acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Coa dignidade da clase traballadora
Hai días que me vén á memoria aquel retrouso do poema “Mirando ao chau” de Manuel Curros Enríquez: “se eu fixen tal mundo, que o demo me leve”, porque non outra afirmación cabe nos tempos que corren.

Que o demo me leve se non hai mil e unha razóns para maldicir os días que vivimos. Que o demo me leve porque cada día hai unha loita que de nós precisa, que nos convoca e nos conmove.

E tal día coma hoxe, día da nosa patria, necesito falar da dignidade da clase traballadora, pois considero que xusto nestes días estamos a vivir dous exemplos de loita que precisan da nosa atención, do noso apoio, e da difusión que os mal chamados medios de comunicación non lle dan. Porque a clase traballadora, a nosa clase, segue a fornecernos de exemplos de dignidade que son verdadeiros azos para continuar na loita.

O mes de xullo iniciouse ás seis da mañá do día 1 coa resposta dos delegados e delegadas da CIG de PSA-Citroen ao despedimento absolutamente inxustificado de dous traballadores, Paco e David. Adoptaron unha medida da máxima contundencia, o inicio dunha folga de fame indefinida, para responder a unha decisión desmesurada, inadmisíbel e inédita como foi un despedimento sen existiren sancións previas, un despedimento que interpretamos como unha medida dirixida a impor entre @s traballador@s un clima de terror destinado a que non se discuta ningunha decisión adoptada pola empresa por máis inxusta ou improcedente que sexa.

Nada novo baixo o sol, poderiamos citar outras tantas medidas coma esta. É o novo procedemento dos neoescravistas do século XXI, elegantemente vestidos de traxe de verán e garabata, que falan de despedimento libre e redución dos salarios sen engurrarse, mentres oprimen @s traballador@s e incumpren a lexislación, a pouca lexislación que nos protexe. Ben, tamén hai xerentes aparentemente “progres” e “modernos” que pagan avogados que lles axuden a andar na corda frouxa da lei, para mellor controlar os seus traballadores e traballadoras. Vaia, que a especie dos neoescravistas ten unha morfoloxía variada e perfectamente adaptada ás circunstancias.

Henrique e Miguel, Ernes, Eduardo e Manuel, Brais e Maquieira, delegad@s da CIG de PSA-Citroen levaron adiante unha folga de fame durante 24 días para esixir a readmisión dos compañeiros e denunciar ante a sociedade as prácticas represoras dunha empresa que leva 50 anos facendo o que lle peta: como cando nos anos 80 recibiu elevadísimas sumas de diñeiro público para pór na rúa centos de traballadores.

Onte, 24 de xullo, finalizaron a folga para dar unha marxe de reflexión á empresa antes do acto de conciliación que se celebrará o vindeiro día 6 de agosto. Mentres tanto agardan a saber cal será o apoio do Pleno municipal de Vigo á moción que presentará o BNG en demanda da readmisión de Paco e David o próximo día 29 de xullo.

A loita emprendida polos delegados e delegadas da CIG é un exemplo de dignidade e xa recibiu o apoio de comités de empresa de todo o país e mesmo o apoio da Federación Sindical Mundial que lle esixe á empresa a readmisión dos traballadores despedidos e saudou a loita emprendida para apoialos, expresando claramente que “O despedimento dos compañeiros Paco e David , levado a cabo sen tan sequera terlle feito amoestación ningunha ou advertencia previa aos dous traballadores, é inxustificado e forma parte dunha campaña de terror patronal contra os traballadores máis conscientes e combativos desta plantilla.”

Mais este clima de terror non só se está a instaurar desde o ámbito da empresa. Tamén desde o poder que nos goberna, pois non doutro xeito podemos cualificar a condena de traballadores e traballadoras por participaren en mobilizacións ou piquetes de folga.

Levamos meses mobilizándonos para esixir que Serafín e Carlos, dous traballadores do transporte, non sexan condenados a entrar no cárcere. A condena é absolutamente desproporcionada e só pode ter por obxecto trasladar unha mensaxe de amedrentamento para impedir que as traballadoras e os traballadores defendamos os nosos dereitos. Neste sentido sería un paso máis dentro dunha campaña que vén precedida do incremento de sancións económicas e denuncias contra mobilizacións de todo tipo.

Mentres reclamabamos que se lles concedese o indulto, outras dúas traballadoras foron condenadas por motivos semellantes. Esta situación tamén se está a dar no resto do Estado onde un traballador entraba na cadea recentemente.

A situación das nosas compañeiras e compañeiros contrasta con algúns dos indultos concedidos este mesmo ano, o que nos reafirma na conclusión de que este tipo de penas están destinadas a reprimir as lexítimas mobilizacións da clase traballadora. E desde aquí fago un chamamento a permanecer a alerta, alerta para comprobar cal vai ser a actitude do goberno central ante a petición formulada polo propio Parlamento galego que aprobou a petición de indulto para est@s traballador@s. Alerta para comprobar que non se benefician desta medida políticos corruptos que están entrando na cárcere estes días, mentres nós temos que seguir a reclamar que se atenda a nosa petición.

As compañeiras e compañeiros precisan o noso apoio, mesmo a través da palabra escrita para difundir o que sucede hoxe no mundo do traballo, para denunciar as novas formas de represión, para pór en evidencia que as armas do sistema capitalista se renovan e especializan para evitar que as traballadoras e os traballadores non só non academos os nosos obxectivos, senón que até renunciemos a invocar e exercer os nosos dereitos.

Cada día que pasa, unha nova fórmula de opresión pretende esmagarnos, e o pantasma da desilusión e da derrota aparécese nos nosos soños. Mais non caeremos no desalento, non porque hai mans que se tenden e que nos entenden e porque temos memoria e lembramos a entrega das avoas e os avós, que até deixaron a vida, literal ou metaforicamente, para darnos un mundo diferente do seu. E porque a dignidade das compañeiras e compañeiros que loitan cada día é o mellor motivo para avanzarmos.

Quen fixo este mundo, o demo que o leve!

Artigo publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 05-08-2014 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
A Venus hotentote
Despois de varias semanas rematei de ler “A Venus hotentote”, na tradución ao español realizada por Manuel Manzano de Hottentot Venus de Bárbara Chase-Riboud, quen lle dedica a súa obra a Nelson Mandela, por suposto.

Bárbara Chase-Riboud é unha escritora nacida en Filadelfia en 1939 que ten acadado importantes premios. A súa obra máis coñecida é “A Virxiniana”, que trata sobre a relación do presidente Jefferson cunha escrava negra. Tamén é escultora e pintora, e como tal autora da obra “Malcom X” exposta no Museo de Artes Plásticas de New York. Co pouco que sei dela, despois de ler información aquí e alá, conclúo que se trata dunha autora comprometida coa súa identidade, algo que está patente na súa obra. Desgrazadamente teño a impresión de que non é doado chegar á súa obra desde aquí, pois apenas atopo algo traducido ao castelán.

O libro “A Venus hotentote” preséntase como unha novela baseada nunha historia real. Mais, desde o meu punto é, máis ben, unha biografía novelada, unha biografía escrita para conmover as nosas conciencias e facernos reflexionar. Unha obra co concreto obxectivo de recuperar a biografía dunha muller escravizada e exhibida pola superioridade branca, unha obra que denuncia a convivencia/conivencia, as similitudes e paralelismos entre racismo e machismo.

Hai pasaxes absolutamente recomendábeis como aquelas páxinas en que Alice quere abrirlle os ollos a Sara (Saartjie Baartman a muller levada a Europa para ser exhibida como un raro espécime entre os animais e os homes, a demostración do elo perdido) explicándolle que o matrimonio soamente é a confirmación da súa escravización ao home que a tirou de Sudáfrica: “como a súa muller, pode mandar os alguacís a traerte de volta como a súa propiedade e ninguén moverá un dedo por ti... Polo menos tiña que te pagar como a súa serventa, e como a súa escrava podías reclamar a liberdade en chan inglés. Como a súa muller, non es nada máis que a súa propiedade.”

No libro atopamos a personalidades da época como Cuvier ou Dunlop, absolutamente implicados na animalización e exhibición de Sara, e, contra o final, a Darwin, representando a evolución do coñecemento humano, nun capítulo do que gustei especialmente, en que o científico fala con Nicolas Tiedeman, practicamente o único home “humano” que Sara atopou na súa triste e curta vida.

Unha novela de tese, en que tamén se reflicten as contradicións da muller escravizada e da que recomendo a súa lectura. Unha novela sobre un dos principais símbolos do pobo sudafricano, o da muller khoikhoi que representa o desprezo ao que foron sometidos por seren diferentes.

Deixo aquí a miña cita predilecta desta obra, cando a propia Sara, xa morta, segue actuando como narradora omnisciente para nós, relatándonos que se fixo co seu esqueleto desde o Museo de Historia Natural de París até os campos de Sudáfrica en que foi recibida, aínda hai ben poucos anos:

Resolvín o problema de onde está a alma. Non está nin no cerebro nin no sexo, nin na miña pel perdida nin no meu esqueleto espido. Creo que non está aquí nin agora, nin cincocentos anos no futuro, senón no pasado que perdemos, esquecido ou suprimido, nos devanceiros cuxas voces repiten a ladaíña da reencarnación máis alá do tempo.”

Procurarei atopar outras obras de Bárbara Chase-Riboud, pois é moita a curiosidade que sinto por esta autora e a súa obra, con suxestivos títulos, despois desta primeira lectura.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 03-08-2014 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática