acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Para que non existamos
Arquivo de Marta DacostaPara que non existamos.

Invisibilidade: “relativo á discriminação social das mulheres... aquilo que não se vê não existe.”, Dicionário da crítica feminista de Ana Gabriela Macedo e Ana Luísa Amaral.

As feministas acuñaron o termo. Nomeaban un feito incuestionábel: o traballo desenvolvido polas mulleres, en calquera das súas xornadas, non se vía. Falemos en presente, non se ve, e o que non se ve, non existe. Por tanto, con esta simple operación faise desaparecer o traballo realizado polas mulleres, sexa este doméstico ou non, sexa este máis ou menos fulcral, mesmo para o desenvolvemento histórico, económico ou político dun país.

Falemos en presente. A invisibilidade é un feito tanxíbel aínda hoxe en día. Expor ante un auditorio tres conceptos básicos como son invisibilidade, teito de cristal ou empoderamento fai saír bochas aos que aínda se negan a escoitar que a muller ten dereito, tamén a estar no poder, a acceder e compartir o poder.

Botar man de mitos e personaxes literarias como Penélope para falar da necesaria reacción das mulleres a anos de negación, para dicir o que non debemos seguir facendo, fai saír bochas e descobre o que realmente levan moitas persoas dentro.

Hoxe por hoxe as escritoras danlle a volta ao papel de Penélope, escriben sobre unha muller que xa non se resigna a quedar na casa, que reivindica o seu dereito a viaxar, ou sexa, a formarse e, deste xeito, a acumular o mesmo nivel de coñecemento que até agora acumularon para si os homes. A relatora que bota man desta imaxe ante un auditorio cre que non debería suscitar controversia. Mais non, porque hai na sala quen di: “Penélope tamén facía o que lle daba a gaña”.

Ese comentario. O mesmo comentario de sempre. Ela facía o que lle daba a gaña. Tan similar do: “algo faría ela para que el...”.

E nesas estamos, “ela tamén ...”, “algo faría ...”. Primeiro invisíbeis, logo insultadas. O mesmo que non nos ve é o que nos sinala. Porque en canto deixamos de ser invisíbeis entón chega o cuestionamento, os reparos, as desconfianzas, un mundo de prexuízos destinados a devolvernos ao lugar no que nos queren desde a idade das cavernas, a escuridade no fondo do habitáculo frío e húmido, alí onde sexamos seres novamente invisíbeis, manipulábeis, en definitiva, obxectos que poden ser posuídos, trocados ou destruídos.

O certo é que se as mulleres non ocupamos o lugar que nos corresponde a sociedade fracasa, tal e como veu fracasando desde hai séculos. E aquí teñen lugar as palabras de Marx: “pola relación entre o home e a muller pódese avaliar todo o nivel da civilización humana”, daquela non acadaremos o noso obxectivo como sociedade mentres a muller non ocupe o lugar que lle corresponde e ese día aínda non chegou.

Mais non é menos certo que o feminismo nos fornece dun punto de vista que nos permite, non só analizar a situación da muller, senón a da sociedade en xeral. Por exemplo, non só as mulleres sufrimos a invisibilidade, os homes, os pobos sofren igualmente desta estratexia patriarcal e capitalista destinada a manter no poder a quen se considera o único con dereito a ocupalo. As galegas e os galegos sabemos ben como se administra a invisibilidade, ocultándonos, por exemplo, dos medios de comunicación, unha das mellores maneiras que existen no século XXI de facernos desaparecer, porque o que non se ve, non existe.

O libro de estilo sinala como se deben ocultar as palabras e os feitos que non nos interesan, mentres se potencian persoas e posicionamentos acaídos. E así un exército de individuos correctos e diplomáticos ocupan o lugar central. Son colocados diante do foco, no centro do escenario para que todas e todos admiremos as súas palabras, ou o seu bo facer, ou a súa beleza. Rendémonos a eles e como ovelliñas entramos no curro para aplaudir a estes líderes e lideresas carismáticos e non problemáticos para o sistema, que, mentres, segue facendo xirar ao seu gusto a roda do muíño e levando no seu saco toda a fariña que a pedra moe.

Galegas, canto sabemos de como se pode pasar polo escenario sen ser vistas. Somos nós as que facemos posíbel que se levante o pano e que a obra exista, mais os aplausos non son para nós. Alí, ao fondo do escenario non chegan as luces, podemos berrar mesmo, mais a nosa voz non se oirá, pendentes como están todos das palabras dos protagonistas.

E cando non nos ven, non existimos.


Artigo publicado en A Nosa Terra, xullo de 2011.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 29-07-2011 16:01
# Ligazón permanente a este artigo
Inauguración da Mostra das tradicións mariñeiras
O venres 22 fun convidada a participar no acto que abría a III Mostra das tradicións mariñeiras na Guarda. O meu cometido era falar do traballo das mulleres do mar. E iso fixen, falei das mulleres que son un elemento fundamental no desenvolvemento socioeconómico do noso país, por selo tamén no sector da pesca.

O meu papel era falar do punto de vista feminista, porque efectivamente penso que só desde unha práctica feminista podemos chegar á valorización do traballo das mulleres e do que este representa para o noso país, porque a práctica feminista carece de prexuízos de xénero e é quen de colocar á muller no centro do estudo e, así, analizar sen prexuízos unha realidade obxectiva.

Expliquei que era o proxecto “Un mar de mulleres” e que me parecía fundamental para rachar coa invisibilidade á que estamos sometidas, paso previo para romper o teito de cristal que nos oprime e, daquela, poder responderlle a unha das entrevistadas no proxecto, aquí as están, cando volva preguntar: “Para cando unha patroa maior?”

Dixen o que tiña que dicir e comprobei, que aínda hoxe, estas verdades non son ben aceptadas.

Teremos que seguir afondando.
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 23-07-2011 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
O xurado
Creo que aínda non vira esta película de 2003, “Runaway jury”, “O xurado” segundo a versión para o español. Interesante crítica contra o armamentismo a través da manipulación dun xurado popular durante un xuízo. O filme está baseado na novela do mesmo nome. Gocei a película de principio á fin, momento no que descubrimos a razón que leva a Nicholas Easter, interpretado por John Cusack, a tentar manipular ese xurado.
Non esquecerei (e para iso a escribo aquí) esa escena no aseo en que Dustin Hoffman (interpreta a Wendell Rorh , o avogado da demandante contra a industria armamentística) lle di a Gene Hackman (un dos avogados da empresa): “un día perderá, porque non pode albergar tanta soberbia sen ser infeliz.”
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2011 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
Lendo a Wagensberg
10 de xullo, sobremesa despois do xantar familiar.

O fillo abre de novo Si la naturaleza es la respuesta, ¿cuál era la pregunta? de Jorge Wagensberg. Comezouno á mañá e xa vai pola metade do libro. Le en voz alta: “vivir envellece”, a tía avoa di: sempre foi así, iso xa se sabe.

Minutos despois, no fresco da terraza, a nai lembra: “O verán é imprescindíbel” e o pai engade: e o outono inevitábel.

Unha tarde de domingo.
Comentarios (2) - Categoría: libros - Publicado o 10-07-2011 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
O roubo do códice
É unha vergonza o que sucedeu hoxe.

Un códice de tal valor non pode estar nesas condicións. Para cando o Arquivo nacional galego? Para cando o noso patrimonio nas nosas propias mans?

Cheguei sentirme mal esta mañá. Ao fin e ao cabo, cando pensei en dedicarme á investigación comecei por estudar a sintaxe da lingua galega medieval nos Miragres de Santiago, cunha tesiña lida en 1992 no Salón de Graos da Faculdade de Filoloxía.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2011 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
Encontro co Comité de Expertos para as linguas minoritarias
Foto de Mariló Camdedo
Unha delegación da Mesa e da Plataforma Cidadá Queremos Galego reunirase este mércores en Madrid cos representantes do Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o grao de aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), tratado internacional de obrigado cumprimento ratificado polo Estado español en 2001.
logo Queremos galego!

A delegación que se entrevistará co comité estará formada pola profesora, escritora e sindicalista da CIG-Ensino Marta da Costa; a profesora universitaria na USC e xurista Alba Nogueira; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. Xunto a esta delegación participarán tamén representantes doutras entidades cidadás de Galiza que traballan na promoción e dignificación da lingua galega en diferentes ámbitos.

Continuación do artigo en www.galizacig.com, actualizado co resultado da reunión neste enlace.

Porén non vexo que apareza reflectido na prensa galega como merece. Que raro non?
E na tele? Saíu na tele? porque nós si que falamos para eles alí ao pé do edificio da Comisión, cando ao pasar vimos que estaban agardando polo Conselleiro de Educación e o Secretario Xeral, que se reuniron co Comité de Expertos despois de facelo nós.
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 07-07-2011 17:43
# Ligazón permanente a este artigo
Tamén navegar, antoloxía
Este sábado día 2 presentouse en Carril, no marco do X Encontro de Embarcacións Tradicionais Tamén navegar, antoloxía de poesía galega dedicada á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais. A edición foi de Francisco X. Fernández Naval, e editouno Toxosoutos.

No recital de presentación estabamos Miro Villar, Ramón Caride, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Henrique Rivadulla Corcón, Carlos Arias, Cesáreo Sánchez e eu mesma.

Foi un recital diferente. Na praia, descalza, cun público que agardou por nós enterrando as cadeiras na area, e unha pequena nube de fotógrafos ao final que querían retratarnos a todos xuntos.

Un fermoso libro que dá conta, de como a realidade que nos rodea está dentro dos nosos versos.

No recital lin este poema, que fora escrito con motivo dunha homenaxe aos represaliados no Condado na illa de San Simón, no ano 2006 e que logo, retocado, foi publicado na antoloxía Volverlles a palabra:

En memoria de Aurelio Dacosta Alonso, Xesús Alonso Covelo e Alfredo López Soto.

Avós

Con eles esvaeuse
o mapa que a memoria
precisa na procura
da dignidade oculta,
nas décadas escuras.
Os meus avós calaron.
Cada día calaron
esa historia ocultada
en que foron vencidos.
Unha historia de morte,
historia de presidio,
de sangue e de fuxidas
ao monte clandestino.
Na nosa estirpe están
eses días de espanto,
todo o que non dixeron,
agochados no monte,
medrosos na gamela
que non salvou a illa,
que só levou palabras
atravesando a ría
no segredo máis longo
que nunca se revela.
O medo fechou bocas,
os fillos non souberon,
nós non imaxinamos
canta dor frecuentou
os días que estiveron.
Agora interpretamos
aqueles días escuros,
comprendemos, agora,
tanto silencio e actos,
e xa non calaremos.
Na rede halaremos
imaxes do pasado,
cada unha das pezas
deste crebacabezas
que cómpre construír,
para recoñecernos.
Hoxe falamos nós
para que a súa memoria
brille sobre o silencio,
para deixar escrito
que o seu era o camiño,
a palabra máis certa
que trae a luz do día,

tesouro de futuro.


Agosto de 2006.


Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 03-07-2011 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
Mexan por nós e outros din que chove
foto da CIG-EnsinoMexan por nós e outros din que chove

Hoxe pola mañá, mentres conducía cara ao traballo, por certo un requisito non escrito que ten o persoal docente, pois podemos tardar anos en acadar un destino próximo ao noso domicilio (eu tardei oito anos e estou a 16 Km.), escoitaba o debate da RG. E comprobei con estupor que algúns contertulios falaban da problemática xerada respecto da nosa xornada de traballo sen teren o máis mínimo coñecemento de cal era o problema. Mais falaban para diante, e opinaba que tiveramos unha reacción desmesurada ao mobilizarnos e ao anunciar que setembro vai comezar con manifestación e folgas.

Tan difícil é ir ás fontes? Ou é que non se quere saber cales son as razóns que nos levan a opornos a que nos modifiquen as condicións de traballo, algo que por certo faría calquera traballador ou traballadora? Porque calquera traballador ten dereito por lei á negociación colectiva e modificarlle as condicións de traballo ten que ser negociado e, se non é así, é motivo de demanda. Mais nós non temos ese dereito e a actitude da Consellaría néganos a simple negociación.

Entón, nunha cafetaría ou nun medio de comunicación unha pode escoitar opinións insultantes co profesorado por parte de persoas que descoñecen como é esta profesión e a que dedicamos as horas do día as persoas que impartimos docencia.

Non sei se vén a conto dicir que acabamos por dedicarlle ao ensino máis de corenta horas semanais, que por cada hora de clase que dámos detrás hai horas de programación, porque hai que preparar o que se vai dicir, como se vai dicir e pensando como se vai avaliar. Horas de estudo, si seguimos estudando ano tras ano, algo necesario se queremos estar á altura. Horas de imaxinación, aínda lembro que estiven días a maquinar como lles explicar a colocación dos pronomes aos meus alumnos de Diversificación curricular e acabei inventando un xogo con fichas de cores intercambiábeis e que até lles resultou algo divertido. Horas de diálogo procurando eliminar conflitos, como cando un alumno de 4º tivo que ser amoestado por se pelexar cun compañeiro nun corredor e a amoestación consistiu en pasarse unha tarde enteira no centro, para o que lle tiña que encomendar algunha tarefa. Non tiña no horario esa tarde, mais alí estiven, a tarde enteira falando con el, razoando, explicándolle por que non podía manter eses comportamentos, canto agardaba del o futuro. Debeu ser o castigo máis duro da súa vida. Aquel rapaz conflitivo deixou de selo, se cadra simplemente madurou. Horas no centro, horas na casa, horas no centro de formación, como cando pasaba a mañá enteira coas súas seis clases no instituto e despois de comer saía pitando para o CEFOR de Vigo (total 80 Km. no mesmo día) para asistir a un curso que me levaba a tarde enteira. Calquera de nós poderá contar iso, ou que cando os demais pensan que estamos de vacacións podemos estar facendo cursos de formación (os de idiomas no estranxeiro son en xullo), nos tribunais das opos, ou no propio centro, como fan todos os equipos directivos e moitos profes.

Sempre foi máis doado criticar ao do lado e botarlle a el a culpa que enfrontarse coa realidade. E deste xeito os dereitos convértense en privilexios e esquecemos que transiximos cunha Constitución que recolle no seu artigo trinta e cinco que temos dereito a un traballo libremente elixido, cunha remuneración suficiente para satisfacer as nosas necesidades e as da familia. Desde cando non se nos aplica a Constitución?

E coma sempre invocan a sacrosanta crise para seguir recortando no público e agora hai que cambiarnos as condicións de traballo. Mais cando se anunciou a substitución dos libros por estar e galego ou cando se fixo a campaña da enquisa para recortar horas da nosa lingua, daquela non había problemas económicos, aínda que xa estabamos en crise. Por non falar doutras campañas e medidas, por non falar de que segue habendo centros privados que se sosteñen co meu e co teu diñeiro ou que nalgún deles non poden xuntar os nenos coas nenas porque horror! Podería pasar algo…

Estou cansa e enfadada.

E mentres mexan por nós e hai quen di que chove, o único que me reconforta é lebrarme dos meus alumnos, de Xoán que deixou de pelexarse, de Helena que lle costaba arrancar mais acababa aprobando todo sen problema, de Carme que xa rematou bioloxía e un día me dixo que eramos máis esixentes no instituto ca na Universidade, de Jhoni que me deu as grazas por permitirlle promocionar e facer un ciclo formativo, do seu compañeiro de aula que acabou devorando a Esmorga e amando a narrativa de Blanco Amor despois de ter pactado que un traballo sobre a obra permitiríalle aprobar o curso, de Pablo que me desmontou a estratexia do primeiro día dicindo que non era tan “dura” como aparentaba, de Verónica que agradecía que algunhas profes foramos esixentes e lles deixasemos as cousas claras desde o principio, de toda a clase de 4º enfadada co instituto que só necesitaba unha profe que escoitase, dos de 3º que non tiñan quen os acompañara ao Correlingua, de Eder que só pensaba na música, de Sandra que ten unha pequena e un día atopeina na piscina, de Bruno que sempre estaba enfadado, de Tecla que nunca falaba en galego, de Esteban que se sentaba na primeira fila e hoxe leva un comercio dunha marca coñecida, de Lino que está feito un profesional e traballa a calquera hora, de Ana que nos sorprendía coa súa intelixencia e xa traballa no mundo da tradución, de Carla que elixiu bioloxía a pesar de todo, de Roberto que agora me consulta no sindicato, dos que non lembro o seu nome e atopo na gasolinera cando vou repostar, de Iván que xa non está, … ou de Diana, que tomou a decisión de estudar filoloxía galega e ás veces, aínda me escribe.

Xuño de 2011.

Artigo publicado en A Nosa Terra
Comentarios (1) - Categoría: artigos - Publicado o 01-07-2011 17:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática