acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Poema deseñado
Copiado de http://www.deriva.org/articulosNon sei como traducir o español Poema en viñetas, tradución do italiano Poema a fumetti, do escritor Dino Buzzati. É unha obra diferente, unha novela en imaxes, aínda que propiamente non é unha novela, senón un extenso poema en que o escritor trata desde o seu presente o mito de Orfeo e Eurídice. É unha obra sorprendente, enigmática e escura, que, se cadra, perde moito da súa poeticidade na tradución. Xa o dixeron os propios italianos: tradutore, traditore, e se é na poesía moito máis. Por iso non leo tanta poesía como eu quixera, porque temo as traducións, temo perder a musicalidade do verso ao trasladar o seu contido á miña lingua... mais aínda así procuro ler case de todo.
Comentarios (3) - Categoría: libros - Publicado o 10-07-2007 17:28
# Ligazón permanente a este artigo
Bagatelas
extraída de http://visor-libros.com/webhtml/visor/578.htmEstaba lendo a Benedetti, outra vez, desta volta Defensa propia, 60 poemas y 65 bagatelas . E paga a pena deixar aquí unha brevísima mostra:

Cando descobren que cabeceo, os pesadelos fan cola.

***

As miñas alerxias son poucas mais respectábeis. Son alérxico á noz, ás deslealdades, á hipocrisía, ao presidente Bush.

***

A felicidade non se consolida se non pasa antes pola tristeza.

***

Non hai Marx que por ben non veña.
Comentarios (3) - Categoría: libros - Publicado o 07-07-2007 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
Maiakovsky
Na selva dos andeis aparecen os libros sen ser convocados, (re)descubrindo así o que nos preocupou un día, o que nos gusta sempre, o que podemos (re)ler de novo.

Así me veu á man Poesía e revolución de Vladimir Maiakovsky, un libro editado en 1974 por Edicións 62, a segunda edición, porque a primeira era do 71, ou sexa, antes da morte do ditador.

No capítulo titulado "Como facer versos" podemos ler estas conclusións:

1. A poesía é produción, moi difícil, moi complexa, mais produción.
4. O versificador debe traballar cada día para perfeccionar o oficio e acumular provisións poéticas.
9. Só unha actitude produtiva cara á arte elimina a casualidade, a falta de principios nos gustos, o individualismo nos xuízos...


Tomo nota...

Tamén di:

11. O ambiente cotiá inflúe na creación dunha obra auténtica, ao igual que todos os demais factores.

Pois hoxe non dou feito nada!! De nada!!
Comentarios (5) - Categoría: libros - Publicado o 06-07-2007 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
A chave do mundo
Ás veces é difícil coutar a indignación e sáenos fóra.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 03-07-2007 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
O fío da memoria
Xa teño comigo o documental Tecendo o fío da memoria dirixido por María Reimóndez, que é tamén a responsábel do guión. A realización correu por conta de Paco Vilabarros.

É un fermoso proxecto, onde a poesía cobra protagonismo á hora de achegarnos as lembranzas máis dolorosas dun tempo que non convén esquecer, como antídoto de futuro. María e Paco convidáronme a gravar para o documental o poema "Dor do tempo" que poño máis abaixo. O documental conta tamén cos poemas e as voces de: María Lado, Marga do Val e María do Cebreiro. Non deixedes de velo en canto teñades oportunidade.

DOR DO TEMPO

1.
A neta pregunta
no seu xogo de lilainas transparentes,
coma quen sorrí por unha bolboreta,
pregunta
pola lembranza máis triste.
A neta pregunta
e segue a enredar coma quen esquece,
mais non,
a pequena non esquece que pediu un recordo,
o recordo máis triste
da avoa que aínda sorrí
mentres os ollos buscan o horizonte,
coma quen abre a porta á néboa,
coma quen se adentra no corazón do xeo,
coma quen bota o pé ao abismo.

2.
E do mesmo lugar en que nace o pánico
xorde a imaxe da nai
(mamá non chores),
a imaxe daquela nai fermosa
a agacharse no recanto máis escuro da casa.
Aínda resoa nos seus oídos o pranto
e o frío volve arrepiarlle os brazos,
o corpo todo.
A mamá cortáronlle o cabelo,
rapárona até lle facer dano,
zoupáronlle na alma
mentres era animal acurralado
e torturado, na esmorga horripilante
dos sádicos cabróns da madrugada.

Mamá non contou nada,
mamá nunca contou nada,
nada,
nada,

mais os ollos da nena que foi
aínda ven a súa mamá fermosa
lívida e triste,
lavando o sangue acusador
que non se oculta
(por que hai tanto sangue mamá),
que non para,
que teima en saír das feridas que nunca,
nunca
van cicatrizar,
a pesar do silencio,
a pesar do silencio.

3.
Mais papá non volveu.

A nena olla o retrato
e dóelle tanto o peito.

Dóelle tanto o tempo
que negou os brados da noite,
os corpos estragados,
a verdade do albor…

que olla á súa neta,
colle á súa neta no colo
e decide
enfrontar o seu propio deserto
para darlle
a lembranza máis triste,
entregarlle a dor do pasado,
esa ferida que nunca,
nunca doerá tanto
coma o silencio
e a negación.

Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 02-07-2007 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Acuática