acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

II Xogos florais de Ponteareas

Esta tarde, antes de festexar o San Xoán, participarei nos Xogos Florais de Ponteareas.
Será un pracer escoitar e recitar.

Viva a poesía!!
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 23-06-2017 08:35
# Ligazón permanente a este artigo
Un mundo de meu
Así titulei a miña participación na sección dA Sega "O cuarto de ..."

Agradézolle ás segadoras que fagan visíbel o traballo das escritoras.


Un mundo de meu.

Podería mostrarvos como é o lugar en que adoito traballar e sería unha ficción, porque ordenaría a mesa e a contorna da computadora para que non descubrísedes o caos que ás veces se apodera de min.

O certo é que naquel cuarto que tiven na casa dos proxenitores, fun proxectando aos poucos un futuro de meu, porque precisaba espazo e tempo e poder. Así foi que entre as lecturas de poesía, os apuntamentos de lingua e os dicionarios, o que facía realmente era trazar o mapa que me levaría fóra da casa do pai, os planos da independencia económica imprescindíbel para ser dona de min.

Hoxe vivo nunha casa de meu. Nun espazo que comparto por decisión propia e no que habitamos na igualdade de quen leva ao ámbito doméstico o que defende na rúa. Unha casa en que non hai fechaduras e nos encontramos na conversa e nos traballos. O noso espazo de paz.

Para quen fantasía, idea ou escribe en calquera lugar e momento, todos os espazos da casa son óptimos para a concentración. Desde aqueles que a iso foron dedicados, até os que teñen outro destino, mais acaban por adaptarse á función literaria. Así o recanto do oeste que inicia un poema de Acuática alma e representa un lugar ao pé da ventá orientada a poñente, un lugar de luz e calor antes de que o día remate.

Mais a casa non son só os espazos de dentro. O eido que a rodea acaba por ser tan principal coma os cuartos, porque ao final é xardín ou abandono creado á nosa imaxe e semellanza, mundo do que somos as únicas deusas. Por iso ese lugar sen paredes nin teito, en que respiramos por todos os poros do corpo, pode ser o espazo. Un espazo ao pé da natureza en que deixarse levar pola harmonía inaudíbel das árbores e o aloumiño da brisa. Alentar. Cos ollos fechados. Coas entrañas abertas. Sentíndose dona dese momento.

Porque escribir é unha actividade que precisa dedicación e método, que precisa domar as imaxes que adoito se desbocan e fannos saír alancando na súa procura, esforzarnos en rodealas co lazo que nos permitan suxeitalas, frealas. Domesticar a súa ansia. Aprendelas a camiñar canda nós, coma as bestas do monte.

Atopar ese punto de equilibrio entre o salvaxe e o cultural.

Xuño de 2017.
Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 21-06-2017 17:59
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión en Lecturafilia
Lecturafilia publica unha recensión de "Na casa da avoa" por Tensy Gesteira Estevez.

"Os poemas de Marta son un combate continuo, e son de obrigada lectura para que o mundo non se aletargue, para que sigamos loitando contra todo o que se nos impuxo e que en realidade non nos identifica: unha loita contra o silencio, contra a violencia, contra ser alguén diferente…"

"Sempre convén lembrar, recuperar a memoria. E de verdade que cada día valoro máis esta poesía combativa, na que os puños equivalen ás palabras, e as armas son os versos que disparan na nosa conciencia para non deixarnos indemnes e provocar unha inminente reacción."

Agradecida e fortalecida.
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 08-06-2017 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
O máis vendido en maio

Maio rematou con boas novas. "Na casa da avoa" estivo entre os máis vendidos segundo os datos recadados por Faro de Vigo (da Casa do Libro en Vigo e da Libraría Miranda), e foi o máis vendido segundo os datos de Cicloxénese expresiva, que recada a información das librarías: Miranda (Bueu), Paz (Pontevedra), Andel do libro (Vigo), Couceiro, Lila de Lilith, Chan da Pólvora (Santiago) e Trama (Lugo).

O meu agradecemento ás lectoras e aos lectores que fan isto posíbel. Elas e eles son os artífices.
Grazas.
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 04-06-2017 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
Regresar á nosa identidade
O noso idioma está hoxe nunha situación delicada. As estatísticas confírmannos o que todas e todos percibimos: que cada vez somos menos falantes, especialmente entre a mocidade. E esta situación vén acompañada doutra, da perda da identificación identitaria, da consciencia nacional, do sentimento de pertencermos a un pobo, o galego.

É o resultado dun proceso de agresión permanente á nosa lingua, mais dunha maneira soterrada, sen conflitos, vivindo unha aparencia de normalidade en que tamén se aproveita a crise económica para desmantelar o sector cultural e canda el a lingua.

Hoxe, defender o medio cultural, loitar contra o etnocidio, afondar na descolonización simbólica, porque seguimos a ser un país colonizado, mais agora coas modernas ferramentas globalizadoras, é a tarefa urxente.Temos que seguir a realizar o labor pedagóxico de espallar a nosa lingua e a nosa cultura, como hai cen anos facían as Irmandades da fala, darlle ao conxunto da sociedade e á mocidade en particular a oportunidade de recoñecerse galegos e galegas e sentir, como sentimos nós, a ansia de manter vivo o noso idioma e con el todo o que nos identifica.

Como nós tivemos a oportunidade de recoñecernos.

Sempre lembrarei o que significou para min descubrir no fondo dun armario varios libros amoreados, todos forrados con papel de envolver, algúns rillados dos ratos, mostrando que estiveran abandonados nos lugares menos acaídos. ...

Segue en Terra e tempo.

Artigo publicado o 25 de maio de 2017.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 01-06-2017 21:49
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Na casa da avoa en Pontevedra
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 01-06-2017 21:45
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Na casa da avoa na Coruña
Este 31 de maio presentouse Na casa da avoa na Coruña.

Moitas grazas a todas e todos por encher o local da A. C. Alexandre Boveda. Grazas por me acompañar.

Grazas a María Xosé Bravo pola organización e a Mercedes Queixas Zas polas súas atentas e afectuosas lecturas.

Foi un inmenso pracer.
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 01-06-2017 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática