Culleredo ACUDE


Blog de ACUDE Culleredo
ACUDE xorde para que os veciños e veciñas de Culleredo teñan voz, voto e decisión no goberno local. Se queres cambiar o concello... ACUDE!

O meu perfil
contacto@culleredoacude.gzpot.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Partido da Terra-Terra de Culleredo retira a súa candidatura
Debido ao noso compromiso de transparencia, co cal cumprimos en todo momento, anunciamos que, á vista de diferentes circunstancias, as persoas que compoñen a lista do Partido da Terra-Terra de Culleredo decidiron retirar a candidatura e, polo tanto, non concorrerán ás municipais que se han celebrar o próximo día 24 de maio.

Por unha parte, circunstancias externas, como por exemplo o feito de levarmos unha lista incompleta, empurráronnos cara á toma desta decisión.

Alen disto, o feito de que participasen como candidatos e candidatas algunhas persoas que posúen vínculos familiares suscitou acusacións referentes a un suposto nepotismo, e incluso houbo unha persoa nas redes sociais que chegou a cualificar a lista como “pouco ética” e caciquil (xusto o 22, cando se publicou no Boletín Oficial da Provincia, malia que nós xa publicaramos con anterioridade a súa composición por todos os medios que nos resultaron posibles). Realmente, esta apreciación entendemos que non se corresponde coa realidade, xa que até o momento non hai nada na ética que impida que, por exemplo, colaboren nun mesmo proxecto tres irmáns ou dúas irmás. Ademais, sabemos de primeira man que noutras candidaturas (de Culleredo e de fóra de Culleredo) chegaron a botar man de cónxuxes ou parentes para completar a lista, sen que ninguén puxese obxección ao respecto. Se ben todo parece unha manobra dalgún partido rival para desacreditar a ACUDE e mais aos partidos que lle deron soporte, estimamos que para nós o respecto ao pobo está por riba de calquera outra finalidade, e por tanto con isto quixemos realmente ser coherentes e demostrar a nosa integridade e calidade ética, a cal esperamos que se vexa correspondida polo resto de candidaturas que integran persoas con vínculos familiares e que non levantaron suspicacia ningunha.

En realidade, nin ACUDE, nin Piratas de Galicia nin o Partido da Terra, polas súas ideas, precisan participar no proceso electoral, xa que todos compartimos a idea de que podemos cambiar as cousas sen estarmos presentes nas institucións. É certo que decidimos presentarnos para, desta forma, obtermos máis visibilidade, mais tampouco lle faltamos á verdade se expresamos que fomos a única candidatura que na precampaña, en lugar de promocionar á persoa cabeza de lista, continuou a traballar para cambiar o concello do mesmo xeito que viña facendo desde o principio. Porque ACUDE foi deseñado para que os veciños e veciñas tivesen participación real no proxecto, para que desen conta do poder que teñen e para que comezasen a utilizalo.

Con todo, pedímoslle desculpas aos nosos posibles votantes, mais agardamos que comprendan a nosa postura.

E si, aínda que non vaiamos ás urnas, seguiremos a ter unha única meta: cambiar Culleredo, mais desde a participación veciñal real, porque entendemos que ese é o camiño de facelo de forma efectiva e eficaz. Así pois, cambiemos Culleredo, entre todas e todos nós; co desexo de que esta frase sexa unha realidade e non un lema que se repita até a saciedade por aqueles e aquelas que pretenden que todo siga igual.
Comentarios (1) - Categoría: 4. Comunicados - Publicado o 27-04-2015 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 #blgtk08#
Comentario por (27-04-2015 21:08)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal