acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Homenaxe a Bernardino Graña
Este primeiro de setembro, mes no que naceu o poeta, a Coruña acolle a homenaxe nacional a Bernardino Graña, Medre o mar!

A homenaxe foi organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e conta coa colaboración de diferentes entidades. E alí estarei.

É un dos poetas por min máis admirados, tal vez por iso recurrín a el no seu día para prologar o meu primeiro libro, Crear o mar en Compostela.

E esa admiración naceu de poemas coma este:

Que non o saiba o vento namorado

(Nos días do desastre do petroleiro Prestige)

QUE NON 0 SAIBA 0 VENTO namorado
que vai agarimando, unha a unha, as praias.

Non é siroco, ningún vento seco
o que nos ceifa a vida dos pequenos,
o que arrasa as casoupas, o que rouba
as forzas das mulleres entregadas
ao diario labor, o que desgarra
as carnes das nacións sacrificadas
en aras do progreso da falacia.

Non é o vento cruel, nin a arrogancia
de tiranos gordechos e ignorantes
sobre tribos humildes e selváticas
cubertos de ouro e peles de animalias.

Nin son nenos famentos, nin obreiros
os que andan a estragar, a desangrarnos,
a machucar as rosas e os ensoños,
a macular a gloria da alborada.

Non son horríbeis bocas de lamprea
os que nos van mirrando aldeas, saiba.
Nin son os mariñeiros os que manchan,
os que chuchan o sangue e toda a alma.

Sabemos de dragóns con moitas linguas,
con moitos barcos cheos de cobiza,
serpes con máis de sete testas malas,
parlantes monifates con gravata,

que ignoran sacrificios, que non saben
o doce ollar calado e solidario,
que venden todo o mundo ao negro inferno,
que esquilman cada día, sempre en ansia,
sen sombra e sen amor, pois nunca aman.
(sen sombra e sen amor, pois nunca aman)

Non é siroco, ningún vento negro
que xoga a ser a morte con gadaña.

Que non o saiba o vento namorado
que vai agarimando unha a unha as praias.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2012 18:28
# Ligazón permanente a este artigo
Reflexión sobre a poesía galega nos 90
“É innegable a presencia da muller, o seu incremento numérico, a calidade da súa produción, a innovación á que está sometendo a poesía desde unha óptica feminista que afecta aos temas tratados e a forma en que se tratan: o amor, a recuperación das antepasadas, en coherencia coa reivindicación do papel da muller, a linguaxe non sexista ... Sen embargo teño pánico da alegría con que en ocasións se fai referencia a este feito, como algo consolidado e acadado, como o final da loita pala adquisición
dun nicho poético. E penso que non se trata diso e que aínda hai moito que facer, porque aínda non somos tantas, ... E ese feito de encaixonarnos, "poesía de muller" , falar da poesía producida por mulleres como representativa da liña poética de "poesía de muller", e que estas mulleres non aparezan despois cando se fala doutras liñas poéticas, é un ha sensación estraña de ghetto, de nicho poético ao que somos destinadas sen poder competir coa universalidade dos poetas da nosa literatura, homes, mulleres ou androides. Estamos aquí e queremos compartir opcións poéticas con homes e mulleres, queremos feminirrevolucionar o mundo da poesía e está molo facendo, e tamén queremos ser consideradas polo que dicimos e polo que escribimos, sen que entren en combinación outros parámetros innecesarios.”

Fragmento do artigo “Poesía nos noventa” publicado en 1997 en Vento do Leste. Revista de Cultura, Arte e Sociedade, número 4, nas páxinas 17-18.

Recupéroo hoxe porque foi recompilado no Dossier Autopoéticas da páxina www.poesiagalega.org, dentro do apartado poéticas grupais na páxina 294.

Debo dicir que sigo afirmando o que entón dicía (hai quince anos en plena década dos 90), e que subliño de novo ese termo que inventaba entón: feminirrevolucionar. Neste caso feminirrevolucionar a poesía e ... todo o que se poña por diante.


Na foto, de esquerda e dereita: Rafa Villar, Emma
Couceiro, Yolanda Castaño, Marta
Dacosta, Eduardo Estévez e Paco Souto
tras un recital realizado na Aula de Cultura
de Betanzos.
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 29-08-2012 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Ciencia en galego
Un exemplo de autoestima, unha pequena publicación moi específica que chegou a todos os recantos do mundo na nosa lingua

Ciencia en galego

O Consello da Cultura Galega acaba de publicar Escribir de ciencia en galego, volume coordinado por Francisco Díaz-Fierros e Xurxo Mariño que recolle as actas da xornada celebrada o 20 de maio de 2011 sobre este tema. A publicación inclúe un estudo do uso da lingua nas publicacións de diferentes entidades, Universidades, Administración, asociacións… no que se pode ver cantas publicacións empregaron a nosa lingua e en que proporción até o ano 2002 (un traballo do seminario de sociolingüística dirixido por H. Monteagudo). Fago referencia a esta publicación porque nese estudo queda reflectido brevemente o resultado dun esforzo de anos: a publicación en galego dun boletín científico sobre cetáceos, promovido pola CEMMA, iniciativa que coñezo en profundidade porque con ela colaborei na corrección de textos ou mesmo mediante a publicación dalgunha nota sobre toponimia.

O boletín chámase Eubalaena, tomando o seu nome do nome científico da balea basca, unha especie en perigo de extinción que foi alimento e fonte de riqueza para o pobo galego, entre outros, aínda que na historiografía oficial só nos falen dos baleeiros bascos. No seu día a CEMMA elixiu este nome como homenaxe á balea que tanto frecuentara as nosas costas e que hoxe rara vez se pode divisar. Cómpre dicir que o seu nome latino vén significar algo así como “balea verdadeira”. No momento en que se decidiu pór en marcha a publicación, decidiuse tamén que a lingua en que se publicarían todos os artigos sería a nosa lingua, o galego, acompañado dun breve resumo en inglés e en francés, algo habitual nas publicacións científicas.

A memoria di que non houbo debate e que publicar Eubalaena en galego foi algo natural. E non deixa de parecerme curioso hoxe, pois este tipo de eleccións adoitan ser conflitivas, especialmente cando a publicación ten como destinatari@s persoas e entidades científicas de todo o mundo. Mais é certo que tras esa naturalidade estaba a convición de determinadas persoas, que non dubidaron en pór en marcha aquilo no que crían. E así foi como unha publicación modesta naceu e saíu do noso país, levando canda ela novas sobre os cetáceos das nosas costas e na nosa lingua.

Que a onde chegou Eubalaena? Pois desde Cape Town a EEUU, de Arxentina a Londres. De volta viñeron cartas felicitando pola iniciativa, entre elas a dun brasileiro que sinalaba a facilidade de comprensión da revista ao estar escrita en galego, ou a dun americano que traballaba no Servizo de pesca e vida silvestre do Departamento do Interior dos Estados Unidos que tiña un amigo portugués que lle facilitaba a lectura. O caso é que a revista foi reclamada desde o Port Ellizabeth Museum de Sudáfrica ou desde a sección de bibliografía do Natural History Museum de Londres e chegou estar recensioanda na Wildlife Review que chegaba a 3300 centros de investigacións e bibliotecas de todo o mundo. En Eubalaena e en galego chegaron ver a luz artigos orixinariamente escritos en español desde Venezuela ou desde as Illas Canarias. En 1996 un colaborador madrileño escribía: “He estado leyendo el artículo traducido al gallego y no lo considero destruido, al contrario creo que está más completo con los datos que le habeis añadido. Me parece muy bien.” E desde Cataluña chegaban tamén as felicitacións “... deseo comunicaros que vuestro trabajo ha sido fuente de inspiración para el nuestro”.

Segundo sinala o estudo do Seminario de Sociolíngüística Eubalaena é unha das dúas publicacións científicas que se publica 100% en galego, entre as 7 que usan a nosa lingua. Simplemente porque Eubalaena foi o resultado da insistencia e da ilusión de quen creu no traballo que estaba a realizar e sempre pensou que coa nosa lingua e desde o noso país se podía chegar a calquera parte, sen pararse nas dificultades, antes ben buscando motivos para avanzar. E o caso é que aí segue, publicando ciencia en galego, hoxe xa só en formato dixital, porque a falta de recursos económicos xa non permiten nin unha miserábel publicación fotocopiada.

Ilusión, confianza e convición, foron os ingredientes. Son baratos e deron resultado. Oxalá tamén foran exemplo.


Artigo de agosto publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 29-08-2012 09:09
# Ligazón permanente a este artigo
Faleceu Pousa Antelo
Hoxe faleceu Avelino Pousa Antelo.

A súa memoria, o seu exemplo quedan en nós.

Un poema da súa autoría:

Agoiro

Dos tempos pasados
grorias que se foron
no fondo da alma
gardadas están;
espranzas fuxidas
de tempos tristeiros,
sinos derradeiros
tocan a chamar.........
Voltará da aurora
a luz temerosa,
e,na Patria nosa
voltará a brilar
a branca bandeira
co azul do ceo
ó compás do vento,
¡ doce libertá !
E nos nosos peitos,
e nas nosas vidas,
espranzas fuxidas
que retornarán,
encherán a Terra,
encherán os ventos
con novos alentos
na terra e no mar
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-08-2012 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Manuscrito en Caderno da Crítica

Hai uns días, Ramón Nicolás convidábame a enviarlle un manuscrito para unha nova sección do seu Caderno da Crítica. Aceptei gustosa e días despois preparei algún material para enviarlle. Nese material estaba a primeira versión manuscrita do poema que ten por primeiro verso “non foi suficiente”, publicado en Acuática Alma o pasado decembro de 2011.

Como se pode ver na imaxe o poema está escrito case de corrido, con algunhas riscadelas que mostran a vacilación no momento da escrita. Como sempre que escribo a man consta a data en que o fixen, neste caso 24 de marzo de 2008. Hai algún tempo comecei anotar tamén datos significativos, neste caso o motivo que deu lugar ao poema, un asasinato horripilante dunha muller. Terrorismo de xénero.

Algunha das veces que lin este poema en público dixen que o seu tremendismo non tiña nada de esaxerado, pois a realidade fora aínda moito máis cruel. E a nota que figura ao lado da data, dá conta diso.

Até chegar á súa forma definitiva, mais desta volta sen manuscritos que o demostren, houbo aínda algúns cambios, como se pode ver na versión publicada definitivamente. Vicio de autora, que pasa e repasa e nunca está conforme, a pesar de que moitos poemas sexan escritos dunha tirada.

Só me resta agradecerlle a Ramón Nicolás esta fermosa iniciativa, este vernos un pouquiño máis por dentro, a través da nosa caligrafía e as nosas dúbidas.
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 14-08-2012 13:10
# Ligazón permanente a este artigo
sen sétimo día de descanso

A escrita é así. Aparece. E daquela un bar cheo de ruído, un papel calquera, o afortunado e querido lapis que me serve para ler, serven para capturar un instante de palabras.
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 08-08-2012 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Feminista e nai
Son da opinión de que unha nai debe sentirse feliz e ese será o elemento fulcral para que consiga os mellores resultados na difícil tarefa da educación da crianza. E non falo de educación só no sentido formal de adquisición de hábitos sociais ou non, falo tamén de educación sentimental, dos afectos, da confianza, da complicidade, do amor. De construír un elo inmaterial e indestrutíbel, a mellor vitamina para o medre das e dos cativos. Un elo de tres, no que o pai debe ser outro elemento esencial. Evidentemente, o concepto de felicidade é suficientemente difuso como para que cada unha se considere feliz en circunstancias non só diferentes, senón mesmo antagónicas.

Lonxe dos anos de crianza, escoito agora falar do novo concepto de ecomaternidade, e debo confesar que a entrevista que escoitei a unha das súas defensoras nun medio de comunicación púxome os pelos de punta. Especialmente cando argumentou que estes momentos de crise son beneficiosos para esta nova doutrina. Ou sexa, que o fracaso laboral e a imposibilidade de contarmos as mulleres coa imprescindíbel independenza económica debe ser entendido como unha bendición? Porque así poderemos practicar unha maternidade mais natural? Mais a que lle chaman natural.

Defenden desde a ecomaternidade que as crianzas sexan atendidas na casa, preferibelmente polas súas nais. Parece entón que levar os nenos a escolas infantís non é natural. Iso é discutíbel. Primeiro porque as escolas infantís permiten a socialización dos nenos e nenas, frecuentar outras persoas diferentes dos seus pais, o que as/os axudará a relacionarse, para alén do plano estritamente educativo. Esta práctica que seguimos moitas persoas, levar as e os pequenos a escolas, é tan natural que está presente na natureza, por exemplo as cachalotas reúnen as súas crías en grupos aos que atenden varias femias e son aleitados por calquera delas, algo semellante do que fan as leoas. E varias especies de primates practican tamén isto ao que @s naturalistas chaman crianza cooperativa.

Na ecomaternidade defenden tamén a lactación a demanda e volver aos cueiros de toda a vida, con matices. Con matices porque logo comprobamos que ao redor desta ecomaternidade se tece un novo mercado de produtos naturais (outra vez o mercantilismo). Cueiros de tela mais que seguen levando un tisú para que as feces non se impregnen na tea e poidan ir á lavadora. Incríbel que tenten convencerme de que iso é máis ecolóxico, tirar o tisú coas feces polo inodoro, no canto de os deitar no lixo. Non señora, o que pasa polo inodoro vai ao río ou ao mar e o que aforra en celulosa gástao en auga, a diferenza en canto á contaminación é irrelevante.

Despois de escoitar varios dos argumentos, considerei a sutileza coa que o patriarcado acaba por dominarnos (e cando digo patriarcado, digo capitalismo, ou neoliberalismo se preferides). Nada mellor que apelar ao natural e ao “eco” para convencernos ás mulleres de que a maternidade debe volver cara a atrás, ser un cometido esencialmente das nais que preferibelmente deberán quedar no fogar, reducindo así as responsabilidades das institucións. Deste xeito eliminar escolas infantís e os seus postos de traballo será tamén “natural”, como “natural” será non atender as reivindicacións de incremento do permiso de maternidade e lactación, a creación de escolas infantís nos centros de traballo, a mellora dos permisos de paternidade, das excedencias por parentalidade, etc. Realmente, hai algo de reaccionario en todo isto. Unha estratexia do sistema, do poder, que adopta a terminoloxía que naceu para poñelo en evidencia e dándolle unha volta de parafuso acaba por usala no seu propio beneficio.

Nos parágrafos previos falei sempre de maternidade e de nais, a mantenta, porque eses foron os termos que quen explicou a ecomaternidade usou. Por que non se fala de parentalidade? Por que non mencionar os pais? Outra vez a maternidade é cousa das nais, que serán mellores nais, máis naturais, máis “eco” se se dedican a selo ao 100%, renunciando aos pequenos espazos acadados despois de décadas de loita feminista. En relación con isto, a filósofa Elisabeth Badinter acaba por falar da maternidade como unha nova forma de escravitude para a muller.

Outra vez culpábeis, a mellor maneira de controlarnos, non somos boas nais, non lles dedicamos bastante tempo aos fillos, non lles dámos a teta cando choran, usamos cueiros de celulosa por non lavar os de tea, levámolos á gardería para non atendelos nós mesmas. Mais quen é que di que é o que está ben e que é o que está mal, os mesmos que non queren ampliar os dereitos laborais das preñadas e das nais e os pais?

Algunhas dicimos moitas veces que o feminismo como táctica é fundamental para a transformación desta sociedade enferma. É un argumento de difícil penetración. Porén parece que o noso “contrario” si entendeu o perigo do punto de visa feminista e non aforra en estratexias que sirvan para coutarnos. E esta, esta “naturalidade” mal entendida pode ser outra máis. As nosas nais aprendéronnos unha lección esencial, formarnos para acadar un traballo que nos dera independenza económica. Foi incríbel comprobar como até unha humilde traballadora da economía submerxida entendera ese principio feminista sen ter lido nunca a Rosalía Castro ou Virginia Woolf. E estes discursos camiñan nesa dirección? Non, porque só axudan a que as nais traballadoras se sintan culpábeis de non seren nais perfectas, segundo “ese” concepto da perfección.

Este non é o debate. Non porque aínda precisamos afortalar os pequenos logros acadados para as traballadoras e os traballadores: duración do permiso de parternidade, exercicio do dereito de lactación, algúns dos que sufriron xa os recortes da crise.

As pequenas e os pequenos precisan pais e nais felices, nais e pais que o sexan porque así o decidiron e que na tarefa que realizan atopen cada día un motivo de satisfacción, nunca a sensación de renuncia, de obriga, de culpabilidade ou de incapacidade.

Como muller non acepto sentirme culpábel por loitar polo meu espazo, algo que compartín coa maternidade, coa seguridade de que o meu fillo quere unha nai que loite polos seus dereitos, o dereito ao seu propio espazo, como muller, como traballadora ou como nai.

Agosto 2012

Artigo publicado en Sermos Galiza
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 07-08-2012 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
A lus do candil recomenda Acuática alma

A librería A Lus do candil, en Arteixo, na que o poeta Modesto Fraga ten parte importante, recomenda Acuática alma. Grazas.

Estas son as súas palabras:

"Para facer máis luminosas as fins de semana nada mellor que procurar acubillo na poesía galega, sobre todo cando falamos de literatura maiúsculas, como é o caso do poemario, "Acuática alma", de Marta Dacosta. A poeta viguesa, autora dunha obra en verso certamente prolixa, na que destacan títulos como "Crear o mar en Compostela", "Pel de ameixa", "setembro" ou "As amantes de Hamlet", vén de publicar agora en Espiral Maior unha nova entrega que desde "Á lus do Candil" vos recomendamos especialmente.
"Acuática alma". Marta Dacosta. Espiral Maior"
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 05-08-2012 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
PATRIA
As píllaras corren por entre leiteiriñas e cardos. As súas patiñas fan carreiros que chegan moi lonxe do niño, son quen de atravesar os camiños feitos entre as dunas para que os turistas baixen á praia, e fano sen decatarse de que poñen en risco a súa vida. Elas simplemente camiñan polo territorio que as viu nacer.

O niño está rodeado dunha tela de arame de buracos grandes. Puxéronlla para protexelas cando aínda non saíran dos ovos. A súa nai colocou o niño alí, no medio e medio da duna, xusto nunha da praia máis concorridas, e por que non, as dunas son o seu territorio, o lugar ao que pertencen. As dunas son a súa patria. As píllaras que desapareceran un día, hoxe, cando os novos tempos nos esixen consideración co hábitat que ocupamos, volven para recuperar o espazo ao que pertencen.

Mais os mamíferos bípedes non son quen de entender que a súa ocupación do espazo natural é destrutiva. Por que non van tripar por riba da duna, unha persoa humana pode pasar por onde ela queira, só faltaría, non poder atravesar unha duna para chegar máis directo á praia, á auga do mar, emporcada pola nosa desconsideración. Por iso colocaron unha tea de arame ao redor do niño, por iso hai que colocar cinta da policía local facendo un perímetro para que persoas e animais non traspasen a zona de protección dos pitos da píllara papuda, tentando así que sobrevivan e que deixen de ser unha especie vulnerábel, e poidan recuperar o lugar que lles pertence.

Mais a duna é a patria da píllara, toda a duna, non un pequeno lugar acoutado.

E os pitos da píllara, inconscientes ou non, exploran a duna enteira e saen do recinto marcado, provocando as iras dos bípedes irrespectuosos que se negan a non pasar por onde eles queiran. Que é unha píllara e que lle importa a ese home acalorado de bañador até os xeonllos que se nega a escoitar as palabras dunha voluntaria porque, que indignación! fálalle en galego a el, que non é de fóra, que leva toda a vida aquí e que nunca falou galego, “ni consiente que se lo hablen porque eso es indignante”. O home acalorado é súbdito do rei que mata elefantes e osos.

As píllaras non son súbditas do rei cazador, non son españolas, a súa patria é a duna.

Unha píllara papuda puxo o seu niño no medio da duna. A primavera camiñaba cara ao San Xoán. O niño e os ovos resistiron a noite desenfreada e naceron no verán, cando aínda a chuvia non nos abandonara. Houbo persoas que descubriron o niño e se preocuparon ao saber da vulnerabilidade das píllaras. Buscaron protección, recorreron ás institucións, fixeron carteliños en linguas diferentes, colocáronos pola praia ilustrados coas fotos dos pitiños nacidos. Pasan días e, algunha noite, tendo conta de que os pitos non morran debaixo dun pé ou dunha pouta. Ás veces reciben malas contestacións. Moitas veces a indiferenza.

Os días pasan e dos dous pitos que naceron soamente vemos un. Os humanos tripan os territorios que consideran, sempre, da súa absoluta propiedade, sen importarlle que baixo o seu pé morra un ser vivo, unha especie. Mais a píllara insiste, resiste, avanza. A súa patria é a duna, desde antes que os humanos convertesen os areais en zonas de baño e veraneo, lugares a explotar e cos que especular.

A píllara que resiste en Gaifar, o nome e as dunas que un día desapareceron baixo o alcatrán e o formigón, é unha alegoría de nós, nacionalistas que camiñamos pola nosa patria, rebordando o metafórico cordón policial que queren colocar todos os días os mesmos gobernos que enterran as dunas, que especulan co noso litoral, os nosos montes, o noso país, para coutarnos.

Temos moito en común coa píllara de Gaifar. Coa súa teimosía en ocupar o espazo que lle pertence. Porque é noso.

Porque é nosa.

Porque é a nosa patria.


Artigo publicado en Terra e Tempo.
Agosto de 2012.
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 02-08-2012 13:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática