o descoñecemento desa toponímia que, teóricamente, se intenta protexer, e máis ben, provocan todo o contrario, fomentan o descoñecemento e a desinformación sobre os nomes dos lugares.

Como proba disto, facemos entrega, de fotografías de letreiros de lugares do noso concello que conteñen grallas ortográficas, algunhas comúns en cada unha das 13 parroquias: Igresario ( O Igrexario) e outras como Casabella (A Casavella), Urraca (A Orraca), Vilano (Vilaño), Río Allóns (Rio Anllóns), Hermida de Sta. Margarita (Ermida de Sta. Margarida), Soututullo (Soutullo), etc...Se o Goberno do Concello permite e conserva estas deturpacións lingüísticas, significa unha falta de interese real no avance cara a normalización linguística deste país, e supón un desprezo e un atentado contra a nosa língua, signo de identidade e orgullo do pobo galego.

Somos conscientes de que o cambio de todos os rótulos do Concello significa un desembolso de cartos importante e que non nos corresponde a nós decidir en que momento se deba de facer, pero cando menos, gustaríanos adquirir o compromiso por parte do Goberno do Concello para corrixir estas deficiencias.

SOLICITA:

O compromiso de restaurar todos os rótulos polos seus nomes correctamente escritos, conforme constan no Nomenclátor oficial da Xunta de Galiza, e que se sinalicen correctamente os nomes dos lugares que faltan, co obxectivo de conservar, protexer, divulgar e asegurar a transmisión lingüística da nosa toponímia sen alteracións nin deturpacións.


Asdo.:Xosé Mª Cotelo Freire

Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 05-01-2009 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
EN DEFENSA DA NOSA LÍNGUA
COMUNICADO PÚBLICO "A CUTAREIRA" E "QUINTA FEIRA"

A asociación cultural da Laracha Quinta Feira e a asociación veciñal A Cutareira de Torás- A Laracha repartiron e colocaron carteis informativos da Mesa Pola Normalización Lingüística na que convidan ás veciñas e veciños do concello a participar na defensa do idioma Galego, na manifestación do vindeiro 18 de maio ás 12 do mediodía, na Alameda de Compostela.

Consideramos as dúas asociacións que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como a lingua propia do noso país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.

Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.

Alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, pretenden a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.

A Laracha, 04 de Maio de 2008

Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 05-01-2009 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
NA LARACHA OS QUILOVÁTIOS XA FALAN GALEGO
COMUNICADO PÚBLICO


A Laracha, sete de febreiro de 2008


A Asociación Veciñal “A Cutareira” de Torás –A Laracha quere darlle publicamente os parabéns á empresa Hidroeléctrica Laracha pola recente inclusión do galego nas súas facturas atendendo así, a petición que esta Asociación lle fixo no seu día.

Valoramos de xeito moi positivo este paso adiante en favor do Galego, xa que cremos que é necesario e importante a implicación do empresariado galego no proceso de normalización linguística, e que esta pasa polo emprego da nosa língua, tanto a nivel interno como de cara á clientela, sen que esta fique excuída en ningún caso, usandoa con naturalidade como fai calquera outro pobo en calquera outro país onde a súa língua está normalizada.



Asdo.: Xosé Mª Cotelo Freire
(Presidente da Asociación “A Cutareira”)



Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 05-01-2009 14:31
# Ligazón permanente a este artigo
RECLAMACIÓN A CORREOS
A Laracha, 19 de xuño de 2007



Para: Xefe Provincial de Correos


Xosé Mª Cotelo Freire, Presidente da Asociación Veciñal de Torás- A Laracha “A Cutareira” (Concello da Laracha), con enderezo a efectos de notificación: Avda. Sta, Lucía, 49. 3ºD. A Laracha

EXPÓN:

Durante os últimos anos no noso Concello recibimos continuas queixas por parte da veciñanza debido a un deficiente servizo de reparto do correo, xa que non o estamos a recibir a diario, senón que transcorren entre dous ou tres días dependendo da zona da que se trate. Sabemos que nas condicións actuais é materialmente imposíbel facer o reparto no mesmo día nas parroquias de Torás (parte dela) e Montemaior porque só hai unha persoa para esta tarefa, e cando se atende unha destas zonas, a outra fica para o día seguinte e moitas veces nin isto se cumpre. Nesta situación é lóxico que exista malestar entre a poboación.

Estas deficiencias xa foron postas no seu coñecemento o día 3 de xuño de 2005. Desde entón, estamos agardando polas melloras reclamadas pola veciñanza deste Concello, e que a día de hoxe aínda non se produciron. Pensamos que temos dereito a recibir o correo a diario e que desde a xefatura da que Vd. é responsábel debería de tomar medidas para rematar dunha vez por todas con este mal funcionamento do servizo de Correos no Concello da Laracha.

INSTA:

Á Xefatura Provincial de Correos a corrixir estas deficiencias e a incrementar o persoal da oficina para dar un mellor servizo á veciñanza deste Concello.


Agardando que teña en conta as nosas demandas, reciba un cordial saúdo.


Asdo.: Xosé Mª Cotelo Freire (Tlf: 653 618 955).

Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 05-01-2009 14:27
# Ligazón permanente a este artigo
C.E.I.P. OTERO PEDRAYO
ESCRITO ENTREGADO NO REXISTRO DO CONCELLO


A Laracha, 02 de Marzo de 2007


Xosé Mª Cotelo Freire, presidente da Asociación de veciñ@s de Torás-A Laracha” A Cutareira”

EXPÓN:

A entrada ao Colexio Otero Pedrayo non dispón de beirarrúas para a circulación de peóns nin tampouco de espazo suficiente para poder aparcar os vehículos, non quedando máis remedio que facelo sobre as liñas contínuas de sinalización horizontal ocupando boa parte da calzada.
Deste xeito, esta zona estréitase excesivamente impedindo a circulación simultanea a coches e peóns, véndose na obriga nais, pais e alumnos/as (desde os 3 anos) a circular por entre os vehículos diariamente. Ás veces quedan vehículos atascados sen poderen pasar até que se retira algún dos coches aparcados.

Pensamos que o Centro Escolar debería de estar dotado de beirarrúas para poder chegar ao mesmo andando e sen perigo, e que os automóbiles deberían de dispór dun sitio axeitado onde aparcar. Todo isto, como saben, xa o puxemos no seu coñecemento hai un ano; máis todo segue igual. Baixo o noso punto de vista o Goberno do Concello debe tomar consciencia, definitivamente, do problema existente no referido á seguranza dos viandantes e corrixir estas deficiencias canto antes.

SOLICITA:

Que se dote á zona das infraestruturas necesarias para aumentar a seguridade vial de viandantes e tráfico rodado, isto é, a instalación de beirarrúas e zonas de aparcamento suficientes.

Asdo. Xosé Mª Cotelo Freire.

Comentarios (0) - Categoría: Escritos... - Publicado o 05-01-2009 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal