acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Un mar de mulleres
Foto de TokioO sábado, nas VI Xornadas de Pesca organizadas pola Confraría do Pindo, presentei e falei do proxecto Un mar de mulleres. Lamentabelmente non estaban Paula e Luz para escoitar os parabéns que moitas traballadoras do mar me trasladaron.

Ao pé da exposición, vimos de novo o vídeo e falamos de como levamos adiante o proxecto e para que: “visibilizar o traballo das mulleres no mar. Por tanto un chanzo fundamental nesa sucesión de pasos que as mulleres temos que dar para acadar o espazo que nos corresponde.”

Expliquei que a miña era a parte máis pequena do traballo e cales foron as dificultades de me enfrontar a el: “relatar sucintamente a biografía destas mulleres, mais facelo reinterpretando, manufacturando a través da palabra literaria esa información, coma quen prepara unha patela para presentala ás súas destinatarias”.

E rematei considerando a importancia de feminizar o mundo do traballo, é dicir, xeneralizar a organización e o modelo de traballo artesanal que estas mulleres representan, como o mellor medio para realizarmos unha explotación sustentábel do noso medio. Que o que fagamos non sexa: “Pan para hoxe e fame para mañá”.

Enriba da mesa quedaron os retos que as entrevistadas deseñaron coas súas propias palabras:
- Rachar o teito de cristal e dirixir as entidades en que nos organizamos, por exemplo incrementando a presenza de patroas maiores, que a súa existencia non sexa unha anécdota.
- Sentirnos acompañadas nas nosas reivindicacións polo conxunto da sociedade e que esta comprenda que é ela mesma a que se beneficia de que as mulleres ocupemos o espazo que nos corresponde.
- Estandarizar os modos das mulleres, unha forma de traballar e de organizar o traballo feminina.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-06-2011 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
Entrega dos premios Diego Sarmiento de Acuña
Onte, 20 de xuño, entregáronse os premios Diego Sarmiento de Acuña.

Correspondeme conducir o acto e considerei oportuno dirixirlles aos presentes estas palabras, entre outras:

"... cómpre contarmos con certames coma este, porque con eles ampliamos a riqueza da nosa literatura, abrindo camiño para que o día de mañá a nómina de escritoras e escritores se alargue cos vosos nomes e tamén porque con el lembramos a figura de Diego Sarmiento de Acuña, o home que no século XVI fixo coñecer ao mundo o nome de Gondomar, despois de defender Galicia dos asaltos do capitán Drake nas costas de Baiona, e de converterse no primeiro embaixador español en Londres, chegando ser unha figura dunha importante posición política. E non só, a través do seu epistolario podemos comprobar que el foi un defensor do galego en plena decadencia, nos “séculos escuros”.

E ao final ese é o motivo que nos trae aquí, a nosa lingua, fortalecer o noso idioma, hoxe a través da narración e a poesía, dos vosos textos.

...

(manter vivo o noso idioma) É a nosa responsabilidade ante o futuro. Por iso certames coma este buscan máis amantes da nosa lingua, para que siga latindo sen parar."
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 21-06-2011 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
preciso




preciso


unha boa copa de silencio


moitas racións de sono


e unha longa sobremesa de contemplación
Comentarios (7) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 10-06-2011 20:34
# Ligazón permanente a este artigo
Día do Medio Ambiente
manifestación do cinco de xuño en Muros
Dóeme a terra
porque a levo dentro.
No óco dos osos teño terra negra
e landras de carballo.
Dóeme a terra da alma,
as vísceras, os cogomelos dos ollos
nos outonos perennes,
cando son lebre amedrentada.
A terra da carne dóeme
e as árbores que levo nas entrañas.

Lembro este poema de Pel de ameixa para este día: 5 de xuño día do Medio Ambiente.

Esta mañá percorremos a distancia que separa o centro de Muros do muíño da Acea, porque conservar as nosas rías é unha garantía de futuro.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-06-2011 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
Unha espesa capa de silencio
Unha espesa capa de silencio.

Os islandeses pisan un territorio en que os volcáns espertan e teiman en cuspir cinza até escurecelo todo. A cortina gris que a natureza estende acaba por superar Islandia e empece a liberdade de tráfico de Europa.

Nós non temos volcáns, asentados como estamos sobre un codia vella. Mais si existe aquí un xeito particular de cuspir cinza, unha indiferencia planificada que ten por obxecto ocultarnos, calar a nosa voz, desaparecernos. Os que cospen moven os fíos de marioneta dos que deberían canalizar a nosa voz e corren sobre nós unha cortina opaca.

E a pesar de todo, esforzámonos en berrar unha e outra vez. Loitamos sen cansar. Por iso doe esa cortina de silencio que, por exemplo, botan sobre nós os medios de comunicación ocultando o que pensamos e o que facemos. E aínda doe máis que haxa quen acredite que só existe o que nestes medios sae e pense que estamos á marxe, paralizados ou equivocados, por non acadar a proxección que desexamos.

Un día e outro tamén, denunciamos tantas cousas infames. E un día e outro tamén, non lemos en quen ten por cometido informar que hai quen se opón e denuncia cara a onde nos queren levar os que cospen unha espesa capa de silencio.

Indiferencia planificada, negación sistemática. Si, arquivan as nosas denuncias. O valedor do pobo arquiva denuncias sobre a lingua e o resultado desta práctica ben pode ser que deixemos de queixarnos. Para que se as denuncias acaban nun arquivo enorme e escuro?

Eu tamén recibín este mes de febreiro unha resposta da oficina do Valedor do Pobo en que me comunicaba que se arquivaba a miña denuncia, porque esa institución é moi respectuosa coa lexislación vixente, nomeadamente coa relacionada coa miña queixa, é dicir, a lingua.

De que me queixei? De que un vicevaledor do pobo, dentro da institución e ante público escolar dirixiuse aos mozos e mozas en español e cando un dos estudantes lle preguntou por que el que tiña entre os seus cometidos defender a nosa lingua non a empregaba, respondeu, sempre en español, que tiña como individuo a liberdade de empregar esa lingua e que estaba alí como cidadán.

Que lección pode tirar o alumnado nunha situación deste tipo? Queixeime, claro que me queixei, porque como nai non acepto esta educación para o meu fillo, porque como galega non acepto que quen me representa nas institucións actúe de xeito individual sen cumprir coas súas obrigas. E como cidadáns estaban os alumnos e as alumnas e como tales esixían os seus dereitos que el, representante da Administración, debe cumprir.

Mais a queixa foi arquivada. Cala Marta, a ver se aprendes.

Cantas veces me mandan calar, até me chegan dicir que así non se din as cousas. E eu aprendo, e tanto.

Non calo. E digo: non calemos, aínda que boten sobre nós unha espesa capa de silencio.

Xuño 2011.

Artigo publicado en A Nosa Terra
Comentarios (1) - Categoría: artigos - Publicado o 03-06-2011 09:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática