acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Elos dunha cadea
Manuel María quixo ser legatario da nosa lingua e da nosa literatura. E conseguiuno.


Hai uns días tiven a honra de acompañar e presentar a Mercedes Queixas en Ponteareas, nun acto en que o protagonista era Manuel María. A través dunha conversa distendida, mais profunda, Mercedes foi ilustrándonos sobre a traxectoria vital e literaria deste autor que canto máis coñecemos máis admiramos.

Eu quixera reparar hoxe nunha das cuestión que Mercedes Queixas sinalou, a entrega de Manuel María para garantir o futuro da lingua e da literatura de noso. Saleintou, precisamente, a satisfacción do poeta ao comprobar que, atrás da súa xeración, viñan outras, coas súas propias propostas estéticas, mais seguindo polo camiño da construción da nosa cultura, como el mesmo fixera dando continuación ás angueiras da xeración que a el o precedeu.

Nese devezo está tamén a raíz da creación dirixida aos máis novos, en teatro, en prosa ou en poesía, como elos que os suxeitaban a esta cadea que soña con medrar. “Quixen contar dun xeito elemental, sinxelo e esquemático o que é Galicia, o que foi Galicia. E alcender en vós –que sodes o porvir- a chama dunha espranza para que fagades a Galicia do futuro.” Di no inicio de As rúas do vento ceibe. Cantas persoas hoxe adultas tiveron en A Espiña de toxo chamada Berenguela, O bigote de Mimí ou Os soños na gaiola a labarada que lles iluminou a lingua. Cónstanos, como lemos na biografía de Mercedes Queixas, que houbo quen prendeu tan forte que deu en escribir tamén, así Rosalía Fernández Rial, quen chega afirmar que admiraba a Manuel María coma se fose unha estrala do Rock and Roll.

Como recolle en Labrego con algo de poeta, Manuel María concedía grande importancia “á formación das novas xeracións como eixo fundamental da recuperación da lingua e da cultura galegas, para o que era fundamental achegar a palabra aos espazos de formación do profesorado, o que comprobamos na lectura da súa obra e mais no continuo plan de visitas a centros escolares de todo o país.”

Precisamente niso pensaba o noso autor cando escribiu Os soños na gaiola, que se abre cunha “Carta aos nenos” en que Manuel explica o porqué deste libro: a necesidade de encher un oco que existía no noso país, cuns versos achegados aos máis pequenos, aqueles versos que o propio Manuel botara en falta na súa infancia.

O libro foi ferramenta imprescindíbel de moitos mestres e mestras para promover a normalización e a aprendizaxe da nosa lingua e da nosa cultura. Foi un libro que tivo unha enorme acollida e disto dá mostra o feito de que no mesmo ano de 1972 se publicasen até tres edicións (a segunda edición tivo 3000 exemplares). Non só foi un libro vendido e lido, algúns dos seus poemas convertéronse en canción co que se multiplicou a proxección que xa tiñan.

Xustamente nos libros de poesía que teñen os máis novos como destinatarios preferenciais, que non únicos, atopamos dous poemas que acadaron unha enorme proxección e que hoxe practicamente todos e todas temos na memoria cando falamos de nós e do noso idioma. Trátase de “Galicia” de Os soños na gaiola e “A Fala” de As rúas do vento ceibe. Dous poemas para dotarnos de argumentos esenciais:

Galicia somos nós:

A xente e mais a fala.

¡si buscas a Galicia

En ti tes que atopala!


O idioma é a forza

que nos xungue e sostén.

¡Se perdemos a fala

non seremos ninguén!



Renunciar ao idioma

é ser mudo e morrer.

¡Precisamos a lingua

se queremos vencer!


Neste punto quixera reparar en que este poema, que se titula a Fala, vai definir o idioma. A escolla lingüística, non sei se intencionada pois Camilo Gómez Torres afirma que Manuel María utilizaba lingua, idioma e fala como sinónimos, ten un significado concreto. O pasado 17 de maio, unha amiga que ten vinte anos preguntoume se en galego se podía utilizar a palabra idioma, pois un seu profesor dixéralle que non, que non se podía dicir “idioma galego”, que tiña que dicir “lingua galega”. Para min a resposta que recibiu non está exenta de prexuízos. Volvamos ás nocións de lingüística e lembremos que: Lingua é o sistema gramatical de que nos servimos para nos comunicar e produce unha realización concreta nos falantes que denominamos Fala. O Idioma é a lingua propia dun pobo e remite ao concepto de nación, de estado, e pode ser un concepto empregado para definir, precisamente, a nación (considérese que a través do latín procede do grego ιδίωμα que vén significar “peculiaridade, propio, propiedade”). Non é menor, por tanto, o feito de empregar o termo idioma, que implica, xustamente, darlle á nosa lingua a categoría de elemento identitario e diferencial, aquilo que nos sitúa no mundo definíndonos como un pobo concreto, como unha nación.

Elos tamén entre as diferentes xeracións de escritores e escritoras. Escritores dos 80, como Cesáreo Sánchez, indican que Manuel María foi a figura que os “enlazaba coas xeracións anteriores e que viviron a posguerra”. Para min e para outros compañeiros dos 90 Manuel María foi exemplar. Admiramos nel o poeta, o escritor comprometido, a dignidade da persoa consecuente coas súas ideas até o derradeiro minuto.

Dicía Mercedes Queixas que sempre estaba atento ás novas voces que ían xurdindo e puidemos comprobalo ao atopalo entre as persoas que acudían a algún dos nosos recitais.

Foi a paixón por transmitir, por crear elos desta cadea en que novos elos deberán engancharse e prolongar a nosa razón de ser.

Un elo e outro elo e outro elo. Antonio García Teijeiro escribía este 17 de maio no seu blog Versos e aloumiños: “Os soños na gaiola significou para min a constatación de que aos nenos e nenas lles gusta a poesía. Camiñei a través dos seus versos para ir deixando no meu alumnado de hai máis de trinta anos a semente da poesía.” Días antes, exactamente o 23 de abril, Día do libro, na lectura da obra de Manuel María que fixemos en Vigo, Francisco Castro dicía que se fixo escritor lendo a Antonio García Teijeiro.

Dito cos propios versos do poeta, tirados da “autopoética” publicada no Boletín Galego de Literatura, nº 9, en 1993:

Tantos e tantísimos anos intentando

erguer un edificio confortábel

de música e palabras



e fixando a emoción que nos conmove

en canciós vagorosas pra que o vento

llas poida transmitir a aqueles que

nos veñan suceder na nosa tribu.

Esta é a historia. Non hai outra.

E pregámoslle ao tempo

que nos sexa benévolo e piadoso.

Artigo publicado en Terra e Tempo.
Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Manuel María - Publicado o 31-05-2016 21:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática