acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Non en 2015
Desde que a RAG anunciou o nome do escritor proposto para 2015, a sorpresa e a indignación fóronse facendo patentes. Pola miña parte, quixen manifestar a miña opinión, como outras veces teño feito, fundamentándoa en argumento exclusivamente literarios, para que non quede dúbida ningunha que é a peor elección posíbel.

O artigo publicouse en Sermos Galiza e valminor.info:




Non en 2015

Este 5 de xullo reuniuse a Academia Galega. Como cada verán era o seu cometido elixir a persoa que sería homenaxeada no ano seguinte con motivo das Letras Galegas, esa efeméride que, segundo recolle a propia Academia: “viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.” (declaración do 20 de marzo de 1963).

Este ano a Academia tiña enriba da mesa cinco propostas, entre elas as de tres autores: Carvalho Calero, Manuel María, Xela Arias, de traxectoria literaria intensa, fulcral na construción da literatura de noso desde parámetros ben diferentes, mais esencial e necesaria. Entre eles un autor que vén sendo reclamado pola sociedade galega como homenaxeado e respecto do cal o silencio da Academia acaba por se converter en estigma, ante a incapacidade de lle recoñecer o papel imprescindíbel que tivo na nosa cultura. Naturalmente refírome a Carvalho.

Centrándose no literario, os méritos de cada un dos autores xa os expuxo con precisión e síntese o Sermos Galiza. E entre todos a Academia opta por aquel que menos espazo ocupou nos estudos literarios contemporáneos, sendo talvez a mención máis extensa a que realiza o propio Carvalho Calero na súa inesquecíbel Historia da literatura galega, onde queda patente que a obra literaria de Filgueira ocupou unha pequena parte da súa traxectoria e é, significativamente, anterior á 1936. Así que en 2015 a Academia propón un autor que a penas conta cun volume de narracións, Quintana viva, unha obra dramática, Agromar, e algúns poemas, 6 cancións de mar “in modo antico”. Velaquí a súa traxectoria puramente literaria que non resiste a comparación coa obra doutros autores que quedaron na gabeta. Unha obra que dificilmente encontraremos nas antoloxías literarias.

Mais a propia Academia xa sinala o seu labor de investigador. E tamén aquí as comparacións son teimudas e dinnos, que existe outra obra de investigación meirande que segue sen recibir o recoñecemento que merece.

Hai precisamente dez anos publicaba un artigo en que recollía a necesidade de homenaxearmos a Carvalho. Cantos máis anos pasan, máis afonda a necesidade. Mais, aínda que considero que existe unha débeda co autor e que urxe a súa escolla, unha escolla que nos tería permitido centrar a nosa festa na dignificación e solidez da nosa literatura, tería aceptado de bo grao a aposta por un Manuel María que nos permitiría homenaxear o amor á lingua e convocar as xeracións máis novas, ou a de Xela Arias poñendo de relevo a entrega á creación poética e a procura de camiños singulares.

Mais... nada disto será posíbel en 2015.


Xullo de 2014.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 07-07-2014 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
Grazas!
Escaparate da libraría Libraida en Gondomar
Segundo o Taboleiro do libro galego, Dun lago escuro, foi o libro de poesía máis vendido no mes de xuño.

Grazas ás lectoras e aos lectores que son os artífices desta grata nova.

O Taboleiro do libro galego é unha iniciativa do blog Caderno da crítica de Ramón Nicolás. Este taboleiro foi confeccionado grazas á información achegada por once librarías: Suévia, Miranda, Carricanta, Biblos, Andel, Cartabón, Aira das Letras, Couceiro, Libros para soñar, Librouro e Lila de Lilith.

Imaxe: escaparate da libraría Libraida en Gondomar.
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 02-07-2014 15:42
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión de Retallos daquela infancia
No número de maio de 2014 a revista Tempos Novos publica a recensión do libro Retallos daquela infancia de Bautista Álvarez, que elaborei a partir do texto que redactei para a presentación do libro en Vigo. Trátase da segunda recensión, que recolle outros aspectos diferentes aos recollidos na primeira publicada en Terra e tempo.





Retallos daquela infancia, Bautista Álvarez

Neste último ano publicouse a primeira obra de ficción de Bautista Álvarez. O autor, coñecido de todas e todos nós polo seu labor político, desenvolvera xa unha dilatada traxectoria de escrita, tanto en artigos, como en ensaios. Mais non descubrira até hoxe, ao acadar 8 décadas de vida, esta faceta de escritor de ficción.

Porén, non era a primeira vez que Bautista Álvarez dedicaba o seu tempo ao relato. Como el mesmo nos di nesta obra, nos tempos mozos en Madrid xa comezara escribir estas narracións, unha tarefa que logo abandonaría, premido pola urxencia de dedicar os seus esforzos ao traballo político. De feito, el mesmo nos di que algúns destes relatos proceden de entón. Dos tempos de Brais Pinto, o grupo que é un dos trazos constantes á hora de definir aquela xeración que xa ten recibido diferentes nomes. Precisamente sobre Brais Pinto Bautista Álvarez puntualiza: ““Brais Pinto” foi unha maneira de facer política nacionalista, nun momento en que a represión da Ditadura non permitía outra forma de actuación. Algúns de nós, entre eles eu, pretendiamos a criación dun grupo para loitar contra o franquismo desde unha perspectiva nacionalista. Se “Brais Pinto” ficou reducido a unha actividade exclusivamente cultural, coido que a súa transcendencia na historia de Galiza débese a que significa o agromar dunha xeración que quer continuar o legado do Partido Galeguista, cando ese legado estaba hipotecado polo grupo dirixente da “Editorial Galaxia””.

No prólogo aos Retallos ... Bautista Álvarez advírtenos que escribiu estes relatos “para divertirme eu, non para compracer a ningún lector. Se alguén cae na tentación de lelos que aforre as críticas, xa que non foron redactados nos moldes literarios que están en voga”. E o certo é que os seus relatos entroncan directamente co xeito de narrar de Fole, moi especialmente, e de Cunqueiro ou Castelao. Un Fole e un Cunqueiro que naqueles anos en que Bautista Álvarez comezaba a escribir algún destes relatos daban á luz obras como Merlín e familia ou A lus do candil e sobre os que Francisco Rodríguez sinala que: “representan a grandes fabuladores que transmitiron a riqueza máxica da nosa concepción do mundo e o enlevo dos nosos tipos e situacións tradicionais...”.

Pois isto mesmo atopamos nos relatos de Retallos... un xeito de contar baseado na nosa tradición oral que nos regala relatos en que o real, o marabilloso, o humor, e a tradición se van mesturando. Botando man das palabras de Pilar Vázquez Cuesta, que recolle Manuel María, os contos de Fole, “semellan transcricións de relatos orais, historias escoitadas ... que o autor se limitou a poñer por escrito”, e outro tanto acontece coas historias que nos conta Bautista Álvarez. Historias en que o tema da morte ten unha importante presenza.

O humor que está tan presente nestes relatos deixa pouso na nosa memoria e ao rematar no libro quedan bulindo na cabeza estas historias que nos falan de mortos que cambian de concello durante a noite, de comensais no cemiterio, de namorados no muro do adro escoitando tétricos ruídos, do sacristán durmindo na cova ... Ou a lavandeira dese relato que emana tenrura e o respecto á natureza.

Non sei se ao deixar estes relatos escritos o autor, malia afirmar que os escribiu por divertirse el mesmo, non quixo tamén deixar pegada doutro tempo, dun tempo en que as relacións entre as persoas e a vida era doutro xeito, máis pegadas ao pobo, á nosa identidade. Como di Marcial Gondar: “Non é, pois, posíbel analizar a literatura popular sen ter en conta a súa conexión coa realidade, o seu contexto de uso.” E talvez debamos ter isto moi presente á hora de ler estes relatos. Valorar que son un reflexo de nós mesmas, un reflexo que se vai embazando pouco e pouco.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 01-07-2014 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión de Raíz da fenda
En xaneiro de 2014 a revista Tempos Novos publicou unha recensión que escribín do libro Raíz da fenda de Berta Dávila, baseada no texto que redactei para a presentación do libro en Gondomar. Recollida no blog de Xerais, deixo agora constancia dela nesta miña xanela.

Raíz da fenda, de Berta Dávila

“... o rancor das letras todas que leva o meu apelido
mal escritas sobre o cal das paredes
daquela casa fría e silenciada”

Berta Dávila, Raíz da fenda, 2013


En novembro tiven o pracer de presentar na libraría Libraida de Gondomar o libro Raíz da fenda que obtivo o premio Joham Carballeira de poesía do ano 2012. Grazas ao premio coñecín persoalmente á autora e tiven a ocasión de escoitar da súa voz un dos poemas do libro, momento en que realicei a anotación mental de que me urxía a súa lectura. Daquela presentación saíron estas palabras.

Abrir o libro de Berta Dávila, Raíz da fenda, pode ser como asomarse ao abismo. Un abismo feito de espellos en que a lectora descobre as sombras que leva sobre si. E aínda así, as palabras que describen esas horas escuras acaban por se converter en bálsamo, venda ou xarope co que lle pór nome ao que agochamos no fondo da memoria. Como un escalpelo que abre a ferida e pon á luz a infección para cauterizala.

Estamos ante o poder da poesía: que os poemas falen por nós, que lle poñan palabras ao que sentimos. Aínda que o fagamos axitados, exhibindo a vida como os naturalistas do XIX disecaban bolboretas co obxectivo de afondar no coñecemento.

“Non hai arte sen a experiencia”
Son palabras de Pilar Pallarés, quen explicaba nas Xornadas de Lingua e Literatura no ano 2000, no seminario en que a autora nos falaba da súa obra, o seu proceso creativo e dicía: “toda beleza que conmove nace da morte, que non hai arte sen a experiencia, ou a nostalxia, ou a anticipación ou a adeviñación do sufrimento.” E esta afirmación vén a propósito ao falarmos de Raíz da Fenda pois é deses temas universais como a morte, a ausencia, a soidade, e da súa expresión de onde nace a beleza destes poemas.
Porque talvez non hai arte sen dor, sen a dor de sentir, sen a dor das feridas como as fendas que Berta Dávila nos ofrece neste seu libro. Esa dor que fermentamos na artesa da memoria até obter as palabras que a expresan e a transcenden, convertendo a experiencia en arte, superando a emoción individual até expresar a colectiva: Acubillei/ cabo de min/ o golpe,/ coideino moito tempo/ para que non se esvaese/ a dor,/ para que algo me acompañase/ cando ti non estiveses (páx. 95).

E así, cando nos achegamos ao seu texto comprendemos tamén cal é a raíz da nosa fenda. Identificamos o avó que abandona a casa con todos os que dominaron e na nosa imaxinación representamos as escaleiras da nosa propia casa, “Avó,/ fas moi ben en marchar:/ aquí ninguén te quere.” (páx. 21) Sentimos que a avoa foi o fogar en que nacemos e comprobamos o oco que nos deixou a súa demencia, antes cá súa morte, mentres se amorean na lembranza o arrecendo a café, o ruído da billa na cociña e o seu sorriso, “e non podías irte/ porque ti/ eras todo canto podiamos/ chamar casa;// e sen ti/ ficariamos espidas á intemperie...” (páx. 49). Sabemos do frío viscoso dos que non souberon amarnos, da estraña dor de sobrevivir a quen amamos, da perfección do silencio...

Así foi como eu lin Raíz da fenda, apropiándome de cada un dos poemas que Berta escribiu coa súa alquitara, destilando sentimentos e emocións, deixando que repousasen colgados da parede do corredor até colleren o corpo necesario, ou perderse para sempre, mentres eran esculpidos a golpe de lapis que talla, retalla, engade ou destrúe.

Este libro acadou en novembro unha segunda edición, a penas catro meses despois da súa publicación, algo infrecuente, insólito, en poesía, mais sintomático da boa recepción que está a ter, como tamén o demostran as numerosas e moi boas críticas. E isto porque ler Raíz da fenda é gozar do pracer de ler poesía verdadeira, da que nos fai sentir, da que se mete até na cana dos ósos.


Decembro 2013
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 01-07-2014 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Acuática