acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Presentación de Dun lago escuro en Bueu

Este sábado preséntase o meu libro Dun lago escuro, premio Joham Carballeira 2013. Será no marco do III Festival poético do Morrazo, e nel tamén se fará entrega do premio Joham Carballeira 2014, querecibirá María Carmen Caramés, por certo con outro "escuro" título: "Dos días escuros"
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 27-05-2014 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
Imaxes para un poema de Acuática Alma
Unha alumna de 4º da ESO, do CPI Cruz do Sar de Bergondo, elaborou un vídeo a partir dun poema de Acuática alma ao que engadiu un par de versos.




O poema en cuestión é o primeiro de "O meu nome á Antígona".
Velaquí o poema publicado no libro:


O meu nome é Antígona


I

Volvo ao mar
encontro o sal do aire con preguiza
cos ollos inmensamente abertos e co cabelo atado.

Atrás queda o continente
e as illas son un oasis de sol
para a memoria,
unha gota de auga para a queimadura
que bebe sedenta negándose ao final.

Farei meu o soño das mulleres espidas

que non é para min a crueldade do abandono,
si o fío e a memoria,
a angueira de saír do labirinto.
Comentarios (0) - Categoría: Vídeo-poemas - Publicado o 21-05-2014 17:28
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Lugo. Resumo

(imaxe de El progreso, do día 10 de maio)

O pasado venres 9, Verónica Martínez Delgado acompañoume na presentación de Argola no Lar da Asociación Cultura do País en Lugo.

Na súa presentación subliñou a lectura contra o maltrato e, especialmente, contra o maltrato infantil que, dalgún xeito, tamén está presente no libro. Falou das agresións que sufrimos as mulleres, da violación. Leu algún dos poemas que configuran unha liña de exaltación do corpo que xa foi destacada por outr@s lector@s e que no libro teñen a función de sumar elementos de denuncia da dominación, tamén sobre o noso corpo e a nosa sexualidade.

Previamente realizou unha presentación da miña obra e referiuse a cando nos coñecemos, en 1996, nun recital nunha faculdade compostelá. Contou que ao remate do recital se achegou a falar comigo para dicirme canto lle gustaran os meus poemas e eu agasalleina cun exemplar de Crear o mar en Compostela, así, sen máis, o que ela denominou como un acto de xenerosidade.

Eu, hoxe, agradézolle a Verónica a súa lectura atenta e ter rescatado para a miña memoria este feito.

Non deixou de ser curioso ter recitado Argola ao pé das murallas de Lugo.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 12-05-2014 08:11
# Ligazón permanente a este artigo
Levons-nous!

Este mércores 7 de maio participarei na Mesa redonda sobre poesía e feminismo: Levons-nous! Organizada ao abeiro da exposición do mesmo nome da artista Carolina Cruz Gimarey.

Velaquí o programa dos actos organizados ao redor da exposición:

Mércores 7 de maio

Levantémonos! mesa redonda en torno a poesía e feminismo.



Poetas invitadas:

Xiana Arias (A Fonsagrada, 1983)

Marta Dacosta (Vigo, 1966)

Rosa Enríquez (A Rúa, 1969)

Lucía Novas (Bueu, 1979)

Susana Sánchez Arins (Vilagarcía de Arousa, 1974)



Moderadoras: Carolina Cruz Guimarey (artista) e Clara Rodríguez Cordeiro (comisaria da mostra)



Xoves 12 de xuño

Levantémonos! Verbas feministas. Recital poético

Xiana Arias, Marta Dacosta, Rosa Enríquez, Lucía Novas e Susana Sánchez Arins.



Mércores 18 xuño

Concerto do grupo folk Habelas Hainas.

Máis información.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-05-2014 08:16
# Ligazón permanente a este artigo
Premio Joham Carballeira 2014
Este sábado 3 de maio reuniuse o xurado do XVII PREMIO DE POESÍA JOHÁN CARBALLEIRA, en que participaba como gañadora da edición anterior. Compartín deliberacións con Miriam Ferradáns Ferradás e Alberte Momán Noval e tras un breve debate resolvimos que o libro gañador debía ser “Dos días escuros” de Mª Carmen Caramés Gorgal.

Como xurado destacamos "a capacidade para retratar unha situación tan difícil como a dos malos tratos e que isto se faga cunha linguaxe poética tan acertada, mediante a utilización de imaxes moi potentes e un ton que engancha á lectora e ao lector e fai devecer pola lectura da páxina seguinte. Cabe destacar tamén a unidade do conxunto e a capacidade de secuenciación creando un itinerario que vai adquirindo intensidade até acadar o punto final que nos conduce directamente á realidade."

Valorei especialmente a capacidade para retratar unha situación que me parece moi difícil de levar ao papel e facelo con altura poética.

Mª Carmen Caramés fora gañadora do premio Vitoriano Taibo en 2009 por Cuarto minguante.

Debo dicir que foi un pracer participar neste xurado e deliberar con el, acadando tal grao de sintonía. Tamén que este certame me permitiu ler obras ben interesantes que agardo que vexan a luz máis cedo que tarde, pois deben estar entre as mans das lectoras e os lectores, como estará "Dos días escuros".

Parabéns a Mª Carme Caramés
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-05-2014 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática