A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O 2º de ESO do Agra de Leborís, gañador do manifesto CORRELINGUA 2011
O CEIP “Agra de leborís” da Laracha foi o gañador do manifesto do “Correlingua 2011” cuxo lema para este ano é “En galego sempre somos”.

O Correlingua é unha actividade que se celebra de xeito regular desde o curso 2000-2001, consistente en diferentes carreiras que se celebran en 15 vilas de Galiza, e na que se prevé unha participación total de 45.000 rapaces e rapazas procedentes de 400 centros educativos de todo o País.

As entidades organizadoras veñen realizando esta actividade escolar como proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

Manifesto gañador polo alumnado de 2º ESO do IES "Agra de Leborís" a quen aproveitamos a ocasión para parabenizar desde este sitio web.


SOMOS o que falamos
somos o que sentimos
o galego o noso idioma
xa sabes que vimos de Roma

NÓS SOMOS GALEGO
non estamos de broma,
anda!, non sexas sumiso
e pon un sorriso.
pois iso, fálao comigo, digo!

O galego é o idioma
da nosa xente, témolo
que ter en mente- PRESENTE!
estamos PERFECTAMENTE, digo,
coa nosa xente, coa xente nova.
AGORA!

Eu roubo, estas palabras,
do meu querido idioma
REPÍTOCHO?
é unha lingua que vale, DÁLLE!

Non o puidemos falar
na nosa terra
sempre en guerra,
daquela, así era,
se non me cres, BERRA!

Axiña!,falade galego,
non só do grelo
e do labrego, SEMPRE!
veña colega, EMPEZA!
ou se prefires, BERRA!

Unha situación así
é un sen vivir
sempre houbo que sufrir
para SOBREVIVIR

SOMOS GALEGO
de arriba abaixo
algúns dende Rianxo
por que non me fas caso?
Fálao, non digas: PASO…

Eih, neno, creste mellor ca min?
Lembra, tamén vimos do latín!!
Por que non o falas en feisbuk?
Querémolo ler no TUENTI!
é porque tes vergoña?
veña , REACCIONA!

Fálao nena,
que non estamos de coña
botámoste de menos, moza!
é boa para todo, MOLA!
Non sintas preguiza ,
veña ,TI PODES
AGORA!

Por que non o lemos na prensa?, PENSA!
se quero dicir algo
que me deixen facelo,
que se escriba nos xornais
sen medo, QUERO LELO!
AGORA!

Non estás farto, Hei MAN,
de escoitar só castelán?
Non sexas paspán , irmán!
Que non te leven ao rego.
Meu, ho!, hai que saber romper,
Nós temos o poder, A POR EL!

Quero usalo na escola , DÁLLE BÓLA!
Para falar de lingua
e para falar de historia,
dos nomes das plantas,
da nosa memoria,
de fórmulas físicas ,
dos dereitos das persoas,
de cifras e trebellos,
comezamos a entendernos?

Que fas do outro lado? Faime caso!
Ti ben sabes
de que che falo, QUE DIAÑO!

Nós somos GALEGO,
non estamos xogando
APÚNTATE AO NOSO BANDO!


SON, ES,É, SOMOS, SODES, SON, GALEGO!


Ler máis aquí e aquí


Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 04-05-2011 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
O galego é a chave coa que abrimos o mundo
A plataforma cidadá Queremos Galego, na que está integrada A Cutareira, celebrou o pasado sábado día 30 de abril un acto na sala Capitol de Compostela baixo o lema: “O galego é a chave coa que abrimos o mundo”.

Carlos Callón, portavoz da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, denunciou que desde que Feijoo é presidente da Xunta é aínda máis difícil vivir en galego e puxo como exemplo o contínuo ataque que está a sufrir a lingua galega por parte do actual goberno de Núñez Feijoo. Callón tamén denunciou as políticas de tipo sectario aplicadas contra A Mesa pola Normalización Lingüística ao impedirlles recibir nin un só € de subvención económica, (de que nos sona a nós iso?) a pesar de tratarse da maior asociación de toda Galiza e de recoñecido traballo a prol da nosa lingua.

Conducidos da man de Xosé Lois “O Carrabouxo” como presentador do acto, Ernesto Chao, Manolo Rivas , Teresa Moure , Carlos Negro, Pilar García Negro e Carlos Callón interviron na defensa do galego.

Na parte musical Roberto Sobrado, Ugia Pedreira, Roi Casal e Miro Casabella interpretaron varios temas, algún deles con letra do noso gran poeta nacional, Manuel María.


Vídeo da gran manifestación na praza do Obradoiro o 21 de xaneiro do pasado ano.


Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 02-05-2011 22:28
# Ligazón permanente a este artigo
Non somos mercadorías en mans de políticos e banqueiros
Baixo o lema “Non somos mercadorías en mans de políticos e banqueiros”, a cidadanía organízase e fai un chamamento para acudir ás distintas convocatorias previstas para o vindeiro 15 de maio ás 18:00h en distintas cidades do estado español. Recentemente no país veciño, Portugal, tivo lugar un movemento social que foi que de convocar milleiros de persoas que en todo Portugal se manifestaron pacificamente contra as políticas aplicadas polos gobernos neoliberais xerando cada vez máis desigualdade social, ricos máis ricos pobres máis pobres.

Nestes actos preténdese denunciar os abusos ao que nos someten os poderes económicos e financieiros aliados cos partidos políticos maioritarios provocando a precaria situación en que nos encontramos actualmente a clase traballadora. Ante este futuro dasalentador esixirase un cambio de rumbo.

MANIFESTO


“Somos persoas normais e correntes. Somos coma ti: xente que se levanta polas mañás para estudar, para traballar ou para buscar traballo, xente que ten familia e amizades. Xente que traballa arreo todos os días para vivir e darlles un futuro mellor a quen nos rodea.”

"Os cidadáns somos parte da engrenaxe dunha máquina destinada a enriquecer unha minoría que non sabe nin das nosas necesidades. Somos xente anónima, pero sen nós, nada disto existiría, pois nós movemos o mundo."

"É necesaria unha revolución ética. Puxemos os cartos por riba do ser humano, mais temos que pólos ao noso servizo. Somos persoas, non produtos do mercado.
" Ler o manifesto completo aquí

Comentarios (1) - Categoría: Queremos saber - Publicado o 26-04-2011 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
Acto de Queremos Galego

O vindeiro 30 de abril ás 19.30 h a plataforma cidadá "Queremos Galego" organiza un acto na sala Capitol de Santiago que contará coas actuacións musicais de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado, ademais das intervencións de persoas representativas de diferentes ámbitos da vida social. Serán voces e sons para reclamarmos o cesamento dos ataques que están a padecer a nosa lingua e a nosa cultura.

Para sufragar os gastos da actividade e apoiar a acción de Queremos Galego, as entradas terán un prezo simbólico de 5€.

Podes facer a túa reserva desde aquí.
Comentarios (0) - Categoría: Lingua - Publicado o 22-04-2011 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Pelos na lingua (de Talia Teatro).
A compañía de teatro "Talía Teatro" representará a segunda parte de "Bicos con lingua" no Centro Sociocultural de Paiosaco o venres día 15 ás 9 da noite. Un espectáculo estructurado en sketchs que nos fala dos usos e abusos que sofre a lingua galega.

Avelino González volve dirixir esta montaxe na que participan distintos autores e que interpretan Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez.

"Pelos na lingua" vai destinado a todo o mundo: aos galegofalantes, a quen non o é, a quen quere selo pero non se atreve, a quen si quere selo e xa tomou esa determinación, a quen non o fala porque non o sabe falar ben, a quen lle dá igual que se fale ou non o galego, a quen pensa que o galego é a lingua que debería falar todo o mundo, a quen pensa que debería ser o inglés o idioma que falara todo o mundo, a quen pensa que a maioría dos galegos falan castelán, a quen pensa que a maioría dos galegos fala galego, a políticos, mestros, alumnos, actores, actrices, carpinteiros, a todas e a todos.

A obra repetirase o 5 de maio no Teatro Colón da Coruña.
Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 13-04-2011 10:24
# Ligazón permanente a este artigo
Excursión a Catoira e ao Museo do Pobo Galego

No día de onte, domingo 10, organizamos unha nova excursión na que 50 persoas compartimos unha excelente xornada de convivencia ao mesmo tempo que coñecemos un pouco máis e mellor o noso territorio e a nosa propia cultura.

A primeira parada foi en Cabaleiros (Concello de Tordoia) para visitar o coñecido como "Dólmen dos Cabaleiros", "Casa da Moura", "Casa dos Mouros" ou "Couza do Cacheiro". En 1975 foi declarado Monumento Histórico-Artístico.

O Museo do Pobo Galego, na capital galega, causou moi boa impresión entre os asistentes debido toda a información que o museo conserva: as exposicións sobre os vellos oficios, sobre o mar, o campo, os traxes, a música...Na Igrexa de San Domingos de Bonaval visitamos o Panteón de Galegos Ilustres onde se descansan os restos mortais de símbolos do galeguismo: Castelao, Rosalía de Castro, Asorey, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas...

Durante o traxecto proxectáronse dous vídeos de poucos pouca duración para lembrar tanto a figura de Castelao como a de Rosalía de Castro.

Xa pola tarde, en Catoira, coñecemos parte da etnografía do lugar achegándonos aos muíños de vento situados en Catoira nun monte da mesma localidade desde onde tamén puidemos gozar coas espléndidas vistas sobre o río Ulla.

Moi pertiño agardaban por nós as Torres do Oeste que nos lembraron ao asedio ao que foron sometidas por Normandos e Sarracenos e que as levaron a ser declaradas Monumento Artístico Nacional en 1970.

Podes ver as fotos clicando aquí


Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 11-04-2011 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
O SAL destaca no trofeo de salvamento en Cáceres
Sabela Mirás, gañadora de 3 medallas de ouro.A pasada fin de semana o SAL ( Salvamento Acuático Laracha)conseguiu tres medallas de ouro, precisamente as que gañou Sabela Mirás na categoría infantil ao proclamarse vencedora nas probas de "50 metros socorrista", "25 arrastre maniquí" e "50 arrastre con aletas", e que ademáis foi elexida a mellor deportista do torneo na súa categoría.

Tamén destacaron en categoría infantil Cristóbal Penado, cuarto en 50 socorristas, e en xuvenil Antía de la Fuente, quinta en 50 arrastre.




Na foto Sabela Mirás, gañadora de 3 medallas de ouro.
Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 03-04-2011 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
Excursión

Comentarios (0) - Categoría: Actividade - Publicado o 30-03-2011 02:15
# Ligazón permanente a este artigo
Fotos presentación Unha volta polo pasado.
Xosé Cotelo, presidente da Cutareira,  e Xan Fraga durante a presentaron do libro
Deixámosche a ligazón ás fotos do acto de presentación do libro "Unha volta polo pasado" presentado o pasado venres día 18 no Pub D'Antón.

Aproveitamos a ocasión para dar as grazas a Antón (Pub D'Antón) por poñer o local a disposición da Cutareira.

Grazas tamén a todas as librarías da laracha (Como unha novela, Pondal, Lecer e García) pola súa desinteresada colaboración na distribución do libro.

Queremos amosar o nosos agradecemento polas numerosas mostras de recoñecemento e de apoio que estamos recibindo e que nos dan folgos para continuar na procura de máis éxitos para A Cutareira que en definitiva serano tamén para todas e todos os laracheses. Unha vez máis dicirvos que sen vós nada disto sería posíbel! Desde "A Cutareira", unha forte aperta a toda a veciñanza larachesa!

Podes ver as fotos clicando aquí.

Máis información aquí e aquí.
Comentarios (2) - Categoría: Actividade - Publicado o 21-03-2011 17:23
# Ligazón permanente a este artigo
Vídeo-presentación de Unha volta polo pasado
Subimos á rede o acto de presentación do libro "Unha volta polo pasado", editado pola asociación veciñal "A Cutareira". A presentación da obra correu a cargo de Xosé Mª Cotelo, presidente da Cutareira, e Xan Fraga, historiador, escritor e colaborador no libro.

Ao longo dos próximos días iremos "subindo" algunhas fotos das que dispoñemos.

Ver a noticia en La Voz de Galicia.

Máis información aquí e aquí.






Comentarios (1) - Categoría: Actividade - Publicado o 20-03-2011 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [33]
© by Abertal