acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-09-2010 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
se Ulises non volve
se Ulises non volve
se non retorna máis á illa do destino
se o mar o vence
se destrúe para sempre as súas forzas
se consegue eludir a súa astucia

ficaremos aquí
orfos da razón que precisamos
da palabra última que explique

por que permanecer
por que non sucumbir
por que seguir
ese camiño
en que o podemos perder todo
se o mar nos vence
se destrúe as nosas fozas para sempre

(abril 2000)

Sigo remexendo na gabeta dos esquecidos
Comentarios (2) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 24-09-2010 15:10
# Ligazón permanente a este artigo
Adeus a Dora Vázquez
Unha noite desas solemnes e quedas do xullo, contaban as estrelas ás auras lixeiras a historia de amor dun reiseñor e unha tímida rosa. A mesma rosa que arrastraba a corrente dun arroio que a lúa bañaba con fulgores de prata.
Contábanlle que o canto do reiseñor era algo marabilloso. Os seus trinos vibrantes e melodiosos acendían as noites. Nas mesturas dos soutos e as carballeiras, escoitábano os outros paxaros espertos i encantados. Nos seus buratos detiñan os grilos o son dos seus élitros, e as ras deixaban de croar nas lagoas para escoitalo. Todo quedaba calado, nun lánguido silencio, no que soamente a gorxa prodixiosa do reiseñor degrañaba as súas belas cantigas na escuridade da noite...


Cadros de amor
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-09-2010 15:09
# Ligazón permanente a este artigo
Proxectos e preocupacións
Comentaba o outro día que teño até finais de mes para realizar dous proxectos que me encargaron.
Un é o proxecto M. Nel tócame elaborar digamos o retrato en palabras dunha ducia de mulleres. Desde que mo ofreceron, ilusionoume, pois realmente apetéceme moito facelo, porque son, ademais, unhas mulleres moi especiais…
O segundo é o proxecto I, chegou máis tarde, sobre o día 9, máis ou menos, e este preocúpame un pouco, até o punto de pensar en declinar a proposta aos poucos días. Mais o certo é que tamén eu teño certa responsabilidade en que este tema saia adiante e, se non o acepto, haberá dificultades, así que … hai que facelo. Preocúpame porque teño moi pouco tempo (tres semanas que non son tales, senón horas soltas ao longo deses 20 días) e porque non depende soamente da miña capacidade creativa, senón que precisa algo de investigación e de coñecemento. Fareino o mellor que saiba e, desde logo, coa maior entrega. Trátase dun itinerario por unha cidade galega e é moi difícil facer algo diferente, así que vou optar por un percorrido moi persoal, que penso que non é completamente habitual, e máis ca un percorrido real, vou facer un percurso da imaxinación.
O que dicía, que até que remate con eles non darei pensado noutra cousa.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-09-2010 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
muros defensivos
A miña nai diría que ando nunha roda viva, expresión que sempre me chamou moito a atención. E si, xusto me acaban de encargar dous pequenos proxectos que teñen que estar feitos antes de rematar o mes (en quince días!!!) e onte mesmo entreguei un libro ao editor.

Así que non son quen de facer nada. Só pensar no que teño que escribir. E agardar.

E lembrei este poema, apartado entre os textos desbotados:


Esquecín
que eu tamén podía facer na palabra o meu castelo

refuxieime
en terras alleas
extasiada e distante,
enfeitizada

laverca ou lavandeira
para estrañar o tacto deste corpo,

hoxe volvo ao desexo e ao pracer
de levantar eu mesma
os muros defensivos
Comentarios (2) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 11-09-2010 19:52
# Ligazón permanente a este artigo
As zamancas e o demo
Imaxe da GalipediaDurante a sobremesa do domingo en Valadares, deunos por falar de zocos e zocas, dos nomes que ten este calzado e de que alguén escribiu que o nome “zamancas” procede do topónimo de Zamáns, cousa á que non demos moito creto.

E falando do coiro e máis do bidueiro, a avoa Carme lembrou un dito da súa profesora, Dona Asunción, aló por finais dos 40: “as zamancas fíxoas o demo para que as vellas non cheguen á misa”.

Si señor! Vaia co demo do que foi levar culpa!

E digo eu, que haberá detrás deste dito? Sería cousa desta muller nacida en Buenos Aires ou é unha frase máis común?. Terá que ver cun xeito particular de entender a relixiosidade? Se cadra que a quen non atendían todo o debido era aos cregos na misa? Ou que aos curas non lles gustaban que lles resoasen nas igrexas as chatolas das zocas?

En fin, que moito me gustou, e aquí queda, para que non se perda.

Mais tamén vou ao dicionario, primeiro para comprobar que Eladio Rodríguez recolle a voz “zamancas” co significado de zocos e atribúeo a Sárdoma en Vigo, e logo para ver que no Xerais figura como sinónimo de zamancos, tamancas ou tamancos para designar uns “zocos” mal feitos. O Xerais recolle como sinónimo de zocos: “galochos”. A min sonme familiares as voces “zocas” e “ghalochos”, que a miña nai me transmite con uso diferenciado: as zocas son as dunha soa peza de madeira, con tres apoios no chan, as de andar pola Ribeira, e os ghalochos son as zapatillas cando andas con elas sen as calzar de todo, co calcañar de fóra, e que pode ser unha adpatación da voz sonoramente galega para un uso “máis despectivo”.

Agora estou de ghalochos, é como ando sempre.
Comentarios (12) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 06-09-2010 18:33
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática