acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Un minuto para lembrar
Por motivos que non veñen ao caso, ando estes días a ler A cidade e os días, calendario histórico de Vigo, de Xosé María Álvarez Blázquez. Gozo da lectura e, ao tempo, non fago máis que pensar na importancia daquela sección que antes víamos con maior frecuencia na prensa escrita, as efemérides, unha boa escusa para lembrar cada día un episodio da nosa historia máis recente ou afastada.

As efemérides de Álvarez Blázquez son un verdadeiro regalo, pois o autor non se limita a consignar brevemente o acontecido ese día senón que se estende todo o necesario e o posíbel sobre aqueles episodios que merece a pena lembrar. E non só iso, Álvarez Blázquez realiza efemérides históricas, ou sexa, pescuda na historia de Vigo, apréndenos a historia da cidade. Así que da satisfacción inicial de saber que o convento de Santa Marta, que forma parte da paisaxe da miña infancia, foi hospital dos franceses durante a invasión de principios do XIX, un hospital asistido polos franciscanos que aproveitaban para lle roubar aos feridos as armas e distribuílas aos resistentes, colaborando así na reconquista, paso á pensar unha e outra vez que somos uns ignorantes na nosa propia historia. Cando camiñamos as rúas da cidade e lemos Luís Taboada, Policarpo Sanz ou Velázquez Moreno descoñecemos que esa rúa, Luís Taboada, leva ese nome desde 1904 en homenaxe ao escritor de crónicas humorísticas moi seguidas a mediados do XIX; que o 26 de agosto de 1890 se leu o testamento de Policarpo Sanz, quen legou todas as súas posesións á cidade: unha colección de pinturas e fondos para a construción do instituto Santa Irene e un hospital da caridade, cun departamento para "paridas pobres"; ou que Velázquez Moreno foi o construtor do primeiro teatro vigués, en 1832, na Praza da Princesa, fronte ao antigo Concello. As efemérides permítennos saber que o Teatro Rosalía de Castro, hoxe Auditorio do Centro cultural Caixanova, foi inaugurado o 15 de xullo de 1900, ao cumprirse quince anos do pasamento da nosa escritora e na súa homenaxe, homenaxe que hoxe desapareceu da memoria das xeracións máis novas que xa non saben que ese centro cultural fora un teatro e tiña ese nome, cousas do capitalismo, que restaura ao seu xeito e nos borra a memoria.

...

En fin, que as efemérides son como un nobelo polo que ir tirando aos poucos, en diferentes direccións, de distinto xeito, mais sempre para un mesmo pouso, sabermos un pouco máis de nós, alimentar a nosa memoria cos pasos que viñemos dando, tan aos poucos, e que nos traen ao día de hoxe, pasos que nos explican e nos advirten sobre determinados camiños a seguir.

Falo de Vigo, falo de Álvarez Bláquez para reivindicar un oco para a historia de noso, unhas poucas liñas que baixo o pretexto do que sucedeu hoxe nos iluminen e nos constrúan.

29 de xullo.

Galiza

1936: El progreso de Lugo publica que o pasado domingo 26 de xullo, ás catro da madrugada, Julio Sas Barroso e Tomás Fuentes Velo, de vintesete e vinteoito anos respectivamente, ambos os dous veciños de Betanzos foron fusilados polo Exército. Opuxéranse ao Exército na estrada de Betanzos a Ferrol. Ese mesmo día ingresou na cadea de Betanzos Tomás López Da Torre, alcalde pola Fronte Popular e Deputado provincial.

1961: morre en Santiago Aquilino Iglesia Alvariño autor de Cómaros Verdes, entre outros poemarios, primeiro libro de poesía editado en galego despois da guerra.

2005: iníciase o goberno de PSOE e BNG coa toma de posesión de Emilio Pérez Touriño, despois de 16 anos de goberno do Partido Popular.

Mundo:
1966: en Arxentina tivo lugar a "noite dos bastóns longos", foi durante o goberno do ditador Onganía, en que a policía agrediu a estudantes e profesores dalgunhas facultades da Universidad de Buenos Aires, dando lugar a numerosas renuncias de docentes.


O artigo enteiro está en www.gznación.com

(imaxe: incendio do Teatro Rosalía Castro en 1910, imaxe tomada da páxina: http://www.udc.es/dep/com/ingles/barbon/barbon.html)
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 29-07-2009 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
O vagón das mulleres
"Até principios de 1998 había un despacho de billetes especial para as señoras, os anciáns e os minusválidos na estación de ferrocarril do distrito de Bangalore. E na maioría dos trens nocturnos da India con compartimentos de segunda clase, había un vagón para mulleres.”

Con estas palabras da Nota da autora iníciase a novela O vagón das mulleres, de Anita Nair, unha escritora hindú nacida en 1966. O libro é do ano 2001, eu lin a oitava edición publicada por Alfaguara desde o ano 2002, o que dá boa proba do éxito da novela.

A novela parte do pretexto da reunión de mulleres (mentres a lía lembraba a Marcela Serrano ou a María Reimóndez), seis mulleres nun vagón para mulleres durante unha noite de viaxe, unha noite na que se van contando as súas vidas, desde a máis axeitada segundo os modelos sociais impostos, até a menos aceptada, a que nunca, nin aquí, nin alá, sabemos entender. As historias van pasando aos poucos, radicalizándose na súa desobediencia social, para que a protagonista poida tomar a súa decisión: vivir a súa propia vida.

Houbo un capítulo que me gustou especialmente, pola forma en que está contado, é o capítulo “Aceite de vitriolo”: “Entre os cinco elementos que constitúen a vida, eu considérome auga. Auga que refresca. Auga que cura. Auga que esquece. Auga que acepta... Auga que tamén destrúe... Como se miden os sentimentos? Cun tubo de ensaio ou unha pipeta? Cunhas espátula ou unha balanza de precisión?”.

Nalgunhas recensións que vin pola rede cualifican a novela de bestseller e nalgunha mesmo dicía que era doada de ler. Éo si, e tamén acadou a tiraxe dun bestseller, mais ningún dos dous cualificativos lle restan nada á novela, da que gocei intensamente estas dúas semanas e que recomendo tanto como estas palabras da autora.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 28-07-2009 21:45
# Ligazón permanente a este artigo
A caixa de Pandora
Outra vez unha historia turca e universal. Un país montañoso e frío, de aldeas distantes, de ribeiras inzadas de grúas industriais, podería ser o noso, mais non, é Istmabul, é Turquía. Unha avoa.


Unha tarde de verán nos multicines Norte de Vigo... Para ver esas películas que non soan tanto nos medios de comunicación, que non se anuncian na tele, nun cine en que sobran as butacas... Eu lembraba Mamasunción, son historias diferentes, mais a expresvidade do rostro da avoa lembrábame a película de Chano Piñeiro.
Esta película fala da particular caixa de Pandora familiar, de vidas que se separan e un día teñen que atoparse e pórse de acordo, do alzheimer, da (in)comunicación interxeracional, do dereito a decidir: "déixame volver á miña montaña, senón tamén a esquecerei" ...
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-07-2009 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto da Asociación de Escritores
Foto de ANT electrónicaEste 24 de xullo leremos na Alameda de Compostela, ante a estatua de Rosalía, o manifesto da AELG, que remata así:

"Por iso, señora da nosa voz, da nosa palabra e do noso alento, estamos aquí para nos conxurar en loita contra quen queira varrer a nosa palabra. Para mostrar a nosa fortaleza, para asegurar que nunca faltará un home, unha muller que lle cante e fale aos fillos, aos netiños, na nosa lingua, que o faga co agarimo de quen transmite un ben valioso e coa rabia de quen se resiste a perecer, esa rabia da que nace a paixón e a loita. Como dixeches ti, xa vai para cento trinta anos:



Si, si, rabear ben forte,

mas ca rabia picante e aguilloeira

que é salsa apetitosa das paixoes."
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-07-2009 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
O lanzador de Coitelos
Este poema titulado O lanzador de coitelos é o primeiro da segunda parte do libro: Memoria de azougue. Con el se inician unha serie que evocan distintos momentos (este remítese a algo acontecido en xaneiro de 2002). Son propiamente as ilustracións deste particular album persoal, composto de palabras que naceron de imaxes.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 23-07-2009 00:25
# Ligazón permanente a este artigo
Vermello
Camiñei as rúas de Estambul, cheirei os aromas da cociña, comprendín a Sekure, escoitei o difícil equilibrio das conversas co seu pai, diálogos correctos en que cada un di o que o outro agarda que diga, mais é quen de comprender que son outros os seus desexos. Comprobo a distancia entre o que dita a moral e o que se desexa, estou dentro dun mundo co que nada teño que ver e vou entendendo como se entretecen os seus fíos, mentres asisto a un debate de fondo de se hai límites para a capacidade creadora do ser humano e se o ollo humano pode emular a visión de Deus. Os ilustradores debátense entre seguir fielmente a tradición dos antigos mestres que situaban todos os obxectos ao mesmo nivel ou imitar os occidentais introducindo a perspectiva e o realismo na pintura, algo que aínda convertía esta arte nun pecado maior, xa que o Corán prohibe a ilustración. Entrei nunha historia absolutamente local e concreta, mais que na súa concreción é unha parábola universal sobre a capacidade de creación, ou sobre os límites que os humanos nos autoimpoñemos en nome da relixión. Así que cando lía “Chámome vermello” de Orhan Pamuk non podía deixar de pensar en Castelao, naquelas palabras súas: “Somentes preservando as nosas enerxías autóctonas, a nosa capacidade creadora, é como poderemos contribuír á civilización universal incorporando a ela as nosas tradicións inéditas.” Aceptamos a Pamuk como un escritor universal e lemos, traducida, a súa historia local, que nada ten que ver con nós, mais que nos ensina que só sendo nós mesmos, reflexionando sobre a nosa identidade, chegaremos a todos e estaremos no mundo.

Este foi o artigo desta semana en A Nosa Terra.
Comentarios (3) - Categoría: artigos - Publicado o 17-07-2009 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
Como chuvia
Comentarios (2) - Categoría: Cinsa - Publicado o 04-07-2009 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
Cordinalidade para os mansos
As palabras son para comunicarnos, existen para que poidamos compartir os nosos pensamentos, sentimentos, necesidades... Porén moitas veces esas mesmas palabras contribúen a levantar entre nós un muro de incomunicación, ou son empregadas para manipular a realidade desvirtuando os feitos obxectivos, convencernos de que as cousas son diferentes a como nós as vemos e crear para todos unha realidade que se axusta ás directrices de quen nos quere dirixir nunha determinada dirección.

"Cordial" é un adxectivo que pasou a ocupar o lugar central do actual discurso do goberno, cada vez que escoitamos unhas declaracións, escoitamos a palabra cordial, e eu pregúntome, canto de hipócrita ou de cínico hai no emprego desta palabra? Tal vez quen a empregue estea usando simplemente un sinónimo de amábel, no dicionario, e queira dicirnos que cordial é facer as cousas, falar e pensar como el pensa, fala e actúa.

Sempre que escoito esta palabra penso na súa etimoloxía, pois cordial significa, etimoloxicamente, "de corazón". E canto de cordial hai na actuación de quen nos fala de cordialidade?

...

A conclusión vai ser que a cordialidade, ou para sermos exactos e falar con precisión, a mansedume é para que a practiquemos nós, mentres eles aplican a súa vara de medir e desandan o avanzado.

Esta sociedade asimétrica en que vivimos, é un pouco máis asimétrica e desigual cada día que pasa. A loita do Metal de Pontevedra é a demostración da realidade que estamos a vivir. Porque non estamos só ante unha loita laboral, non estamos só ante a demanda de negociación dun convenio, estamos ante un pulso social en que o sistema, facendo uso outra vez dunha crise económica que eles crearon, quere reprimir e afogar o dereito a termos unhas mellores condicións laborais e procura manternos suxeitos á cadea dun salario indigno e alienante que acaba por obrigarnos a traballar por riba das oito horas e a ser incapaces de revolvernos contra a inxustiza cando chegamos a casa cansos ou accidentados.

Mais hoxe rematamos o camiño a Compostela e non renunciamos a camiñar un día "por terra liberada".


O artigo completo está en www.gznacion.com
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 01-07-2009 15:12
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática