A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A capitalidade do concello está situada no lugar da Laracha, parroquia de Torás
Torás é unha das trece parroquias que forman o Concello da Laracha. Cunha superficie de 5 Km2 é a parroquia máis poboada con 3.083 habitantes (a 8 de marzo de 2007). Consta dos seguintes lugares: A Barreira, O Campo, A Cheda, Estramil, O Froxo, Gabenlle, A Gándara, A Ganduma, Guilfoi, A Laracha, Leborís, A Miñoteira, Mirón, A Ponte, A Portela, Riotorto, Torás, As Torres de Cillobre, Troa e Vilasuso.

Linda ao norte coa parroquia de Lendo e co Concello de Arteixo, ao sur coas parroquias de Vilaño e Golmar, ao leste con Lestón e Coiro e ao oeste con Cabovilaño e Vilaño. É precisamente nesta parroquia onde se encontra a capital municipal, A Laracha.

A familia dos Mariñas, exerceu o seu dominio na Laracha, desde o século XIV, boa parte do territorio que hoxe é o noso Concello. Desta época son as desaparecidas Torres de Cillobre, que nun principio eran unha construción defensiva e que se converteron, posteriormente, en casa señorial.

As Torres de Cillobre e os seus donos, a familia Pardo das Mariñas, xogaron un papel determinante na historia medieval e moderna da bisbarra. O primeiro señor de Cillobre do que se ten constancia foi Martín Sánchez das Mariñas, que aparece nun documento de 1416, cando o rei Juan II tomou baixo a súa protección ao mosteiro de Soandres a petición do seu abade Fernán García. A intención do rei era que tanto este nobre como o seu fillo, Ares Pardo das Mariñas, deixasen a encomenda dos bens que tiñan do mosteiro polos abusos cometidos. Isto pon de manifesto a antigüidade das Torres de Cillobre, aínda que na actualidade só fiquen en pé parte dos muros da casa-pazo -cercada por unha parede de pedra-, e a capela de San Roque, que foi restaurada recentemente.

Outro dos cabaleiros desta liñaxe foi Diego das Mariñas, que levou o título de Señor de Cillobre. Foi o primeiro capitán xeral do Reino de Galicia, despois de que os Reis Católicos decretasen que ningún galego podía exercer este alto cargo. Ademais da familia dos Mariñas, habitaron esta casa a familia Bolaño, os Ribadeneyra, os Parragués, os Soutomaior e os Moscoso.

Precisamente o escudo do concello da Laracha fai referencia a estas antigas fortificacións (xunto coas Torres do Viso en Montemaior) lembrando así aos momentos máis significativos do noso pasado e proporcionan unha información relevante para coñecer mellora historia do concello.

Á época castrexa deixou unha acentuada presenza no noso concello. Actualmente dun total de 19 recintos castrenses distribuídos por todo o concello, dous están localizados nesta parroquia: O Castro de Gabenlle (Gabenlle) e Petón do Castro en Riotorto (Torás).

Fonte de información: Concello da Laracha


Comentarios (0) - Categoría: A Laracha - Publicado o 14-02-2011 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal