A.V.V. A Cutareira de Torás-A Laracha



acutareira@yahoo.es
 CATEGORIA
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

COMUNICADO PÚBLICO
A Xunta de Galiza comezará nos vindeiros días un proceso de consulta aos pais e nais do sistema educativo sobre o uso do galego no ensino. Ante este feito queremos manifestamos o noso apoio á totalidade do texto do Tríptico da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística así como o comunicado conxunto emitido por CIG • CCOO • CSI-CSIF • FETE-UGT • STEG • Comités • AS-PG • Nova Escola Galega • Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia • Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra • Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística • A Mesa pola Normalización Lingüística e queremos resaltar que esta consulta está deseñada á marxe da comunidade educativa e PROMOVIDA UNICAMENTE POR INTERESES POLÍTICOS non como O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación parlamentaria en 2004 (PP,PSOE e BNG) e o RD 124/2007 que pretende garantir que o alumnado sexa competente en ambas linguas e esta norma xa foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

A CONSULTA CARECE DE FIABILIDADE, tanto por como están enunciadas as preguntas como polo feito de que non hai ningún tipo de control sobre os resultados e NON EXISTEN GARANTÍAS de que os resultados non poidan ser manipulados conforme aos intereses do partido no goberno que promove esta iniciativa.

Cremos que na situación actual o idioma que debería unirnos, está sendo utilizado como arma política para separarnos, partindo xa desde unha desigualdade xurídica, social e política enorme entre ambas linguas e nun contexto actual onde a língua castelá exerce de língua dominante mentres a língua do pobo, a língua galega, segue sometida baixo unha situación de clara DIGLOSIA por moito que se empeñen os poderosos sectores sociais, económicos e políticos en facernos ver que a situación é de Bilingüismo e moito menos aínda “harmónico” co obxectivo de facernos desaparecer do mapa lingüístico e, xa que logo, como pobo diferenciado.

Por outro lado parécenos unha burla que neste momento de importante crise económica que padecemos, con veciñas e veciños con serios problemas para chegar a fin de mes onde hai familias enteiras no paro, o Goberno da Xunta propoña levar a cabo medidas gastando 200.000 € dos cartos das galegas e galegos para atacar á língua do pobo que goberna. É difícil entender en que consiste a austeridade no gasto á que continuamente fai referencia o Goberno da Xunta.

Convidamos ao goberno da Xunta a que, do mesmo xeito que ten pensado consultar ao pobo sobre o sistema educativo, consulte tamén ao pobo sobre varios temas importantes; por exemplo se nos gustaría...
- que as persoas xubiladas tiveran unha pensión digna.
- que as persoas paradas tiveran unhas mellores prestacións por desemprego.
- que se aumentara o gasto en servizos públicos como Centros Educativos ou Hospitais
- que a vivenda fora un dereito que o Estado debera garantir a todo o mundo para que ninguén puidera especular con ela.
- que se reduciran os gastos en armamento e en guerras imperialistas que pagamos todas e todos e matan a miles de persoas inocentes en todo o mundo.
- que se deixaran de inchar as arcas dos bancos con cifras astronómicas de cartos públicos.
- que se libere da peaxe á Autoestrada A Coruña – Carballo.
- que se crearan redes de transporte público na comarca de Bergantiños e A Costa da Morte.

Se de verdade queren coñecer a opinión do pobo e logo actuar en consecuencia, esta é a nosa proposta,...máis sabemos que iso non o van facer porque o obxectivo desta enquisa non é realmente coñecer a opinión das nais e pais da comunidade educativa, senón apartar á nosa língua do sistema educativo para reducir o uso do galego a espectáculos de tipo folclórico ou para falar coas vacas.
Sabido é que cando isto acontece, cando un dos dous idiomas ten un estatus de prestixio (castelán) —como lingua de cultura, prestixio ou uso oficial— fronte ao outro, que é relegado ás situacións socialmente inferiores da oralidade, a vida familiar e o folclore (galego) dáse unha situación de DIGLOSIA na que semella que o goberno da Xunta pretende afondar aínda máis para crear máis desigualdade desfavorábel á língua galega restándolle aínda máis dereitos dos poucos que ten, a pesar de ser a lingua propia do pobo galego; a mesma que usaban as nosas nais e pais, avoas e avós e que xa por iso eran castigados na escola.
O Conflito lingüístico segue vivo e continuará a existir mentres non se remate coa situación diglósica.

Queremos manifestar o noso rexeitamento a todo tipo de políticas que atenten contra o noso signo de identidade colectiva e que neste caso poden ser causa de fractura e división social entre o pobo galego.

A Laracha, 12 de xuño de 2009


Asdo.: Xosé Mª Cotelo Freire
(Presidente da A.V.V. A Cutareira de Torás - A Laracha)
Comentarios (2) - Categoría: Escritos... - Publicado o 15-06-2009 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Noraboa a vós e a todos aqueles que estes días se están a pronunciar e traballar caladamente para denunciar esta vergoñenta estratexia da confusión e adivisión da consellaría de educación, unha administración que emite textos e ordes ilegais, que gasta cartos na prensa amiga ao se#blgtk08# ver superada por unha acción da sociedade civil como o tríptico informativo da coordinadora de equipos, que "convida" ás direccións dos colexios e institutos a actuar de cancerbeiros dun proceso bochornoso, que enrarece o clima de convivencia entre o profesorado, etc. Parabéns.
Comentario por Pablo (16-06-2009 08:00)
2 Obrigado polos parabéns Pablo e sirvan tamén estes mesmos para ti por pronunciarte na defen#blgtk08#sa na nosa língua que continuamente está sendo acosada por quen pretende o seu exterminio.
Comentario por Administrador (01-07-2009 00:41)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal