Un espectacular roteiro de 12 horas pola Costa Ártabra, realizado pola nosa asociación, entre as rías de Ares e a de Ortigueira. Cen quilómetros de liña costeira coas combinacións paisaxísticas de mar e terra máis espectaculares do arco atlántico: tres rías (Ares, Ferrol e Cedeira), areais xenerosos en ondas e dunas, lagoas litorais e cantís.
Na ría de Ferrol, cabo Prioriño e un pouco máis ao norte o cabo Prior. Entre eles sitúase a praia de Doniños, que posúe a primeira das lagoas litorais características desta zona.
A meirande é a lagoa da Frouxeira, a única de augas salobres, situada na praia de Valdoviño. Alí fixemos un descanso para xantar.
Rematamos,despois da visita obrigada ás Fragas do Eume, cun relaxante paseo polo bonito casco histórico de Pontedeume.
PROGRAMA PERCORRENDO GALIZA:
EXCURSIÓN Á COSTA ÁRTABRA.
O Magnus Portus Artabrorum é o nome con que os romanos denominaron un lugar do ángulo noroeste da costa de Galiza, entre as rías de Ares e a de Ortigueira. Cen quilómetros de liña costeira coas combinacións paisaxísticas de mar e terra máis
espectaculares do arco atlántico: tres rías, areais xenerosos en ondas e dunas, lagoas litorais e cantís. DOMINGO 29 DE ABRIL
PROGRAMA:
Este roteiro, de intenso contido, divídese en dúas sesións:
09:00. Saída da explanada do Instituto.
Pola mañán:
Visita a Ferrol e arredores (cabo Prior e Prioriño)
14:30 Xantar
(restaurante en Valdoviño)
Pola tarde:
Percorrido pola costa de Valdoviño:
Lagoa da Frouxeira, Pantín, Vilarrube,....
Visita a Moeche,Pontedeume, Parque Natural Fragas do Eume.
21:00 Chegada á Laracha.
PREZO:
Autobús: 8 euros (menores de 12 anos gratis).
Xantar: 12 euros.
O Venres 30 de Marzo tivo lugar na casa de cultura do concello da Laracha unha asemblea extraordinaria da asociación na que se ratificaron os cargos da Xunta Directiva.
Na reunión tamén se aprobaron a realización de diversas propostas, como a continuación do programa coñecer Galiza.
Esta actividade consiste na realización de viaxes / excursións polas comarcas, cidades e pobos de Galiza. Previamente ou ao comezo do percorrido, infórmase sobre os lugares a visitar, xeografía e historia, festas, feiras, monumentos…As vindeiras propostas posiblemente serán un roteiro por San Sadurniño, Ferrol, Vigo.
Cabe a posibilidade de que, contando con suficientes asistentes, se realice unha nova actividade: o teatro para adultos.
Por outra parte, acordouse que as cotas socias/os do ano 2012 se manteñan sen variación.
O vindeiro Venres 30 de Marzo terá lugar, na casa da cultura do concello da Laracha, unha asemblea extraordinaria da asociación, ás 20:00 horas en primeira convocatoria e ás 20:30 horas en segunda convocatoria, coa seguinte orden do día:
1. Ratificación dos cargos da Xunta directiva.
2. Actividades para o ano 2012 (Viaxes, actos, celebracións, ...)
3. Cotas socias/os ano 2012 (A directiva propón que se manteñan sen variación). Se procede o acordo, poderase abonar a cota na propia xuntanza.
4. Varios.
* Pregamos a vosa asistencia xa que imos a decidir entre todas e todos as distintas actividades a realizar ao longo do ano.
Se a aula do 1º andar estivera ocupada, a xuntanza farémola no salón de actos da propia casa da cultura.
Prezadas socias e socios:
pregamos un pouco de pacencia a todas as persoas que agarden pola programación da Cutareira. Estamos cos traballos propios do cambio parcial de directiva e dando as primeiras pinceladas ao proxecto de actividades da asociación.
Agardamos que, en canto sexa posíbel, celebremos unha asemblea para realizar unha exposición e debate das vindeiras actividades.
O SAL é o equipo de Salvamento Acuático da Laracha no que nenas e nenos entrenan xuntos e aprenden o valor do traballo en equipo. Practican xuntos un deporte completo (natación, atletismo, surf, remo, ...), cun valor engadido: @s deportistas aprenden a salvar vidas.
Por iso, desde a A.VV. A Cutareira, aproveitando que, hoxe, o SAL está a participar no Campionato Galego en Caldas de Reis,convidámoste a visionar este video e a compartilo entre as veciñas e veciños do noso concello ou de outros.
Presentación empregada polo alumnado de Bioloxía de 4º do IES Agra de Leborís para introducir o traballo de investigación "Cos pés na terra", no que, partindo de entrevistas persoais, analizaron o modo de vida das xeracións anteriores do noso concello, e como variou a pegada ecolóxica que deixamos. Un traballo valioso, feito por xoves de 15 a 17 anos, que, desde a nosa asociación, agardamos poder publicar algún día.
Xosé María Cotelo, como el dixo, optou por un cambio na súa vida e deixa a directiva despois de 7 anos de presidente traballando na asociación. Tamén o deixou Julio Rei, até agora vicepresidente.
Fernando Gesto Montes e Maribel Fraga Cotelo continúan e compartirán o traballo con María Rei Vilas e Xosé Antón de la Fuente Subiela.
Os catro saimos elixidos para formar a nova directiva da asociación veciñal, nun momento no que se produce unha durísima ofensiva contra os dereitos sociais da poboación.
Formalmente os cargos da directiva son os seguintes:
Maribel Fraga Cotelo: tesoureira.
Fernando Gesto Montes: secretario.
María Rei Vilas: vicepresidenta.
Xośe Antón de la Fuente Subiela: presidente.
Decimos formalmente, pois nós cremos no traballo en equipo porque este dá moi bos resultados. Ademais xera entusiasmo e satisfacción nas tarefas a realizar, nas actividades de solidariedade e sociabilidade, propias dunha asociación de veciñas e veciños. E non menos importante, ensina a respectar as ideas dos demais e axudar ás compañeiras e compañeiros, se é que necesitan a nosa axuda.
Falamos, por tanto, de proxectos sustentados en ideas, pois recoñecemos que os baseados só nas persoas convírtense en proxectos mediocres que pouco benefician á nosa sociedade.
Xa iremos contando...
O venres 3 de febreiro celebraremos unha asemblea extraordinaria onde deberemos iniciar o proceso para elixir a nova xunta directiva que estará á fronte da asociación durante os dous próximos anos.
LUGAR: Casa da Cultura (Rúa Manuel Murguía) HORA: 20:00h 1ª convocatoria-20:30h 2ª convocatoria