acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Feira do libro de Ponteareas

Na casa da avoa estivo na feira do libro de Ponteareas
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 30-07-2017 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
Urraca
Para este 25 de xullo escribín sobre a raíña Urraca, a que pecha o meu libro Na casa da avoa.

Velaquí o artigo, que se pode ler completo en Terra e tempo. Comeza así:

Remataba abril e decidín visitar as terras de Monterroso.

A asistencia a “Mondoñedo é poesía” o primeiro de maio dábame a escusa perfecta para atravesar Galiza polo interior e seguir a descubrir ou redescubrir a nosa terra. En canto ideei o itinerario final, Mondoñedo xa non era o obxecto da viaxe. Coñecer Monterroso pasou a ser a cuestión central, con Urraca, a raíña, como protagonista.

Coa axuda de internet busquei aloxamento e atopeino nunha casa que levaba o nome da raíña. Mais, finalmente non puido ser e tivemos que quedar en San Miguel de Penas, unha fermosa casa restaurada. O cambio impedíame coñecer o lugar que leva o nome de Urraca e pescudar a que se debía. Así que, en conversa telefónica, pregunteillo á dona da casa. Ela explicoume que a casa fora construída cos restos da pedra que un día fora o Castelo de Sirgal, do que se di que acolleu á raíña nun incidente sucedido naquelas terras. Quedei coa mágoa de non poder durmir entre as súas paredes, mais agardábame outra sorpresa.

A mesma tarde en que chegamos, saímos coñecer o exterior da casa. Alí mesmo tiñamos a Torre de Penas, maxestosa, precedida por un carballo e defendida por un muro que non podiamos atravesar. Ao lado a igrexa, e entre as dúas edificacións un pasadizo de madeira. Por sorte para nós, na porta do recinto había un panel informativo e nel mostróusenos a historia, o fío que tirara por min naquela viaxe.

...
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 25-07-2017 09:20
# Ligazón permanente a este artigo
Carta VIII. Sen fronteiras entre o real e o fantástico.
Chegamos á oitava entrega, case a piques de deixar a illa do Pico. Neste ano e medio percorrín coa memoria e a litertura a illa de San Miguel e a de Pico. Aínda quero percorrer as de Faial e Terceira, mais iso será dentro duns meses, practicamente a partir de xaneiro de 2018 se todo vai ben. Agora voume centrar noutro proxecto que require toda a atención que lle poida prestar.

Se alguén gostou destas cartas e seguiu a súa lectura, grazas.



as coisas aqui acontecem como tiverem de acontecer, sempre com muita calma…” Romana Petri, A senhora dos Açores.


As estreitas estradas acabaron por conducir cara ao interior da illa os transeúntes extraviados pola deficiente sinalización. Sen compás, confundindo o rumbo, chegamos á Lagoa de Caiado, cuberta en parte por unha tona verde. A Lagoa forma parte da Rede Natura 2000 e está a máis de 800 metros de altura. Na súa contorna, descubrimos algunhas das especies vexetais endémicas dos Açores, como a Erica azorica, denominada comunmente urze, mato, vassoura ou queiró, ou o cedro do mato, Juniperus brevifolia. Ignorantes do seu valor natural tiramos fotos marabillados só pola beleza, para máis tarde descubrir o seu inmenso valor.

Por eses camiños do interior, achegámonos á néboa que muda a paisaxe da illa, internándonos por unha especie de decorado extraterrestre ou viaxe no tempo cara a un pasado misterioso de liques e fumarolas. Descubrimos a lingua arqueolóxica da illa. A rocha negra, ás veces esfarelada en area escurísima, a ocultarse baixo a tona de prados intensamente verdes, ondulantes e coroados con cristas de pedras negras ou sebes. E eu admirada de que entre a pedra volcánica áspera e seca prendera a vida con follas de bordos espiñentos dos que saían unha especie de pampillos.
Esa pedra negra é a primeira imaxe do Pico na memoria. A pedra negra que emerxe entre a vexetación. A pedra negra que rodea a illa e adopta formas asombrosas ao entrar en contacto co mar. A mesma pedra que os habitantes cicelaron para construír as súas casas. A pedra que aínda garda a forma da lava candente que se deslizou cara ao mar. Pedra ou lava negra.

Esa pedra é o corazón do Pico. Unha illa que é un monte que ascende abrupto e se coroa de néboa sen avisar dos perigos que hai no seu ascenso. O cume máis alto da República portuguesa. Esa pedra é tamén a imaxe que paira na literatura, como o libro que atopei na antiga fábrica baleeira da Sibil. Ao collelo, lin a contracapa e dixen, vai comigo, preciso deste libro para logo alimentar a memoria deste lugar. E así, lendo A senhora dos Açores volvía á illa, recoñecía os lugares escuros de pedra lávica, coma ela os chama, e que alí reciben o nome de “misterios”. Buscaba entre as fotos. Procuraba o mapa para situar debidamente as localidades de Arcos e Cabrito e lembralas mellor. E recorría ao caderno que sempre vai comigo, neste pulso constante coa miña contraditoria memoria: “Fomos cara a Cachorro e visitamos a súa costa, chea de pedras con formas que parece que se fixeran onte... Continuamos contemplando as caprichosas formas que tomou a lava cando baixou cara ao mar, nesta illa que é a máis nova, pois só ten 300.000 anos. No Lagido de Santa Luzia visitamos o conxunto etnográfico da cultura do vinho, coas parcelas separadas por muros de pedra negra e as viñas abandonadas, algunha a subir polas árbores, mesmo.”

A senhora dos Açores é unha obra de Romana Petri, escritora e tradutora italiana. Na recensión doutro libro da autora sobre a mesma illa (Regresso á ilha), realizada por Manuel Tomás, sabemos que Petri chegou ao Pico en 1996. Aquel verán deu lugar á Senhora dos Açores, un libro que tivo grande éxito en Italia porque: “Em A Senhora dos Açores, o espaço é determinante para o enquadramento das personagens, todas elas com nomes reais, bem conhecidos de toda a gente da freguesia de Santa Luzia e não só, que o Pico acaba por ser uma aldeia global(mente) pequena” (Manuel Tomás, Revista de livros 307)
O libro ten formato de memoria e quere ser un retrato sentimental do Pico. Romana Petri escribe en primeira persoa e é outra personaxe que transita as terras da illa e fala cos seus habitantes. A Senhora dos Açores é un retrato daquelas xentes, das mulleres e dos homes que un día emigraron a Canadá ou aos Estados Unidos e que sempre, sempre se doen desa partida, malia os seus fillos americanos xa na fala e no corpo. A autora demostra un profundo desprezo por esa americanización e é na súa propia boca que pon estas palabras:

“Não devias ter permitido que o teu filho nacesse naquela terra …Debe ser por isso que tantos americanos são obessos: vivem a grande derrocada da sua alma. Forçada a estar onde na devia, e compensam a mágoa da mudança afogando a comida nos molhos coloridos. A gordura que vós, pais, consumistes na tristeza das recordações, recuperam-na eles”

O libro vai deseñando ante nós un retrato real e máxico da illa, coas súas cores e formas caprichosas, cos seus habitantes corpóreos e incorpóreos, sen que haxa fronteira ningunha entre o mundo dos vivos e os mortos: “e a alma, no momento de partir, fica desorientada, não sabe tomar o caminho suave das alturas, como lhe compete, e fica aquí, na terra, deixa-se ficar embora saiba que o seu lugar já não é aquí”.
Cando hoxe volvo ao libro, mentres escribo este artigo, conecto esta obra coa dunha autora de noso. Nun dos capítulos de A senhora dos Açores, unha das personaxes, Malvina Sebastião, fala dun homem-planta: “… em frente daquela casa, no jardim, há uma estranha planta com uma única flor grande e alongada, que está ali há anos e não murcha, está sempre fresca. Por vezes, de noite, no lugar da planta está um homem de outros tempos, um homem-planta que regressa porque sente a necessidade de aparecer àqueles que podem e querem vê-lo.”

Un home-planta, como as mulleres planta que Ledicia Costas creou nunha das súas últimas novelas. Unha creación literaria que tal vez beba da realidade da Epidermodisplasia verruciforme, unha enfermidade rara de orixe xenética que provoca a deformidade da pel por medio de verrugas, até adoptar aparencia vexetal. Unha enfermidade que, como sempre, se analiza desde unha perspectiva masculina, esquecendo que mesmo as mulleres poden chegar a padecela, e aquí entra o texto de Ledicia, feminizando esta imaxe. Unha imaxe que conecta coa tradición literaria dos Ent, descritos por Tolkien como xigantescas árbores que camiñan e gardan a fraga, tomando o nome da tradición anglosaxona; ou coaa tradición mitolóxica de pobos como o éuscaro que ás veces representan a súa deusa Mari como un ser híbrido entre unha muller e unha árbore.

Ebria de imaxes fantásticas sinto avanzar o tempo mansamente. O sol intenso esperta a sede de auga salgada e levamos o corpo até as piscinas construídas no bordo do océano. Apenas un ensaio de profundidade. Unha balsa de adaptación que xoga coa distancia do horizonte, mostrando o perfil das illas que rodean o canal e calan a dimensión do abismo en que se mergullan os seus xigantes na procura de alimento.

Profundidades en que dormen animais pálidos, como aquela cucumaria dos abismos que Vitorino Nemésio imaxinou e nomeou estrela, sen decatarse de que era unha masa branda que filtra a auga na escuridade absoluta, un ser vivo parente dos carallos de mar, que tamén arriban inertes ás nosas praias:

“Ficavam ali secas, estampadas, como enigmas do mar num cemitério. E nunca mais se esquecera daquela bicheza pequenina, Cucumaria abyssorum, encontrada pela equipa científica do Hirondelle nas fossas do Atlântico açoriano, ... Pobre estrelinha seca das solidões do fundo, a cucumária dos abismos... ” Vitorino Nemésio, Mau tempo no canal

Marta Dacosta, maio 2017.
Comentarios (0) - Categoría: Cartas açorianas - Publicado o 12-07-2017 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
Pateleiras

Do Pindo a Combarro.
Das Xornadas da pesca ao Encontro de embarcacións tradicionais.
Versos, humildes, para homenaxear ás traballadoras do mar, aínda non ben recoñecidas.
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 01-07-2017 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática